From Wikipedia, the free encyclopedia
Os fitosterois,[1] son compostos químicos vexetais que comprenden os esterois das plantas e os estanois. Trátase de fitosteroides, similares ao colesterol, que aparecen en plantas e varían só na cadea lateral carbonada e/ou na presenza ou ausencia de dobre enlace.[2] Os estanois son esterois saturados, que non teñen dobres enlaces na estrutura do anel de esterol. Identificáronse máis de 200 esterois e compostos relacionados.[3] Os fitosterois libres extraídos de aceites son insolubles en auga, relativametne insolubles en aceite, e solubles en alcohois.
Os alimentos enriquecidos en fitosterois son suplementos dietéticos que se comercializan desde hai décadas.[2] Malia os ben documentados efectos de diminución do colesterol LDL, non hai probas científicas de que teñan efectos beneficiosos sobre as enfermidades cardiovasculares ou a mortalidade global.[4]
β-sitosterol | campesterol | colesterol |
---|---|---|
estigmasterol | estigmastanol | |
A primeira molécula á esquerda é o β-sitosterol. Nomenclatura do esqueleto esteroide á dereita.
campestanol | brassicasterol | ergosterol |
---|---|---|
lupeol | cicloartenol | |
As fontes naturais máis ricas de fitosterois son os aceites vexetais e os produtos feitos a partir deles. Os esterois poden estar presentes en forma libre e como ésteres de ácidos graxos e glicolípidos. A forma unida é xeralmente hidrolizada no intestino delgado polos encimas pancreáticos.[5] Algúns dos esterois son eliminados durante o paso de desodorización do refinamento de aceites vexetais e graxas, pero sen cambiar a súa composición relativa. Os esterois son, por tanto, unha útil ferramenta para comprobr a autenticidade dun aceite.
Como fontes comúns de fitosterois, os aceites vexetais utilizáronse para producir margarinas potenciando o seu contido en fitosterois.[2] Produtos cereais, verduras, froitas e bagas, que non son ricos en fitosterois, poden ser fontes significativas de fitosterois debido ao seu maior consumo.[6]
O consumo de fitosterois presentes de forma natural nos alimentos está entre ~200–300 mg/día dependendo dos hábitos alimenticios.[7] Dietas experimentais vexetarianas especialmente deseñadas orixinaron aumentos de 700 mg/día.[8] Os fitosterois máis comúns na dieta humana son β-sitosterol, campesterol e estigmasterol,[2] que supoñen un 65%, 30% e 3% dos contidos da dieta, respectivamente.[9] Os estanois de plantas máis comúns na dieta humana son o sitostanol e o campestanol, que combinados constitúen o 5 % do fitosterol dietario.[10]
Colesterol | Brassicasterol | Campesterol | Estigmasterol | β-Sitosterol | ∆5-Avenasterol | ∆7-Avenasterol | ∆7-Estigmasterol | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Aceite de coco | 0,6 – 2 | 0 – 0,9 | 7 – 10 | 12 – 18 | 50 – 70 | 5 – 16 | 0,6 – 2 | 2 – 8 |
Aceite de millo | 0,2 – 0,6 | 0 – 0,2 | 18 – 24 | 4 – 8 | 55 – 67 | 4 – 8 | 1 – 3 | 1 – 4 |
Aceite de sementes de algodón | 0,7 – 2,3 | 0,1 – 0,9 | 7,2 – 8,4 | 1,2 – 1,8 | 80 – 90 | 1,9 – 3,8 | 1,4 – 3,3 | 0,7 – 1,4 |
Aceite de oliva | 0 – 0,5 | 2,3 – 3,6 | 0,6 – 2 | 75,6 – 90 | 3,1 – 14 | 0 – 4 | ||
Aceite de palma | 2,2 – 6,7 | 18,7 – 29,1 | 8,9 – 13,9 | 50,2 – 62,1 | 0 – 2,8 | 0 – 5,1 | 0,2 – 2,4 | |
Aceite de sementes de palma | 1 – 3,7 | 0 – 0,3 | 8,4 – 12,7 | 12,3 – 16,1 | 62,6 – 70,4 | 4 – 9 | 0 – 1,4 | 0 – 2,1 |
Aceite de cacahuete | 0,6 – 3,8 | 0 – 0,2 | 12 – 20 | 5 – 13 | 48 – 65 | 7 – 9 | 0 – 5 | 0 – 5 |
Aceite de colza | 0,4 – 2 | 5 – 13 | 18 – 39 | 0 – 0,7 | 45 – 58 | 0 – 6,6 | 0 – 0,8 | 0 – 5 |
Aceite de soia | 0,6 – 1,4 | 0 – 0,3 | 16 – 24 | 16 – 19 | 52 – 58 | 2 – 4 | 1 – 4,5 | 1,5 – 5 |
