From Wikipedia, the free encyclopedia
O virus de Zika ou virus Zika (ZIKV, virus do bosque de Zika en Uganda) é un virus pertencente á familia Flaviviridae e ao xénero Flavivirus.
Virus de Zika | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de transmisión de virus de Zika (manchas negras) na que se observan partículas do virus de 40 nm de diámetro, con envoltura externa e unha densa parte central. (fonte: CDC) | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
|
En humanos este virus causa inicialmente unha enfermidade leve chamada febre de Zika, Zika, ou doenza de/do Zika, transmitida por mosquitos, que se coñecía desde a década de 1950 como unha doenza propia dunha estreita área ecuatorial que se estendía desde África a Asia. Non obstante, en 2014, o virus espallouse máis cara ao leste a través do océano Pacífico e chegou á Polinesia Francesa, e despois á illa de Pascua e en 2015 alcanzou América Central, o Caribe e Suramérica, onde orixinou en 2015-2016 un gromo que chegou ao nivel de pandemia.[1] O virus de Zika está relacionado cos virus causantes do dengue, febre amarela, encefalite xaponesa, e febre do Nilo occidental.[2] A doenza que causa é similar a unha forma suave do dengue,[2] que se trata principalmente gardando repouso,[3] e con calmantes e non pode ser previda con fármacos ou vacinas.[3] Hai unha moi posible ligazón entre a febre de Zika e a microcefalia en nenos neonatos que a adquiren por transmisión de nai a fillo,[4][5][6] e tamén con condicións neurolóxicas máis fortes en adultos infectados, incluíndo casos de síndrome de Guillain-Barré.[7]
Xunto con outros virus da súa familia, o virus de Zika é un virus con envoltura e icosaédrico cun xenoma de ARN monocatenario non segmentado e de sentido positivo. Está moi estreitamente relaciondao co virus Spondweni e é un dos dous virus situado no clado do virus Spondweni.[8][9]
O virus illouse por primeira vez en 1947 dun macaco rhesus que fora encerrado nunha gaiola e deixado no bosque de Zika en Uganda, preto do lago Vitoria, polos científicos do Instituto de investigación da febre amarela. Fíxose no mesmo lugar un segundo illamento do virus nun mosquito da especie Aedes africanus en 1948.[10][11] Cando o mencionado mono desenvolveu unha febre, os investigadores illaron do seu soro un axente transmisible que foi descrito definitivamente como o virus de Zika (Zika virus) en 1952. En 1968, foi illado por vez primeira de humanos en Nixeria.[12] De 1951 a 1981, houbo informes de probas de infeccións en humanos noutros países africanos, como a República Centroafricana, Exipto, Gabón, Serra Leoa, Tanzania, e Uganda, e tamén nalgúns países de Asia como India, Indonesia, Malaisia, Filipinas, Tailandia, e Vietnam.[12]
Hipotetízase que a patoxénese do virus empeza cunha infección das células dendríticas preto do sitio de inoculación, e seguidamente espállase aos ganglios linfáticos e ao torrente sanguíneo.[8] Os flavivirus xeralmente replícanse no citoplasma, pero os antíxenos do virus de Zika foron atopados no núcleo das células infectadas.[13]
Hai dúas liñaxes do virus de Zika, a liñaxe africana e a asiática.[14] Os estudos filoxenéticos indican que o virus espallado por América está moi probablemente relacionado coas cepas da Polinesia Francesa.[14] Publicáronse as secuencias xenómicas completas de virus Zika.[15] Recentes descubrimentos preliminares a partir de secuencias do virus atoparon un posible cambio nun codón da proteína non estrutural 1 do virus que pode incrementar a taxa de replicación viral en humanos.[16]
Debido á dimensión que alcanzou a epidemia de 2015-2016 as autoridades sanitarias dalgúns países recomendaron precaucións, especialmente a mulleres embarazadas, á hora de viaxar aos países máis afectados,[17][18][19][20][21] mentres que Colombia, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, e Xamaica aconsellaron ás mulleres que pospuxeran o seu proxecto de quedaren preñadas ata que se saiba máis sobre os riscos para os fetos.[20][22]
O virus de Zika transmítese por medio de mosquitos que teñen actividade diúrna e foi illado de varias especies deles do xénero Aedes, como A. aegypti, e mosquitos arbóreos como A. africanus, A. apicoargenteus, A. furcifer, A. hensilli, A. luteocephalus, e A. vitattus. O período de incubación extrínseco nos mosquitos é de aproximadamente 10 días.[12] O virus de Zika pode transmitirse entre humanos por contacto sexual e pode tamén cruzar a placenta, e afectar aos fetos.
