From Wikipedia, the free encyclopedia
Don Juan Tenorio: drama religioso-fantástico en dos partes é unha peza teatral publicada en 1844 por José Zorrilla.[1] Debedora de El burlador de Sevilla y convidado de piedra (1630), obra atribuída a Tirso de Molina, ambas constitúen as dúas principais materializacións literarias en lingua española do mito de Don Juan.[2][3]
Don Juan Tenorio | |
---|---|
Autor | José Zorrilla |
Xénero | drama |
Ambientada en | Sevilla |
Lugar de estrea | Teatro de la Cruz |
Data de estrea | 28 de marzo de 1844 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A acción transcorre na Sevilla de 1545, nos últimos anos do rei Carlos I.[4] Está dividida en dúas partes.
A obra ten lugar na noite de Entroido. Había un tempo, don Juan e don Luís Mejía fixeran unha aposta dobre sobre «quen de ambos sabía obrar peor con mellor fortuna no prazo dun ano» e «quen dos dous se batía en máis duelos e quen seducía máis doncelas». A historia comeza un ano despois desa aposta. Don Luís Mejía e don Juan vólvense atopar en Sevilla, onde comparan as súas fazañas. Os rivais contan os mortos en batalla (23 de Don Luís e 32 de Don Juan) e as mulleres seducidas (56 de Don Luís e 72 de Don Juan), co que Don Juan resulta vencedor. Con todo, Don Luís vólve desafiar a don Juan dicíndolle que só lle falta na lista «unha noviza que estea para profesar». Don Juan vólvelle apostar a Don Luís non só que conquistará unha noviza, senón que tamén lle quitará a súa prometida, Dona Ana de Pantoja. Don Luís, ante as palabras do outro, envía o seu criado, Gastón, a avisar á xustiza. Don Juan fai o mesmo co seu, Ciutti.
O desafío chega a ouvidos do comendador Don Gonzalo de Ulloa, pai de dona Inés. A moza, que levaba no convento das Calatravas desde a infancia, estaba destinada a casar con Don Juan. Porén, ante os feitos, Don Gonzalo desfai o acordo matrimonial.
Á hostería chegan dúas roldas de alguaciles que arrestan os dous nobres. Don Luís logra saír do cárcere e vaille suplicar a Dona Ana que se manteña firme ante Don Juan, quen irá tras ela. Don Juan tamén sae e na rúa da casa de Dona Ana fai encerrar a Don Luís. Despois conversa con Brígida, a beata comprada do convento, quen lle explica como entrar no convento sen ser visto. Para acabar de asegurar a aposta, Don Juan suborna a Lucía, a serventa de dona Ana, para que abra as portas da casa ás dez da noite.
Namentres, Dona Inés le unha carta de Don Juan en que este lle declara abertamente o seu amor. Ao rematar, Don Juan entra na cela, o que provoca que ela se desmaie, e Don Juan tomáa e lévaa á súa casa. Don Gonzalo chega tempo despois a contarlle á abadesa que a serventa de dona Inés está comprada, e teme polo seu benestar. Aparece entón a irmá torneira, quen anuncia a desaparición de Dona Inés. Na casa de Don Juan, Dona Inés cae nas redes do galán. Unidos polo seu amor, están dispostos a todo.
Nese momento chega Don Luís, quen quere matar a Don Juan. Pouco despois chega don Gonzalo con xente armada. Don Juan manda a don Luís esperar nun cuarto próximo. Don Juan humíllase ante don Gonzalo e suplícalle pola súa filla a cambio de probas que el mesmo dispón, mais Don Gonzalo négase. Don Luís sae do cuarto e tenta aliarse co comendador para mataren a Don Juan. Finalmente, resulta ser este último o asasino, pois mata a Don Gonzalo dun balazo e a Don Luís dunha estocada. Don Juan foxe de Sevilla nun bergantín cara a Italia.[5]
Cinco anos despois, Don Juan volve a Sevilla. Buscando o antigo palacio da familia Tenorio, atopa no seu lugar o cemiterio onde están enterrados Don Luís, o Comendador e o resto das vítimas mortas a mans del. Mentres admira as estatuas, don Juan descobre un sepulcro inesperado, o de Dona Inés. A moza morrera de dor ao comprender que Don Juan e ela xamais volverían estar xuntos malia amárense profundamente.
Chegan ao lugar Centellas e Avellaneda, dous vellos amigos de Don Juan. Este convídaos a cear na súa casa xunto co espírito de Don Gonzalo, de onde vén a idea de que Zorrilla puido basearse no Convidado de Pedra de Tirso de Molina. Mentres se atopan ceando, aparece o espectro do Comendador co obxectivo de conducir a Don Juan ao inferno. Con todo, Dona Inés intercede e logra que ambos suban ao ceo entre unha apoteose de anxos e cantos celestiais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.