Emperador do Brasil From Wikipedia, the free encyclopedia
Pedro II do Brasil, nado no pazo de São Cristóvão, Río de Xaneiro, o 2 de decembro de 1825[1] e finado en París o 5 de decembro de 1891, foi o segundo e último emperador do Brasil. Alcumado "o magnánimo",[2] o seu reinado como emperador durou máis de 58 anos.[3] Foi o sétimo fillo do emperador Pedro I do Brasil e a emperatriz María Leopoldina, e polo tanto membro da rama brasileira da casa de Braganza. A abrupta abdicación e marcha cara a Europa do seu pai en 1831 deixou a Pedro II como emperador, legándolle unha infancia e adolescencia desalentadora e solitaria. Obrigado a pasar o tempo estudando en preparación para o seu reinado, só conseguiu ter breves momentos de felicidade e tivo poucas amizades da súa idade. As súas experiencias coas intrigas da corte e coas disputas políticas durante este período afectaron en gran medida o seu carácter posterior, converténdose nun home cun forte sentido do deber e devoción cara ó seu país e a súa xente, mais resentido polo seu papel de monarca.
Herdando un imperio ó bordo da desintegración, Pedro II levou o Brasil de fala portuguesa a ser unha potencia emerxente no ámbito internacional. A nación medrou ata distinguirse dos seus veciños hispánicos grazas á súa estabilidade política, a celosamente protexida liberdade de expresión, o respecto polos dereitos civís, un crecemento económico vibrante e especialmente pola súa forma de goberno: unha monarquía parlamentaria representativa funcional. O Brasil tamén obtivo a vitoria en tres conflitos internacionais (a guerra da Prata, a guerra do Uruguai e a guerra de Paraguai) baixo o seu reinado, e prevaleceu en varias outras disputas internacionais e tensións domésticas. Pedro II promoveu incondicionalmente a abolición da escravitude malia a oposición de poderosos intereses políticos e económicos. Considerado un sabio por propio dereito, o emperador estableceu unha reputación de vigoroso patrocinador da aprendizaxe, da cultura e das ciencias. Conseguiu o respecto e admiración de eruditos como Darwin, Victor Hugo e Nietzsche, e trabou amizade con Wagner, Pasteur e Henry Wadsworth entre outros.
Malia que non existía un desexo de cambio na forma de goberno entre a maioría de brasileiros, o emperador foi derrocado nun repentino golpe de estado apoiado só por unha camarilla de líderes militares que procuraban instaurar unha forma de república liderada por un ditador. Para entón Pedro II estaba esgotado de ser emperador e perdera a esperanza nas perspectivas futuras da monarquía, malia contar cun apoio popular maioritario. Non permitiu que ninguén se opuxese á súa destitución e non apoiou ningún intento de restaurar a monarquía. Pasou os últimos dous anos da súa vida exiliado en Europa, vivindo só e cun baixo nivel económico. Algúns dos seus logros como emperador quedarían posteriormente en nada por mor dun longo período de gobernos débiles, ditaduras e crises económicas e constitucionais no Brasil, e os propios homes que o exiliaran acabaron por consideralo un modelo para a república brasileira. Poucas décadas trala súa morte restaurouse a súa reputación e trasladáronse os seus restos de volta ó Brasil, con celebracións a nivel nacional. A maioría de historiadores presentan a Pedro II dunha forma extremadamente positiva, e varios deles cualificárono como o "máis grande dos brasileiros".