Os hóspedes vertebrados do virus son principalmente monos e humanos. Antes da epidemia de 2015-2016, que en realidade empezou en 2007, o virus de Zika "raramente causaba infeccións 'que se estendesen' recoñecidas en humanos, mesmo nas áreas enzoóticas".[7]
O risco social potencial do virus de Zika pode ser delimitado pola distribución das especies de mosquitos que o transmiten (o seu vector epidemiolóxico). A distribución global do portador máis citado do virus Zika, A. aegypti, está expandíndose debido ao comercio e viaxes globais.[23] A distribución de A. aegypti é agora a máis ampla da que se ten rexistro, xa que está presente en todos os continentes incluíndo a periferia de Europa e en Norteamérica.[24]
Fixéronse informes recentes sobre o espallamento do Zika en América Latina e o Caribe.[25] Os países e territorios que foron identificados pola Organización da Saúde Panamericana como zonas onde houbo unha "transmisión do virus de Zika local" son Barbados, Bolivia, Brasil, Colombia, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Güiana Francesa, Guadalupe, Guatemala, Güiana, Haití, Honduras, Martinica, México, Panamá, Paraguai, Porto Rico, Saint Martin, Suriname e Venezuela.[26][27]
En 2009 acreditouse un caso de transmisión sexual do virus nun biólogo norteamericano que visitara Senegal e que de regreso transmitiu o virus á súa muller, a cal enfemou de Zika. Considérase que foi a primeira persoa que transmitiu por vía sexual un virus normalmente transmitido por insectos voadores.[28][29]
En 2015, detectouse o ARN do virus Zika no líquido amniótico de dous fetos, o que indicaba que cruzara a placenta e podía causar unha infección transmitida verticalmente de nai a fillo.[30] O 20 de xaneiro de 2016, científicos do estado de Paraná, Brasil, detectaron material xenético do virus de Zika na placenta dunha muller que sufrira un aborto debido á microcefalia do seu feto, o cal confirmaba que o virus pode atravesar a barreira placentaria.[31]
Aínda que existen vacinas efectivas contra varios flavivirus, non é así para o virus de Zika. Hai vacinas contra o virus da febra amarela, o da encefalie xaponesa e encefalite transitida por carrachas xa desde a década de 1930 e recentemente introduciuse a vacina contra o dengue.[32][33][34]
Porén, os traballos para obter unha vacina contra o virus de Zika aínda se iniciaron hai pouco, segundo Anthony Fauci, director do National Institute of Allergy and Infectious Diseases dos Estados Unidos.[35] Os investigadores do Vaccine Research Center que traballan nesta vcina teñen unha ampla experiencia de traballo en vacinas para outros virus como o virus do Nilo occidental, o virus chikungunya e o do dengue.[35] Segundo algunhas previsións en 10 ou 12 anos podería dispoñerse dunha vacina efectiva contra o virus de Zika.[36]
Síntomas comúns das infeccións por este virus son dores de cabeza leves, erupción maculopapular, febre, malestar, conxuntivite e dor articular. O primeiro caso ben documentado de Zika foi descrito en 1964; empezou cunha dor de cabeza leve, e seguiu con erupción maculopapular, febre e dor de costas; despois, en dous días, a erupción empezou a diminuír, e en tres días, a febre cesou e só permaneceu a erupción. En xeral, a febre de Zika é unha doenza que adoita ser relativamente leve e de alcance limitado, da que só unha de cada cinco persoas afectadas chega a presentar síntomas, sen que haxa vítimas mortais, pero o seu verdadeiro potencial como axente viral descoñécese.[12]
En 2016, non hai vacina contra el nin fármacos preventivos. Os síntomas poden ser tratados con paracetamol (acetaminofén), mentres que a aspirina e outros antiinflamatorios non esteroideos só se deberían usar se foi descartado o dengue para así reducir o risco de hemorraxias.[37]
