Rembrandt Harmenszoon van Rijn, nado en Leiden o 15 de xullo de 1606 e finado en Ámsterdam o 4 de outubro de 1669, foi un pintor e gravador neerlandés, considerado un dos grandes pintores europeos da historia da arte e o máis importante do seu país[1]. As súas contribucións á arte producíronse nun período que os historiadores denominaron século de ouro holandés no cal a influencia política, a ciencia, o comercio e a cultura holandesas chegaron ó seu cumio.
Habendo alcanzado o éxito na mocidade, os seus últimos anos estiveron marcados pola traxedia persoal e a ruína económica. Os seus debuxos e pinturas foron sempre moi populares, gozando tamén de gran predicamento entre os artistas, e durante vinte anos converteuse no mestre de practicamente todos os pintores neerlandeses[2]. Entre os maiores logros creativos de Rembrandt están os maxistrais retratos que realizou para os seus contemporáneos, os seus autorretratos e as súas ilustracións de escenas bíblicas. Nos seus autorretratos, especialmente, atopamos sempre a mirada humilde e sincera dun artista que trazou neles a súa propia biografía.[1]
Nas primeiras composicións de Rembrandt está presente a influencia de Caravaggio, pero xa dende pronto afirma a súa linguaxe persoal, onde a atmosfera dourada e os efectos luminosos con figuras que emerxen das sombras caracterizan a súa pintura ata presentar a realidade desfigurada. A súa percepción psicolóxica humaniza tanto os protagonistas dos seus abondosos retratos como os personaxes de escenas bíblicas. A espiritualidade das súas pinturas, con formas cada volta máis desfiguradas, faise compatible coa realidade material.
Rembrandt tiña un profundo coñecemento da iconografía clásica, e nas súas pinturas e gravados adoitaba interpretala libremente para axustala á súa propia experiencia. Así, na representación dunha escena bíblica Rembrandt adoitaba combinar o seu propio coñecemento do texto co seu particular concepto da composición clásica e algunhas observacións anecdóticas da poboación xudía de Ámsterdam.[3] Pola empatía con que retratou a condición humana, Rembrandt foi considerado "un dos grandes profetas da civilización".[4]
- Ningún artista combinou nunca tan delicada habilidade con tanta enerxía e poder.[5]
- O seu tratamento da humanidade soborda de simpatía.[6]
As dúas etapas da vida de Rembrandt (a próspera e a adversa) reflíctense nas súas obras, e moi especialmente nos autorretratos. Mentres que os primeiros son alegres e brillantes, os dos últimos anos teñen un carácter moito máis sereno e escuro, cunha profundidade superior. Todas as súas obras son plenamente barrocas, e están dominadas pola acción, o dramatismo e un realismo derivado da observación do mundo que o rodeaba.
Traxectoria
Primeiros anos
Rembrandt[nota 1] Harmenszoon van Rijn foi o noveno fillo do matrimonio formado por Harmen Gerritszoon van Rijn e Neeltgen Willemsdochter van Zuytbrouck.[7] De familia acomodada -o seu pai era muiñeiro e a súa nai a filla dun panadeiro, profesións entón moi lucrativas-, Rembrandt recibiu a súa educación básica en latín, e posteriormente asistiu á Universidade de Leiden. Segundo os seus coetáneos, o mozo xa manifestaba unha marcada afección á pintura, que lle levou a converterse en aprendiz dun pintor histórico de Leiden chamado Jacob van Swanenburgh, con quen estudaría durante tres anos. Tras un breve pero intenso aprendizaxe de seis meses co soado Pieter Lastman, en Ámsterdam, Rembrandt inaugurou o seu propio estudo en Leiden en 1624 ou 1625 -as datas difiren segundo cada fonte-, que compartiría co seu amigo e colega Jan Lievens. Pieter Lastman é o que máis lle influíu e o que lle transmitiu as tendencias italianas máis de moda; proba diso é que as súas primeiras obras, como Lapidación de San Estebo, están moi influenciadas polo seu estilo. Alí o seu estilo foi evolucionando desde uns inicios de cor brillantes e xestos esaxerados ata chegar a ter un gran dominio do clarescuro; esta técnica tan típica do Barroco é a máis característica da súa obra, e a que lle dá máis forza e personalidade. En 1627, Rembrandt empezou a impartir clases de pintura, e entre os seus numerosos alumnos destacou Gerrit Dou.[nota 2]
En 1629 Rembrandt foi descuberto polo estadista Constantijn Huygens -pai do soado matemático e físico Christiaan Huygens-, quen lle facilitaría importantes encargos da corte da Haia. Como resultado desta relación, o mesmo príncipe Frederik Hendrik foi adquirindo obras de Rembrandt ata 1646.[8]
