From Wikipedia, the free encyclopedia
O Batallón Literario foi unha compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela en diversos períodos históricos, sendo o máis famoso o formado durante a francesada, para loitar contra a invasión francesa dirixida por Napoleón.
En 1808, nunha reunión celebrada nos claustros da Universidade de Santiago, presidida por Rafael de Murquiz, arcebispo de Compostela, acordouse a colaboración da Universidade co movemento popular a prol de liberar o país. Constituíuse un Batallón cos estudantes e procedeuse a buscar alguén con experiencia militar para dirixilo. O elixido foi Juan Ignacio de Armada, IV marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Obtívose financiamento mediante achegas populares, e outras como as do propio marqués. Para que este puidese mandar sobre os alumnos universitarios, foi necesario facelo doutor de tódalas facultades, título concedido con carácter hereditario. O batallón formouse en 42 días, dándoselle ordes para a súa incorporación a filas, tralo acto de bendición da bandeira, no que tivo lugar unha arenga do arcebispo. Esta bandeira aínda se conserva na biblioteca da universidade: coa cor branca[1] da bandeira histórica de Galiza, presenta ademais dous escudos: o do antigo Reino de Galiza, e o escudo de armas da Universidade, ambos cubertos por unha coroa real, ademais da seguinte inscrición:
AUSPICE DEO: PRO LIBERTATI REGIS PALLADIS LEGIO: ANNO MDCCCVIII.
O Batallón contaba cunha marcha propia de combate.[2] No ano 1888 foi publicada por José Inzenga na epígrafe galegos dos seu cancioneiro 'Cantos y bailes populares de España', onde aparece como "Himno da Guerra da Independencia composto para o Batallón de Literarios".[3] O himno foi pasando de gaiteiro en gaiteiro e empregado durante anos nos diferentes movementos políticos de Galicia.[4]
Os soldados portaban ademais unha cinta, cun breve poema, que aludía á unión entre a cultura e o mundo militar en prol da defensa nacional:
"Por rescatar a Fernando (el Rey Fernando VII) y acabar con Bonaparte unióse Minerva a Marte".
O 18 de xullo de 1808 o batallón saíu a incorporarse ás tropas do xeneral Blake, onde formaron a vangarda xunto ós voluntarios navarros. Un dos múltiples episodios recordados foi o de entrar de incógnito á Coruña a recoñecer as baterías, malia estar tomada a cidade polo Mariscal Ney. En 1810 o xeneral Castaños deu a orde de disolución do Batallón Literario, outorgando ós poucos sobreviventes o rango de oficiais nos corpos militares.
O Batallón de estudantes universitarios volveu a formarse en Compostela, de xeito efémero, durante a fracasada Revolución galega de 1846.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.