Remove ads
piragüista galega From Wikipedia, the free encyclopedia
María Teresa Portela Rivas, nada en Aldán (Cangas) o 5 de maio de 1982, é unha piragüista galega, que compite na modalidade de augas tranquilas, sendo unha das figuras máis importantes deste deporte a nivel internacional. Gañou 17 medallas no Campionato Mundial e outras 17 no Europeo, e participou en sete edicións dos Xogos Olímpicos, conseguindo a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.[1]
Empezou como piragüista aos nove anos no club Ría de Aldán. Aos 14 anos ingresou cunha bolsa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. En 1999 debutou no Mundial sub-23,[2] logrando un cuarto posto no K1 500 metros.[3] Conseguiu clasificarse para os Xogos Olímpicos de Sydney, onde quedou eliminada en semifinais.[4]
Ao ano seguinte participou no seu Campionato Mundial absoluto, en Poznan. Alí obtivo un cuarto posto no K1 500 metros e dúas medallas no K4 (prata en 200 e bronce en 500), formando equipo con María Isabel García, Belén Sánchez e Ana María Penas.[5] Tamén ese ano co mesmo equipo gañou as súas primeiras medallas no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, en Milán, unha prata e un bronce en K4 200 e K4 500 respectivamente.[6] En 2002 en Szeged proclamouse por primeira vez campioa de Europa, ademais por partida dobre, ao lograr o ouro en K1 200 e en K4 200 (esta vez con María Isabel García, Sonia Molanes e Beatriz Manchón como compañeiras). Tamén logrou unha prata no K4 500.[7]
No Mundial de 2002 en Sevilla, proclamouse por primeira vez campioa do mundo, ao chegar primeira na final de K1 200, mentres que levou unha prata e un bronce no K4.[8] No seguinte Mundial, en Gainesville, Estados Unidos, competiu en K1, K2 (con Beatriz Manchón) e K4 (con Manchón, María Isabel García e Jana Smidakova). Volveu á casa con catro medallas: tres pratas en K1 200, K2 200 e K4 200 e un bronce en K4 500. Ademais quedou cuarta no K2 500.[9]
No Europeo de 2004, en Poznan, subiu ao podio en cinco ocasións, tres delas ao máis alto: K1 200, K2 200 e K4 200. Ademais logrou dous bronces en K2 500 e K4 500.[10] Participou ese ano nos Xogos Olímpicos de Atenas, en K2 500 e K4 500, obtendo o quinto posto en ambas categorías.[11]
En 2005 non conseguiu subir ao podio no Europeo pero proclamouse por segunda vez campioa do mundo en K1 200, no Mundial celebrado en Zagreb. Nese mesmo campionato conseguiu a medalla de prata en K2 200 (xunto a Jana Smidakova) e o bronce en K4 200 (xunto a Smidakova, Ana Varela e María Isabel García).[12] Ao ano seguinte gañou o ouro europeo en K1 200[13] pero non conseguiu revalidar ningunha das medallas no Mundial. Tampouco logrou subir ao podio en 2007, nin no Europeo de Pontevedra nin no Mundial de Duisburgo.
Volveu ao podio no ano 2008, no Europeo de Milán, ao chegar terceira á meta no K4 500m.[14] Competiu nesa categoría nos Xogos Olímpicos de Pequín obtendo o seu terceiro diploma olímpico ao rematar o equipo quinto. Tamén participou en K1 500 mais non logrou pasar de semifinais.[15] No seguinte Europeo, en Brandeburgo, conquistou de novo tres anos despois o ouro en K1 200,[16] mentres que no Mundial en Dartmouth (Canadá) obtivo un bronce en K4 500m.[17]
A década de 2010 comezou con dúas medallas de bronce no Europeo celebrado en Tresona, parroquia do concello asturiano de Corvera, en K1 200 e K4 500.[18] No Mundial só puido conseguir un cuarto e un quinto posto.[19] A partir deste momento pasou a competir só en K1 200 metros. O Europeo de 2011 celebrouse en Belgrado e alí conseguiu a medalla de prata, acompañada no podio pola portuguesa de mesmo nome, Teresa Portela (3ª), e a rusa Natalia Lobova (1ª).[20]