A vida con Saskia
A finais do 1631, como consecuencia da morte do seu pai, Rembrandt trasladouse a Ámsterdam, a nova capital das empresas dos Países Baixos que vivía un crecemento económico importante. En Ámsterdam Rembrandt comezou a exercer como retratista profesional por primeira vez, e fíxoo cun grande éxito. Asociou co marchante Hendrick van Uylenburgh, a través de quen coñeceu a Saskia van Uylenburgh, que era filla do seu curmán Rombertus van Uylenburgh, con quen casou o 22 de xuño de 1634.[9] Saskia era unha moza de boa familia: o seu pai fora avogado e burgomaestre de Leeuwarden. Cando Saskia quedou orfa, sendo a irmá máis nova, tivo que irse vivir coa súa irmá en Het Bildt. O matrimonio, celebrado na igrexa local de St. Annaparochie, non contou coa asistencia dos parentes de Rembrandt. Ese mesmo ano Rembrandt converteuse nun membro máis da burguesía de Ámsterdam, así como da sociedade local de pintores. Entre os seus novos alumnos figuraban Ferdinand Bol e Govert Flinck.[10]
En 1635 o novo matrimonio mudouse á súa nova casa, situada no elegante barrio de Nieuwe Doelenstraat. En 1639, o matrimonio volveuse a mudar a unha casa, máis cara (o edificio é actualmente a sede da casa-museo Rembrandt), situada ao sur da rúa Sint Antoniesbreestraa, tramo que máis tarde pasaría a chamarse Jodenbreestraat (Rúa Maior Xudía), xa que esta zona de Ámsterdam estábase convertendo no barrio xudeu, a hipoteca para financiar a compra foi de 13.000 floríns;[nota 3] esta sería unha das causas principais para as súas posteriores dificultades financeiras.[10] En realidade, Rembrandt podía haber pago sobradamente o piso, pero ao parecer o seu nivel de gastos sempre se mantivo equilibrado co seu nivel de ingresos, e tamén puido realizar algúns investimentos pouco afortunados.[11] Foi alí onde Rembrandt tratou a miúdo cos seus veciños xudeus, que serían modelo para as súas escenas do Antigo Testamento.[12] Pese á inicial bonanza económica, co paso do tempo a parella atravesou numerosos reveses: así, o seu fillo Rumbartus morreu aos dous meses do seu nacemento, en 1635, e a súa filla Cornelia morreu ás tres semanas de idade, en 1638. En 1640 o matrimonio tivo unha segunda filla, á que tamén chamaron Cornelia, e que faleceu ao cabo dun mes. Só o seu cuarto fillo, Titus van Rijn (nacido en 1641) chegou a alcanzar a madurez. Saskia faleceu en 1642, ao pouco do parto de Titus, probablemente por tuberculose. Os debuxos de Rembrandt do leito de morte da súa esposa son imaxes profundamente conmovedoras.[13]
Outras relacións sentimentais
Durante a enfermidade de Saskia contrataron a Geertje Dircx como neneira de Titus, e probablemente pasou a ser tamén a amante de Rembrandt. Posteriormente acusaría a Rembrandt de perxurio e obtería unha indemnización de 200 floríns ao ano.[10] Decatado de que Geertje empeñara varias xoias que Rembrandt regaloulle a Saskia, o pintor fixo o posible para mantela durante 12 anos nun hospicio para pobres en Gouda.
A finais de 1640 Rembrandt comezou unha relación coa moza Hendrickje Stoffels, a quen contratara inicialmente como asistenta doméstica. Desta relación nace en 1654 a súa filla Cornelia, feito que motivou o envío dunha carta acusatoria por parte da igrexa reformada a Hendrickje na que se lle incriminaba "cometer os actos dunha prostituta con Rembrandt o pintor". Habéndoo esta admitido publicamente, foi excomungada. Rembrandt, en cambio, non tivo que enfrontar ningún cargo, posto que non era membro de devandita igrexa.[14] Aínda que o matrimonio seria válido a efectos legais, Rembrandt non casou con Henrickje para non facer perigar a herdanza de Titus, fillo do seu anterior matrimonio.[13]
Creba económica e últimos anos
Rembrandt sempre viviu por encima das súas posibilidades, investindo en arte -ás veces poxando polas súas propias pinturas-, gravados -que adoitaba utilizar nas súas pinturas- e todo tipo de curiosidades. En 1656 xa se tomaron certas medidas nos xulgados para impedir a súa declaración de bancarrota, e o artista tivo que vender a maioría das súas pinturas e boa parte da súa colección de antigüidades. A lista de obxectos poxados conservouse, e dá unha idea das posesións materiais do pintor: debuxos e pinturas dos vellos mestres flamengos, bustos de emperadores romanos, fragmentos de armaduras xaponesas, curiosidades traídas do Extremo Oriente, e coleccións de Historia natural e minerales. Os beneficios destas vendas, realizadas entre 1657 e 1658, resultaron decepcionantes,[15] de modo que en 1660 non tivo máis remedio que vender a súa casa e o seu taller de gravado e mudarse a un apartamento máis modesto en Rozengracht.[16][nota 4] Rembrandt aínda gozaba de certo prestixio, e tanto as autoridades como os seus acredores adoitaban mostrarse bastante tolerantes. Paradoxalmente, a sociedade de pintores de Ámsterdan considerouno un escándalo, e adaptou os seus regulamentos para que ninguén que estivese nunha situación económica como a de Rembrandt puidese comerciar como pintor. Para evitar esta medida, Hendrickje e o propio Titus abriron o seu propio negocio de arte en 1660, no que Rembrandt traballaba como empregado.[17]
