Conde de Galiza foi un título que se empregou no Reino de Galiza durante a Idade Media, desde o século IX até o XIII. Usado en diferentes circunstancias e mediante diversas fórmulas, tivo significados mutábeis, podendo facer referencia, nunha primeira etapa, a grandes magnates que eran lugartenentes do rei[1][2] ou, máis serodiamente, á cabeza visíbel da nobreza galega.[3]
Séculos IX-XI
Após a finalización do longo reinado de Afonso II no ano 842, a converxencia de intereses entre a aristocracia galega e Ramiro I, a cal lle permitira depor a Nepociano polas armas e acceder ao trono,[4] fixo que a relación entre os magnates e os reis fose un pouco máis lonxe mediante a adquisición por parte dos aristócratas da condición de funcionarios reais. Deste xeito, os magnates, que eran os que rexían nos seus propios dominios, comezaron a se denominar condes (comites), unha titulación que supuña unha elevada posición social e outorgaba un carácter non-rexio.[5] Non era nesta altura un título nobiliario; senón a expresión do cargo de xefe militar ao mando de exércitos propios.[6] Segundo a serie recompilada en 1795 por Juan Francisco Masdeu,[7] o primeiro coñecido sería o conde Pedro, mencionado na Crónica Albeldense facendo fronte a un ataque normando so o reinado de Ordoño I (850-866)[a] e identificado por algúns autores con Pedro Theon.[8]
- Froila (até o 866)[9][10]
- Flacidio (até o 875)[11]
- Witiza (até o 895)
- Hermenexildo Gutérrez (895-912)
- Ordoño II, rei de 910 a 924.
- Sancho Ordóñez, rei de 926 a 929.
- Guterre Osórez (916-941).
- Osorio Gutérrez (morto en 980).
- Gonzalo Mendes ou Gonçalo Mendes ou Gonzalo Méndez ou Gonzalo Menéndez (919-985).
- Paio González ou Pelayo González (até 959).
- Mendo González ou Melendo González ou Menendo Gonzalez ou Mendo Gundisalviz (até 1008)[12]
- Mendo Nunes e Velasco Almeiuz (1042)[2]
Séculos XI-XIII
En 1073 Rodrigo Ovéquiz, conde de Lugo, rebelouse contra o rei Afonso VI e autoproclamouse conde de Galiza.[13]
- Rodrigo Ovéquiz (c. 1073-1088)[b]
Condado de Galiza
Xa contra 1087, no medio dunha rebelión liderada por Rodrigo Ovéquiz e apoiada polo bispo de Santiago, Diego Páez, cuxo obxectivo era repor o rei García II e casalo cunha filla de Guillerme o Conquistador, Afonso VI creou o condado de Galiza e cedeuno ó seu xenro[c] Raimundo. Adicionalmente, arredor da súa figura creouse unha estrutura administrativa propia dun monarca (con chanceler, mordomo e meiriño mor propios), de xeito que atinxiu elevadísimas cotas de poder, empregando fórmulas propias da realeza e suplantando a autoridade do rei. Así, o conde borgoñón gobernou o territorio galego con total autonomía, como se fose un auténtico principado feudal[15] ou mesmo unha especie de vicerreinado.[16] Os seus dominios como conde de Galiza chegaban até Zamora e Salamanca, onde exercía igualmente a súa autoridade.[17]
- Raimundo de Borgoña (1087[18]-1107), coa súa muller
- Urraca (1087[c]-1109)
Casa de Trava
Coa morte de Raimundo, o seu principal valedor e cabeza da nobreza galega, Pedro Froilaz de Trava, converteuse no seu sucesor.[20]
- Pedro Froilaz de Traba (1107-1128)
- Fernán Pérez de Traba (1128-1155), fillo do anterior
- Rodrigo Pérez de Trava (1155)[21], irmán do anterior
- Gonzalo Fernández de Trava (1153[d]-1160), fillo de Fernando
- Fernando González de Trava (1160-1165),[23][24] fillo do anterior
- Gómez González de Trava (1160[24]-1211), irmán do anterior
- Rodrigo Gómez de Trava (1211-1261), fillo do anterior
Os Vela
Ademais da predominante Casa de Trava, os descendentes do conde Vela Ovéquiz (†1085), irmán de Rodrigo Ovéquiz,[b] que son coñecidos como os Vela,[25] tamén se denominaron condes de Galiza.
- Rodrigo Vélaz (†1141)[26]
- Álvaro Rodríguez (†1167)[e][27], fillo do anterior
- Rodrigo Álvarez (†1187)[28], fillo do anterior
Outros
Outros magnates tamén aparecen nalgún momento como condes de Galiza.
Século XIV
Após a morte de Rodrigo Gómez sen sucesión, a nobreza galega ficou sen unha cabeza visíbel. Pedro Fernández de Castro, señor da casa de Lemos, que foi pertegueiro mor de Santiago, encomendeiro do bispado de Lugo e adiantado mor de Galiza, entre outros, é considerado o sucesor por mor das altas cotas de poder que atinxiu, malia que nunca empregou o título de conde de Galiza.[32] O seu fillo, que ademais foi conde de Lemos, Trastámara e Sarria, seguiu encabezando o poder político galego.[33]
- Pedro Fernández de Castro (1328-1343)
- Fernando Ruiz de Castro (†1377), fillo do anterior
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.