From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha micronación, tamén coñecida como país-modelismo, proxecto de novo país, república ficticia, ou aínda, simulación de país, é unha entidade que parece unha nación independente ou un estado soberano pero que non é aceptado como tal polo conxunto da comunidade internacional (organismos internacionais, os diferentes gobernos nacionais etc.). Acotío as denominadas micronacións existen só sobre o papel, en Internet ou mesmo só na imaxinación dos seus creadores e seguidores. As micronacións ou movementos micronacionalistas difiren dos movementos nacionalistas de índole independentista ou auto-determinista en que son comunmente vistos como actos de excentricidade, de natureza efémera e que a miúdo son creados e mantidos por unha soa persoa, familia ou grupo reducido de persoas.
Algunhas micronacións tentaron estender a súa actividade ao mundo físico acuñando moeda propia, selos, bandeiras, pasaporte, himno etc. A través destas accións preténdese lexitimar a súa propia existencia e poden ir acompañadas de reivindicacións de soberanía sobre un espazo xeográfico real.
O termo micronación vense utilizando cando menos desde a década de 1970 [1] no ámbito anglosaxón para referirse a unha serie de miles de pequenas entidades semellantes a estados que non foran recoñecidas amplamente a nivel internacional e que proliferaron desde estes anos. Porén, o termo tamén foi empregado retroactivamente para muitas das realidades políticas de vida efémera que durante o século XIX non chegaron a ser recoñecidas plenamente.
Habitualmente as entidades que son recoñecidas como micronacións comparten unha serie de características:
Estes criterios poden distinguir o que é unha micronación doutras entidades de índole semellante pero que non procuran habitualmente ser recoñecidas como soberanas, caso dos países imaxinarios, ecoaldeas, seitas, clans etc. Outra diferenza importante é a existente con aquelas entidades que manteñen relacións diplomáticas con outras nacións ou estados do mundo sen estaren formalmente recoñecidas elas mesmas por outros estados ou por organismos internacionais (caso da República da China - Taiwán, o Sáhara Occidental, o Tíbet, Palestina ou Israel), as micronacións diferéncianse destas en que non manteñen relacións diplomáticas con outros estados ou nacións aceptados internacionalmente ou outros organismos como a ONU. Por último encontraríamos unha última distinción entre as micronacións e aquelas entidades que exercen control efectivo ou militar sobre un territorio, mesmo non sendo recoñecidas internacionalmente, casos por exemplo de Osetia do Sur, Abkhazia ou Transnistria, así como daqueles territorios controlados por algunha guerrilla ou por algunha das faccións enfrontadas nunha guerra civil.
O termo "micropatroloxía" é usado para definir o campo de estudo que se ocupa da análise das micronacións e dos microestados, algúns destes estudosos utilizan o termo "macronación" en oposición ás micro.
Existen varios exemplos na historia de entidades que poden ser consideradas como antecedentes das micronacións, como pode ser o caso do principado creado no territorio da Illa de Elba para ser rexentado por Napoleón Bonaparte e que, ao mesmo tempo, lle serviría de lugar de exilio. A illa neste período non era esencialmente unha nación, pois estaba supeditada ao control dos inimigos de Bonaparte e a súa creación non foi produto das aspiracións dos habitantes da illa. Mais o fenómeno das micronacións, propiamente dito, nace parello ao desenvolvemento do concepto de estado-nación do século XIX. A maioría das primeiras micronacións nacidas neste período foron fundadas por excéntricos aventureiros ou homes de negocios dedicados á especulación, chegando algunha a ter certo éxito. Un dos primeiros exemplos é o das Illas Cocos, gobernada pola familia Clunies-Ross entre 1827 até 1978 (aínda que as illas foran administradas por Australia desde 1955) ou de Sarawak, gobernada polos "Raxás Brancos" da familia Brooke.
Outras micronacións menos existosas foron a Long Republic (1819–1820), no actual estado de Texas (Estados Unidos), a Republic of Indian Stream (1828–1835), que actualmente é a cidade de Pittsburg (Nova Hampshire), o Reino da Araucania e a Patagonia (1860-1862) no sur da Arxentina e parte de Chile, ou o Reino de Sedang (1888-1890) na Indochina francesa. Outra antiga micronación que se mantén na actualidade como a máis antiga é o Reino de Redonda fundado no Caribe en 1865. Aínda fracasando no seu intento por se converter nun Estado con independencia recoñecida, conseguiu sobrevivir até os nosos días como un caso único de entidade literaria co seu propio rei e aristocracia (se ben na actualidade existe certa controversia con até catro persoas que reclaman o trono).
