mestre e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xosé María Brea Segade, nado en Iñobre (Taragoña, Rianxo) o 2 de agosto de 1904 e finado o 7 de xaneiro de 1934, foi un mestre e escritor galego.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Relevo coa imaxe do poeta (Rianxo). | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de agosto de 1904 Iñobre, España |
Morte | 7 de xaneiro de 1934 (29 anos) Rianxo, España |
Actividade | |
Ocupación | escritor, mestre |
Xénero artístico | Poesía, narrativa |
Foi poeta e narrador, seguindo a liña de Luís Amado Carballo. En vida só publicou un poema en El Ideal Gallego, pero en 1984 foi compilada a súa obra no volume "Poesía e prosa". Inclúese, ademais, no volume unha mostra da súa correspondencia. Poucos destes textos foron publicados en vida do autor. Só dous dos poemas están escritos en castelán.
Procura un galego culto e literario e hai que enmarcalo na vangarda galega. Fundou en Marrocos, durante o seu servizo militar, na compaña de Rafael Dieste e Jesús Romero Suárez, a revista Charamuscas, manuscrita, que foi reeditada en facsímile en 1995. Xesús Santos Suárez dedicoulle un soneto, contido no seu volume Balada do vento na Ría, que leva por título "A Brea". Deixou inéditas as obras Arumes de beiramar e Responsos líricos no día e na noite. Logo de 2004, ano do centenario do seu nacemento, a personalidade de Brea e a súa obra literaria comezan a ser coñecidos no ámbito literario galego. Contribuíu a esta realidade a publicación dun novo libro, "Un reiseñor canta lonxe. Xosé María Brea Segade: o home e a obra" da autoría de Xosé Ramón Brea Rei, pola deputación de A Coruña e os numerosos actos impulsados polo Concello de Rianxo.
Escritor vinculado á literatura galega de comezos do século XX, na etapa dos novecentistas ou vangardistas. O pai, tenente na guerra de Cuba, foi a influencia decisiva na formación intelectual de Xosé María, quen aos 16 anos decide alistarse voluntario no Exército, coa idea de facer a carreira militar. En Santiago combina o cuartel cos estudos de Maxisterio. A guerra de África, coa derrota de Annual (1921), fai que deba partir cun batallón expedicionario cara territorio marroquí. Vai ser aquí onde coñece a Rafael Dieste e onde agroma a inspiración literaria, chegando a editar unha revista literaria, Charamuscas. Retorna en 1924 e neste tempo, seu pai participa na política local rianxeira, sendo concelleiro con Mariano Rodríguez Dios, pai de Castelao, durante a ditadura de Primo de Rivera. De contado, comeza o traballo de mestre na escola do Pósito de Pescadores, ao tempo que cultiva a música, o debuxo e a creación literaria. Unha doenza pulmonar vai marcar traxicamente os seus anos de mocidade, falecendo o 7 de xaneiro de 1934.
Non chegou a publicar ningún libro en vida e permaneceu esquecido ata os anos 50 en que outro creador rianxeiro, Faustino Rey, acomete a idea de dar a coñecer a Brea. En 1962 tiña preparada a edición, da que se ía encargar o Concello de Rianxo; pero esta nunca viu a luz. Haberá que agardar a 1984, ano en que outra rianxeira, a profesora Carme García, editará a obra do poeta.
Destrúe a meirande parte da creación literaria nos momentos máis depresivos da doenza, velaí que os poemas e relatos en prosa se conserven fragmentarios e con grandes dificultades de datación. Malia iso, coñécense os títulos dos seus poemarios: Poemiñas, Arumes de beiramar, Responsos líricos no día e na noite e Caraveleira das horas sentidas: libro da cantiga descoñecida. Evoluciona dende a pegada rosaliana ata o animismo de Amado Carballo, pasando polo modernismo e o vangardismo manuelantoniano.
A influencia de Rosalía de Castro vai estar moi presente na primeira etapa de Brea, en composicións como "A orfiña", "¡Rianxo, Rianxo!", "De festa ó Araño" ou "A miña nai". Hai nel un sentimento de veneración á poeta, como demostra que a primeira composición que del se conserva, feita ós 14 anos, se titule "A Rosalía Castro":
(...) ¡Ouh!, si vida tiveras, nai miña,
de loureiros e olivos fixera
unha alegre coroa e feitiña
sobre da túa testa contento a puxera.
Brea vai cambiando o seu canon estético e escribe varios poemas que presentan xa claros trazos modernistas. Así, o datado en Nador, o ano 1921, titulado "Señora Rosa" que presenta un escenario idealizado:
Si en doce rolar o cobre
me redimira de pobre,
señora Rosa de abril,
eu fose no teu estrado
ou galán máis deseado
ou vasallo máis xentil.
Hai unha terceira etapa, a animista, onde a paisaxe se enche de vida e Brea encontra a auténtica inspiración, na liña da escola imaxinista de Amado Carballo. A procura do amor é o eixo temático de todas estas composicións, nas que o poeta se alía cos elementos da natureza (o vento, os piñeiros, a chuvia, os paxaros,...) tratando de atopalo:
Ao chegar o vento dulce
bulideiro dos teus ollos,
izou as súas velas brancas
a lancha dos meus ensonos;
todo o mar está azulado,
tódalas nubens son de ouro
e chega ó meu corazón
a craridá do sol morno.
