From Wikipedia, the free encyclopedia
O porco formigueiro,[2] ou oricteropo, Orycteropus afer (Pallas, 1766), é un mamífero de tamaño medio, propio da África subsahariana, onde vive en sabanas, pradarías e zonas boscosas. Este animal, solitario e de hábitos nocturnos, é a única especie vivente do xénero Orycteropus, da familia dos oricteropódidos (Orycteropodidae) que, á súa vez, é a única da orde dos tubulidentados (Tubulidentata).[3][4][5] En consecuencia, está considerado como un fósil vivente, que conserva trazos primitivos que perderon euterios máis avanzados como, por exemplo, a presenza de dez cromosomas.[6]
Porco formigueiro, oricteropo Orycteropus afer Rango fósil: mioceno temperán - actualidade [1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Orycteropus afer (Pallas, 1766) | |||||||||||||||||
Distribución posíbel do porco formigueiro |
O aspecto do porco formigueiro semella mesturar orellas de coello, un fociño de porco e unha cola de canguro. Como os osos formigueiros e os pangolíns, o porco formigueiro desenvolveu adaptacións notábeis no seu xeito de alimentación. Ataca directamente niños de formigas e térmites, cunha lingua moi longa e uns dentes especialmente modificados. Utiliza as súas grandes poutas en forma de pá para escavar buratos onde refuxiarse, que despois son empregads por unha multitude de animais unha vez o porco formigueiro os abandona.
Malia que a UICN considera que o status do porco formigueiro é LC (pouco preocupante),[7] e que as poboacións desta especie son máis ou menos estábeis, resulta difícil avaliar o seu estado con gran precisión. Podería ser que estivese esmorecendo por mor do crecemento da presenza humana e conseguinte urbanización, a destrución e conversión do seu hábitat en campos de cultivo ou a caza de subsistencia.
A orde dos Tubulidentata foi descrita en 1872 polo biólogo británico Thomas Henry Huxley.[8]
A familia Orycteropodidae descibiuna en 1821 o naturalista inglés John Edward Gray, en London Med. Repos., 15: 305.[9]
A descrición do xénero Orycteropus débese ao naturalista francés Georges Cuvier, que o fixo en 1798,[9] na páxina 144 da súa obra Tableau élémentaire de l'histoire naturelle des animaux (1797-1798).[10]
Finalmente, a especie Orycteropus afer describiuna en 1766 o médico e zoólogo alemán Peter Simon Pallas, baixo o nome de Myrmecophaga afra.[10]
Dentro desta especie distínguense as seguintes 17 subespecies:[11]
Na actualidade recoñécense, dentro da orde, unha soa familia, con 4 xéneros, tres deles extintos.[1]
O nome da orde, Tubulidentata, está composto polo elemento do latín científico tubuli-, do xenitivo de tubulus, i, diminutivo do latín clásico tubus, "tubo", e dentata, nominativo plural do adxectivo latino dentātus, -a, -um, "dentado", "con dentes". Literalmente: "os que teñen dentes con tubiños".
O da familia, Orycteropodidae, constrúese coa adición á raíz Oryctopod-, do nome do xénero (Oriycteropus) da desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.
O xenérico, Oriycteropus, está formado polo elemento do latín científico Oryctero-, tirado do grego antigo ορυκτόσ, -ή -óυ oryktós, -'ē, -ou, "escavado", participio do verbo ορύσσω orýsso, "escavar", e o elemento do latín científico -pus,[12] derivado do grego antigo πούς poús, "pé", "pata". Literalmente: "o que escava coas patas".
Finalmente, o nome específico, afer, está tomado do adxectivo do latín clásico Afer, -fra, -frum, "africano", "africana".
O corpo do único representate actual do grupo, o porco formigueiro (Oryteropus afer), non responde aos cánones de beleza establecidos para os animais polo home occidental do noso tempo. A súa longa e cilíndrica cabeza, os seus enormes pavillóns auditivos, a súa pel case espida, as fortes uñas das súas patas, os seus desproporcionados cuartos traseiros, e a súa cola como a dun canguro, compoñen a imaxe mesma do grotesco.
Pero o seu aire torpe e o seu aspecto desamañado transfórmanse en beleza funcional cando o animal comeza a escavar as súas galerías. Apoiado sobre a cola e as extremidades posteriores, rasca con rapidez e sorprendente rendemento o duro solo africano cos membros anteriores e proxecta con forza, coas posteriores e a cola, a terra removida, operacións todas elas que realiza cunha velocidade tal, que antepón a fuxida á construición dun tobo onde ocultarse cando un repentino perigo o sorprende lonxe do seu refuxio habitual.[13]
É un animal inconfindíbel, do tamaño dun porco, que alcanza unha lonxitude de até os 2 m (incluíndo a cola),[5][14] e un peso de entre 50 e 80 kg.[14] A altura na cruz é de 60 a 65 cm.[5][14]
A cabeza é alongada e tubular; con orellas grandes e similars, na súa forma, ás dunha lebre. O fociño, tamén alongado, é parecido ao dun porco; na boca ten unha lingua moi longa, que sobresae da boca a miúdo; presenta uns dentes especialmente modificados, con numeroos prismas de dentina. As orellas son moi logas, así mesmo tubulares, e rematadas en punta.[4][5]
O corpo, repoludo e co lombo arqueado, está cuberto dunha pelaxe delgada, con numerosas vibrisas na cabeza. As patas son curtas e poderosas, rematadas en catro dedos as dianteiras e cinco nas posteriores; os dedos están provistos de fortes garras, aínda que non afiadas. A súa marcha é dixitígrada.[4][5]
A cola é longa e forte, moi musculosa, e moi grosa na base.[4][5]
A pel é grosa, escasamente cuberta de pelos sedosos de cor gis apardazada apagada, máis escura nas patas, aínda que moitas veces aparece coloreada pola terra. A cola, ás veces, é algo máis clara.[5]
Presenta glándulas sebáceas e sudoríparas.[4]
O cranio dos oricteropos é alongado, e presenta arcos cigomáticos ben desenvolvidos.
