xénero de plantas From Wikipedia, the free encyclopedia
Opuntia é un xénero de plantas da familia das cactáceas.
Opuntia | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Opuntia ficus-indica, cladodios e froitos | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||
Opuntia ficus-indica (L.) Mill. | |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
| |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
|
Comprende máis de 300 especies, todas elas nativas de América, que habitan desde o sur dos Estados Unidos até a Patagonia, onde crecen de forma silvestre. Agunhas delas foron introducidas en Europa polos conquistadores españois para aproveitar solos pouco produtivos do sur da Península Ibérica, e de alí pasaron a Italia —onde existiu en tempos unha pequena industria ligada a elas—, a ao norte de África.[1]
A especie tipo é Opuntia ficus-indica, coñecida popularmente como chumbeira,[2][3][4] ou nopal.[2][5] Os seus froitos son comestíbes, os figos chumbos, que son moi populares en México, Guatemala, Honduras, O Salvador, Chile, Arxentina, Perú, Sicilia, no sur da Península Itálica, nas illas Canarias, Andalucía, Estremadura, no sur de Castela e no Levante español, onde incluso fanse produtos tales como zumes, doces ou cervexa cos seus froitos. Tamén se encontra volta ao estado silvestre en gran parte de África do Norte e no deserto do Sáhara, aínda que a súa popularidade e aproveitamento é desigual e nalgunhas zonas inexistente.
O xénero foi descrito polo botánico escocés Philip Miller e publicado en The Gardeners Dictionary...Abridged...fourth edition vol. 2. 1754.[6]
Para algúns etimoxistas, o nome do xénero, Opuntia, provén do grego antigo usado por Plinio o Vello para denominar unha planta que crecía ao redor da cidade de Opunte, en Grecia.[7] Para outros, deriva tamén do grego antigo, pero do nome da cidade da Grecia antiga Opus, onde, segundo Teofrasto, crecía unha planta comestíbel, que podía propagarse arraigando as follas.[8]
Ademais de polo nome actualmente válido, o xénero coñeceuse tamén polos sinónimos:[9]
Cando Carl Linnaeus publicou Species Plantarum en 1753, o punto de partida para a moderna nomenclatura botánica, colocou a todas as especies de cactos coñecidas nun único xénero, Cactus. En 1754, Philip Miller dividiuas en varios xéneros, incluído Opuntia. Distinguiu o xénero en boa medida pola forma das súas flores e froitos.[10]
Hai unha variación considerábel na taxonomía dentro das especies de Opuntia, o que deu lugar a diferentes nomes para as variedades ou subtipos dentro dunha especie, e o uso de secuenciación de ADN é necesario para definir e illar varias especies.[11]
As especies de Opuntia hibridan facilmente.[12] Isto pode dificultar a clasificación, producindo unha filoxenia reticulada onde se xuntan diferentes especies na hibridación.[13] Ademais, non todas as especies enumeradas aquí poden pertenceren a este xénero, o que significa que Opuntia non é un grupo monofilético.
Opuntia tamén ten unha tendencia á poliploidía. O estado diploide ancestral era 2n = 22, pero moitas especies son hexaploides (6n = 66) ou octaploides (8n = 88).[13]
Este extenso xénero abarca plantas de moi diferentes tamaños, desde a pequena Opuntia microdasys var. albispina, chamada comunmente "á de ánxel" polos seus gloquidios de diminutas espiñas brancas que lle dan un aspecto avelulado, até especies arbustivas ou arbóreas con tronco e copa, como Opuntia leucotricha, que pode chegar a medir 5 m de altura.
Son plantas moi rústicas e ramificadas, con ramas moi estendidas ou inclinadas. Os segmentos (cladodios) son característicos do xénero, con aparencia de folla carnosa, planos e xeralmente ovais; teñen a capacidade de convertérense en caules e, á súa vez, emitir novos segmentos e flores.
Outra peculiaridade son os gloquidios ao redor das aréolas almofadiñas con diminutas e finas espiñas (como cabelos) que lle dan a algunhas especies aspecto afelpado.
Algunhas especies posúen duras espiñas, de até 10 cm de longo, recubertas por unha serra dentada en sentido oposto, polo que cando se cravan na pel dunha persoa a súa extracción adoita ser algo dolorosa.
