A coprofaxia é un comportamento consistente na inxestión das feces. A palabra deriva do grego κόπρος, copros, 'feces' e φαγεῖν, fagein, 'comer'. A coprofaxia comprende moitos tipos de alimentación de feces, incluíndo comer feces doutras especies (heteroespecífica), doutros individuos (alocoprofaxia) da mesma especie, ou as feces propias (autocoprofaxia). Poden comerse unha vez depositadas ou no momento de saíren polo ano.[1]

Thumb
Femia da mosca Chrysomya megacephala alimentándose de feces.

Algunhas especies comen as feces propias como un comportamento normal, especialmente os lagomorfos, os cales fano para que os materiais vexetais duros que comeron sexan dixeridos por segunda vez de forma máis completa ao tragalos e pasaren por segunda vez polo tracto dixestivo. Outras especies poden comer feces propias ou alleas só en certas condicións, mentres que para outras é a súa forma de alimentación normal, como ocorre, por exemplo, cos escaravellos peloteiros, que se alimentan das feces dos vertebrados.

Nos humanos tamén se describiu a coprofaxia desde finais do século XIX en individuos con enfermidades ou retardos mentais e en certo tipo de actos sexuais.[2][3]

Coprofaxia en animais non humanos

En invertebrados

Thumb
Dúas bolboretas Lysandra bellargus alimentándose dunha masa de feces.

Os insectos coprófagos comen e dixiren as feces dos grandes animais. As feces conteñen substanciais cantidades de materiais semidixeridos, especialmente no caso dos herbívoros, debido á ineficiencia do sistema dixestivo dos grandes animais. Coñécense miles de especies de insectos coprófagos, especialmente entre as ordes dos Diptera e Coleoptera. Exemplos son as moscas Scathophaga stercoraria e Sepsis cynipsea, que son moscas dos excrementos comúns en Europa arredor da bosta das vacas. Entre os escaravellos, os escaravellos peloteiros son unha liñaxe diversa, moitos dos cales se alimentan dos compoñentes líquidos ricos en microorganismos dos excrementos de mamíferos, e poñen os seus ovos en bólas compostas principalmente dos restos fibrosos que quedaron.[4]

As térmites comen as feces dos seus conxéneres como un medio de conseguir os protistas que teñen no seu intestino posterior. As térmites e os protistas teñen unha relación simbiótica na que os protozoos fan psoible que as térmites dixiran a celulosa da dieta que comen. Por exemplo, nun grupo de térmites existe unha relación simbiótica tripla entre as térmites da familia Rhinotermitidae, os protistas celulolíticos do xénero Pseudotrichonympha que viven no intestino destas térmites, e os simbiontes bacterianos intracelulares dos protistas.[5]

En vertebrados

Os animais salvaxes e os domesticados son ás veces coprófagos, e nalgunhas especies isto forma parte esencial do seu método de dixerir os alimentos vexetais duros.

Algúns cans poden perder encimas dixestivos importantes cando só comen comidas procesadas secas, así que, segundo unha hipótese, poden obtelos comendo materia fecal. Só consomen materia fecal que teña menos de dous días, o cal apoia esta hipótese.[6]

As especies de Lagomorpha (coellos, lebres e picas) producen dous tipos de pellets fecais: os duros e os brandos chamados cecótropos. Os animais destas especies volven a comer os seus cecótropos, para extraer deles máis nutrientes. Os cecótropos derivan do material vexetal mastigado que se recolle no cego, unha cámara entre o intestino delgado e o groso, que contén grandes cantidades de bacterias simbióticas que axudan a dixerir a celulosa e producen certas vitaminas do grupo B. Despois da excreción dos cecótropos brandos, son tragados outra vez polo animal e redixíreos nunha parte especial do estómago. Os pellets permanecen intactos durante unhas seis horas no estómago; as bacterias que hai alí continúan a dixestión dos carbohidratos vexetais. Este proceso de dobre dixestión permite que estes animais extraian nutrientes que non se aproveitaron durante o primeiro paso polo intestino, así como os nutrientes fomados pola actividade microbiana.[7] Este proceso ten o mesmo propósito nestes animais que o que ten a ruminación nos animais ruminantes como vacas ou ovellas.[8]

O gando vacún é ás veces alimentado nalgúns países, como nos Estados Unidos, con esterco de polo. Expresouse a preocupación de que isto podería orixinar encefalopatía esponxiforme bovina (enfermidade das vacas tolas) debido ao penso que contén compoñentes cárnicos e de óso que se lles dá ás veces de comer aos polos. A. FDA dos Estados Unidos regulou esta práctica intentando previr a introdución de calquera parte de cerebro ou medula espiñal de vaca no alimento do gando.[9] Outros países, como Canadá prohibiron o uso de esterco de polo como alimento para o gando[10] e na Unión Europea está prohibido desde 2001.[11]

