Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Alcioneo ou Alción (en grego, Άλκυονεύς), era un xigante de inmenso tamaño e forza terrible, fillo -como o resto dos Xigantes- de Xea (a Terra) e Urano (o Ceo).[1]
Os Xigantes, incitados por Xea como vinganza pola sorte sufrida polos Ciclopes e os Hecatonquiros, tamén fillos seus, rebeláronse contra Zeus e o resto dos deuses olímpicos nunha guerra coñecida como Xigantomaquia, na que foron derrotados e mortos. Aínda que os Xigantes foran de raza divina, eran mortais, pero sempre que foran feridos simultaneamente por un deus e un mortal, polo que Zeus chamou ó seu lado ó heroe Heracles.
Alcioneo e Porfirión foron os principais protagonistas do enfrontamento. Alcioneo tiña a propiedade da inmortalidade mentres loitase na terra onde nacera (Palene, na actual Macedonia), por iso erguíase de novo unha e outra vez tras ser ferido polas frechas de Heracles (envelenadas co sangue da Hidra de Lerna). Aconsellado por Atenea, Heracles logrou sacar a Alcioneo da súa terra e así conseguiu acabar con el.[1] As distintas fontes dan dúas explicacións: para uns arrastrouno ata fóra do seu territorio; para outros, Heracles simulou fuxir enganando ó xigante, que ó perseguilo non se deu de conta que estaba fóra da súa terra.
"Superaban a todos Porfirio e Alcioneo, que era inmortal en tanto que luchara sobre a terra pola que precisamente fora enxendrado... [Heracles] primeiro disparou as súas frechas contra Alcioneo, pero en canto caía en terra recobraba o seu vigor. Por recomendación de Atenea, arrastrouno fóra de Palene e deste xeito logrou que morrera".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 6, 1)
Durante esta persecución, Alcioneo lanzou unha rocha enorme contra Heracles, esmagando a 24 dos compañeiros deste. Nalgún texto explícase que o propio Heracles rexeitou a rocha coa súa clava, matando así ó xigante.[2] Píndaro afirma que a rocha podía verse no istmo de Corinto.
As fillas de Alcioneo (Alcipe, Ante, Asteria, Ctonia, Drimo, Metone, Palene e Phtonia ou Fostonia), chamadas as Alciónides, botáronse ó mar, desesperadas pola morte do pai, e foron trasformadas pola deusa Anfítrite en picapeixes (Alcedo atthis, da familia dos Alcedínidos).[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.