As flores destas plantas son grandes, moi abertas e de cores que varían entre a amarela, a alaranxada, a vermella e até a púrpura. Aparecen nos bordos dos segmentos, podendo nacer incluso nas aréolas dos froitos.
Os froitos teñen un sictoma relaxante, o que orixina un grupo de froitos amontoados xurdidos de cada flor.
O froito (figo chumbo) é globoso ou ovoide, de tres a cinco centímetros de lonxitude, de cor verde que se torna avermellada ou alaranxada ao madurar, ou amarela ou branca en certas variedades. É unha baga cuberta de aréolas con espiñas curtas pero fortes, similares ás do caule que a produce, podendo ser moradas, brancas, amarelas, lilas, rosadas, vermellas ou alaranxadas. A polpa que contén no seu interior é dunha cor carmín, amarela, branca o verde, e é de sabor agradábel e refrescante cando está ben madura. As numerosas sementes que contén, e que inevitabelmente deben ser consumidas xunto coa carne do froito, adoitan seren algo incómodas, pese a non ser prxudiciais para o organismo, senón ao contrarip, resultan dixestivas.[14]
Pese a seren un grupo moi amplo e heteroxéneo, todas as chumbeiras comparten o metabolismo ácido das crasuláceas (CAM) para a fixación de dióxido de carbono para a fotosíntese. Deste modo, a absorción do CO2 da atmosfera lévase a cabo unicamente pola noite, cando a planta abre os seus estomas, e deste modo evita ter que abrilos polo día (o que supría unha gran perda de auga no seu clima árido natural).
O nopal é un dos símbolos nacionais de México. Encóntrase plasmado no seu Escudo Nacional sostendo unha aguia real que devora unha serpente, enraizado nunha pequena isleta de pedra sobre a auga, (en México hai hai oito especies endémicas de nopais).
Esta planta é parte da mitoloxía mexica, na que se considera como a planta da vida, xa que aparentemente nunca morre, posto que ao secar pode dar vida a unha nova planta.[Cómpre referencia]
Segundo os mitos mexicas, o primeiro nopal naceu do corazón de Copil, o fillo de Malinalxóchitl, quen, ao tratar de vingarse do seu tío Huitzilopochtli por deixar soa á súa nai, foi mandado a matar por este.[Cómpre referencia]
Segundo conta a lenda, Huitzilopochtili mandou sacarlle o corazón a Copil, e que logo fose enterrado nunhas penas. Ao día seguinte apareceu o primeiro nopal: con espiñas de valente guerreiro e flores dun fillo que defende á súa nai.[Cómpre referencia]
Fonte:[16]
Os cladodios xoves deste cacto son usados na gastronomía de México para preparar o prato chamado nopalito ou ensalada de nopales, para o que tamén se emprega cilantro e sal.[17][18]
O nopalito é baixo en carbohidratos e pode axudar no tratamento da diabetes.[19]
Os froitos (coñecidos como tunas na Arxentina, Bolivia, Chile, o Perú, o Uruguai e México, tunos e higos picos nas Illas Canarias, higos chumbos na maior parte de España e figos chumbos enGalicia) son comestíbeis, doces, e moi aprezados.
Existe tamén unha especie (Opuntia joconostle) que produce tunas chamadas comunmente xoconostle (pronunciado "shoconostle" ou "khoconostle"), que significa «tuna agre» ou «tuna ácida». A particularidade destes froitos é que a súa casca é moi grosa, comparada con outras especies de tunas (até de 2 cm).
Estes froitos utilízanse principalmente na cociña como sobremesa (incluso sacándoos da neveira en verán para refrescar) e para a preparación de certas salsas, para a preparación de doces e xeados (como o popular arrope de tuna na Arxentina), como condimento, como aperitivo e tamén como planta medicinal (en infusión para a tose, a migraña e a dor de cabeza). Ademais, comprobouse a nivel médico a súa eficacia na redución da glicosa en sangue, polo que é unha alternativa no tratamento da diabetes.[20]
Os froitos do nopal, como quedou dito, son ricos en fibra alimentaria e vitaminas, especialmente vitamina A, vitamina C e vitamina K, así como vitamina B2 e vitamina B6. Tamén conteñen minerais como calcio, magnesio, potasio, ferro e cobre.[21]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.