Pedro naceu ás 02:30 do 2 de decembro de 1825 no pazo de São Cristóvão, en Río de Xaneiro, Brasil.[1][4][5] Nomeado por san Pedro de Alcántara, o seu nome completo era Pedro de Alcântara João Carlos Leopoldo Salvador Bibiano Francisco Xavier de Paula Leocádio Miguel Gabriel Rafael Gonzaga.[6][7][8] Pedro era membro da rama brasileira da casa de Braganza por medio do seu pai, o emperador Pedro I, e recibiu o título honorífico de "don" dende o seu nacemento.[9] Era neto do rei portugués Xoán VI e sobriño de Miguel I.[10][11] A súa nai foi a arquiduquesa María Leopoldina de Austria, filla de Francisco II, o último emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Por medio da súa nai, Pedro era sobriño de Napoleón Bonaparte e primo en primeiro grao dos emperadores Napoleón II de Francia, Francisco Xosé I de Austria e de Maximiliano I de México.[11][12][13]
O único fillo varón lexítimo de Pedro I que sobreviviu á infancia, foi recoñecido de forma oficial como herdeiro ó trono brasileiro co título de príncipe imperial o 6 de agosto de 1826.[6][14] A súa nai, a emperatriz María Leopoldina, faleceu o 11 de decembro de 1826, cando Pedro tiña un ano de idade.[15][13] Dous anos e medio despois o seu pai casou con Amelia de Leuchtenberg, e o príncipe Pedro desenvolveu unha relación afectuosa con ela, a quen chegou a considerar como a súa propia nai.[16][17][18] O desexo de Pedro I de restaurar a súa filla María II no trono de Portugal, usurpado polo seu irmán Miguel I, así como a súa posición política doméstica en declive, deu lugar á súa abrupta abdicación o 7 de abril de 1831.[19][20] Pedro I partiu de forma inmediata cara a Europa xunto a Amelia, deixando no Brasil o príncipe imperial, quen se converteu no emperador don Pedro II.[5][21]
Á súa partida do país, o emperador Pedro I seleccionou tres persoas para que se fixesen cargo do seu fillo e das súas outras fillas. O primeiro deles foi José Bonifácio de Andrada, amigo seu e líder influente durante a independencia brasileira, a quen nomeou gardián do seu fillo.[22][23] A segunda foi Mariana de Verna, quen xa actuara como aia dende o nacemento de Pedro II.[24] De neno, o entón príncipe imperial chamábaa "Dadama", xa que non era capaz de pronunciar a palabra dama de forma correcta.[14] Considerábaa a súa nai substituta, e continuou chamándoa polo seu alcume ata ben entrada a idade adulta por aprecio.[21][1] O terceiro foi Rafael, un afrobrasileiro veterano da guerra Cisplatina[24][25] empregado no Pazo de São Cristóvão e con quen Pedro I tiña unha profunda confianza, pedíndolle que coidase do seu fillo, tarefa que Rafael desempeñou durante o resto da súa vida.[6][25]
Bonifácio foi destituído da súa posición en decembro de 1833 e foi substituído por outro gardián, Manuel Inácio de Andrade, marqués de Itanhaém.[26][27][28] Pedro II pasaba os días estudando, con só dúas horas libres para o entretemento.[29][30] Demostrando unha grande intelixencia, era capaz de adquirir coñecementos cunha gran facilidade[31][32][33] Porén, as horas de estudo resultábanlle esgotadoras e a preparación para o seu papel de monarca era moi esixente. Tiña poucos amigos da súa idade, e mantiña un contacto limitado coas súas irmás. Todo isto, xunto a perda súbita dos seus pais, fixo que a súa nenez lle resultase infeliz e solitaria.[34][35][36][37][26] O ambiente no que foi criado converteuno nunha persoa tímida e necesitada, que viu nos libros un refuxio e unha forma de escapar do mundo real.[38][39]
A posibilidade de rebaixar a consideración de maioría de idade do emperador, no lugar de agardar ata que cumprise os 18 anos de idade, estivera considerada polos gobernantes do país dende 1835.[40][41][42] A súa elevación ó trono dera lugar a un problemático período de crises sen fin. A rexencia creada para reinar no seu nome estivo envolta en disputas continuas entre faccións políticas e rebelións por toda a nación dende os seus comezos.[43][44][19] Segundo o historiador Roderick J. Barman, os políticos que acadaran o poder durante os anos 1830 "perderon toda fe na súa capacidade de gobernar o país por si mesmos" e "aceptaron a Pedro II como figura autoritaria cunha presenza indispensable para a supervivencia do país".[45] Cando o 22 de xullo de 1840 os políticos lle preguntaron se quería asumir o poder completo, Pedro II aceptou timidamente.[46][47][48][49][50] Ó día seguinte, 23 de xullo de 1840, a Asemblea Xeral declarou formalmente maior de idade a Pedro, que naquel entón tiña 14 anos de idade.[51] Foi aclamado, coroado e consagrado posteriormente o 18 de xullo de 1841.[52][53]
