From Wikipedia, the free encyclopedia
Francia está nunha transición entre unha economía cunha intervención estatal substancial, e unha economía de mercado moderna. Grandes áreas de terreos fértiles, a aplicación de tecnoloxía moderna e subsidios fixeron de Francia o principal produtor agrícola da Europa Occidental.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Economía de Francia | |
---|---|
Moeda | Euro |
Organizacións comerciais de que fai parte | OMC, Unión Europea, OCDE |
Datos estatísticos[1] | |
PIB | 3,054 mil millóns (2018) |
Posición do PIB | 5ª no mundo[2] |
Crecemento do PIB | 7% (2018) |
PIB per cápita | 35 700 (2013) |
PIB por sector | agricultura 1.9%, industria 18.7%, servizos 79.4% (2013) |
Inflación | 0.9% (2013) |
Poboación abaixo da limiar de pobreza | 7.9% (2011) |
Total da forza de traballo | 29.940.000 (2013) |
Forza de traballo por sector | agricultura 2.9%, industria 20.6%, servizos 76.4% (2012) |
Desemprego | 10.2% (2013) |
Industrias | maquinaria, produtos químicos, vehículos, metalurxia, avións, eletroeletrónicos; téxtiles, procesamento de alimentos; turismo |
Parcerías comerciais[1] | |
Exportacións | 578.6 mil millóns (2013) |
Produtos de exportación | máquinas e material de transporte, avións, plásticos, produtos químicos, produtos farmacéuticos, ferro e aceiro, bebidas |
Principais mercados | Alemaña 16,7%, Bélxica 7,5%, Italia 7,5%, España 6,9%, Reino Unido 6,9%, Estados Unidos 5,6%, Países Baixos de 4,3% (2012) |
Importacións | 659.8 mil millóns (2013) |
Principais produtos importados | máquinas e equipamentos, vehículos, petróleo, avións, plásticos, produtos químicos |
Principais mercados | Alemaña 19,5%, Bélxica 11,3%, Italia 7,6%, Países Baixos 7,4%, España 6,6%, Reino Unido 5,1%, China 4,9% (2012) |
Finanzas públicas[1] | |
Débeda externa | 5 371 mil millóns (2013) |
Ingresos | dato non dispoñible |
Gastos | dato non dispoñible |
O país destaca na industria automobilística, aeronáutica, e con gran recoñecimento na súa industria alimenticia, ademais de sectores de tecnoloxía punta, especialmente informática.
É case autosuficiente en minería, con alta produción de petróleo e carbón mineral.
O Estado mantén unha considerábel influencia sobre segmentos chave do sector de infraestruturas, con cotas maioritarias en firmas ferroviarias, de electricidade, de aviación e de telecomunicacións, diminuíndo gradualmente o control sobre estes sectores dende o inicio da década de 90. O Estado continúa a vender participacións en France Télécom, en Air France, e nas industrias de seguros, bancaria e de defensa.
Francia xuntouse a outros 10 países membros da UE para lanzar o euro o 1 de xaneiro de 1999, cuxas moedas e billetes substituíron por completo o franco francés no inicio de 2002.
Francia é considerado un país do primeiro mundo polo seu nivel de vida. O país é a 6º (ou 5º[3]) potencia económica mundial, por detrás dos Estados Unidos de América, o Xapón, Alemaña, a China e o Reino Unido. Cos seus 551.602 quilómetros cadrados na metrópole e os seus 64 millóns de habitantes, incluíndo aqueles que habitan nos territorios de ultramar, Francia non pode considerarse coma un "gran" país a nivel mundial. Porén, o seu peso económico foi capaz de facerse un papel importante na escena internacional. A República Francesa logrou beneficiarse dos seus bens naturais intanxibles, da súa situación xeográfica e dos principais puntos de venda dos maiores fluxos comerciais da Europa Occidental: o Mediterráneo, a Canle da Mancha e o Atlántico.
As principais actividades do sector primario son a agricultura, a pesca, a explotación forestal, a explotación mineira e a gandería.
Cun 23% da produción agrícola europea (1999), Francia é o principal produtor agrícola da Unión Europea[4]. Os seus principais competidores son Italia (15,4%) e Alemaña (15,2%). Os produtos máis importantes do sector agrícola galo son os cereais (millo e trigo), o azucre, o viño, os produtos lácteos, as froitas, os legumes e os produtos cárnicos.
