From Wikipedia, the free encyclopedia
A alfa-queratina (α-queratina), é un tipo de proteína queratina que se encontra nos mamíferos. Esta proteína é o principal compoñente do pelo, cornos, uñas e a capa epidérmica da pel. A α-queratina é unha proteína estrutural fibrosa, xa que os seus aminoácidos forman unha estrutura secundaria repetida. A estrutura secundaria da α-queratina é moi similar á das proteínas típicas en hélice α e forma unha hélice superenrolada.[1] Debido á súa estrutura apertadamente enrolada, pode funcionar como un dos materiais biolóxicos máis fortes e ten varios usos nos mamíferos, desde a de formar gadoupas predadoras a pelos para abrigarse. A α-queratina sintetízase polos procedementos normais, pero cando a célula madura está chea de α-queratina, e morre, creando unha forte unidade non vascularizada de tecido queratinizado.[2]
A α-queratina é unha cadea polipeptídica, rica en alanina, leucina, arxinina e cisteína, que forma unha hélice α dextroxira.[3][4] Dúas destas cadeas polipeptídicas enrólanse entre si formando unha estrutura helicoidal levoxira chamada hélice suerenrolada. As cadeas do dímero, de aproximadamente 45 nm de longo, están unidas por medio de pontes disulfuro entre as moitas cisteínas que se encontran na proteína.[2] Os dímeros despois alíñanse, e os seus extremos C-terminal enlázanse cos extremos N-terminal doutros dímeros, e dúas destas novas cadeas únense en sentido lonxitudinal, sempre por medio de pontes disulfuro, para formar un protofilamento.[5] Dous protofilamentos agréganse para formar unha protofibrila, e catro protofibrilas polimerízanse para formar os filamentos intermedios, que son a subunidde básica das α-queratinas. Estes filamentos intermedios poden condensar nunha formación en hélice superenrolada duns 7 nm de diámetro, e pode ser de tipo I, ácida, ou de tipo II, básica. Os filamentos intermedios están finalmente incrustados nunha matriz de queratina que ou ben ten un alto contido de residuos de cisteína ou ben de glicina, tirosina e fenilalanina. Os diferentes tipos, aliñamentos e matrices destes filamentos intermedios explican a gran variedade de estruturas de α-queratina, con distintas propiedades, que se encontra en mamíferos.[6]
A síntese de α-queratina empeza preto dos puntos de adhesións focais na membrana da célula. Alí, os precursores dos filamentos de queratina pasan por un proceso coñecido como nucleación, no que os precursores dos dímeros e filamentos se alongan, fusionan e agrupan.[2] A medida que ocorre esta síntese, os precursores dos filamentos de queratina son transportados polas fibras de actina da célula cara ao núcleo celular. Alí, os filamentos intermedios de alfa-queratina xúntanse e forman redes de estrutura diferentes segundo o uso que van ter as células queratina a medida que simultameamente se degrada o seu núcleo.[7] Porén, se é preciso, en vez de continuaren crecendo, os complexos de queratina desensámblanse orixinando precursores de queratina non filamentosos que poden difundir polo citoplasma da célula. Estes filamentos de queratina poderán usarse na futura síntese de queratina, ou reorganizar a estrutura final ou crear un complexo de queratina diferente. Cando a célula se encheu coa queratina correcta e estruturada debidamente, experimenta unha estabiliación da queratina e a célula morre, o que é unha forma de morte celular programada. Isto ten como resltado unha célula queratiniada non vascular completamente madura.[8] Estas células con alfa-queratina completamente maduras ou células cornificadas son os principais compoñentes do pelo, a capa externa das uñas e cornos e a capa epidérmica da pel.[9]
A propiedade de maior importancia biolóxica da alfa-queratina é a súa estabilidade estrutural. Cando están sometidas a un estrés mecánico, as estruturas da α-queratina poden reter a súa forma e así poden protexer o que as rodea.[10] Baixo unha tensión alta, a alfa-queratina pode incluso cambiar a beta-queratina, unha formación de queratina aínda máis forte que ten unha estrutra secundaria de folla beta.[11] Os tecidos de alfa-queratina tamén mostran signos de viscoelasticidade, permitíndolles estirarse e absorber impactos ata un certo grao, pero poden tamén acabar fracturándose. A forza da alfa-queratina tamén se ve afectada polo contido de auga na matriz dos filamentos intermedios; un maior contido de auga diminúe a forza e a rixidez das células queratinizadas debido aos seus efectos sobre as pontes de hidróxeno na rede da proteína.[2]
As proteínas alfa-queratinas poden ser de dous tipos: tipo I ou tipo II. Hai 54 xenes de queratina nos humanos, 28 dos cales codifican o tipo I, e 26 o tipo II.[12] As proteínas de tipo I son ácidas, o que significa que conteñen máis aminoácidos ácidos, como o ácido aspártico, mentres que as do tipo II son básicas, o que significa que conteñen máis aminoácios básicos, como a lisina.[13] Esta diferenciación é especialmente importante nas alfa-queratinas porque na síntese do seu dímero subunidade, a hélice superenrolada, unha das proteínas enroladas que o forman debe ser de tipo I, mentres que a outra debe ser de tipo II.[2] Incluso dentro dos tipos I e II, hai queratinas ácidas e básicas que son especialmente complementarias entre si en cada organismo. Por exemplo, na pel humana, a K5, é un tipo de alfa-queratina de tipo II, que se emparella principalmente coa K14, que é de tipo I, para formar o complexo de alfa-queratina das células da epiderme da pel.[14]
As alfa-queratinas duras, como as que forman as uñas, teñen un maior contido en cisteína na súa estrutura primaria. Isto causa un incrementeo de pontes disulfuro que poden estabilizar a estrutura da queratina, permitíndollo resistir unha forza elevada antes de fracturarse. Por outra parte, as alfa-queratinas brandas, como as que se encontran na pel, conteñen unha cantidade comparativaemtne pequena de pontes disulfuro, o que fai a súa estrutura máis flexible.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.