Os elefantes novos, os pandas xigantes, coalas e hipopótamos comen as feces das súas nais ou outros animais do rabaño, para obter as bacterias necesarias para dixerir debidamente a vexetación da que se alimentan nos seus ecosistemas.[12] Cando estes animais nacen os seus intestinos son estériles e non conteñen estas bacterias. Se non fixesen isto, serían incapaces de obter ningún valor nutricional das plantas. Os bácoros con acceso a feces maternas en momentos temperáns da súa vida mostran unha maior vigor.[13]

Os hámsteres, coellos de Indias, chinchillas, ourizos cachos e ratas-toupeira peladas comen as súas propias deposicións, que se pensa que son unha fonte de vitaminas do grupo B e K, producidas polas bacterias intestinais.[14] Ás veces existe tamén o comportamento de autounción (enzoufarse con substancias olorosas) mentres que estas criaturas comen os seus excrementos.[15] En raras ocasións os gorilas foron observados inxerindo as súas propias feces, posiblemente por aburrimento, por un desexo de comida quente ou para reinxerir as sementes contidas nas feces.[16]

Coprofaxia en humanos

Con frecuencia a coprofaxia ou escatofaxia pode observarse en nenos retardados ou psicóticos, ou ben nalgúns pacientes esquizofrénicos como manifestación dunha grave regresión. Pode estar asociada tamén a prácticas sexuais e comportamentos coprófilos de tipo fetichista.[17] Tamén pode estar relacionada coa gastronomía e a medicina tradicional.

Moitas veces a coprofaxia non precisa dunha atención médica psicolóxica, xa que pode manifestarse de forma temporal, sistemática ou permanente, sen que iso supoña un problema mental, senón unha práctica extrema.

Como trastorno e parafilia

A coprofaxia foi tamén observada nalgunhas persoas que padecen esquizofrenia[18] e pica,[19] así como nalgúns nenos retardados ou psicóticos.[17]

A coprofilia é unha parafilia na que o obxecto de interese sexual son as feces e ás veces pode estar asociada coa coprofaxia. A coprofaxia é ás veces representada na pornografía fílmica, xeralmente baixo o termo "scat" (de escatoloxía).[20][21] A novela de 1785 Les 120 Journées de Sodome ou l'école du libertinage (Os 120 días de Sodoma ou a escola de libertinaxe), escrita polo Marqués de Sade está chea de detalladas descricións de coprofaxia erótica sadomasoquista.[22] No anilingus e outras variantes sexuais pode tragarse certa cantidade de material fecal, o cal supón un risco de transmisión de enfermidades infecciosas.[23][24]

En cociña

As feces da ave fasiánida Lagopus muta son utilizadas na gastronomía inuit; chámanas urumiit e son consideradas un manxar.[25] Fanse varias bebidas usando as feces de animais ou compoñentes presentes nelas, incluíndo entre outros o café de civeta, o té de panda, o té de insectos e o café Black Ivory (de elefantes). O casu martzu é un queixo sardo que utiliza os procesos dixestivos de larvas de insectos vivas para axudar a fermentar e degradar as graxas do queixo.

Suposto medicamento tradicional

As medicinas Ayurveda e Siddha usan varias excretas de animais de diversas formas para os tratamentos. Os excrementos e a urina do cebú son especialmente importantes na lista. Isto necesita probarse seguindo os métodos científicos estándar.[26]

R.A. Lewin informou que "... a inxestión de feces de camelo quentes e frescas foi recomendado polos beduínos como un remedio para a disentería bacteriana; a súa eficiacia (probablemente atribuíble ao antibiótico subtilisina de Bacillus subtilis) foi anecdoticamente confirmada polos soldados alemáns no norte de África durante a segunda guerra mundial".[27] Porén, esta historia é probablemente un mito, e ningunha investigación independente verificou estas afirmacións.[28]

Na metade do século XVI os médicos probaban as excretas dos seus pacientes para xulgar mellor o seu estado e condición, segundo François Rabelais, que estudou medicina pero era tamén escritor de ficción satírica grotesca.[29]

Práctica de culto

Os membros dun culto relixioso en Tailandia comían rutineiramente as feces e pel morta do seu líder, a quen consideraban un home sagrado con poderes curativos.[30]

Coprofaxia en plantas

Algunhas plantas carnívoras, como as do xénero Nepenthes obteñen nutrientes das feces de animais comensais. Notables exemplos son Nepenthes jamban, cuxo nome en lingua indonesia é a palabra que significa váter.[31][32]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.