![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/ba/Atheismsymbol_endorsed_by_AAI.svg/langgl-640px-Atheismsymbol_endorsed_by_AAI.svg.png&w=640&q=50)
Ateísmo
rexeitamento da crenza na existencia de Deus / From Wikipedia, the free encyclopedia
O ateísmo é o rexeitamento á crenza na existencia dunha ou máis deidades.[1][2] En sentido estrito, é a postura expresa na que non existe ningún deus.[3][4][5] Nun sentido máis amplo, é a ausencia de crenza en que exista algunha deidade.[4][5][6][7] Oponse o teísmo,[8][9] que na súa forma máis xeral é a crenza na existencia de polo menos unha deidade.[9][10][11]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/ba/Atheismsymbol_endorsed_by_AAI.svg/320px-Atheismsymbol_endorsed_by_AAI.svg.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/77/Dawkins_at_UT_Austin.jpg/640px-Dawkins_at_UT_Austin.jpg)
O termo ateo provén etimoloxicamente do latín athĕus e este do grego ἄθεος, que significa 'sen deus(es)' e foi empregado de forma pexorativa para referirse a quen rexeitaba aos deuses adorados pola súa sociedade.[12] Co xurdimento e a difusión do librepensamento, o escepticismo científico e o subsecuente incremento da crítica da relixión, diminuíu o alcance do termo. As primeiras persoas en identificarse a si mesmas coa palabra «ateo» viviron na Ilustración durante o século xviii.[13] A revolución francesa, notable polo seu "ateísmo sen precedentes", presenciou o primeiro gran movemento político da historia en avogar pola supremacía da razón humana.[14]
Os argumentos a favor do ateísmo abarcan desde aspectos filosóficos a perspectivas sociais e históricas. As razóns para non crer en deidades inclúen argumentos de ausencia de evidencia empírica,[15][16] o problema do mal, o argumento das revelacións inconsistentes, o rexeitamento a conceptos infalsables e o argumento da non crenza, entre outros.[15][17] Aínda que algúns ateos adoptaron filosofías seculares (como o humanismo e o escepticismo),[18][19] non existe unha ideoloxía ou conxunto de conduta único ao que todos os ateos se adhiran.[20] Moitos deles sosteñen que o ateísmo é unha cosmovisión máis parsimoniosa que o teísmo e que por tanto a carga da proba non recae en quen non cre na existencia de deuses, senón que é o crente quen debe xustificar o seu teísmo.[21]
Dado que as nocións de ateísmo varían, as estimacións precisas de cantos ateos existen no globo son unha tarefa complexa.[22] Segundo unha estimación feita en 2007, os ateos representaban o 2,3 % da poboación mundial, ademais dun 11,9 % de non relixiosos (ateos non incluídos).[23] Nunha enquisa de WIN/GIA de 2012 preguntouse «Independentemente de se asiste a un lugar de culto ou non, diría vostede que é unha persoa relixiosa, non relixiosa ou un ateo convencido?». O 59 % da poboación mundial identificouse como relixiosa, un 23 % non relixiosa e un 13 % declarouse atea convencida. Os ateos están concentrados principalmente en Asia Oriental, especialmente a China (47 %) e o Xapón (31 %), e en Europa Occidental (cunha media do 14 %), onde sobresae Francia (29 %). En comparación co mesmo estudo realizado no 2005, en sete anos a relixiosidade diminuíu nove puntos porcentuais mentres que os ateos aumentaron tres nos países en común.[24]