artificio para moer From Wikipedia, the free encyclopedia
Un muíño (do latín serodio molinum, por redución da expresión saxum molinum 'moa')[1] é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2016.) |
Xeralmente constaban dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra de forma troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa.
Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga), animais (muíño de sangue) e, en muíños pequenos, a manual (un exemplo doméstico deles son os muíños do café, aínda que actualmente son eléctricos a maioría).
Os máis famosos, grazas a Don Quixote, son os da Mancha, pero habíaos por todas as partes e moi especialmente no centro e sur de España, onde as correntes dos ríos non eran tan importantes como noutros países europeos. Aínda poden verse en Campo de Criptana (Cidade Real) ou en Consuegra (Toledo). Tamén son famosos os dos Países Baixos.
A utilidade dos muíños de vento para producir enerxía mecánica tense aproveitado para outros usos, como sacar auga, do que son un exemplo os empregados nos polders dos Países Baixos ou, actualmente, para producir enerxía eléctrica. Pola súa forma, todos estes artefactos mantiveron o nome de muíños, o que ás veces pode dar a impresión equivocada de que a palabra muíño designa calquera destes ou especificamente os de vento. Concretamente, o nome correcto dos que producen enerxía eléctrica é aeroxeradores.
Os muíños de auga ou aceas construíanse á beira dos ríos, realizando unha presa para embalsar auga e conseguir unha diferenza de altura. A auga do encoro corría por un canal ou cano e movía unha roda con penas (pás) chamada rodicio, a que á súa vez movía as pedras ou moas do muíño. Ao conxunto formado polo encoro e máis o cano de alimentación do muíño chámaselle popularmente caneiro, sendo xunto cos caneiros de pesca elementos característicos da paisaxe dos ríos galegos.
Este modo de obter enerxía mecánica utilizábase tamén noutros usos, como os batáns (tamén mencionados no Quixote) ou nos serradoiros.
Actualmente, moitos destes encoros empréganse para producir enerxía eléctrica (enerxía minihidráulica), pero levando a auga por un conduto cerrado desde o fondo do encoro até unha turbina, que substitúe a roda de pás.
En lugares sen ventos nin ríos aproveitábeis, construíronse muíños de sangue. O muíño propiamente dito estaba nunha primeira planta e o eixo que movía a moa seguía até a baixa, onde lle cruzaban uns madeiros aos que se enganchaban mulas ou bois, que camiñaban en círculo, para mover a pedra.
Existen determinados tipos de muíños especializados, así o muíño fariñeiro ou trigueiro para moer trigo ou outros cereais ou o que extrae o aceite das olivas denominado muíño de aceite.
Nas zonas rurais de Galicia aínda se conservan centos de muíños, a maioría deles hoxe abandonados - e moitos deles en perigo de derrube - pero que ata mediados do século XX formaron parte imprescindible da economía local.
Na agricultura de subsistencia que tradicionalmente se practicaba na Galicia rural unha parte fundamental da alimentación eran os cereais: millo, centeo e en menor medida trigo. Case todas as casas dispoñían dun forno onde se cocía pan unha vez por semana. Normalmente tratábase de pan de millo, ocasionalmente con mestura de centeo ou trigo.
O cereal, que se colleitaba no verán, conservábase durante todo o ano, sendo a principal reserva alimentaria para os meses do inverno, xunto coas patacas, a carne de porco salgada ou afumada e o leite das vacas.
O principal problema para a conservación dos cereais era o ataque dos ratos, por iso o millo gardábase nos horreos e o trigo e o centeo en huchas, caixas de madeira grandes con tampa. Dese xeito o cereal podíase conservar sen problema por moitos meses.
O problema fundamental era que para utilizar o gran había que moelo e transformalo en fariña, e esta, en canto se moía debíase utilizar de xeito inmediato porque senón axiña comezaba a farelar, tornábase ácida e inapropiada para o consumo humano.
Por iso os muíños eran tan importantes. Utilizábanse decotío e a súa construción e conservación eran asuntos vitais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.