Así, en 1661, esta "axencia artística" recibiu o encargo de realizar unha pintura para o recentemente construído concello, pero só despois de que Govert Flinck, o artista que recibira inicialmente o encargo falecese sen dar unha soa pincelada. Desgraciadamente, a obra resultante -"A conspiración de Claudius Civilis"- foi rexeitada e devolta ao pintor; o único fragmento conservado é só parte da obra realizada.[18] Foi por entón cando Rembrandt, gravemente afectado pola idade e a pobreza, admitiu a Aert de Gelder como o seu último alumno. Cara a 1662 aínda recibía encargos importantes de retratos das personalidades da súa contorna.[19] O mesmo Cosme III de Médici, Gran Duque de Toscana visitou a Rembrandt no seu domicilio, cando chegou a Ámsterdam en 1667.[20]
Rembrandt sobreviviu tanto a Hendrickje -falecida en 1663- como ao seu fillo Titus, que morreu o 7 de setembro de 1668, deixándolle unha neta. Rembrandt morreu un ano despois do falecemento do seu fillo, o 4 de outubro de 1669, e foi enterrado nunha tumba sen nome no Westerkerk de Ámsterdam.[21]
Obra
A arte de Rembrandt
Nunha carta a Huygens, Rembrandt ofrece o único testemuño conservado sobre as súas aspiracións como artista: "(alcanzar) o movemento máis grande e máis natural",[nota 5] se con isto referíase aos seus obxectivos materiais ou doutro tipo é algo suxeito á especulación, de calquera modo Rembrandt representa a fusión entre o corpóreo e o espiritual como poucos pintores na arte occidental.[22]
A principios do século XX, algúns estudosos estimaron a obra de Rembrandt nunhas 600 pinturas, case 400 gravados e preto de 2.000 debuxos.[23] Investigacións realizadas desde 1960 ata hoxe en día -lideradas polo Proxecto de Investigación Rembrandt, coordinado por varios expertos holandeses sobre o pintor- reduciron esta cifra nunhas 300 pinturas, aínda que non sen xerar certa polémica.[nota 6] Respecto dos gravados, xeralmente realizados mediante punta seca ou a augaforte, a cifra estimada é máis estable, e aproxímase ás 300 pezas.[nota 7] É probable que Rembrandt realizase máis dos 2.000 debuxos que se lle atribúen, pero incluso esa cifra é posiblemente demasiado elevada segundo estudos contemporáneos.[nota 8]
En certo momento contábanse ata 90 autógrafos distintos de Rembrandt, aínda que hoxe en día sábese que moitos dos seus alumnos debían copiar as súas pinturas como parte da súa aprendizaxe. Investigacións máis recentes reduciron esta cifra ata as 40 pinturas, suprimindo algúns debuxos e 31 gravados, entre os cales cóntanse algunhas das imaxes máis representativas do grupo.[24] Moitos dos seus autorretratos móstranlle con roupaxes anacrónicos, ou facéndose mocas a si mesmo. Os seus autorretratos mostran a evolución desde o atribulado mozo con talento, e o pintor exitoso da década de 1630 ata os sombríos retratos da súa vellez, de enorme profundidade psicolóxica. Xuntos compoñen a imaxe dun home que atravesou todos os estados da vida, e cuxa expresión reflicte as fortes sacudidas que sufriu o seu espírito ao longo da súa vida.[nota 9]
Entre as características máis notables da súa obra destácanse o seu uso do clarescuro, o manexo escenográfico da luz e a sombra -fortemente influído por Caravaggio, ou, máis posiblemente, pola escola dos Caravaggisti de Utrecht- adaptados aos seus propios fins.[25] Igualmente destacables son a súa visión dramática e emotiva de temas que tradicionalmente foran tratados dunha forma impersonal: Rembrandt caracterízase polo sentimento de empatía que desprende a súa visión da humanidade, independentemente da riqueza ou a idade do retratado. A súa propia contorna familiar -a súa muller Saskia, o seu fillo Titus, a súa amante Hendrickje- adoitan aparecer de forma visible nas súas pinturas, en ocasións representando temas bíblicos, históricos ou mitolóxicos.
