Leonardo da Vinci
artista florentino destacado polímata en diferentes eidos: pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico de Renacemento italiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci (axuda · info)), nado en Anchiano, Toscana (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452[1] e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519,[2][3] foi un artista florentino e destacado polímata[4] en diferentes eidos: foi pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico,[5][6][7] icona do Renacemento italiano.
Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva,[8] Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.[9]
É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica.[10] Este reducido número de creacións, xunto cos seus cadernos que conteñen debuxos, diagramas científicos e reflexións sobre a natureza da pintura, constitúen un legado para as sucesivas xeracións de artistas, só igualado, salvando as distancias, unicamente por Michelangelo.
A pegada de Leonardo na historia da arte europea é bastante profunda. Algunhas técnicas desenvolvidas por el, destacadamente o sfumato e o clarescuro, tornáronse unha regra para a pintura dos séculos vindeiros.
Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o carro de combate, o submarino e o automóbil. Moi poucos dos seus proxectos chegaron a construírse (entre eles a máquina para medir o límite elástico dun cable),[11] xa que a maioría aínda non eran realizables nesa época.[12] Como científico, Leonardo da Vinci fixo progresar moito o coñecemento nas áreas da anatomía, a enxeñaría civil, a óptica e a hidrodinámica.
No ano 2008 foi elixido, nunha enquisa elaborada co motivo da celebración do Día de Europa en 50 países europeos, o personaxe máis influente na sociedade europea actual.[13] Nun estudo realizado en 1926 o seu cociente intelectual (CI) foi estimado en cerca de 180.[14][15]