From Wikipedia, the free encyclopedia
O bocareu,[1] bocarte,[2][3][4] ou bucareu,[5] Engraulis encrasicolus (Linnaeus 1758), é un peixe azul, graxo, da orde dos clupeiformes e familia dos engráulidos, semellante á sardiña pero máis pequeno.
Bocareu | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Bocareus (Engraulis encrasicolus) | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Engraulis encrasicolus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||
|
Como todos os engráulidos o bocareu diferénciase dos seus parentes os clupeidos polo seu corpo máis esvelto, o tamaño un pouco menor, o maxilar superior sobresaíndo do inferior e a boca moi grande (ao que aluden moitos dos seus nomes vulgares), que termina moi por detrás do ollo.[6]
O seu alongado e esvelto corpo, comprimido lateralmente, está revestido de escamas grandes e caedizas,[3] pode alcanzar un máximo de 20 cm no canal da Mancha e no sur do mar do Norte, pero os exemplares capturados raramente miden máis de 16 cm,
sendo aínda menores na parte meridional da súa área de distribución (por exemplo, máximo de 10 cm no mar de Azov)[6].
En Galicia pode chegar á súa lonxitude máxima, os 20 cm.[3]
A coloración do dorso é azulada ou algo verdosa, separada nitidamente da prateada dos flancos e o ventre por unha banda escura.[3]
O fociño é cónico, co maxilar superior moito máis saínte que o inferior. Ten dentes pequenos en ambos os maxilñares, no vómer e nos ósos palatinos.[3]
A aleta dorsal, única, pequena, está situada no centro do lombo. As aletas pelvianas están situadas á altura da orixe da dorsal, A aleta anal, relativamente longa, comeza pouco despois do extremo posterior da dorsal. A aleta caudal é fondamente gallada.[3]
A especie foi descrita por primeira vez por Linneo en 1758 na décima edición do seu Systema Naturae[7] data e edición que marcan o comezo da taxonomía e nomenclatura modernas, no que a denominou como Gadus encrasicolus.[8] Posteriormente sería reclasificado dentro do xénero Engraulis.
A continuación relaciónanse os sinónimos utilizados por diversos autores, distinguindo entre os admitidos, os non admitidos oficialmente, e os que teñen incorreccións ortográficas:[8]
Constantino García [9] recolle as variantes bocarón (en Sada), bucareu (en Escarabote e Marín) e mocarte (tamén en Sada). Franco Grande recolle tamén mocareu e Cuveiro macareu, pero non o localizan.
Cornide afirmaba, erroneamente, que o nome galego propio era o de xouba.[10][11]
Antón Santamarina en Ríos Panisse establece dúas etimoloxías: por un lado, as denominacións rematadas en -arte (bocarte, mocarte) procederían do vasco, onde existe a forma bokart, e este do latín bucca, pola morfoloxía e tamaño da boca do peixe; o mesmo o castelán boquerón reflicte o tamaño da súa boca.[12]
Por outra banda están as formas bocareo, macareu e variantes, que parecen derivar do gascón moderno macarèu e do francés maquereau, que aló designa á xarda (Scomber scombrus) e que aquí cedeu o seu nome a esta especie, o noso bocareu, por ser un préstamo incorrectamente asimilado.[12]
Distribúese polas costas do Atlántico nororiental, desde o sur de Suecia Noruega, pasando polas de Dinamarca, mar do Norte, illas Británicas, canal da Mancha, Países Baixos, Bélxica, Francia, España, Portugal e as costas occidentais de África,[6] ata as provincias do Cabo Occidental e o Oriental,[13] así como en todo o Mediterráneo.[6]
É un peixe peláxico, eurihalino, moi gregario, que forman cardumes que, nos meses estivais, se achegan á costa para a reprodución e,[3] ás veces, chegan a augas escocesas, do Kattegat e ao oeste do mar Báltico.[6] Nadan normalmente en augas de máis de 100 m de profundidade aínda que no inverno poden desprazarse a augas máis profundas.
Aliméntanse de zooplancto, sobre todo de copépodos, pero tamén de algas.[6]
A reprodución ten lugar nos meses de xuño a agosto no sur do mar do Norte, o canal da Mancha, no mar Cantábrico e entre abril e setembro no Mediterráneo. As femias producen entre 13 000 e 20 000 ovos, peláxicos, que eclosionan aos 2 ou 4 días.[6]
Aprovéitase o verán, cando se achega á costa, para pescalo (costeira do bocareu ou da anchoa) con artes de deriva ou de cerco (traíñas). No Mediterráneo adoita enganar ao peixe de noita con luces, como se fai coa sardiña. As captutas europeas e do noroeste aficano oscilan entre as 200 000 e as 300 000 t anuais.[6]
O primeiro rexistro de Engraulis encrasicolus en augas galegas é o de Cornide en 1788, no que o cita á especie como Clupea encrasicolus, o nome co que a bautizara Linneo algúns anos antes.[10] Xa no século XX aparece mencionado por diversos autores, como de Buen (en 1929 en Vigo; en 1935 en toda Galicia), pasando , entre outros, por Anadón (1950), que asegura que é abundante en todo o país, López-Jamar (1977, no ictioplacto da ría de Arousa), Fernández et al., (1979, en fondos menores de 100 m desde o alfoz do Miño ata Fisterra), Ferreiro e Labarta (1984, desova na ría de Vigo) ou Álvarez et. al. (1988, Análise da pesquería do cerco).[14]
O bocareu, coa sardiña e o xurelo, son os tres peixes azuis máis consumidos en España.[15]
En calquera caso, cómpre advertir de que esta diferenciación no uso de bocarte e de anchoa non se dá noutras zonas da Península Ibérica.
O bocareu consómese en fresco ou semiconservado en salmoira.
Porén, segundo Rodríguez Solórzano et al. «non se consume apenas en fresco, xa que a maioría vai á industria conserveira»,[5] esquecéndose dos moitos que se comen fritos, enteiros e coa cabeza, como as xoubas, polo menos en Galicia e en Andalucía,[16] e dos populares boquerones en vinagre madrileños.
Cando se presenta en semiconserva adoita recibir o nome de anchoa.[17]
Segundo don Eladio Rodríguez:
Para conservarlo se sala, después de arrancarle la cabeza y los intestinos, pues como es comestible tiene mucho consumo, recibiendo el nombre de ANCHOA cuando ya está salado. Algunos años se pesca en grandes cantidades en las aguas marítimas de Galicia; y cuando esto ocurre se sala en las fábricas de conservas de nuestra región, y convertido en anchoas se hace de él una importante exportación al resto de España y al extranjero. Eladio Rodríguez.[18]
Para conservalo sálgase, despois de arrincarlle a cabeza e os intestinos, pois como é comestíbel ten moito consumo, recibindo o nome de ANCHOA cando xa está salgado. Algúns anos péscase en grandes cantidades nas augas marítimas de Galicia; e cando isto ocorre sálgase nas fábricas de conservas da nosa rexión, e convertido en anchoas faise del unha importante exportación ao resto de España e ao estranxeiro
Ademais da especie típica, hai outras especies de bocareus ou bocartes que tamén son obxecto de captura, así como doutras especies semellantes de xéneros afíns a Engraulis:
(Os nomes galegos, escritos en letra grosa, son os propostos por Lahuerta e Vázquez) [19]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.