Nunha epidemia de zika na Polinesia Francesa, producíronse 73 casos de síndrome de Guillain–Barré e outras condicións neurolóxicas nunha poboación de 270.000 persoas, que poden ser resultado de complicacións por infección polo virus de Zika.[7]
En decembro de 2015, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Doenzas sacou unha extensa actualización sobre a posible asociación do virus Zika coa microcefalia conxénita.[38] Os datos suxiren que os bebés neonatos paridos por nais que tiveran unha infección polo virus de Zika durante o primeiro trimestre de embarazo teñen un risco incrementado de padecer microcefalia.[39] En decembro de 2015 sospeitábase que unha infección transplacentaria do feto podía orixinar a microcefalia e danos cerebrais.[5][40] O ministro de Sanidade do Brasil confirmou despois a relación entre o virus Zika e a microcefalia.[4]
En 1947, científicos que investigaban a febre amarela situaron nunha gaiola un macaco rhesus no boque de Zika (zika significa 'descoidado' en idioma luganda), preto do Instituto de Investigación de Virus de África Occidental en Entebbe, Uganda. O mono desenvolveu unha febre, e os investigadores illaron do seu soro un axente transmisible, que en 1952 sería descrito como o virus de Zika.[11] Non se illou de humanos ata anos despois, en Nixeria. Desde entón ata 2007 os casos confirmados de infección por este virus foron raros e localizados en Asia e Sueste asiático.[41]
En 2007, deuse o primeiro gromo fóra de África ou Asia na illa de Yap nos Estados Federados de Micronesia, que se caracterizou por producir erupcións, conxuntivite e artralxia, e inicialmente pensouse que se trataba de casos de dengue, de chikungunya, ou de doenza do río Ross.[42] Porén, as mostras do soro dos pacientes en fase aguda da doenza contiñan ARN do virus de Zika. Confirmáronse 49 casos, e contabilizáronse outros 59 casos non confirmados, e non houbo hospitalizacións nin falecementos.[43] Posteriormente houbo epidemias en Polinesia, illa de Pascua, illas Cook e Nova Caledonia.[41]
Desde abril de 2015, está tendo lugar un gran gromo de virus Zika en América, que empezou no Brasil e que se espallou por moitos países de América do Sur e Central e o Caribe. En xaneiro de 2016, a CDC estadounidense emitiu unha alerta de nivel 2 para as viaxes por esas rexións onde se está a producir a transmisión do virus.[44] A CDC recomendou ás mulleres embarazadas consultar aos seus médicos antes de viaxar á zona.[45] Os gobernos ou axencias sanitarias de países como o Reino Unido,[19] Irlanda,[20] Nova Zelandia,[46] Canadá,[21] e a Unión Europea[21] fixeron advertencias similares pouco despois. En Colombia, o ministro de Sanidade recomendou evitar o embarazo durante oito meses, mentres que Ecuador, O Salvador e Xamaica fixeron tamén advertencias similares.[20][22]
No Brasil anunciáronse plans, para previr o espallamento do virus Zika durante os Xogos Olímpicos de Verán de 2016 de Río de Xaneiro.[21]
Segundo informou a CDC, as autoridades sanitarias brasileiras informaron de máis de 3.500 casos de micrfocefalia entre outubro de 2015 e xaneiro de 2016. Algúns dos nenos afectados presentaron un tipo grave de microcefalia e outros morreron. Aínda non se comprende ben o espectro completo de resultados que poderían estar asociados coa infección durante o embarazo e os factores que poderían incrementar o risco para o feto. Planéanse máis estudos para aprender máis sobre os riscos da infección polo virus Zika durante o embarazo.[47] Na rexión máis afectada do Brasil aproximadamente o 1 % dos neonatos son susceptibles de ter microcefalia.[48]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.