Períodos, temas e estilo
Ao longo da súa carreira, Rembrandt faría seus os xéneros do retrato, o paisaxe e a pintura narrativa. Por esta última sería especialmente enxalzado polos seus contemporáneos, que o consideraron un mestre na interpretación de pasaxes bíblicos pola súa profundidade emocional e o seu coidado dos detalles.[27] Estilisticamente, a súa pintura evolucionou da suavidade dos seus principios -caracterizada por unha excelente técnica de representación ilusionista de formas- a un tratamento posterior, máis "áspero", que invocaba as calidades do obxecto mediante a calidade táctil con que figuraba na pintura.[28]
En canto ao gravado, podería falarse dun desenvolvemento similar. Nos gravados da súa madurez, sobre todo desde finais da década de 1640 en diante, quedan reflectidas a liberdade e a amplitude que tamén están presentes nos seus debuxos e pinturas. Nestas obras combínanse tema e técnica de tal modo que en ocasións, unha gran superficie baleira pode suxerir un espazo, mentres que noutras unha complexa trama de liñas articula o volume de formas en penumbra.[29]
Leiden (1625-1631)
Foi durante o período en Leiden (1625-1631) cando se pode falar dunha maior influencia de Lastman. É probable falar tamén de certo influxo de Lievens durante aquela primeira etapa de formación.[30] As pinturas desta época son bastante pequenas, pero ricas en detalles, especialmente en vestiduras e xoiaría. Os temas preferidos nesta etapa son obras relixiosas e alegóricas, do mesmo xeito que os "tronie", xénero popularmente holandés.[30][nota 10] En 1626 Rembrandt produciu os seus primeiros gravados, e a rápida difusión característica deste medio gañáronlle fama internacional.[30] En 1629 pintou "Xudas, devolvendo as moedas de prata" e "O artista no seu estudo", obras que evidencian o seu progresivo interese no uso da luz e o enriquecemento dos seus rexistros matéricos; esta obra constitúe o primeiro gran progreso da súa carreira e un punto clave no seu crecemento como pintor.[31]
Primeiro período en Ámsterdam (1632-1636)
Durante os seus primeiros anos en Ámsterdam, Rembrandt comezou a pintar escenas bíblicas e mitolóxicas de carácter máis dramático, fortemente contrastadas e en grandes formatos. A esta época pertencen "O cegamento de Sansón" (1636), "A festa de Belshazzar" (c. 1635) e a "Dánae" que emulaba o estilo barroco de Rubens.[32] Coa axuda ocasional de asistentes no seu taller de Uylenburgh, Rembrandt satisfixo numerosos encargos de retratos, tanto pequenos ("Jacob de Gheyn III") como grandes ("Retrato do armador Jan Rijcksen e a súa esposa", (1633); "Lección de anatomía do Dr. Nicolaes Tulp", datado en 1632).[33]
Segundo período en Ámsterdam (1636-1650)
A finais da década dos ano 30, Rembrandt producira apenas algunhas pinturas e uns poucos gravados de tema paisaxístico. A miúdo, estas pinturas adoitaban destacar o aspecto dramático da natureza, reflectida en árbores desarraixados* e nubes ominosas ("Casa de campo ante un ceo tormentoso", 1641; "As tres árbores", 1643). A partir de 1640, Rembrandt foi eliminando os trazos máis pintorescos e o seu estilo volveuse máis sombrío e comedido, quizais debido ás traxedias persoais que xa empezaran a sucederlle.
Do mesmo xeito, as escenas bíblicas que pintara desde a súa mocidade pasaron de centrarse no Antigo Testamento a representar pasaxes do Novo Testamento. En 1642 recibiu o encargo da "rolda de noite" -a súa maior obra e o encargo do retrato colectivo máis importante que recibiu neste período- e no que tratou de atopar novas solucións compositivas e narrativas a cuestións xurdidas en obras anteriores.[34]
Ao longo da década dos 50, as pinturas de Rembrandt adoptaron diversidade de estilos, os cadros aumentaron de tamaño, as cores eran máis ricas e as pinceladas máis pronunciadas. Na súa evolución técnica abandona a tendencia a crear efectos dramáticos sobre todo co uso de fortes contrastes de luz e sombra (clarescuro), para dar paso ao uso de sistemas de iluminación frontais máis grandes, e con máis zonas saturadas de cor. Simultaneamente, as figuras empezarían a dispoñerse paralelamente ao plano do cadro. Estes cambios poden ser vistos como un retorno á composición máis clásica e, considerando o maior traballo de pincelada, poden suxerir certa familiaridade co estilo veneciano. Desta época son obras como "Susana e os vellos", (1637-1647).[35] Ao mesmo tempo, dáse unha visible redución de obras pintadas en favor de gravados e debuxos de paisaxes.[36] Esta obra gráfica incorpora o valor dramático a partir de pacíficas escenas rurais holandesas.
A rolda nocturna
- Artigo principal: A rolda nocturna.