En 1882 a raíz dun conflito laboral que rematou cunha folga, un grupo de inmigrantes xenoveses decidiron independizar o barrio de La Boca de la Argentina. Asinaron unha acta na que informaron ao Rei de Italia que constituíran a "República Independente de La Boca" e izaron a súa bandeira. O Xeneral Julio Argentino Roca, daquela Presidente da Nación, acudiu en persoa ao lugar co exército, quitando a bandeira xenovesa izada nun mastro e solucionando o conflito.
Xa a comezos do século XX, Martin Coles Harman, propietario da illa británica de Lundy (situada na canle de Bristol), autoproclamouse rei da illa acuñando a súa propia moeda e timbre para o uso nese territorio. Porén, Harman nunca chegou a proclamarse independente do Reino Unido, polo que Lundy só pode ser considerado como un antecedente das posteriores micronacións de carácter territorial. Outro exemplo é o do Principado de Baldonia Exterior, un con situado na costa de Nova Escocia, que foi fundado por un executivo da Pepsi Cola Company chamado Russell Arundel en 1945, a poboación no momento compúñase de 69 pescadores.
Os anos 1960 e 70, foron testemuña do agromar dun gran número de micronacións de carácter territorial. A primeira delas foi o Principado de Sealand, que foi estabelecido en 1967 sobre unha plataforma mariña abandonada que fora utilizada como forte militar durante a segunda guerra mundial, está no Mar do Norte fronte as costas de Inglaterra e aínda existe. Outras micronacións fundáronse seguindo principios idealistas de influencia libertaria, utópica ou ecoloxista con proxectos que pasaban pola construción de illas artificiais mais só tres deste tipo conseguiron atinxir certo éxito.
A República da Illa das Rosas era unha plataforma de 400 m² construída en 1968 en augas do Adriático a uns 7 Km da cidade italiana de Rimini. Tiña os seus propios selos e declarou o esperanto como lingua oficial. Pouco despois da súa finalización a plataforma foi tomada e destruída pola armada italiana por non teren pagado os impostos ao estado.
A finais dos 60, Leicester Hemingway, irmán do autor Ernest Hemingway, viuse involucrado noutro proxecto semellante: unha pequena plataforma de madeira en augas internacionais da costa occidental de Xamaica á cal chamou Nova Atlantis. Hemingway era cidadán e Presidente porén a estrutura quedou danada polas treboadas e sufriu saqueos por parte de pescadores mexicanos. En 1973, Hemingway mudouse desde Nova Atlantis até unha nova plataforma preto das Bahamas que recibiu o nome de Terra do Mar (Ernest Hemingway, pola súa parte, instalouse en Key West, Florida, no que chegaría a ser unha nova micronación, a República da Concha).
A República de Minerva foi establecida en 1972 como un proxecto libertario de novo país por un home de negocios de Nevada chamado Michael Oliver. O equipo de Oliver levou adiante traballos de dragado nos arrecifes de Minerva ao Sur de Fidxi, no océano Pacífico, conseguindo criar unha pequena illa artificial, mais fracasaron nas tentativas de conseguir recoñecemento internacional chegando a sufrir o ataque militar dos seus veciños de Tonga que anexionaron a illa.
O 1 de abril de 1977, Richard Booth declarou a vila galesa de Hay-on-Wye como reino independente e a el mesmo coma o seu monarca. A vila experimentou un incremento moi notábel do turismo baseado en intereses literarios e o "Rei Richard" (cuxo cetro era unha escobiña de baño) continúa a repartir títulos e honras a aquelas persoas dispostas a pagar por elas.[2]
As actividades micronacionais convertéronse en algo absolutamente común en Australia durante as últimas décadas do século XX. A continuación enuméranse as máis coñecidas:
A irrupción de Internet desde mediados anos 1990 trouxo consigo unha nova perspectiva do fenómeno do micronacionalismo. Coas posibilidades que este medio de comunicación ofrecía de promocionar entidades de estilo estatal dunha maneira enteiramente electrónica e relativamente fácil, o multinacionalismo desprendeuse da súa tradicional perspectiva excéntrica ou en contra dos poderes establecidos para adquirir en moitos casos unha perspectiva máis lúdica de aproveitamento do tempo de lecer. Desta maneira produciuse unha explosión de novas micronacións orientadas exclusivamente a existiren na rede, de tipo fantástico ou como simples simulacións dunha realidade estatal. Ás veces este tipo de micronacións son denominadas cibernacións ou mesmo países de fantasía.
Este tipo de micronacións limitan as súas actividades case que exclusivamente a simular a actividade diplomática (sinatura de tratados, participación de organizacións "supra-micronacionais"), a realización de eleccións simuladas e constitución de parlamentos, realización de Constitucións e mesmo participación en guerras. Todo isto seguido a través de blogs, listas de correos electrónicos e demais ferramentas da rede.