Nas últimas décadas, o sector sufriu unha modernización considerable que contribuíu ao crecemento da súa produción. No entanto, a poboación activa agrícola continúa minguando. Porén, a poboación agrícola está a vivir un período de rexuvenecemento debido ao abandono das explotacións familiares e ás xubilacións anticipadas. No ano 200 o 53% dos propietarios de explotacións agrarias tiñan menos de 50 anos, fronte ao 42,6% no ano 1988.
As actividades agrarias ocupan 28 millóns de hectáreas do país, ou o que é o mesmo, o 60% da Francia metropolitana. Desta cifra, tan só o 50% corresponde a terreos cultivados, o restante corresponde ás explotacións forestais e aos terreos urbanos.
No ano 2000, segundo os datos do INSEE (Instituto nacional de estatísticas e de estudos económicos), o valor porcentual correspondente a cada unha das actividades que abrangue o sector agrario francés era o seguinte:
|
En termos de produción, o gando, con 11,9 millóns de euros no ano 2000, atópase á cabeza en canto a ganancias, por diante dos cereais (10 millóns por 66 millóns de toneladas) e o viño (8,9 millóns de euros). Con 22,6 millóns de litros no 2000, a produción leiteira de Francia, malia recuar fronte as cifras do ano 1990, representa unha quinta parte do total europeo. A produción agrícola tamén se atopa detrás dun importante sector de industrias de procesamento de alimentos que, no ano 1999, abranguía un total de 3.000 empresas que empregaban a 370.000 traballadores, dos cales 122.000 adicábanse á industria dos produtos cárnicos.
Malia representar unha pequena porcentaxe do sector primario europeo e mundial, o sector pesqueiro galo captura 643.000 toneladas de peixe (2003), ocupando o 3º posto en número de capturas por detrás de Dinamarca (1 031 000 t) e España (897.000 t), e por diante do Reino Unido (641.000 t). En euros, o país ten un volume de capturas por valor de 1,144 billóns de euros (2003). A frota pesqueira do país componse duns 7.880 buques (2.468 atópanse nos territorios de ultramar), representa o 9% da UE e dá traballo ao redor de 20.500 persoas. Mentres o sector pesqueiro perde peso e importancia no sector primario galo, o cultivo de bivalvos, principalmente de ostra e mexillóns non deixa de medrar, duplicándose a súa produción dende a década dos 80.
No tocante ao sector madeireiro, a produción de madeira no país ascendía a 36,2 millóns de metros cúbicos no ano 1999. Esta industria abastece de materia a unha importante cadea de industrias que traballan coa madeira ou os seus derivados (papel, cartón, artigos de madeira etc.), e que emprega a uns 100.000 traballadores no país.
En Francia, os bosques ocupan 147.000 quilómetros cadrados, ocupando aproximadamente o 27% do territorio nacional (2003). A taxa de superficie forestada medrou substancialmente dende o século XIX, grazas ós intensos programas de reforestación do territorio. Isto foi posible malia a industrialización, urbanización, desenvolvemento das infraestruturas e a intensificación agraria, que axudou a liberar grandes superficies de terra.
Tres cuartos da superficie forestal francesa atópase baixo propiedade privada, pertencendo o 10% ao estado. O resto pertence aos poderes locais, comunas, departamentos e rexións. Estes bosques son xestionados pola Office National des Forêts.
As coníferas representan o 40 % do total, dos cales o piñeiro (Pinus pinaster), co 24% é o principal, seguido polos abetos (Picea abies e Abies alba), ámbolos dous cun 20% e o Pinus sylvestris, co 17%. Entre as frondosas (60%), as principais especies son o carballo albar (Quercus petraea) co 21%, o carballo común (Quercus robur) co 20%, a faia (Fagus sylvatica) co 19%, o castiñeiro (Castanea sativa) co 8% e o carpe (Carpinus sp) co 7%.
No ano 2006, o sector secundario representaba o 20,6% do PIB francés e ocupaba ao 24,4% da poboación activa[5]. O sector secundario francés considérase estratéxico xa que ofrece emprego a enxeñeiros e a aqueles que traballan en I+D e empresas do sector terciario.
O sector secundario inclúe a industria manufactureira e a construción.
O país galo é unha das meirandes potencias industriais do mundo. En diversos eidos, varios grupos franceses ocupan o primeiro posto fronte aos seus competidores estranxeiros. Este é o caso de L'Oreal ou Michelin.