Rembrandt pintou este cadro entre 1640 e 1642. A pintura foi chamada "Nacht Wacht" polos holandeses e "Night Watch" por Sir Joshua Reynolds porque no momento do seu descubrimento as cores ao óleo apagáronse tanto que moitos detalles eran indistinguibles e parecíase bastante a unha escena nocturna. Logo de sucesivas restauracións, revelouse que a escena representada era unha escena diúrna: unha partida de mosqueteiros pasando dun sombrío patio á cegadora luz do sol. A obra foi encargada para o novo concello dos Kloveniersdoelen, nela aparece a milicia do capitán Frans Banning Cocq no momento no que este dá a orde de marchar ao alférez Willem van Ruytenburch. Rembrandt afastouse da representación convencional destas agrupacións -que xeralmente eran retratadas dun modo bastante estático e formal- para pintar unha escena que suxire a observación directa da acción: A milicia abandona o acuartelamento, dispoñéndose para saír de misión.[nota 11] Malia toda a especulación desatada, a obra foi recoñecida como un éxito desde o momento da súa entrega. Seccionáronse algunhas partes[nota 12] do cadro para axustalo á parede en que estaba destinado a ser colgado cando se trasladou ao concello de Ámsterdam en 1715. De calquera modo, o Rijksmuseum conserva unha reprodución a menor escala na que se aprecia a idea orixinal da obra, coas catro figuras principais no centro da imaxe. Esta obra está exposta hoxe en día no Rijksmuseum, onde ocupa toda a parede da maior sala da galería[37]
Período tardío (1650-1669)
Cara a 1650, o estilo de Rembrandt volveu transformarse. Regresa aos grandes formatos, as cores vólvense máis intensas e as pinceladas máis pronunciadas. Deste xeito, o pintor afastábase dos trazos distintivos da súa primeira época, cando tendía a traballar máis os detalles. Algúns autores[38] sinalaron que poida deberse a unha progresiva identificación co traballo de artistas como Tiziano, inscribindo este período a súa toma de postura no debate entón vixente sobre a primacía do "acabado" ou a calidade material da pintura.
Expertos na obra de Rembrandt sinalaron en ocasións a "imperfección" da pincelada do Rembrandt deste período, pero sábese que o mesmo autor desaconsellaba aos seus visitantes que observasen as súas obras desde demasiado preto. De calquera modo, este énfase nas calidades táctiles da obra pode remontarse á pintura medieval, que adoitaba representar as calidades matéricas dos obxectos representados imitando a súa textura sobre o lenzo. O resultado deste tratamento é un despregue de recursos pictóricos que combina transparencias a miúdo aparentemente azarosas, as cales suxiren profundidade e textura dun xeito ilusionista e á vez moi persoal.[40]
Nos últimos anos, as súas pinturas de tema bíblico tenderon a unha maior personalización das figuras e as súas emocións individuais. ("Santiago Apóstolo", 1661). Rembrandt comezou en 1652 unha serie de autorretratos impregnados de reflexión, e ata o ano da súa morte realizaría 15 versións deste tema; así como numerosas e emotivas imaxes de homes e mulleres namorados, vivos e ante Deus (A noiva xudía, 1666). Algúns autores[41] sinalaron respecto diso:
"Nos últimos retratos de Rembrandt sentímonos enfrontados cara a cara con persoas reais; sentimos a súa calidez, a súa necesidade de simpatía e tamén a súa soidade e sufrimento. A mirada firme e certeira que coñecemos tan ben grazas aos autorretratos de Rembrandt ten que ser igualmente capaz de mirar directamente ao corazón humano".
E tamén, sobre A noiva xudía:
"Esta é unha imaxe dun amor maduro, unha marabillosa amálgama de riqueza, tenrura e verdade...esas cabezas, na súa verdade, teñen un halo espiritual que ningún pintor influído pola tradición clásica podería alcanzar xamais..."[42]
Rembrandt gravador
Rembrandt realizou gravados durante boa parte da súa carreira (1626-1660), ata o momento en que dificultades económicas fixéronlle vender o seu taller de estampación e abandonar virtualmente o medio. Nese lapso de tempo, só durante o difícil ano de 1649 non produciu ningunha obra.[43] Adaptouse facilmente ó linguaxe gráfico desta técnica, e aínda que dominaba o uso do buril e era un experimentado gravador, o valor fundamental da súa obra calcográfica é a liberdade técnica.