A eliminación da rexencia trouxo estabilidade ó goberno. Pedro II estaba considerado en todo o país como unha fonte lexítima de autoridade, cunha posición por riba do partidismo e das disputas insignificantes. Non obstante, Pedro seguía sendo un neno tímido, inseguro e inmaturo.[54] A súa natureza era resultado da súa infancia, na que experimentara o abandono, a intriga e a traizón.[55] Un grupo de serventes de palacio de alto rango e políticos notables liderados por Aureliano Coutinho pasaron a ser coñecidos como a "Facción Cortesá", establecendo a súa influencia sobre o mozo emperador. Algúns deles eran persoas moi achegadas a el, como por exemplo Mariana de Verna ou o administrador Paulo Barbosa da Silva.[56] Estes "Cortesáns" utilizaron habilmente a Pedro II contra os seus inimigos, reais ou posibles.[57]
O goberno brasileiro asegurou o seu casamento coa princesa Tareixa Cristina do Reino das Dúas Sicilias. Casaron por poderes en Nápoles o 30 de maio de 1843,[58][59][60] e cando a viu en persoa o emperador sentiuse notablemente decepcionado.[61][62][63] Tareixa Cristina era baixa, tiña un pouco de sobrepeso e aínda que non era considerada fea, tampouco se lle consideraba atractiva.[61][62][64] Segundo o historiador Roderick J. Barman Pedro non agochou a súa desilusión, indicando que un observador afirmou que lle deu as costas a Tareixa Cristina, mentres que outro afirmou que entrou en shock e precisou sentar.[61] Esa mesma noite Pedro II chorou e queixouse a Mariana de Verna, dicíndolle: "Enganáronme, Dadama!"[61][63][65] Tiveron que pasar varias horas ata que conseguiron convencelo de que o deber lle demandaba que seguise adiante.[61][63][65] A misa nupcial, coa ratificación dos votos emitidos previamente por poderes e o outorgamento da bendición nupcial, tiveron lugar o día seguinte, 4 de setembro de 1843.[66][67][68]
A finais de 1845 e comezos de 1846 o emperador fixo unha xira polas provincias máis meridionais do Brasil, pasando por São Paulo (do que Paraná era parte naquel entón), Santa Catarina e Río Grande do Sur, sentíndose alentado pola cálida e entusiasta acollida que recibiu.[69] Para entón Pedro II madurara tanto física coma mentalmente, converténdose nun home considerado atractivo, medindo 1,90 metros de altura, con ollos azuis e cabelo louro.[70][50][71][72] As súas fortalezas no carácter tornáronse aparentes, acadando seguridade en si mesmo e aprendendo a ser imparcial, dilixente, cortés, paciente e amable. Segundo Barman, "mantivo as súas emocións baixo unha disciplina férrea. Nunca foi maleducado e nunca perdeu os nervios. Foi excepcionalmente discreto coas súas palabras e cauteloso nas súas accións".[73] Este período supuxo a fin da "Facción Cortesá". Pedro II comezou a exercitar unha autoridade completa e enxeñou con éxito a fin da influencia dos cortesáns eliminándoos do seu círculo de confianza ó mesmo tempo que evitou calquera tipo de alteración pública.[74]
Pedro II tivo que facer fronte a tres crises entre 1848 e 1852.[75] A primeira delas foi a de confrontar o comercio ilegal de importación de escravos, prohibido no ano 1826 como parte dun tratado con Gran Bretaña.[76] O tráfico de escravos continuaba sen cesar, e o texto do goberno británico recollido na Acta de Aberdeen de 1845 autorizaba os navíos de guerra británicos a abordar outros barcos brasileiros e apresar a calquera que estivese involucrado no comercio de escravos.[77] Mentres o Brasil loitaba contra este problema tivo lugar a segunda crise, a revolta Praieira, o 6 de novembro de 1848. Este conflito entre faccións políticas locais dentro da provincia de Pernambuco foi sufocado en marzo de 1849.[78] O 4 de setembro de 1850 promulgouse a lei Eusébio de Queirós, outorgándolle ó goberno brasileiro unha ampla autoridade para combater o comercio ilegal de escravos. Con esta nova ferramenta, o Brasil procurou eliminar a importación dos mesmos. Cara ó ano 1852 esta primeira crise quedou superada, e Gran Bretaña aceptou que o comercio ilegal quedaba sufocado e baixo control.[78]