Malia unha dominación do sector de servizos, as oficinas de proxectos, as sociedades de enxeñería e o "terciario tecnolóxico", as novas formas de industrias están moi diversificadas e son competentes nos dominios onde as estruturas se adaptaron ás coaccións do mercado (industria aeroespacial, telecomunicacións, microinformática), e a miúdo atópanse en asociación con compañeiros europeos.
As ramas que aspiran aos números máis grandes de empregados son as industrias da mecánica, da electricidade e da electrónica (o 25 % en 1998), o traballo dos metais (11,7 %) e a madeira - papel-imprenta- editoriais (10,2 %). Tamén, o automóbil ocupa unha praza particular cuxa produción anual, da orde de 5 millóns de vehículos, é asegurada por uns 300.000 asalariados de grandes grupos (Peugeot-Citroën, Renault).
Co 88% das súas empresas con menos de 200 asalariados en 1998, a industria francesa está pouco concentrada. Hai que considerar que á beira de grupos grandes e moi grandes, coexisten e prosperan as pequenas e medianas empresas (PME : Petites et Moyennes Entreprises) moi numerosas e que a miúdo exercen actividades de subcontratación.
A industria nuclear francesa constitúe, hoxe en día, un dos sectores punteiros da economía do país, e un dos piares da súa política enerxética. Francia é o segundo produtor de enerxía nuclear tralos Estados Unidos. Con 58 reactores nucleares, explotados por EDF, Francia posúe o segundo maior número de centrais trala potencia americana; en canto á participación da enerxía nuclear sobre o total da enerxía producida, cun 79%, Francia ocupa o primeiro posto a nivel mundial.
Repartición da produción de electricidade total no ano 2005[6]
|
Características da enerxía nuclear francesa[7]
|
O emprego da enerxía nuclear contribuíu de xeito constante a minguar a factura enerxética de Francia. Deste xeito a taxa de independencia enerxética do país medrou fortemente: do 26% en 1973, pasou ao 50% a finais dos 80. A enerxía nuclear tamén permitiu a Francia minguar a taxa de emisións que contribúen ao efecto invernadoiro. Francia ten deste xeito unha das menores taxas de emisión de CO2 dos países da OCDE. As emisións de carbono causadas polo uso da enerxía ascenderon a 1,68 t per cápita no ano 2002, fronte ás 2,30 t da UE dos 15 (incluíndo as 2,80 t de Alemaña e as 2,44 t de España) e as 5,36 t dos Estados Unidos.
Así, Francia posúe unha taxa de emisión de gases de efecto invernadoiro per cápita de máis dun 21% por baixo da media europea, e dun 30 a 40% menor cós seus países veciños.
O sector terciario posúe un lugar preponderante na economía francesa ao igual que na maioría dos grandes países industrializados. O sector terciario emprega ao 71,5% da poboación activa, ou o que é o mesmo, a máis de 16 millóns de franceses[8]. O terciario constitúe o sector que contribúe dun xeito maior ao crecemento de Francia[9].
O comercio francés caracterizouse nos últimos anos pola tendencia á grande distribución, a miúdo a través de fusións e adquisicións a grande escala (Carrefour Auchan, Casino, Leclerc, Intermarché etc.)[10].
Co 75 millóns de visitantes por ano, Francia é o país máis visitado do mundo na listaxe dos principais destinos turísticos mundiais por diante de España (55,6 millóns no 2005) e dos Estados Unidos (49,4 millóns no 2005), e ten a terceira máis alta renda co turismo[1]. Os 79,1 millóns de visitantes exclúen as estancias de menos de 24 horas no país, coma os noreuropeos que cruzan cada ano o país para chegaren a España e Italia. Os principais atractivos de interese turístico de Francia son as súas cidades, posuidoras de grande interese cultural (sendo París a máis destacada), praias e destinos costeiros, resorts de esquí, e rexións rurais que ofrecen ao turista fermosos paraxes para o descanso. Francia tamén atrae cada ano millóns de peregríns que se achegan ao santuario relixioso de Lourdes. No ano 2003 as principais atraccións turísticas do país (segundo o número de visitas no ano 2003[11]) son: a Torre Eiffel (6,2 millóns), o Museo do Louvre (5,7 millóns), o Palacio de Versailles (2,8 millóns), o Museo de Orsay (2,1 millóns), o Arco de Triunfo de París (1,2 millóns), o Centro Pompidou (1,2 millóns), Mont-Saint-Michel (1 millón), Château de Chambord (711.000), Sainte-Chapelle (683.000), Château du Haut-Kœnigsbourg (549.000), Puy de Dôme (500.000), Museo Picasso (441.000) e Carcasona (362.000).