Igualmente, Rembrandt implicouse persoalmente con todo o proceso de estampación, e debeu estampar persoalmente polo menos os primeiros estados de cada prancha. Ao principio utilizaba un estilo baseado no debuxo, pero pronto comezou a desenvolver unha estética máis próxima á da súa pintura, combinando masas de liñas e mordidas de acedo sucesivas para alcanzar distintos niveis de profundidade. Antes de 1640 reaccionou contra este estilo e recuperou unha técnica máis sinxela e con menos mordidas.[44] Así, o desenvolvemento de "A estampa dos cen florins", escalonado ao longo de toda a década de 1640, resultou ser para el unha "obra crítica en metade da súa carreira", da que xurdiría o seu estilo final de gravado.[45] Aínda que desta prancha só se conservaron dúas estampacións en estados iniciais (a primeira moi rara) a evidencia de numerosas rectificacións baixo a imaxe final resultan moi esclarecedoras sobre o traballo de Rembrandt nesta peza.[46]
Nas súas obras máis maduras da década de 1650, Rembrandt parece mostrarse máis receptivo á improvisación sobre a prancha e conserváronse grandes series de estampacións que en ocasións chegan a 11 estados radicalmente distintos. Rembrandt empezou a utilizar reservas como medio de escurecer grandes áreas, que podían cubrir gran parte da prancha. Experimentou igualmente con efectos de impresión sobre diferentes papeis ou papel vitela, pero chegouse á conclusión de que só son auténticos os gravados impresos en papel xaponés.[nota 13] Do mesmo xeito recorreu magistralmente ao entrapado[nota 14] como medio de obter un "ton superficial". Igualmente mostrouse especialmente hábil no uso da punta seca, e realizou numerosas paisaxes nos que aproveita as posibilidades estéticas que a liña realizada con esta técnica ofrece nas primeiras estampacións.[47]
Os seus gravados ocúpanse de temas similares aos da súa pintura, aínda que mostraba certa predilección polos autorretratos (consérvase unha suma total de 27 gravados) e os retratos oficiais escasean. Atribúenselle 46 paisaxes, xeralmente de pequeno formato, que se converteron na definición do tratamento gráfico do tema ata ben entrado o século XIX. Un terzo dos seus gravados tratan temas relixiosos, que van desde a llaneza ao monumental. Destácanse igualmente algunhas imaxes eróticas que rozan a obscenidade, e que non atopan equivalente na súa produción pictórica.[nota 15] Aínda que finalmente viuse obrigado a desfacerse dela con motivo das débedas, Rembrandt posuíu unha magnífica colección de estampas doutros artistas como Mantegna, Hercules Pieterszoon Seghers e Giovanni Benedetto Castiglione, quen puideron exercer certa influencia sobre a súa obra gráfica, do mesmo xeito que José de Ribera, cuxos gravados coñeceu.
Nome e firma
"Rembrandt" é unha modificación da grafía orixinal do seu nome que o pintor introduciría na súa firma en 1633. Pode dicirse que anteriormente (cara a 1625) asinara as súas obras cunha simple inicial "R", ou o monograma "RH" (de Rembrant Harmenszoon; isto é "fillo de Harmen"), ao que había posteriormente engadira unha L, presumiblemente por Leiden, a súa localidade natal ("RHL", 1629). En 1632 engadiu o seu patronímico a devandito monograma, pero as obras realizadas máis tarde ese mesmo ano ían asinadas simplemente co seu nome propio "Rembrant". En 1633 engadiu a "d", e apegouse a esta grafía durante o resto da súa vida, probando o significado que esta variación, fóra polo que fóra, tiña para el. Este cambio é unicamente visual, posto que non altera a pronunciación holandesa do seu nome. Curiosamente, pese ao enorme número de obras asinadas con esta grafía, nos documentos oficiais relacionados coa súa actividade que se conservaron ata hoxe día, o pintor aparece nomeado coa grafía orixinal "Rembrant". De calquera modo, esta cronoloxía trazada remítese principalmente ás súas pinturas, e en menor grado aos seus gravados; desde 1632, só existe un gravado coa sinatura "RHL-v. Rijn", a "Resurección de Lázaro" B 73, de gran formato.[49] Esta práctica de asinar o seu traballo co seu nome de pila, seguida séculos máis tarde por Vincent van Gogh, veulle probablemente inspirada por Rafael Sanzio, Leonardo da Vinci ou Michelangelo quen, como é sabido, sempre se coñeceron polo seu nome.[50]
Índice de obras principais
- 1629 - Un artista no seu estudio ou O pintor no seu estudio (Museo de Belas Artes de Boston, Massachusetts)
- c. 1629 - Cristo en Emaús (Museo Jacquemart-André, París)
- 1630 - A resurrección de Lázaro (LACMA, Os Ánxeles)
- 1630 - Xeremías prevé a destrución de Xerusalén (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1630-35 - Turco (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1631 - Retrato de Nicolaes Ruts (Colección Frick, Nova York)
- 1632 - Xacobe de Gheyn III (Dulwich Picture Gallery, Londres)
- 1631 - Andrómeda encadeada á rocha (Mauritshuis, A Haia)
- 1632 - Lección de anatomía do Dr. Nicolaes Tulp (Mauritshuis, A Haia)
- 1632 - Retrato dun nobre oriental (Museo Metropolitano de Arte, Nova York)
- 1633 - Cristo na tormenta sobre o lago de Galilea (Museo Isabella Stewart Gardner, Boston; actualmente en paradeiro descoñecido[nota 16].