Na lonxedade
está o porto...
Xosé María experimenta unha notable evolución desde aqueles primeiros momentos de admiración rosaliana. "A noiva roiba da tarde", é unha composición desta etapa na que se observa como segue a avanzar no dominio da expresión, mentres se deixa sentir a pegada innovadora, en atrevidas imaxes, camiño do vangardismo:
Agárdanlle no hourizonte,
chuzando o ceo cas guías,
eglóxicos piñeiraes,
os da despedida derradeira
cando xa o recío da noite
buliga levián no aer.
É a súa a poesía da paisaxe chea de vida, e por ela desfilan os ambientes das romarías, o mar cos barcos e os mariñeiros, a lúa e a noite, a flora e fauna de beiramar, o vento e a chuvia, o fogar co lume na lareira e a ausencia da muller, motivo da queixa amorosa.
O sancristán das noites craras
ista noite perdeu a lumieira,
e ficaron sin acender
os cirios das estrelas.
A rola do mundo rolea á pitacega...
Escritor adscrito a unha literatura de raigame tradicional, Xosé María amosa un estilo sinxelo cunha forte presenza do símil, as construcións paralelísticas e a metáfora inspirada na súa contorna. Logo, cando descobre a poética de Amado Carballo, a prosopopea será o recurso máis empregado.
Xosé María foise afianzando coma un prosista cun grande dominio do relato curto tralo seu regreso da guerra de África, publicando na prensa viguesa. Na correspondencia de África, explícalle a súa irmá Rosa, con detalle, os libros que está a escribir:
(...) Ademais, compuxen dúas novelas curtas en castelán, unha titulada La moza de Taragoña e a outra La presentida, e estou rematando outra máis, La visión azul, (...) e O galán de Cartomil (...)
Nada se sabe destas novelas, así como tampouco doutra citada repetidamente, De como viveu e renasceu Moneate. En prosa tamén están dúas composicións de Charamuscas: un relato curto no que se condensa a emoción e a traxedia das almas populares, Sanctus, ou as vivencias no desarraigo da guerra africana, Recordos de campaña:
(...) Peruleiro o monte e callado de charamuscadas rosiñas, cun carreiriño páledo polo médeo que baixaba á congostra, era Butugarat. ¡Como un desterro, tiña a veces bagullas ou cantares! I era máis..., pois tiña, tamén, o perigro da morte cando unha que outra bala pasaba fendendo os aires co seu asubiar de serpente adoecida.
Os dous seguintes relatos, publicados en xornais vigueses, quizais sexan a mellor mostra do quefacer prosístico do taragoñés. "Malvís", no diario Galicia en 1925, está narrado en primeira persoa, cheo de remorsos, contando a estraña morte do seu amigo Malvís, nun clima de supersticións e agoiros:
O segundo é o conto "O vello patrón", publicado en El Pueblo Gallego, de Vigo, en 1927. Cadro mariñeiro coa escaseza do peixe, e a fame a roldar. O protagonista é un vello lobo de mar, o Fernandes, sabedor do sufrimento e cun fondo respecto pola muller e a familia:
Viñera unha tempada de fame mariñeira. Xa poucos aparellos iban ó mar. Os máis deles, co rizón chantado na area, emproábanse cara a nordesía en furente e ruda loita contra o mar rebelde. As mulleres, miserentas, andaban pola ribeira e fitaban extranamente o mar; tamén algúns homes; outros, pasaban o día na taberna do Carrulo, falando do temporal e da fartura doutro tempo. O Fernandes tamén falaba do temporal, e cando falaba, tódolos demais mariñeiros ficaban calados, respetosos da súa voz varuda.
A partir da década dos 50, logo do entusiasmo amosado por Faustino Rey Romero, o profesor Ricardo Carballo Calero acometerá o labor de difusión do poeta taragoñés, coa inclusión de Brea nos estudos literarios galegos. Seguirá o artigo na revista Grial, do xornalista e escritor, Xosé Fernández Ferreiro, a edición da obra pola profesora Carme García, os artigos de Xesús Santos Suárez, a inclusión na Gran Enciclopedia Gallega,[1] artigos xornalísticos e monográficos.
Coa celebración do Día das Letras Galegas, dedicadas a Rafael Dieste, en 1995, Brea volta á actualidade a través da revista literaria que os dous rianxeiros fixeran na guerra de África: Charamuscas ve a luz nunha edición facsímile, a cargo do Consello da Cultura Galega. Os seguintes traballos de edición da obra de Dieste, a cargo de Xosé Luís Axeitos, volven pór de actualidade a biografía de Brea Segade.
Na actualidade, os manuais de literatura galega inclúen a Xosé María dentro das vangardas, na etapa animista, relacionándoo co pontevedrés Luís Amado Carballo. Mostra ben patente é a edición da Historia da Literatura Galega, realizada pola AS-PG e Edicións A Nosa Terra. Asemade, no ano 2004, coincidindo co centenario do nacemento do poeta, vén de ser publicada pola Deputación da Coruña, en colaboración co concello de Rianxo, a edición crítica de toda a obra coñecida, baixo o título, Un reiseñor canta lonxe. Xosé Mª Brea Segade: o home e a obra, da autoría do profesor Xosé Ramón Brea Rei.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.