En 2012 participou nos Xogos Olímpicos de Londres, quedando ás portas da súa primeira medalla olímpica, ao rematar cuarta, a 198 milésimas da terceira, a húngara, Natasa Douchev-Janics.[21][22] En 2013 gañou a prata no Europeo celebrado en Montemor-o-Velho[23] e quedou cuarta no Mundial, en Duisburgo.[24] En 2015 quedou quinta no Europeo da República Checa[25] e subiu ao terceiro caixón do podio no Mundial de Milán.[26]
En 2016 competiu nos Xogos Olímpicos de Río, os seus quintos Xogos, rematando sexta na final de K1 200 metros e sumando o seu quinto diploma.[27] En 2018 quedou cuarta no Europeo de Belgrado[28] e oitava no Mundial de Montemor.[29] En 2019, aos 37 anos, obtivo o bronce no Mundial celebrado en Szeged, e conseguiu deste xeito o pase aos seus sextos Xogos Olímpicos, converténdose na primeira muller española en lograr tal fito.[2][30] Nesa proba repartíronse dous bronces, pois Teresa Portela e a danesa Emma Jørgensen obtiveron o mesmo tempo.[31]
Os Xogos de Toquio foron adiados por mor da pandemia de COVID-19 e as prazas olímpicas volveron poñerse en xogo, conseguindo de novo Teresa Portela a clasificación para a cita olímpica ao gañar a proba celebrada en Verducido.[32] Xa na capital xaponesa, na categoría de K1 200, obtivo o primeiro posto na primeira serie e o cuarto nas semifinais, meténdose na súa sexta final olímpica.[33] Na manga final fixo historia, logrando unha medalla de prata 21 anos despois do seu debut nos Xogos, así como a primeira medalla para unha muller galega en piragüismo. Chegou á meta cun tempo de 38,883 s, por detrás da neozelandesa Lisa Carrington e por diante da danesa Emma Jørgensen.[34][35][36]
En agosto de 2022 conseguiu de novo unha prata no Campionato Mundial, acabando segunda xunto a Sara Ouzande na final do K2 200 metros, só por detrás das húngaras Blanka Kiss e Anna Lucz.[37] Un ano despois sumou a súa 17ª medalla no Mundial, desta vez na proba de K4 500 metros, na que competiu xunto a Ouzande, Estefanía Fernández e a tamén pontevedresa Carolina García. Deste xeito logrou tamén a clasificación para os seus sétimos Xogos Olímpicos.[38]
É diplomada en Maxisterio (especialidade de Educación Física) e graduada en Fisioterapia pola Universidade de Vigo. Está casada co piragüista olímpico David Mascato, con quen ten unha clínica de fisioterapia no Grove. Teñen unha filla, Naira, nada en 2014.[39]
Xogos Olímpicos | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2021 | Toquio | Prata | K1 200 m |
Campionato Mundial | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2001 | Poznan | Prata | K4 200 m |
2001 | Poznan | Bronce | K4 500 m |
2002 | Sevilla | Ouro | K1 200 m |
2002 | Sevilla | Prata | K4 200 m |
2002 | Sevilla | Bronce | K4 500 m |
2003 | Gainesville | Prata | K1 200 m |
2003 | Gainesville | Prata | K2 200 m |
2003 | Gainesville | Prata | K4 200 m |
2003 | Gainesville | Bronce | K4 500 m |
2005 | Zagreb | Ouro | K1 200 m |
2005 | Zagreb | Prata | K2 200 m |
2005 | Zagreb | Bronce | K4 200 m |
2009 | Dartmouth | Bronce | K4 500 m |
2015 | Milán | Bronce | K1 200 m |
2019 | Szeged | Bronce | K1 200 m |
2022 | Dartmouth | Prata | K2 200 m |
2023 | Duisburgo | Bronce | K4 500 m |
Campionato Europeo | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2001 | Milán | Prata | K4 200 m |
2001 | Milán | Bronce | K4 500 m |
2002 | Szeged | Ouro | K1 200 m |
2002 | Szeged | Ouro | K4 200 m |
2002 | Szeged | Prata | K4 500 m |
2004 | Poznan | Ouro | K1 200 m |
2004 | Poznan | Ouro | K2 200 m |
2004 | Poznan | Ouro | K4 200 m |
2004 | Poznan | Bronce | K2 500 m |
2004 | Poznan | Bronce | K4 500 m |
2006 | Račice | Ouro | K1 200 m |
2008 | Milán | Bronce | K4 500 m |
2009 | Brandeburgo | Ouro | K1 200 m |
2010 | Trasona | Bronce | K1 200 m |
2010 | Trasona | Bronce | K4 200 m |
2011 | Belgrado | Prata | K1 200 m |
2013 | Montemor-o-Velho | Prata | K1 200 m |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.