From Wikipedia, the free encyclopedia
As etiquetas proteicas son secuencias peptídicas que se insiren xeneticamente nunha proteína recombinante, que poden ter tamaño de proteína ou de péptido. Estas etiquetas adoitan ser eliminables por axentes químicos ou por encimas, como por proteólise ou empalme de inteínas. As etiquetas únense a proteínas con varios propósitos.
As chamadas etiquetas de afinidade poden ser unidas a proteínas para que estas poidan purificarse dunha fonte biolóxica en cru usando unha técnica de afinidade. Entre estas están a proteína de unión á quitina (CBP), a proteína de unión á maltosa (MBP), o Strep-tag[1] e a glutatión-S-transferase (GST). Unha etiqueta proteica moi usada é a etiqueta de poli(His), que se une a matrices con ións metálicos.
As denominadas etiquetas de solubilización utilízanse especialmente para proteínas recombinantes expresadas en especies deficientes en chaperonas, como Escherichia coli, para axudar ao correcto pregamento das proteínas e evitar que precipiten. Entre estas están a tiorredoxina (TRX) e a poli(NANP). Algunhas etiquetas de afinidade teñen un papel dobre como axentes de solubilización, como a MBP e GST.
As coñecidas como etiquetas de cromatografía utilízanse para alterar as propiedades cromatográficas das proteínas para ofrecer diferentes resolucións nunha determinada técnica de separación. A miúdo constan de aminoácidos polianiónicos como no caso da FLAG-tag.
As chamadas etiquetas de epítopo son curtas secuencias peptídicas que se elixen porque os anticorpos de alta afinidade poden producirse fiablemente en moitas especies diferentes. Estes dierivan xeralmente de xenes virais, o que explica a súa alta inmunorreactividade. Entre as etiquetas de epítopos están V5-tag, Myc-tag, HA-tag, Spot-tag e NE-tag. Estas etiquetas son especialmente útiles en experimentos nos que se aplican as técnicas do western blot, inmunofluorescencia e inmunoprecipitación, aínda que tamén se usan para a purificación de anticorpos.
As etiquetas de fluorescencia utilízanse para poder facer unha lectura visual dunha proteína. A proteína fluorescente verde GFP e as súas variantes son as máis comunmente utilizadas como etiquetas de fluorescencia. Entre as aplicacións máis avanzadas da GFP está o seu uso como reporteiro de pregamento (hai fluorescencia se está pregado ou é incolora se non).
As etiquetas proteicas poden permitir a modificación encimática específica (como a biotinilación pola biotina ligase) ou a modificación quuímica (como a reacción con FlAsH-EDT2 para obter imaxes con fluorescencia). A miúdo combínanse as etiquetas para conectar as proteínas a outros múltiples compoñentes. Porén, coa adición de cada etiqueta hai un risco asociado de que a función nativa da proteína poida ser abolida ou comprometida pola interacción coa etiqueta. Por tanto, despois da purificación, as etiquetas son ás veces eliminadas por proteólise específica (por exemplo pola protease TEV, a trombina, o Factor Xa ou a enteropeptidase).
(Ver aminoácido proteinoxénico para os códigos dunha letra (A-Z) dos aminoácidos).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.