Remove ads
deus da mitoloxía grega From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega Urano é o deus primordial do ceo. O seu nome procede do grego Οὐρανός Ouranós, «ceo», latinizado como Uranus. Na mitoloxía grega personifícase como o fillo e esposo de Gaia, a Mai Terra. Ambos foron antepasados da maioría dos deuses gregos.
Nome orixinal | (grc) Οὐρανός |
---|---|
Biografía | |
Celebración | Mitoloxía grega e Relixión da Grecia antiga |
Patrón de | Ceo |
Familia | |
Cónxuxe | Xea |
Fillos | Afrodita, Tía, Tetis, Alecto, Arges, Megera, Tisífone, Temis, Mnemósine (mitoloxía), Xapeto (mitoloxía), Rea, Cronos, Febe, Hiperión, Astraios, Lissa, Aetna, Egeon, Athos, Basileia, Telquines, Glauce, Adanus, Abseo, Aristaeus, Syceus, Dione, Euonymus, Crío (mitoloxía), Océano, Gration, Eurytos, Hippolytos, Mimas, Palas, Encélado, Alcioneo, Brontes, Alpos, Estéropes, Eurymedon, Ceo, Peloreus, Porfirión, Briareo, Otus, Coto, Xigues, Polibotes, Melia, Efialtes (fillo de Xea), Anax, Hoplodamus, Dâmiso, Clytius, Heimarmene |
Pais | Caos Éter (mitoloxía) Ofíon e Hémera Xea |
Irmáns | Óreas Ponto (mitoloxía) |
Descrito pola fonte | Enciclopedia de Otto Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Outras fontes reclaman un parentesco diferente para el. Na súa obra De Natura Deorum, Cicerón afirma que era descendente dos antigos deuses Éter e Hemera. Na tradición órfica, Urano era o fillo da personificación da noite, Nix.
O seu equivalente na mitoloxía romana era Coelus (en latín, «ceo»).
Segundo o mito olímpico da creación, Urano acudía cada noite a cubrir a terra e unirse a Gaia. Desta unión naceron os titáns Crío, Ceo, Hiperión, Xápeto, Océano e Crono, e as titánides Temis, Rea, Tetis, Tea, Mnemósine e Febe, modelos de beleza e deidades de animais e vexetais, océanos, bosques, mares, lagos e ríos. Mais os seus fillos menores resultaron ser monstros: os Ciclopes (Arxes, Brontes e Estéropes), xigantes dun só ollo, e os Hecatonquiros (Coto, Briareo e Xixes), xigantes de cen brazos e cincuenta cabezas.
Urano avergonzouse deles e decidiu encerralos no Tártaro, o mundo das profundidades e a escuridade. Polo contrario, Gaia amábaos, así que incitou os titáns a que se rebelaran contra o seu pai. Urano terminou por pechalos tamén no Tártaro. Gaia acudiu a axudarlles coas titánides. Mais apenas liberados, os ciclopes atacaron os titáns e os hecatónquiros ás titánides, celosos da súa beleza.
Gaia viuse entón obrigada a pechar pola súa conta e para sempre ciclopes e hecatónquiros. Gaia pediu axuda aos seus fillos, titáns, para se vingar de Urano, mais só Crono estivo disposto a cumprir coa súa obrigación. Crono encontrou a Urano confiado en brazos de Nix, coa que xerara a Tánatos e Hipnos, e castrouno cunha fouce de pedernal que lle dera Gaia, tirando os xenitais tras el. Ao salpicar o sangue (ou, segundo o mito, o seme) destes na Terra, xurdiron os Xigantes (máis tarde destruídos polos deuses coa axuda de Heracles), as Erinias e as Melias (ninfas dos freixos). Crono lanzou ao mar a fouce (que deu orixe á illa de Corfú) e os xenitais de Urano, e produciron unha espuma da que naceu Afrodita. Crono pechou entón a Urano no Tártaro xunto cos ciclopes e hecatónquiros, aos quen tamén temía.
Tras esta vitoria Crono subiu ao trono e reinou no Universo. Casou coa súa irmá Rea, con quen tivo seis fillos: Hestia, Deméter, Hera, Hades, Poseidón e Zeus. Gaia e Urano, posuidores do coñecemento do porvir, vaticinaron que un dos fillos de Crono lle arrebataría o poder, como el fixera co seu pai, polo que Crono devorou os seus cinco primeiros fillos a medida que foron nacendo. Cando Rea quedou encinta por sexta vez, desesperada ao ver como Crono comía os seus propios fillos, escondeuse na illa de Creta, onde deu a luz a Zeus. Enganou a Crono, dándolle a comer unha pedra envolta en cueiros. Zeus creceu en segredo, e ao ser maior, coa axuda de Gaia, deulle a Crono unha apócema que lle fixo vomitar os seus irmáns. Coa súa axuda e coa dos Ciclopes, que liberara do Tártaro, logrou vencer a Crono e os Titáns. Crono foi encadeado no Tártaro e Zeus ocupou o Olimpo.
Estes mitos antigos non eran expresados nos cultos dos helenos (Kerenyi p. 20). A función de Urano é a de derrotado deus dun tempo pasado, antes de que o tempo real comezase. Tras a súa castración, o Ceo non volveu a acudir a cubrir a terra pola noite, senón que ocupou o seu lugar, e «os pais orixinais chegaron ao seu fin» (Kerenyi).
O detalle de que a fouce sexa de pedernal en vez de bronce ou incluso ferro foi conservado polos mitógrafos gregos (aínda que ignorado polos romanos). Anacos de pedernal dispúñanse en fouces de madeira ou óso como fíos cortantes a finais do Neolítico, antes do comezo da Idade de Bronce. Tales fouces puideron pervivir até máis tarde en rituais onde o metal era tabú, mais este detalle suxire a antigüidade do mitema.
A identificación de Robert Graves e outros do nome «Urano» co hindú Varuna é amplamente rexeitada. A etimoloxía máis probábel é a do protogrego *vorsanos, da raíz protoindoeuropea *vers, «humedecer».
Os neopagáns ofrecen interpretacións máis abstractas á mitoloxía, non entendendo tan literalmente o mito da castración.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.