Tamén, moitas das micronacións tradicionais que reivindican algún territorio, como a Provincia de Hutt River, Seborga ou Sealand, dispoñen de páxinas webs e sérvense da rede para promocionar os seus obxectivos e dar promoción á súa causa.
Polo tanto, Internet constituíuse no medio ideal para a difusión do micronacionalismo (até tal punto que se podería falar dun subtipo de micronación, a cibernación - destinada a existir exclusivamente na rede e non sempre cun carácter "serio"), por todo o mundo agroman gran cantidade de entidades deste tipo, destacando a proliferación producida dentro da lusofonía onde se chegou a concentrar, segundo algunhas estimacións, até un quinto das micronacións totais no mundo. Esta expansión dentro das comunidades falantes de portugués débese a especial repercusión que tivo o fenómeno no Brasil, onde o Reino do Porto Claro, fundado en 1996 por Pedro Aguiar, se converteu en todo un pioneiro que contribuíu decisivamente na promoción do micronacionalismo como afección ou hobby por toda América Latina. Pouco despois o Sacro Império de Reunião, fundado por Cláudio de Castro, converteríase na micronación da América Latina con maior repercusión, chegando a acaparar a atención do New York Times ou o La Liberátion.
Hoxe en día, pódese falar de oito tipos fundamentais de micronación (aínda encadrándose nun tipo concreto cada micronación pode presentar elementos propios das doutro tipo):
Adoitan ter un carácter bastante serio e atinxir a un número significativo de persoas interesadas en recrear o pasado ou simular procesos políticos e sociais. Algúns exemplos son:
O tipo máis estendido con diferenza. Constitúense por diversión, teñen poucos participantes, son efémeras, acostuman ter base en Internet e raramente sobreviven máis duns poucos meses. Normalmente adoitan facerse para gloria dos seus fundadores utilizando títulos, premios, heráldica e honras rechamantes, moitas veces de inspiración feudal. Poden facer guerras e manter relacións diplomáticas de carácter ficticio así como estar situados en terras de fantasía. Exemplos:
Inclúen simples proxectos artísticos, exercicios de creación online ou outras:
Este tipo de micronacións están a miúdo relacionadas con programas de reforma ou transformación social e política. Algúns mantéñense como grupo de información e outros como exercicios de relacións públicas:
Tamén houbo micronacións que foron creadas co propósito de realizar actividades fraudulentas, ao tentar vencellar prácticas financeiras ou doutro tipo de carácter ilegal ou cuestionable coa actividade aparente de nacións lexítimas.
O Principado de Sealand foi descrito como a micronación mellor coñecida e contitúe o mellor exemplo deste tipo.[9] Un pequeno número de micronacións son fundadas sobre a base de anomalías históricas ou interpretacións excéntrica da lei. Este tipo de micronacións habitualmente localízanse en pequenos enclaves (muitas veces en disputa), xeralmente con limitada actividade económica limitada ao turismo e as vendas numismáticas e filatélicas. Son toleradas ou ignoradas polas nacións das cales se reivindican ter separado. Entre estas están:
Son tentativas de fundar nacións-estado completamente de novo. Inclúen habitualmente plans de construír illas artificiais (das cales poucas se materializan) e unha ampla porcentaxe abrazaron ou dicían abrazar ideais progresistas, utópicos ou democráticos. Exemplos deste tipo son:
Na Alemaña numerosos individuos e grupos, colectivamente etiquetados como Kommissarische Reichsregierung (KRR - Goberno Provisional do Imperio), aseguran que o Imperio alemán continúa a existir coas súas fronteiras anteriores á segunda guerra mundial e que eles son o seu goberno, permanecendo vixente aínda a Constitución de Weimar.[12]
No dereito internacional a Convención de Montevideo sobre os Dereitos e Deberes dos Estados establece no seu artigo 1 os criterios para a categoría de Estado: O Estado como suxeito de dereito internacional debe posuír os seguintes requisitos: (a) unha poboación permanente; (b) un territorio definido; (c) un goberno; e (d) capacidade para entrar en relación con outros estados.
A primeira frase do artigo 3 da Convención de Montevideo expón explicitamente que "A existencia política do estado é independente do recoñecemento por outros estados."
Seguindo estes presupostos, calquera entidade que reúne os catro criterios establecidos no artigo 1 pode ser vista como soberana na lexislación internacional, tanto se outros estados a recoñezan como se non. A maioría das micronacións fracasaron en encontrar un ou máis destes criterios.
A Orde de Malta, como suxeito independente de lei internacional non reúne todos os criterios de recoñecemento como estado (aínda que tampouco se considere a si mesma como un Estado) pero é e foi recoñecida como nación soberana durante séculos.