Aceite de xirasol | 0,2 – 1,3 | 0 – 0,2 | 7 – 13 | 8 – 11 | 56 – 63 | 2 – 7 | 7 – 13 | 3 – 6 |
A Autoridade de Seguridade Alimentaria Europea (coñecida polas súas siglas en inglés EFSA[12]) concluíu que pode reducirse o colesterol sanguíneo como media do 7 ao 10,5 % se unha persoa consome de 1,5 a 2,4 gramos de estanoides e esterois vexetais ao día, un efecto que adoita establecerse en 2–3 semanas. Os estudos a longo prazos ampliados a 85 semanas mostraron que o efecto de rebaixa do colesterol podía ser sostido.[13] Baseándose nestes e outros datos de eficacia, o comité científico da EFSA fixo a seguinte advertencia de saúde: “Os esterois vexetais mostraron rebaixar/reducir o colesterol sanguíneo. A rebaixa do colesterol sanguíneo pode reducir o risco de enfermidades da arteria coronaria".[14]
A FDA norteamericana aprobou a seguinte declaración para os fitosterois: Para os ésteres de esterois vexetais: (i) Os alimentos que conteñan polo menos 0,65 g por ración de ésteres de esterol vexetais, comidos dúas veces ao día coas comidas cun consumo total diario de polo menos 1,3 g, como parte dunha dieta baixa en graxas saturadas e colesterol, poden reducir o risco de enfermidades cardíacas. Unha ración de [nome do alimento] fornece ___gramos de esterol ésteres de aceite vexetal.[15] Para os ésteres de estanol vexetais: (i) Os alimentos que conteñen polo menos 1,7 g por ración de ésteres de estanol vexetais, comidos dúas veces ao día coas comidas cun consumo diario total de polo menos 3,4 g, como parte dunha dieta baixa en graxas saturadas e colesterol, poden reducir o risco de enfermidades cardíacas. Unha ración de [nome do alimento] fornece ___gramos de ésteres de estanol vexetais.[16] Revisando os ensaios clínicos que implican a suplementación con fitosterois, a FDA chegou á conclusión de que cando se consome no rango de 1 a 3 gramos en alimentos enriquecidos, os fitosterois tiveron como resultado reducións estatisticamente significativas (5-15 %) nos niveis de colesterol LDL sanguíneo en relación ao placebo. A FDA tamén concluíu que cómpre un consumo diario dietario de 2 gramos ao día de fitosterois (expresado como fitosterois non esterificados) para demostrar unha relación entre o consumo de fitosterol e a rebaixa de colesterol para reducir o risco de enfermidade cardiovascular.[17]
A capacidade dos fitosterois de reducir os niveis de colesterol foi demostrada primeiramente en humanos en 1953.[18][19] Desde 1954-82, os fitosterois foron seguidamente comercializados como fármacos baixo o nome de Cytellin como tratamento para o colesterol elevado.[20]
A diferenza das estatinas, nas que se demostrou que a redución do colesterol reduce o risco de enfermidades cardiovasculares e a mortalidade global en circunstancias ben definidas, as evidencias foron inconsistentes para os alimentos enriquecidos con fitosterois ou suplementos para baixar o risco de enfermidade cardiovascular, con dúas revisións que indican un efecto marxinal ou ningún,[4][21] e outra revisión que mostrou evidencias de que o uso de fitosterois dietarios obtiña un efecto de rebaixa do colesterol.[22]
A coadministración das estatinas con alimentos enriquecidos con fitosterol incrementa o efecto de redución do colesterol dos fitosterois, de novo sen que haxa probas de beneficio clínico e con evidencias anecdóticas de efectos adversos potenciais.[21] As estatinas funcionan reducindo a síntese de colesterol por inhibición do encima limitante HMG-CoA redutase. Os fitosterois reducen os niveis de colesterol competindo coa absorción do colesterol no intestino por medio de varios posibles mecanismos,[23][24][25] un efecto que complementa as estatinas. Os fitosterois reducen adicionalmente os niveis de colesterol en aproximadamente do 9 % ao 17 % en persoas que toman estatinas.[26] O tipo ou dose de estatina non parece afectar a eficacia na diminución do colesterol exercida polos fitosterois.[27]