As fosas orbitais e temporais conflúen entre si. O número de espirais nasais é maior ue en calquera outro mamífero.
A mandíbula é delgada, pero ten ramas completamente desenvolvidas e unha sínfise longa.
A clavícula está ben desenvolvida. As patas dianteiras presentan catro dedos, e as traseiras, cinco.
As falanxes posteriores presentan un suco lonxitudinal.[4]
Os hemisferiols cerebrais do oricteropo teñen poucas coircopunvolucións. Os centros do olfacto están moi ben desenvolvidos. Os seus olls son bastante grandes, adaptados para a visión nocturna, provistos só de bastonetes, e cunha membrana reflectante moi ben desenvolvida. Porén, os seus sentidos principais son os do olfacto e o do oído. Presentan, ademais, órgano de Jacobson.[4][15]
O porco formigueiro presenta dentes deciduos só no embrión, consistentes en incisivos, caninos e premolares. Na dentición permanen te os pequenos caninos e premolares son rudimentarios e non se utilizan. Os dentes iugais (de catro a sete, normalmente cinco por serie) están en constante crecemento, e caracterízanse por unha estrutura peculiar. Os dentes anteriores teñen forma ovalada. Os posteriores teñen unha forma similar á do número 8. Consisten en numerosos túbulos de paredes de dentina, co centro formado pola cavidade alveolar.[4]
A lingua é estreita e aplanada. As glándulas salivares son grandes. O estómago é único, e as súas paredes son moi musculadas; o cego é pequeno. A larinxe esténdese até a cavidade nasal, o que axuda a conservar os condutos nasais libres de comida.[4]
O porco formigueiro aliméntase principalmente de térmites e, ocasionalmente, dalgúns outros insectos, como formigas e outros. Utiliza os seus potentes membros para buscar nos termiteiros, e alcanzan os insectos coa axuda da súa pegañenta lingua ou, simplemente, succionándoos.[4]
Os riles non están divididos, e son lisos. Os testículos están situados baixo a pel, e carcen de escroto. O pene é curto e carece de baculum (óso peneano). O útero é duplo. A placenta, zonaria. As femias teñen dous pares de mamas.[4][14]
Despois dun período de xestación de sete meses nace unha soa cría, en ocasións dúas. Os partos prodúcense de outubro a novembro na África central, e de maio a agosto na África meridional. As crías, de cor carne, nacen co ollos abertos e permanecen dúas semanas no tobo; despois xa seguen á nai cando esta vai en busca de comida. As crías comezan a comer os primeiros alimentos sólidos aos 3 meses, pero son amamentadas durante 4 meses. Aos 6 meses xa poden facer vida independente, pero os xuvenís quedan coa nai até que nace a seguinte camada.[14]
Os oricteropos son animais nocturnos, raramente activos durante o día. Escavan profundos tobos onde pasan as horas diúrnas, saíndo á noitiña, e son activos principalmente durante as noites máis escuras.[4][5]
Viven en áreas abertas, sabanas, pradarías e bosques claros, evitando os bosques densos, principalmente en zonas de solos areosos ou arxilosos, onde é máis doado escavar, e onde abunden os térmites.[5][14]
Habitan na África subsahariana, desde unha liña que vai desde Senegal a Eritrea, polo norte, até o Cabo de Boa Esperanza, polo sur. Véxase o mapa de distribución na caixa de clasificación científica, arriba, á dereita, deste artigo.
É un animal solitario, pero os individuos xuvenís acompañan á súa nai durante longo tempo.
Son escavadores de tobos moi activos e moi potentes, que cavan o solo a unha velocidade sorprendente.
As femias teñen querenza por determinados lugares, aos que volven con regularidade.
En cambio, os machos perece que son máis vagamundos.[5]
Os tobos poden ser simples buratos cunha soa entrada, ou poden formar un complicado labirinto de galerías con até 20 ou 30 entradas, dispersadas sonre unha área de até 400 m2. O túnel (ou túneles) remata nunha ampla cámara.[5][14]
Os tobos abandonados son usados como refuxio por unha ampla variedade doutros animais, desde réptiles (lagartos e serpes), morcegos, pequenos carnívoros, esquíos terrestres, lebres, porcos espiño e curuxas e outras aves, até facóqueros. Deste xeito teñen unha considrábel importancia ecolóxica.[5][14]
Moitas características da estrutura corporal dos tubulidentados indican a súa relación cos ungulados é, particularmente, coa primeira das súas ordes extinguida, a dos condilartros, que viviron no paleoceno e no eoceno. Cabe supoñer que se separaron dos outros ungulados no terciario inferior, desenvolvéndose independentemente e mostrando adaptacións para alimentarse de insectos. O máis probábel é que esta evolución tivera lugar en África, e que no terciario os tubulidentados se estenderan por Europa e Asia de forma só temporal. As semellanzas entre esta orde e os edentados e os pangolíns producíronse pola súa forma de vida similar, é dicir, trátase dun fenómeno de converxencia adaptativa.[4]
Encontráronse tubulidentados fósiles no mioceno e o plioceno de África, e no plioceno de Europa e Asia meridional.[4] Estes fósiles poderían incluírse dentro do xénero Orycteropus, porque non proporcionan moita información sobre a orixe da orde. Porén, moitos autores contemporáneos, como Lehmann, Patterson e MacInnes distinguen até 4 xéneros.[1][16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.