Dona Urraca ou Dona Orraca,[1] nada en Burgos contra 1081 e finada en Saldaña de Burgos o 8 de marzo de 1126, foi raíña de Galicia, León, Castela e Toledo desde a morte do pai, o 30 de xuño de 1109, até o 8 de marzo de 1126. Era filla de Afonso VI e da súa terceira dona Costanza de Borgoña.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Traxectoria
Antes da morte do seu pai, gobernou o Reino de Galicia a modo de tenza feudal, sendo nomeado o seu marido, Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza. Foi nai de Afonso Raimúndez, proclamado rei en 1111 -co obxecto de preservar os seus dereitos ao trono e, en todo caso, ao reino galego-, e futuro Afonso VII. O reinado de Dona Urraca constituíu un momento de encrucillada decisivo para o futuro dos reinos cristiáns occidentais.
Despois de enviuvar en 1107 casou en segundas nupcias con Afonso I de Aragón, parente seu afastado, unha vez que ambos eran bisnetos de Sancho III de Navarra. Isto provocou a anulación do matrimonio polo papa Pascual II, mais eles permaneceron xuntos até 1114. (Porén, a mediados de 1110, fíxose amante do conde Pedro González de Lara, que se converteu nunha das figuras máis influentes do reino, e a quen Urraca deu dous fillos: Elvira Pérez de Lara e Fernando Pérez Furtado, así chamado porque se lle privou da herdanza por ser bastardo. Elvira casou con Bertrán de Risnel, conforme ao disposto polo seu medio irmán Afonso VII).[2]
Ademais, a propia nobreza de León e Castela opúxose ao matrimonio, xerándose un clima de guerra civil no reino. En fin, tivo tamén que facer fronte ao propio fillo, tornado rei de Galiza, para poder manter o trono. Cando Urraca morreu, foi o seu fillo quen a sucedeu á fronte dos destinos do país.
Goberno de Galicia
En 1093, aos 12 anos, casa con Raimundo de Borgoña membro da familia condal de Borgoña e vén a Galicia para compartir con el o seu goberno. Sempre leais ao monarca leonés, non renunciaron á dignidade do seu cargo. Así, en documentos de 1095 e 1105, referidos á concesión de dereitos aos burgueses composteláns, asina coa expresión Urraca regina.
A súa condición de muller non foi obstáculo para reafirmar a súa autoridade trala morte do seu primeiro home en 1107, momento en que asina como totius Gallecie imperatrix.[3]
Entre outras residencias galegas, parece ser que viviron no casal de Fente (Monterroso), aínda que os labores de goberno obrigárona a pasar tempadas noutras localidades como Santiago de Compostela ou Caldas de Reis.
Ela e o seu home exerceron xustiza, formaron exércitos, concederon privilexios e recadaron tributos con plena autonomía. Isto permitiu pacificar un reino que dende a prisión de García de Galicia fora foco de inestabilidade nobiliar e eclesiástica (rebelión de Rodrigo Ovéquiz e destitución do bispo Diego Páez).
Do bo entendemento coa nobreza eclesiástica é testemuño o bautismo do seu fillo Afonso Raimundez polo bispo Diego Xelmírez; da harmonía coa nobreza autóctona fala a encomenda da educación deste ao poderoso conde Pedro Froilaz de Trava.
Coa morte de Raimundo, Urraca procura que na curia plena reunida en León (1107) se lle aseguren ao seu fillo os seus dereitos sobre o Reino de Galicia, ante as perspectivas do competidor Sancho, fillo e herdeiro do rei Afonso VI. Paradoxalmente, isto volveríase na súa contra máis tarde: a morte do herdeiro de León en Uclés no ano 1108, colócaa a ela como depositaria dos dereitos sucesorios á coroa.
Raíña de León
Trala morte de Afonso VI, Urraca coróase como raíña de León. Resulta ser así a primeira raíña titular da historia de España. Nin Elvira Menéndez, nai de tres reis, nin a súa avoa Sancha, de quen Fernando I de León recibe a lexitimidade leonesa, poden ser consideradas como tales.
Urraca busca alianzas para consolidar o seu poder. Casa co monarca navarro-aragonés Afonso o Batallador. Con este matrimonio pretende contar cos exércitos conquistadores do emirato de Zaragoza malia que contase coa oposición do conde de Henrique de Borgoña, de Pedro Froilaz de Trava e da Igrexa. A pesar de todo, Afonso o Batallador consegue o dominio máis ou menos voluntario de Castela e León pero, ao non ser a súa autoridade recoñecida polos magnates galegos laicos e eclesiásticos nin polos influentes monxes de Sahagún, iníciase un período bélico e inestable coa seguinte situación:
- Castela e León baixo o dominio de Afonso o Batallador.
- Galicia apiñada ao redor dos dereitos do fillo de Urraca.
- Portugal consolidando a súa autonomía con Tareixa de Portugal autodenominándose regina dun espazo territorial concreto.
O rei neno
Diego Xelmírez e Pedro Froilaz, non tardan en reaccionar e coroan o fillo de Urraca, Afonso Raimúndez, o 17 de setembro de 1111 en Santiago de Compostela. Pretenden defender os dereitos deste, cando menos sobre o reino de Galicia. Isto desata unha guerra aberta na que o rei navarro-aragonés non consegue o dominio de Galicia pero impide a coroación de Afonso en León. Xa en 1112 o neno reúnese coa súa nai (tras ser feito prisioneiro), quen afianza as súas relacións cos nobres galegos e volta confiar seu fillo a Froilaz de Trava.
As desavinzas entre Urraca e o seu novo home acaban conducindo a aquela a un entendemento con Xelmírez. Precisaba do apoio das tropas galegas para desaloxar a Afonso o Batallador de Castela e León. A partir dese momento, prodúcese unha situación de cogoberno co seu fillo do que son testemuño certas crónicas como a Historia Compostelá e decenas de documentos asinados conxuntamente como reis, especialmente en Galicia. Nalgúns destes confirman ou outorgan dereitos e bens a prol de Xelmírez e de Pedro Froilaz.
Afianzamento do seu reinado
En 1115, roto xa o matrimonio con Afonso o Batallador e expulsado este dos seus reinos, Urraca exerce plenamente as funcións rexias. No que atinxe a Galicia, acada un acordo co bispo de Compostela no que é recoñecida como raíña, sen prexuízo da condición real do seu fillo, a quen se lle asigna o goberno do reino de Toledo. O levantamento dos burgueses de Santiago, que chegan a aldraxar a raíña na praza pública e a poñer en fuga o arcebispo, propiciaron o entendemento.
Tamén contribuíron ao acordo as arelas de Tareixa de Portugal dunha maior autonomía da coroa de León, así como as súas incursións ao norte do río Miño. Deste xeito, en 1121 un exército galaico-leonés ao mando de Urraca e Xelmírez puxo sitio a Tareixa no castelo de Lanhoso e impuxo a súa autoridade alén do río Douro.
Urraca morreu de parto no ano 1126. Afonso Raimundez era, finalmente, coroado en León co nome de Afonso VII.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.