Debido ás súas propiedades de redución do colesterol, algúns fabricantes utilizan os esterois ou estanois como aditivos alimentarios.[2][28]
Os fitosterois teñen unha longa historia de seguridade no seu consumo,[2] que se remonta ao Cytellin, a preparación farmacéutica de fitosterois comercializada nos Estados Unidos desde 1954 a 1982.[20] Os ésteres de fitosterol teñen un status de "recoñecedos xeralmente como seguros" (generally recognized as safe, GRAS) nos EUA.[29] Os alimentos funcionais que conteñen fitosterois foron suxeitos a unha monitolización postlanzamento unha vez introducidos no mercado norteamericano en 2000 e non se informou de que tivesen efectos laterias non preditos.[30]
Unha preocupación de seguridade potencial en canto ao consumo de fitosterois dáse en pacientes con fitosterolemia, un raro trastorno xenético que ten como resultado que se multiplican por de 50 a 100 os niveis de esterol vexetal en sangue e que está asociado cun rápido desenvolvemento de aterosclerose coronaria. A fitosterolemia foi ligada a mutacións nas proteínas ABCG5/G8, que bombean os esterois vexetais fóra dos enterocitos e hepatocitos no lume dos condutos biliares, respectivamente. Dependendo do estudo de poboación investigado, os niveis de esterol vexetal no sangue están asociados positva ou negativamente ou non asociados co risco de enfermidades cardiovasculares.[31][32][33][34][35][36][37][38]
A capacidade equivalente e seguridade dos esterois vexetais e estanois vexetais para rebaixaren o colesterol continúa a ser un asunto moi debatido. Os esterois vexetais e estanois, cando se comparan en ensaios clínicos, mostran reducir igualmente os niveis de colesterol.[39][40][41] Un metaanálise de 14 ensaios aleatorizados controlados comparando directamente os esterois vexetais con estanois vexetais a doses de 0,6 a 2,5 g/día non mostraron diferenzas entre as dúas formas con respecto ao colesterol total, colesterol LDL, colesterol HDL ou niveis de triglicéridos.[42] Os ensaios feitos con altas doses (> 4 g/día) de esterois ou estanois vexetais son moi limitados e aínda non se completou ningún que comparase a mesma alta dose de esterol vexetal e estanol vexetal.
O debate sobre a seguridade dos esterois fronte aos estanois está centrado na súa diferente absorción intestinal e as concentracións de plasma resultantes. Os fitosterois teñen unha taxa de absorción intestinal estimada inferior (0,02 - 0,3 %) á dos fitosterois (0,4 - 5 %) e consecuentemente as concentracións de fitostanois sanguíneas son xeralmente máis baixas que as concentracións de fitosterol.[21]
Os fitosterois están baixo investigación preliminar polo seu potencial para inhibir os cancros de pulmón, estómago, ovario, mama,[43][44] colon e próstata.[45]
Os esterois son esenciais para todos os eucariotas. En contraste coas células animais e fúnxicas, que conteñen só un esterol principal, as células de plantas sintetizan un conxunto de mesturas de esterois na cal predominan o sitosterol e o estigmasterol.[46] O sitosterol regula a fluidez e permeabilidade da membrana de maneira similar ao colesterol das membranas das células de mamíferos.[47] Os esterois vexetais poden tamén modular a actividade de encimas unidos a membranas.[47] Os fitosterois están tamén ligados á adaptación das plantas á temperatura e á inmunidade das plantas contra os patóxenos.[48]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.