profesor e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Claudio Rodríguez Fernández, coñecido como Claudio Rodríguez Fer, nado en Lugo o 6 de abril de 1956, é un profesor e escritor galego que cultiva a poesía, a narrativa, o teatro, o estudo, o ensaio e o guión para audiovisuais.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de abril de 1956 (68 anos) Lugo, España |
Actividade | |
Ocupación | poeta, narrador |
Empregador | Universidade de Santiago de Compostela Université de Bretagne-Sud (pt) Universidade de Rennes 2 Alta Bretaña Universidade da Cidade de Nova York Universidade de París |
Xénero artístico | Poesía, ensaio e narración |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Carmen Blanco García |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Comezou a escribir poesía xa de rapaz baixo a influencia de seu pai, un home progresista, súa nai mestra e coa lectura dos abundantes libros que tiña súa tía. En 1966 comezou o bacharelato no Instituto Masculino de Lugo e, en 1970, a súa militancia antifranquista no movemento estudantil. Tamén comezou a colaborar regularmente en El Progreso de Lugo, con artigos e críticas de cine. Tamén inicia o seu labor cine-clubístico organizando exhibicións universitarias e redactando folletos para o Club Cultural Valle-Inclán e o Cine-Club Marcos da Portela[1]. Desde 1974 (ese curso universitario comezou en xaneiro e rematou no verán), estudou Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo e, a partir de 1976, na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1978. Axiña aprobou as oposcións de profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas de ensinanza media por oposición libre en Salamanca e catedrático das mesmas materias por oposición libre en Madrid[2], exercendo en Lugo, Santiago de Compostela e Chantada.
É membro do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística, área de Literatura Española, e exerce como docente na Facultade de Humanidades de Lugo. Foi nomeado director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, onde custodia o arquivo e a biblioteca persoais doados polo autor ourensán[3], e codirixe a revista de investigación Moenia[4]. Foi profesor das Universidades da Cidade de Nova York, de París-Est Marne-La Vallée, da Alta Bretaña en Rennes e da Bretaña Sur en Lorient.[5]
A súa tese de doutoramento (1990, USC) titulouse A literatura galega en Galicia durante a guerra civil[6] e deu orixe a diversos libros[Cómpre referencia]. Coordina con Carmen Blanco García Unión Libre, Cadernos de vida e culturas,[7] e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.[8]
Deuse a coñecer cos pioneiros poemarios eróticos, enmarcados na natureza e nas cidades de Galicia, Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981)[9], Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988)[10], libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992), catro deles ilustrados por Carmen Blanco García. A eles seguiron outros máis nómades, a miúdo escritos fóra de Galicia, mais igualmente caracterizados por un vitalismo erótico radicalmente libertario e pola súa conexión co concepto surrealista do amour fou, así como por ser ilustrados por Sara Lamas: Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Viaxes a ti (2006) e Unha tempada no paraíso (2010), este cunha ampla introdución de Olga Novo.
A súa temperá conexión co cine orixinou Cinepoemas (1983, ampliado en 2016 con edición gráfica de Cristina Fiaño), e a súa paixón pola música motivou A muller sinfonía (Cancioneiro vital) (2018). Tamén realizou e publicou mostras de poesía visual, como Criptografías (2018, con prefacio de Antonio Gamoneda, labor reunido na exposición antolóxica na Fundación Granell Corpoética (2018)[11], cuxo catálogo se publicou con textos de Lily Litvak, Olga Novo, Manuel Fernández Rodríguez e Antonio Gamoneda e deseño de Cristina Fiaño. No Centro de Arte Moderna de Madrid expuxo Corpoética infinita (2019). Con obras do multiartista Eugenio Granell realizou o libro de artista Rastros de vida e poesía (2000) e Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015).
Lugo blues (1987), con fotos de Eduardo Ochoa, A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009),[12] con gravados de Sara Lamas,[13] compoñen a súa triloxía poética sobre, respectivamente, a memoria histórica da súa cidade natal, de Galicia e da muller libre e represaliada.
Reuniu toda a súa obra poética verbal (os seus doce primeiros libros) en Amores e clamores (2011)[14], obra subdividida en "Ciclo Vulva", "Triloxía da memoria" e "Ciclo nómade", e toda a súa obra narrativa en Contos e descontos (2011)[15], incluíndo os inéditos "Prometeo adolescente" e "O neno que non quería ir á guerra", así como os xa publicados Meta-relatos (1988), con fotos de Eduardo Ochoa, e Os paraísos eróticos (2010)[16], con debuxos de Sara Lamas. Tras viaxar por Romanía publicou o poemario ADN do infinito (2021), ilustrado por Sara Lamas.
Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas, tendo intervido publicamente en espazos culturais e universitarios de Europa, América e África. Entre outros recoñecementos, no campo da poesía, recibiu o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura (1981)[17] e o Día da Poesía Galega 2016 do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai)[18]; no campo da investigación, por dúas veces o Premio Antón Losada Diéguez, concretamente por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil; no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela e o doutoramento honoris causa da Universidade da Alta Bretaña en Rennes,[19] e, no campo cívico, a Presidencia de Honra da Asociación Memoria do Exilio dos Republicanos Españois en Brest e o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda.
Foi traducido a numerosos idiomas en antoloxías e revistas de linguas románicas, xermánicas, eslavas e orientais, así como en edicións exentas, como, en castelán, Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015) e Anarquista o nada (Poemas de la memoria libertaria) (2016); en inglés, Tender Tigers (2012), Rosalía’s Revolution in New York (2014), Deathless Loves (2015) e New York, New Poems (2022); en francés Voyages à toi (2008), La pièce bretonne (2014), Les amours profonds (2016) e Dialogues impossibles (2018); en italiano, L'ansia di avere le ali (2015); en grego, Πύλες απειράριθμες (2017); en bretón, Muioc'h kalz eget mil bloaz (2000); en romanés, Dincolo de pădure (2018); en catalán, Bellesa o barbàrie (2019); en portugués, Uma temporada no paraíso (2019) etc. O seu poema "A cabeleira",[20] sucesivamente reeditado en edicións políglotas, foi traducido a máis de sesenta linguas en A cabeleira multilingüe (2017), mais tamén existe edición políglota do seu poema Pai meu (Amén, camarada) (2017). O mesmo poeta introduciu e traduciu Musgo / Moss, de Emily Dickinson (2015).
Foi obxecto de tres libros: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996, Ed. Positivas) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999[21] e ampliado 2008), de Olga Novo, quen tamén o analizou na introdución de Unha tempada no paraíso, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998, Ed. do Castro) de Natalia Regueiro.
É parella de Carmen Blanco García, con quen ten unha filla, Mariña.[22]
[28] 42 páxs. ISBN 978-84-124269-7-7.[29]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.