Remove ads
casco de ouro da Idade do Bronce From Wikipedia, the free encyclopedia
O casco de Leiro é un casco ou unha cunca de ouro, da Idade de Bronce Final. Foi atopado de xeito fortuíto por José Vicente Somoza o 7 de abril de 1976, no lugar chamado Corruncho dos Porcos, unha zona rochosa preto da praia de Leiro, Rianxo. Atopábase dentro dunha vasilla de barro, e a descuberta produciuse durante unhas obras de construción dun alboio.[1] Na actualidade consérvase no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.[1]
Casco de Leiro | |
Tipo | Casco, coroa ou recipiente |
Data | Idade de Bronce Final |
Características | |
Lonxitude | 195 mm |
Anchura | 23 mm (grosor) |
Altura | 150 mm |
Materiais | Ouro |
Peso | 270 g |
Descuberta | |
Localización | Leiro, Rianxo, Galicia |
Data | 7 de abril de 1976 |
Conservación | |
Localización | Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón |
Presenta paralelismos con outros exemplares da Península Ibérica, como as cuncas de Axtroki e as cuncas do tesouro de Villena, e do norte ou noroeste de Europa, como a coroa de Comerford.
É de forma semiesférica e remata nun pequeno tronco de cono de base estreita. O seu diámetro máximo é de 195 mm e a altura de 150 mm máis os 23 mm do remate. O seu peso é de 270 gramos.
Á imaxe de pezas similares centroeuropeas poida que fose primeiro unha cunca, usada para algún tipo de ritual, e despois, engadido o remate, usado como "casco de parada", símbolo da autoridade dentro dunha xerarquía, xa que a delgadeza da lámina desbota calquera aplicación defensiva.
O casco realizouse dunha única peza. Primeiro fundiron un calote, e posteriormente mediante un traballo de batido, foi levantada a lámina de ouro (mediante a técnica chamada rising). O remate superior xa formaba parte desta peza inicial, polo que non se pode considerar que fose engadido posteriormente. Pola parte interior do obxecto pódese observar unha leve depresión efecto do fundido inicial con este remate macizo.
A peza presenta decoración en toda a súa superficie, feita mediante a técnica do repuxado. Os motivos, bolos, dispóñense en bandas horizontais separadas por grupos de tres estrías paralelos (ata seis bandas) que desaparecen no remate. Presenta bolos simples e bolos rodeados de catro fíos circulares concéntricos enmarcados entre catro boliños. Nalgúns depósitos europeos da Idade de Bronce Final, como por exemplo o de Generalard en Francia, consérvanse os punzóns de matriz complexa con que foron obtidos este tipo de decoracións. Estes punzóns complexos, en ocasións cunha parte en positivo e outra en negativo, están normalmente feitos en bronce pola técnica de fundición á cera perdida, polo que se considera propio da ourivaría do Bronce Final e, máis concretamente, do ámbito tecnolóxico denominado Villena-Estremoz. De momento non coñecemos obxectos deste tipo no eido da Península Ibérica.
En toda Europa hai referentes do emprego deste tipo de obxectos, algúns que semellan sombreiros (por exemplo os conos, Goldhüte ou sombreiros de ouro de Avanton en Francia, ou Ezelsdorf, Berlín ou Schifferstadt en Alemaña) e outros como cuncas ou vaixelas (como Villena ou os paralelos irlandeses, como a desaparecida Coroa de Comerford). En todo caso, debe ser considerado pola súa singularidade como un obxecto ritual.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.