- 1633 - O descendemento da cruz (Alte Pinakothek, Múnic)
- 1633 - O rapto de Europa (Museo J. Paul Getty, Os Ánxeles)
- 1634 - Xudit no banquete de Holofernes, cadro antes coñecido como A raíña Artemisa (Museo do Prado, Madrid)
- 1635 - A festa de Belshazzar (National Gallery, Londres)
- 1635 - O sacrificio de Isaac (Ermitage, San Petersburgo)
- 1636 - A cegueira de Sansón (Instituto Städel, Frankfurt)
- 1636 - Dánae (Ermitage, San Petersburgo)
- 1636 - Susana e os vellos (Mauritshuis, A Haia)
- 1636 - O fillo pródigo na taberna (Gemäldegalerie, Dresde)
- 1637- Oscaret van Djick (Antoni's Medina private collection)
- 1642 - A rolda de noite (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1643 - Cristo curando aos doentes (Vitoria and Albert Museum, Londres[nota 17])
- 1647 - Vella dama cun libro (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1647 - Susana e os vellos (Gemäldegalerie, Berlín)
- 1650 - O filósofo (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1650 - O muíño (National Gallery of Art, Washington D. C.)
- 1652 - Os síndicos dos paneiros (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1653 - O sacrificio de Isaac (Ermitage, San Petersburgo)
- 1653 - Aristóteles a contemplar o busto de Homero, ou Aristóteles cun busto de Homero (Metropolitan Museum of Art, Nova York)
- 1654 - Betsabé no seu baño (Louvre, ParísCrese que Hendrickje pousou para este cadro.)
- 1655 - Xosé acusado pola esposa de Putifar (Galería Nacional de Arte, Washington, D.C.)
- 1655 - O boi esfolado (Louvre, París)
- 1656 - Muller a ofrecer un caravel (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1656 - Xacob a bendicir os fillos de Xosé (Staatliche Kunstsammlungen, Kassel)
- 1656 - Lección de anatomía do doutor Deyman (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1657 - O apóstolo Paulo (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1658 - Autorretrato (Colección Frick, Nova York)
- 1659 - Xacob a loitar co anxo (Gemäldegalerie, Berlín)
- 1659 - Autorretrato (Museo Metropolitano de Arte, Nova York)
- 1660 - Autorretrato (Museo Metropolitano de Arte, Nova York)
- 1660 - Autorretrato con pintura e pinceis (Museo do Louvre, París)
- 1660 - Retrato dun cabaleiro con chapeu alto e luvas (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1660 - Retrato dunha dama con abano de pluma de avestruz (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1660 - As tres cruces, gravado, 4º estado.
- 1661 - Conspiración de Julius Civilis (Nationalmuseum, Estocolmo[nota 18])
- 1662 - Os síndicos dos paneros (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1662 - Retrato de home con galera (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1662-63 - Moza sentada nunha mesa (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1664 - Lucrecia (Galería Nacional de Arte, Washington D. C.)
- 1666 - A noiva xudía (Rijksmuseum, Ámsterdam)
- 1666 - Lucrecia (Instituto de Arte de Minneapolis)
- 1669 - O retorno do fillo pródigo (Ermitage, San Petersburgo)
- 1669 - Autorretrato á idade de 63 anos (National Gallery, Londres)
Coleccións en museos
Nos Países Baixos, a maior colección de Rembrandt está reunida no Rijksmuseum de Ámsterdam, que conta con obras como "De Nachtwacht" (A rolda de noite) ou "De Joodse bruid" (A noiva xudía). Varios dos seus autorretratos están expostos no Mauritshuis da Haia. No seu domicilio de Ámsterdam, convertido en casa-museo, expóñense exemplares de moitos dos seus gravados; hainos ademais repartidos polas principais coleccións de gravados de todo o mundo. Fóra do seu país, as maiores coleccións de pintura de Rembrandt localízanse no National Gallery de Londres, a Gemäldegalerie de Berlín, o Ermitage de San Petersburgo, a Gemäldegalerie Alte Meister de Dresde, o Louvre de París e outros museos en Nova York, Washington, e Kassel.[51] Algunhas das pinturas de Rembrandt localizáronse en institucións e coleccións privadas en California do sur.
A presenza do artista en coleccións de España é moi limitada: só dous cadros e gravados, aínda que inclúe obras importantes. O Museo do Prado posúe o cadro bíblico Judit, antes identificado como Artemisa. O Museo Thyssen-Bornemisza posúe un Autorretrato, que tras dúbidas de autoría confirmouse como orixinal. Queda pendente de comprobación a táboa Paisaxe con vila fortificada do Palacio de Liria (Colección Casa de Alba). A Biblioteca Nacional de España posúe un nutrido conxunto de gravados, entre os que destaca un Autorretrato con retoques a lapis do propio artista.
