Lenin
revolucionario comunista, político e teórico político ruso / From Wikipedia, the free encyclopedia
Vladimir Ilich Lenin (en ruso: Владимир Ильич Ленин; ( [vlɐˈdʲimʲɪr ɪlʲˈjitɕ ˈlʲenʲɪn] (axuda · info)) nado Vladimir Ilich Ulianov, en ruso: Владимир Ильич Ульянов), nado o 22 de abril (xul. 10 de abril) de 1870 en Simbirsk e finado o 21 de xaneiro de 1924 en Moscova, foi un revolucionario comunista, político e teórico político ruso que serviu como líder da RSSF de Rusia dende 1917 e de presidente do Consello de Ministros da Unión Soviética dende 1922 até 1924.
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Nado no seo dunha adiñeirada familia de clase media en Simbirsk, Lenin adquiriu interese pola política revolucionaria de esquerda logo da execución do seu irmán en 1887. Pouco despois ingresa na Universidade de Kazán, onde é expulsado pola súa participación en protestas antitsaristas, adicando os seguintes anos á obtención do título en dereito e á política radical, adoptando as teses do marxismo. En 1893 mudouse á daquela capital de Rusia San Petersburgo, onde continuou coa súa actividade política, converténdose nunha figura importante dentro da Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Arrestado e exiliado a Siberia durante tres anos, consegue fuxir posteriormente cara a Europa occidental, vivindo en Alemaña, Inglaterra e Suíza. Despois da Revolución de Febreiro de 1917 na que foi derrocado o Tsar, e na que un goberno provisional asume o poder, decide regresar ao seu lar.
Como líder da facción bolxevique do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, tivo un papel principal na orquestración da Revolución de Outubro en 1917, que o levou ao derrocamento do goberno provisional ruso e o establecemento da República Socialista Soviética Federativa de Rusia, o primeiro Estado constitucionalmente socialista do mundo. Inmediatamente despois, Lenin procede a aplicar as reformas socialistas, incluíndo a transferencia de propiedades e terras da coroa aos soviets de traballadores. Fronte á ameaza da invasión alemá, argumentou que Rusia debía asinar de inmediato un tratado de paz, o cal conduciu á saída dos rusos da primeira guerra mundial. En 1921 Lenin propuxo a Nova Política Económica, un sistema de capitalismo de Estado co que comezou o proceso de industrialización e recuperación da guerra civil rusa. En 1922, a R. S. S. F. de Rusia uniuse aos antigos territorios do Imperio Ruso formando a Unión Soviética. A facción bolxevique converteuse máis tarde no Partido Comunista da Unión Soviética.
Como político, Lenin era un orador carismático e convincente. Como intelectual os seus amplos desenvolvementos teóricos e filosóficos do marxismo produciron o marxismo-leninismo, unha aplicación pragmática rusa do marxismo que fai fincapé no papel fundamental desempeñado por unha vangarda política comprometida e disciplinada no proceso revolucionario, defendendo a posibilidade dunha revolución socialista nos países capitalistas menos desenvolvidos a través dunha alianza do proletariado co campesiñado rural. Lenin segue a ser hoxe en día unha figura controvertible en todo o mundo. Os seus críticos táchano de ditador, tese contrarrestada polos seus partidarios aducindo as limitacións do seu poder e considerándoo un heroe da clase obreira. Tivo ademais unha grande influencia no movemento marxista-leninista, que dende a súa morte evolucionou nunha gran variedade de escolas de pensamento como o estalinismo, o maoísmo ou o trotskismo.