escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Víctor Said Armesto, nado en Pontevedra o 13 de agosto de 1871 e finado en Madrid o 17 de xullo de 1914,[1] foi un escritor e o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galaico-portuguesa.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de agosto de 1871 Pontevedra, España |
Morte | 17 de xullo de 1914 (42 anos) Madrid, España |
Formación profesional | Dereito e Filosofía |
Actividade | |
Campo de traballo | Literatura e literatura española |
Ocupación | escritor, especialista en literatura, autor, estudoso da literatura |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Amadora Santoro |
Fillos | 7 |
Parentes | Constantino Armesto Cobián, avó materno |
Era fillo do pedagogo krausista Federico Saiz Sánchez, catedrático no Instituto de Pontevedra, e de Amalia Armesto Aldao. Criouse cos seus avós maternos, Constantino Armesto (tío de Indalecio Armesto) e Carmen Aldao Sarmiento,[2] na casa familiar da praza da Ferrería. Porén, tamén pasou tempo no pazo do Casal en Bueu. De neno fundou con Xerardo Álvarez Limeses a sociedade literaria "Los Amigos del Progreso", e con 15 anos dirixiu a publicación La Guindilla. Colaborou noutras publicacións locais facendo crónica social e crítica literaria. Formouse na biblioteca de Jesús Muruais, e o seu tío Indalecio influiría na súa ideoloxía republicana. En 1891 formou parte do Centro Republicano de Pontevedra. En 1892 impartiu conferencias no Recreo de Artesanos de Pontevedra e na inauguración do Centro Republicano de Compostela.
Comezou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Alí foi membro da tuna, coa que viaxou a París. En 1896 participou na festa de homenaxe ao Batallón Literario. Continuou a carreira de Filosofía e Letras en Madrid, da que se licenciou en 1898. Alí pertenceu á loxa masónica Comuneros de Castilla, da que tamén era membro a súa nai. Na capital española asistiu a numerosas representacións teatrais e conferencias.
Pertenceu ao coro que fundou o folclorista Casto Sampedro Folgar, con quen preparou o Cancionero Musical de Galicia en 1910 para o concurso convocado pola Academia de Belas Artes. En 1905 ambos foran comisionados por Pontevedra para a creación da Real Academia Galega, malia non poder ser elixido membro numerario ao exercer como docente lonxe de Galicia. En 1907 entrou en Solidaridad Gallega. Colaborou en prensa local, estatal e americana, como El Heraldo, El País, La Nación, Blanco y Negro, La Justicia, La Ilustración Española y Americana ou Galicia Literaria.
Malia aprobar oposicións para a cátedra de Figueres, mudou pola de Reus, e posteriormente trasladouse a León. En 1911 regresou como docente ó instituto de Pontevedra. Doutorouse ese mesmo ano coa tese Notas para el estudio de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV. En 1914 aprobou a oposición á cátedra de Lingua e Literatura Galegas, creada na Universidade Central de Madrid. Porén, faleceu pouco despois, polo que non puido tomar posesión.
Recolleu numerosos romances populares e traballou no mito de Don Juan Tenorio, no Mio Cid, na Materia de Bretaña da literatura galega medieval, e na obra de Tirso de Molina.
A súa biblioteca, en parte herdada do seu tío avó Indalecio, consérvase no Museo Provincial de Pontevedra.[3] Unha rúa leva o seu nome en Pontevedra, entre o barrio de San Roque e As Corvaceiras, na Moureira.
En 1902 casou con Amadora Santoro (de Cuñas, Cenlle, e residente en Ribadavia), coa que tivo sete fillos: Soledad, Carmen, Jorge, Benigna (finada en 1909), María Eugenia, Rosario e Margarita Said Santoro.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.