piragüista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
David Mascato García, nado no Grove o 13 de outubro de 1975, é un fisioterapeuta e deportista galego retirado,[1] que competiu en piragüismo nas modalidades de augas tranquilas e maratón. Foi tres veces subcampión do mundo e disputou dous Xogos Olímpicos (Sydney 2000 e Atenas 2004), nos que conseguiu dous diplomas olímpicos.
Nome orixinal | David Mascato García |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 13 de outubro de 1975 (49 anos) O Grove, Pontevedra |
País de nacionalidade | Galicia |
Educación | Universidade de Vigo |
Altura | 178 cm |
Peso | 81 kg |
Actividade | |
Ocupación | piragüista |
Nacionalidade deportiva | España |
Deporte | Piragüismo |
Participou en | |
2004 | Xogos Olímpicos de 2004 |
2000 | Xogos Olímpicos de 2000 |
Familia | |
Cónxuxe | Teresa Portela |
Comezou no piragüismo aos 11 anos, cando probou ese deporte no Club Breogán do Grove. Gustoulle e deixou os outros deportes que practicaba.[2] En 1993 foi campión do mundo júnior en Copenhague nos C1 1000 metros e subcampión en C2 1000 metros,[3] e en 1997 foi cuarto no C1 500m dos Xogos Mediterráneos celebrados en Bari.[4] Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas de 1994, en Cidade de México, onde finalizou en oitava posición na proba de C1 1000 metros.[5] Catro anos despois, no Mundial de Szeged, logrou un quinto posto no C2 1000 metros, formando parella co tamén grovense Alfredo Bea.[6]
Ao ano seguinte gañou a súa primeira medalla internacional, no Campionato de Europa de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Zagreb, ao finalizar terceiro xunto a Bea no C2 500m, mentres que nos 1000 metros remataron quintos.[7] Tamén quintos chegaron á meta no C2 1000 do Mundial dese mesmo ano, en Milán, mentres que foron cuartos nos 500.[8]
No Europeo do ano 2000, en Poznan, participaron en tres distancias do C2 (200, 500 e 1000 metros) rematando en sétima, oitava e novena posición respectivamente.[9] Ese ano participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos, en Sydney. Competiu xunto a Alfredo Bea no C2 nas distancias de 500 e 1000 metros, logrando un diploma na primeira delas, ao finalizaren en cuarto lugar, ás portas das medallas.[10]
En 2001 competiu en catro categorías no Europeo celebrado en Milán. Logrou dúas medallas xunto a Alfredo Bea: unha prata en C2 1000 e un bronce en C2 500. Ademais competiu nesas mesmas distancias no equipo de C4 formado por eles dous máis David Cal e José Manuel Crespo, finalizando en sétima e sexta posición.[11] No Mundial dese ano, en Polonia, volveu colgarse outra medalla, unha prata no C2 1000 metros.[12] Ao ano seguinte participou no Europeo en Szeged e no Mundial en Sevilla, sen lograr subir ao podio e obtendo tres quintos postos.[13]
En 2003 quedou cun sexto e un sétimo posto no Mundial de Gainesville, nos Estados Unidos. Ademais de en augas tranquilas, ese ano participou na modalidade de maratón, logrando xunto a Bea en Valladolid a medalla de prata no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón.[14] Ao ano seguinte participou nos seus segundos Xogos, en Atenas 2004. Rematou cun sétimo posto no C2 1000, mentres que nos 500 metros non logrou meterse na final.[15][16]
A súa seguinte medalla chegou en 2008, no Mundial de maratón celebrado na República Checa, onde gañou o bronce formando parella con Ángel Rivademar.[17] Ao ano seguinte, co mesmo compañeiro gañou a prata no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón, en Polonia, ao chegaren á meta segundos por detrás de Óscar Graña e Ramón Ferro.[18] Repetiron prata no Mundial dese ano en Portugal.[19] En 2010 competiu no Europeo de Augas Tranquilas celebrado na localidade asturiana de Trasona, no equipo de C4 formado por el, Tono Campos, Diego Romero e Damián Ramos. Finalizaron en sétimo lugar.[20]
Diplomouse en Maxisterio en Educación física e obtivo o Grao en Fisioterapia da Universidade de Vigo.[3] Está casado coa piragüista Teresa Portela, seis veces olímpica e medallista en Toquio 2020, xunto á que rexenta unha clínica de fisioterapia no Grove.[21] Teñen unha filla, Naira, nada en 2014.[22]
En 2010 foi galardoado coa medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo.[23] En 2011 foi nomeado fillo predilecto do Grove.[24]
Campionato do Mundo | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2001 | Poznan ( Polonia) | Prata | C2 1000 m |
Campionato de Europa | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
1999 | Zagreb ( Croacia) | Bronce | C2 500 m |
2001 | Milán ( Italia) | Bronce | C2 500 m |
2001 | Milán ( Italia) | Prata | C2 1000 m |
Campionato do Mundo | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2003 | Valladolid ( España) | Prata | C2 |
2008 | Týn nad Vltavou ( República Checa) | Bronce | C2 |
2009 | Crestuma ( Portugal) | Prata | C2 |
Campionato de Europa | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2009 | Ostróda ( Polonia) | Prata | C2 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.