Orfo de pai, tivo que emigrar de moi novo á Arxentina, aínda que segundo Carré Aldao “o cariño da nai e da terra” enseguida o traerían de volta para o berce natal.[1] Xa na Coruña entrou a traballar como administrativo ao servizo da Deputación provincial, en cuxos negociados se ocuparía o resto da súa vida, e en 1899 obtivo aínda o título de profesor mercantil na Escola Superior de Comercio da Coruña, cunha meritoria memoria de grao sobre a historia comercial da vila que estará na base dunha das súas obras máis celebrada.[2]
Parente político e íntimo amigo de Uxío Carré Aldao, participou con regularidade nos célebres faladoiros da Cova céltica, que se desenvolvían polas tardes nos locais da Libraría Rexional de Carré, nucleados, desde o seu traslado á Coruña, arredor da figura de Manuel Murguía,[3] e onde tantas iniciativas a prol do rexurdimento político e cultural de Galiza se idearon.
Fixo parte Tettamancy, así, da redacción do importante xornal rexionalista coruñés Revista Gallega,[4] que dirixía Galo Salinas, e co seu propio nome ou so pseudónimo[5] asinou artigos (tanto en prosa galega como castelá) e poesías (sempre en galego) en moitas publicacións da Coruña, de Galiza, de España e da emigración galega en América.[6] Foi vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña,[7] e un destacado impulsor do monumento Aos Mártires da Libertade que por iniciativa desta organización se levantou en Carral.[8] En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación de la Prensada Coruña,[9] e foi membro fundador e numerario da primeira Academia Gallega(1905-1906), institución na que tamén se ocupou até á morte.[10]
Para Vicente Risco, que en 1929 sentaba na cadeira do coruñés na RAG, Tettamancy merecería, por esta e outras razóns, a cualificación de nacionalista galego;[13]Ricardo Carballo Calero, ao periodizar a literatura galega, incluíuno entre os diádocos autodidactas daescola cruñesa,[14] e por idade tamén se adscribiu á Xeración rexurdimentista de 1868.[15]
En lingua castelá deu ao prelo varias monografías moi ben documentadas relativas á historia de Galiza, todas elas referencia ineludíbel aínda hoxe nas súas respectivas áreas temáticas.[16]
Personaxe moi apreciado no ambiente cultural do seu tempo, o enterro de Francisco Tettamancy constituíu unha extraordinaria manifestación de dó cidadán,[17] e en 1962 a cámara municipal coruñesa outorgaría o seu nome a unha rúa do popular barrio dos Mallos.
Ademais de artigos e poemas na prensa, Tettamancy publicou en galego varios libros de poesía e ensaio:
Enredadas. Poesías (1902): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña.
O castro de Cañás; Diego de Samboulo (Leenda histórica). Poemetos (1903): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña – Tipografía de Xan A. Menéndez, Lugo.
Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A Epopeya irlandesa (1912): Imprensa e Fotograbado de Ferrer, A Cruña.
Víctor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor. C’unha folla de Murguía, e un colofón de Carré Aldao) (1917): Imprenta Obreira, A Cruña.
O castro de Cañás (Boicentril) (1919): 2ª ed. corr. e aum., en ¡Terra a nosa! Supremento de El Noroeste (20/2/1919), vol. 2, A Cruña.
En español publicou, ademais de artigos xornalísticos, varias monografías históricas sobre temas galegos:
Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900): Tipografía El Noroeste de J. Fdez. García – Librería Regional de E. Carré Aldao, A Coruña.
La revolución gallega de 1846 (1908): Librería Regional de E. Carré, A Coruña.
Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
Los Mártires de Carral (1912): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
La torre del homenaje del castillo de Villalba (1913): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920): Litografía e Imprenta Roel, A Coruña.
Non chegou a publicar completa unha outra monografía, Rianjo-Altamira, da que adiantou varios capítulos en diferentes xornais.[18]
(…) Cantas veces tiña él (Víctor Said Armesto) a ocasión de visital-a nosa leda Cruña, parece que se gozaba en parolar con grande agarimo —concedéndolles especial preferencia— c’os seus íntimos, cales foran o noso escelso Murguía, e aqueles outros poucos amigos, de enxebreza acreditada, que tiñan en ben se axuntaren á cotío na que, uns cantos tan imbéciles como cobizosos, deran en alcumar A Cova Céltica (Libreiría do cultísimo Euxenio Carré Aldao en malhora desaparecida) e, abofellas, que do tal alcume, querendo facere un chiste trocouse en honrosísima gabanza; cantas veces, repitirei, congregados n-esa Cova, na que se aspiraba unha solencia de rescendente cultura e de enxebrismo gallego, somellando á os Celtas cando celebraban seus ritos relixiosos, Víctor Said, actuando, por veces, de gran sacerdote, co a sua substanciosa erudición nos falaba d’aqueles tempos millores e patriarcals e da sua futura labor literaria que tiña entre das mans (…); Tettamancy: Víctor Said Armesto (1917: 12-14).
Asociación de la Prensa. Libro de socios, ms. (1904: 1-2). Tettamancy figura inscrito co número 19 entre os 42 xornalistas fundadores (número axiña ampliado até os 100); ademais da redacción da Revista Gallega, inscribíuse toda a xunta directiva, naquela altura, da Liga Gallega na Cruña; cfr. Máiz 1984, p. 201.
Tettamancy: “El almirante gallego D. Enrique Reynaldo Macdonell y de Gondé”, Boletín de la Real Academia Gallega 139, t. XII (1921), p: 263-265, artigo datado no 3 de mayo 1921.
“Lugo-Cruña-Monforte-Vilalba. Unha xornada groriosa e patriótica. Galicia pol-a vez primeira fala c’oa sua lingua”, A Nosa Terra 9 (6/2/1917: 1-3); pódese ver con relación, Ledo 1982, p: 100-101.
(…) Tettamancy era, craro está despóis do que vai dito, nazonalista galego. Era dos bos e xenerosos. Prendera n-il hai tempo a ideia salvadora, e atopouse antr’os fundadores da Irmandade da Fala, réprica galega da Liga Gaélica irlandesa, e asina axudou a dar nacencia e prestou colaboración despóis, ô mais poderoso movemento que na nosa Terra se ten producido pra espertal-a concencia histórica e social, recramal-os direitos inalienábeles de todo pobo, e crear unha cultura racial. Movemento ô que ninguén pode dubidar que se debe a autual renacencia literaria e científica de Galiza, pol-o qual a data do 18 de maio do 1916 ha quedar pra sempre com’a data inicial d’unha nova era groriosa na nosa historia. (…); Risco 1971, p. 7.