disciplina da onomástica que estuda os nomes de lugar From Wikipedia, the free encyclopedia
A toponimia é a rama da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe, evolución e significado;[1] é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para indicar o conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto, e os nomes tradicionais chamadeiros e chamadoiros.[2] A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.
Este artigo ou sección precisa contidos, imaxes ou perspectivas globais. Por favor, universalíceo.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
Formación de numerosos compostos, especialmente coa adxunción dun adxectivo como segundo elemento (-agudo, -baixo, -outo, -maior,...: Monteagudo, Picouto, Vilarmaior) ou coa presenza dun sintagma nominal subst. + de + subst. (Vilar de Frades, Montaña da Agra) ou subst. + de + adv.(Carballal de Arriba).
Porén, as leis de evolución fonética (por exemplo, as leis de Grimm) dos topónimos son iguais cós da lingua común, pois os falantes non teñen consciencia de que haxa que pronunciar os topónimos dun xeito distinto ás palabras comúns. Mais ás veces as leis evolutivas ficaran nun determinado estadio, dando lugar a verdadeiros fósiles lingüísticos; así un topónimo como Mazaeda revelaría un estadio intermedio, desde un tardolatino *MATTIANETA fronte Maceda, máis evolucionado.
O desenvolvemento científico dos estudos toponímicos aparece no século XVIII. En Galiza, Martín Sarmiento foi o primeiro que aplica o método filolóxico e comparativo non só na lingua galega en xeral, senón tamén á toponimia e antroponimia. Mais houbo que esperar ata finais do XIX para que o desenvolvemento da lingüística impulsara paralelamente a onomástica como unha póla propia.
En diversos países europeos algúns lingüistas son considerados os abandeirados do establecemento da toponimia. Deben destacarse en Francia D'Arbois de Jubainville, Auguste Longnon, Albert Dauzat; en Alemaña H. Groehler, E. Gamillscheg, Gerhard Rohlfs; en Italia V. Bertoldi. En Bélxica Carnoy, Auguste Vincent. Na Suíza, Hubschmied e Paul Aebischer. En Portugal, como en tantas outras cousas, o pioneiro foi José Leite de Vasconcelos. Algúns deles emprestaron tamén atención á Península Ibérica, na que destacan a Ramón Menéndez Pidal, Antonio Tovar, Johannes Hubschmid, Joan Coromines), Antoni Badia i Margarit, Manuel Alvar, A. Griera, ou Luis Michelena. Varias revistas especializadas aglutinaran as investigacións onomásticas, das que compre destacar Onoma, un boletín bibliográfico creado en 1950, en Lovaina.
Tamén en América se desenvolveran entrementres as investigacións toponímicas. No Canadá destacou Robert Douglas. Nos Estados Unidos de América cómpre salientar a Robert L. Ramsay como fundador de toda unha escola onomástica. Os esforzos canalizáronse a través da revista Names, desde 1953, vinculada á Universidade de California en Berkeley. Non faltan tampouco toponimistas en Latinoamérica: Ricardo L.J. Nardi na Arxentina ou Bernardo Pedral Sampaio no Brasil.
A conversión dos topónimos en nomes comúns, ou viceversa, constitúe tamén un procedemento de acrecentamento lexical:
gal. caolín, fr. Kaolin proceden do topónimo chinés Kao Ling.
Ribeiro (viño) procede do topónimo da comarca en que se produce.
Os topónimos sempre se orixinan do léxico da fala, aínda que en momentos posteriores poidan perder a súa transparencia semántica e xa non ser evidente o seu significado.
Temática
Os topónimos poden clasificarse tematicamente:
Constitución e forma do terreo: Areas, Barreiro, Polvo. Entre eles destacan:
Antropotopónimos: nomes de lugar referidos a nomes persoais ou familiares (antropónimos): Chamín (do latín FLAMINIUS), Allariz (do xermánico latinizado ALIARICUS), Cazurraque (de CASA ORRACHI, do medieval Urraca, nome de muller de discutida orixe), Ceide (do árabe SAYID), Os Gómez (dun apelido de orixe xermánica), Morquintián (dunha Mor Quintián, que correspondería a un latino *Maiore *Quintilane, con nome de orixe latina e apelido xermánico), Paiosaco (dun Paio Saco), As Pontes de García Rodríguez, Negueira de Muñiz.