Desde hai 30 anos, a industria francesa internacionalizouse considerablemente. O desenvolvemento das exportacións varía moi fortemente dun sector a outro:
O sector agroalimentario, con 9,4 mil millóns de euros de excedente en 2000, está moi envorcado cara á exportación. Atopamos na cabeza dos produtos as bebidas e o alcol (champaña, viños, coñac), logo veñen os cereais e os animais e as carnes. Estes últimos son seguidos de moi preto pola industria do automóbil (9,3 mil millóns de euros) e os bens de equipos que están en situación contrastada: atopamos un saldo moi positivo para a industria dos transportes, particularmente debida aos éxitos aeronáuticos (Airbus) e navais da industria francesa. En cambio o saldo é negativo para os equipos mecánicos e eléctricos-electrónicos. Os principais compañeiros comerciais de Francia son os países da Unión Europea, cos que o seu comercio é excedente e os cales concentraban o 62 % das súas exportacións e o 60% das súas importacións en 2000, seguidos de lonxe por América e Asia.
Alemaña despréndese á cabeza do mercado europeo. É seguida polo Reino Unido, por Italia e España que constitúen unha saída forte para as empresas exportadoras do país. Tratándose das importacións, as máis elevadas de Francia son de orde enerxética. Os principais abastecedores de hidrocarburo de Francia son Noruega, logo Arabia Saudita, Rusia e por fin o Reino Unido.
Desde o 2004, Francia pasou a un déficit da súa balanza comercial, cada vez máis pronunciado.
O paro en Francia, do 7,5 % en marzo de 2008, é un dos máis elevados de Europa, mentres que desde hai 30 anos este problema é oficialmente a prioridade gobernamental calquera que sexa o partido no poder. O paro afecta particularmente ás mulleres, ás de máis de 50 anos e aos mozos (aínda que as estimacións sexan lixeiramente falseadas para estes últimos, pola sobrerrepresentación que resulta debido a que son unha minoría que busca un emprego antes dos 22 anos).
En 2008, 3,68 millóns de persoas (o 6,4% da poboación) vivían baixo o limiar de pobreza do 50%, e 7,13 millóns de persoas (o 12,1% da poboación) vivían baixo o limiar de pobreza do 60%[12]. A pobreza absoluta diminúe constantemente en Francia, e a pobreza relativa diminúe máis feblemente (a pobreza relativa que foi definida respecto ao nivel de vida medio, pode só dificilmente desaparecer)[12].
O 15% dos fogares máis ricos posúe o 55,8% do conxunto do patrimonio (son na súa maioría persoas de idade)[13].
O déficit público, coma o déficit orzamentario, é moi elevado: para 2007, os gastos netos do estado establécense en 271 mil millóns de euros; mentres que os ingresos totais netos ascenden a 228 mil millóns de euros. Segundo o Ministerio francés das finanzas, o déficit estableceuse en preto de 42 mil millóns de euros en 2007[14].
A débeda pública das administracións públicas (Estado, colectividades territoriais, Seguridade Social, organismos varios da administración central) supuña en 2012 un 66.8% do PIB [15] (os criterios do Pacto de estabilidade e de crecemento do Tratado da Unión Europea limitaban o déficit ao 3% do PIB e a débeda ao 60% do PIB)[16].
A súa organización é de tipo capitalista cunha intervención estatal forte ("neo-mercantilismo") desde a fin da segunda guerra mundial, ata tal punto que a miúdo se fala de "capitalismo á francesa":
Francia situouse no posto 12º sobre 173 estados no ano 2000, 16º sobre 177 en 2003 e 2004, e 10º sobre 177 en 2005, segundo o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
Ano | 1975 | 1980 | 1985 | 1990 | 1995 | 2000 | 2002 | 2003 | 2004 | 2005 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
IDH | 0,852 | 0,867 | 0,880 | 0,902 | 0,919 | 0,929 | 0,932 | 0,938 | 0,942 | 0,952 |
Francia é 8ª sobre 17 países desenvolvidos (11,1 %) en 2000, 10 sobre 18 en 2004 (11,4 %) segundo o Indicador de pobreza humana (IPH-2). O débil crecemento francés e a unha forte presión fiscal non impiden que a posición relativa de Francia se deteriorase con relación a outros países desenvolvidos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.