A doutrina de integridade territorial non proibe unilateral e efectivamente a secesión de estados establecidos no dereito internacional, segundo a sección pertinente do texto da Acta Final da Conferencia de Seguridade e Cooperación en Europa, (tamén coñecida como Acta Final de Helsinqui, Acordos de Helsinqui ou Declaración de Helsinqui:[13]
IV. Integridade territorial dos Estados
Os Estados participantes respectarán a integridade territorial de cada un dos Estados participantes.
Por tanto, absteranse de calquera acción inconsecuente cos propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas contra a integridade territorial, a independencia política ou a unidade de calquera Estado participante e, en particular, de calquera acción tal que constitúa unha ameaza ou o uso da forza.
Os Estados participantes absteranse igualmente de converter os territorios doutros estados en obxectivo de ocupación militar ou doutras medidas de forza directas ou indirectas contravindo o dereito internacional, ou en obxectivo de adquisición por medio de tales medidas ou a ameaza delas. Ningunha ocupación ou adquisición deste tipo será recoñecida como legal.
En efecto, isto expón que os estados non poden alentar a secesión noutros estados. Ademais non se establece sentenza respecto a persoas dentro dun estado elixindo independizarse seguindo a súa propia vontade.
Nos últimos anos produciuse un pequeno pero continuado aumento da atención prestada ao fenómeno das micronacións. En círculos académicos os aspectos máis importante xiraron en torno ao estudo das aparentemente anómalas situacións legais que afectan a estas entidades como o Principado de Sealand ou a Provincia de Hutt River, o estudo de como algunhas micronacións representan as ideas políticas da base popular, e sobre a creación entidades de xogo de roles con propósitos educativos.
En 2000, o profesor Fabrice O'Driscoll, da Universidade de Aix-Marseille, publicou un libro sobre as micronacións: "Ils ne siègent pas à l'ONU" ("Non se sentan na ONU"), con máis de 300 páxinas dedicadas ao tema.
En maio de 2000, un artigo no New York Times titulado "Utopian Rulers, and Spoofs, Stake Out Territory Online" presentou o tema por primeira vez ante un público máis amplo, continuando a aparecer artigos semellantes noutros xornais como "Liberation"[Ligazón morta], La Repubblica, "Ta Nea"[Ligazón morta], O Estado de São Paulo no Brasil e, en Portugal, Visão.
Diversas publicacións recentes trataron o tema particular das micronacións históricas, incluíndo a Republic of Indian Stream (University Press), polo xeógrafo do Dartmouth College, Daniel Doan, ou The Land that Never Was, sobre Gregor MacGregor e o Principado de Poyais, por David Sinclair (Review, 2003, ISBN 0-7553-1080-2)
En agosto de 2003 tivo lugar en Helsinqui unha cimeira de micronacións. Ao evento asistiron delegados do Principado de Sealand, os reinos de of Elgaland-Vargaland, Neue Slowenische Kunst, Ladonia, a República Transnacional, Sabotage e estudosos de varias institucións académicas.
Do 7 de novembro ao 17 de decembro de 2004, a Reg Vardy Gallery da Universidade de Sunderland (RU) acolleu unha exposición sobre a identidade de grupo micronacional e o seu simbolismo. A exposición centrouse en obxectos numismáticos, filatélicos e de vexiloloxía, así como outros símbolos e instrumentos creados e usados por gran número de micronacións desde os 1950 até os nosos días. Unha cimeira de micronacións foi celebrada como parte desta exposición con representantes do Sealand, Elgaland-Vargaland, Nova Utopía, Atlantium, Frestonia e Fusa. A exibición foi repetida no Andrew Kreps Gallery en Nova York do 24 de xuño ao 29 de xullo do ano seguinte. Outra exposición sobre micronacións foi celebrada en París no Palais de Tokyo a comezos de 2007.
A cimeira de Sunderland foi posteriormente presentada en 5 partes nunha serie de televisión para a BBC, How to Start Your Own Country presentada por Danny Wallace. A serie conta a historia de Wallace fundando unha micronación, Lovely, situada no seu piso. Programas semellantes emitíronse en cadeas de televisión doutros países europeos.
O 9 de setembro de 2006, The Guardian informaba de que a comañía de guías de viaxe Lonely Planet publicara a primeira guía turística do mundo adicada ás micronacións, a Lonely Planet Guide to Home-Made Nations.
O Imperio Democrático de Sunda, que se reivindica como o lexítimo goberno do Reino de Sunda (antigo reino, cuxos territorios na actualidade estarían en Indonesia) no exilio en Suíza, enchiu titulares cando dúas supostas princesas, Lamia Roro Wiranatadikusumah Siliwangi Al Misri, de 21 anos, e Fathia Reza Wiranatadikusumah Siliwangi Al Misiri, de 23, foron detidas polas autoridades malasias na fronteira con Brunei, o 13 de xullo de 2007, e foron acusadas de entrar no país sen pasaporte válido.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.