Haxiotopónimos ou nomes de lugar referidos a algún santo ou advocación sagrada: O Corpiño, Santalla, Santa Cubicia, Santo Estevo, Sanxés e Sanxenxo (de SAN(CTU) GENESIU).
Límites e referencias espaciais, ás veces resumidas nun adverbio: Alén (de AD ILLINC), (A) Lence (de ILLINCE), Limideiro (de *LIMITARIUM < LIMITE), Pedrafita (de PETRA FICTA), Suso (de SURSUM "cara arriba") ou Susao (de *SURSANUM).
Pobreza e riqueza: Famelga / Falmega (de (VILLA) FAMELLICA), Laceiras (laceira "pobreza", creado do antropónimo Lazarus, de orixe semita), Podentes (de POTENTES "que poden"), Vilarrica.
Topónimos derivados doutros, por razóns diversas (moitas veces como etnotopónimos): Callao, Laciana, Mondego, Rozabales, Santiago, Sarreaus.
Anecdóticos ou creacións expresivas diversas ou que lembran unha circunstancia especial actualmente non fácil de explicar (aínda que cómpre confirmar estas explicacións para non caer na etimoloxía popular): Mexadeiro, Mollafariña ou Salsipodes.
Cómpre ter conta de que con frecuencia os topónimos poden solaparse en dúas ou máis variantes temáticas.
Orixe
A orixe dos topónimos galegos, por orde cronolóxica, é:
Orixe latina. Son os maioritarios: Compostela (de COMPOSITA + ELLA, non de *CAMPUS STELLAE), Padrón (de PETRONEM, formado sobre un aumentativo de PETRA), Vigo (de VICUM ), Eiras (de AREAS, "áreas"), Reboira (de *ROBOREA), Taboada e Taboadela (de TABULATA ), Viveiro (de VIVARIUM),... A través do latín entraron no galego topónimos de orixe grega ou xudía, na maior parte por influxo do Cristianismo, como Grixoa (de ECCLESIOLA, diminutivo de ECCLESÍA), Mosteiro (de MONASTERIUM), Vilasol (dunha VILLA SAULI, do nome hebreo latinizado SAULUS).
Orixe franca: co nome de francos englóbanse os inmigrantes europeos que foran chegando ata os reinos peninsulares ao longo da Idade Media. Na súa maior parte eran franceses (de aí o xentilicio), pero tamén os había xermanos, italianos, languedocianos etc. A influencia maioritaria foi francesa ou provenzal (como se observa na influencia exercida sobre a lingua galaico-portuguesa), debida en parte ó Camiño de Santiago. Podemos observar pegadas tamén na toponimia: Granxa (do francés GRANGE), Temple (forma francesa fronte a autóctone Templo).
Orixe castelá. A consecuencia da influencia do español, como lingua oficial: Calle, Venta da Castellana, As Ermitas, Carrete(i)ra, Manzaneda, O Portazgo.
Edelmiro Bascuas, Estudios de Hidronimia Paleoeuropea Gallega. Universidade de Santiago de Compostela. 2002
Ana Isabel Boullón Agrelo (2010): "Toponimia de Galicia. Estado da cuestión”, en Mª Dolores Gordón Peral (ed.): Toponimia de España. Estado actual y perspectivas de la investigación. Berlín / Nova York: Walter de Gruyter, 31–58.
Fernando Cabeza Quiles (1992): Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado, Edicións Xerais, Vigo.
—————— (2000): Os nomes da terra. Topónimos galegos, Editorial Toxosoutos, Noia.
—————— (2008): Toponimia de Galicia, Editorial Galaxia, Vigo.
—————— (2014): A toponimia celta de Galicia, Editorial Toxosoutos, Noia.
Antón Santamarina (2002): “A Journey through Galician Onomastics”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Actas do XX Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas: Santiago de Compostela, 20-25 setembro 1999. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 3-32. [Edición en CD-Rom)]. Trad. gal.: “Viaxe pola onomástica galega”, A Trabe de Ouro 62 (2005) 11-38. Versión resumida en “Onomástica galega”, apéndice da Gran Enciclopedia Gallega 35, 140-152.