Rembrandt na actualidade
Proxectos de investigación
En 1968 o Rembrandt Research Project xurdiu como resultado do patronazgo da Asociación Holandesa para o Avance da Investigación Científica; estimábase que o proxecto tivese unha vida de 10 anos como máximo. Os grupos de investigación, compostos de historiadores da arte asesorados por expertos noutras áreas tiñan como obxectivo analizar a autoría de Rembrandt, utilizando gran variedade de medios técnicos e sofisticado equipamiento científico. As investigacións alteraron substancialmente o corpus rembrandtiano, atribuíndolle obras que ata agora nunca se consideraron súas e eliminando outras que tradicionalmente considerábanse do mestre, e que agora se saben obra dos seus alumnos.[52] Un exemplo destas valoracións é "O xinete polaco" da colección Frick de Nova York. Esta obra, longamente disputada desde que Julius Held apuntou as sospeitas sobre a súa autoría, era considerado por moitos -ata Josua Bruyn, o director do Proxecto de Investigación Rembrandt (PIR)- obra dalgún dos alumnos máis próximos e dotados de Rembrandt, chamado Willem Drost, do que non se sabe gran cousa. Os Frick aferrábanse a hipótese da autoría rembrandtiana, e así se catalogaba como "Rembrandt", e non como "atribuído a" nin "escola de". As investigacións máis recentes deron a razón aos Frick, grazas ás investigacións paralelas de Simon Schama -exposta no seu libro Rembrandt's Eyes, 1999)- e de Ernst von Wetering, un dos membros do PIR (Simposio de Melbourne, 1997). Outras teorías sinalan que a obra non se executou dunha vez, identificando varias autorías segundo as características de cada parte do cadro.[53]
Outra pintura, "Pilatos lavándose as mans" -tamén de autoría dubidosa- é obxecto de polémica desde 1905, cando Wilhelm von Bode describiuno como "un traballo algo anormal" de Rembrandt. Os investigadores dataron desde entón a obra en 1660, e atribúeno a un alumno anónimo, posiblemente Arent de Gelder. A composición resulta superficialmente similar ás obras de madurez do mestre, pero carece do seu tratamento característico da iluminación e a modelaxe.[54]
O corpus rembrandtiano, pois, está en constante cambio: En 2005 catro óleos anteriormente atribuídos a discípulos de Rembrandt foron recatalogados como obras súas (trátase do "Estudo de vello de perfil" e o "Estudo de vello con barba" dunha colección privada estadounidense, o "Estudo de muller durmida" posesión do Instituto das Artes de Detroit, e o "Retrato dunha muller maior cun bonete branco", pintado en 1640.[55]
O propio método de ensino de Rembrandt engade dificultades á definición de autoría das súas obras xa que, do mesmo xeito que moitos mestres antes que el, Rembrandt adoitaba pedir aos seus alumnos que copiasen os seus cadros, e algunhas veces retocábaos persoalmente para vendelos como copias ou orixinais. Por outra banda, o seu estilo parece ser bastante accesible para os seus alumnos de máis talento. A calidade do traballo do mesmo Rembrandt, para rematar, complica a identificación das súas pinturas; a súa evolución constante e o seu espírito experimental engaden certa volatilidade ao seu estilo.[56] Por outra banda, a súa obra foi imitada e copiada nos séculos seguintes á súa morte, e algunhas das restauracións ás que se someteu a súa obra deixounas irrecoñecibles.Op. cit; van de Wetering.[57] É xa que logo moi posible que nunca se estableza un acordo sobre a obra dun xenio tan proteico como Rembrandt.
Hipótese óptica
Nun artigo publicado recentemente,[58] a profesora Margaret S. Livingstone, do departamento de neurobioloxía da Universidade Harvard, suxire que Rembrandt, cuxos ollos eran incapaces de aliñarse correctamente, padecía estrabismo. Esta conclusión, extraída tralo estudo de 36 autorretratos do pintor, apunta que a incapacidade de establecer unha imaxe normal mediante visión binocular causou que o seu cerebro "reducise" a imaxe a un só ollo. Esta incapacidade púidolle ser útil á hora de "aplanar" as imaxes que vía e trasladalas a un soporte bidimensional como o lenzo. Segundo palabras de Livingstone, podería haberse convertido nun gran don para un pintor como el, pois efectivamente "os profesores de arte adoitan aconsellar aos seus estudantes que pechen un ollo para aplanar a imaxe que ven. Deste xeito, o estrabismo pode ser non tanto unha desvantaxe, como un beneficio para determinados artistas". De calquera modo, un dos grandes méritos da pintura de Rembrandt é a habilidade para crear volumes tridimensionais, unha percepción para a que, quizais, sería necesaria unha visión estereoscópica normal.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.