A terceira crise foi un conflito coa Confederación Arxentina por mor da predominancia sobre territorios adxacentes ó Río da Prata e a navegación libre polas súas augas.[79] Dende os anos 1830 o ditador arxentino Juan Manuel de Rosas apoiara rebelións dentro do Uruguai e do Brasil. Non foi ata 1850 que o Brasil foi capaz de tratar coa ameaza que lles supoñía Rosas.[79] O Brasil formou unha alianza co Uruguai e con arxentinos desafectos, dando lugar á guerra da Prata e o subsecuente derrocamento do ditador arxentino en febreiro de 1852.[80][81] Barman afirmou que "unha considerable porción do crédito debe dárselle ó emperador, quen coa súa mente fría, tenacidade de propósito e sentido do que era factible, probou ser indispensable".[75]
O éxito do imperio nestas crises mellorou de forma considerable a estabilidade e prestixio da nación, e o Brasil emerxeu como un poder hemisférico.[82] No eido internacional, os europeos comezaron a considerar o país como unha encarnación de ideais liberais familiares, destacando na liberdade de prensa e o respecto constitucional polos dereitos civís. O seu sistema de monarquía parlamentaria representativa tamén resultaba ser un claro contraste coa mestura de ditaduras e inestabilidade endémica do resto de nacións de América do Sur durante este período.[83][84][85]
A comezos dos anos 1850 o Brasil gozaba de estabilidade interna e de prosperidade económica.[86][87] Baixo o mandato do primeiro ministro Honório Hermeto Carneiro Leão (posteriormente marqués do Paraná), o emperador avanzou no seu propio e ambicioso programa: a conciliação e os melhoramentos.[88] As reformas de Pedro II estaban dirixidas a promover un menor partidismo político e a mellorar as infraestruturas e o desenvolvemento económico. A nación estaba interconectándose por medio do ferrocarril e das liñas de telégrafo e barcos de vapor, uníndose nunha única entidade.[86] A opinión xeral, tanto doméstica coma internacional, era que estes logros foran posibles grazas ó "goberno do Brasil como unha monarquía e ó carácter de Pedro II".[86]
Pedro II non era unha figura insigne ó estilo británico nin un autócrata ó estilo dos tsares de Rusia. Exercía o poder por medio da cooperación cos políticos electos e tendo en conta os intereses económicos e o apoio popular.[89] A presenza activa de Pedro II na escena política era unha parte importante da estrutura gobernamental, que incluía o gabinete, a Cámara dos Deputados e o Senado (estes dous últimos formaban a Asemblea Xeral). Utilizou a súa participación na dirección do curso do goberno como un medio de influencia, tornándose indispensable pero sen chegar a dexenerar nun "mandato dun só home".[90] Segundo Barman, no seu manexo dos partidos políticos "precisou manter unha reputación de imparcialidade, traballar de acordo co sentir popular e evitar calquera imposición flagrante do seu parecer no ámbito político".[91]
Conseguiu os seus éxitos máis notables grazas ás formas de non confrontación e de cooperación coas que se enfrontou tanto ós problemas coma ás figuras partisanas coas que tivo que tratar.[92] Non tiña a autoridade constitucional para forzar a aceptación das súas iniciativas sen apoio, e o seu método de colaboracionismo no goberno mantivo a nación progresando e permitiu que o sistema político funcionase con éxito.[93] Respectou as prerrogativas da lexislatura, incluso cando estas resistían, atrasaban ou lle impedían conseguir os seus propios obxectivos.[94] A maioría dos políticos apreciaban e apoiaban o seu papel. Moitos deles viviran durante o período de rexencia, cando a falta dun emperador deu lugar a anos de conflitos entre faccións políticas, e as súas experiencias na vida pública crearon unha convicción xeral de que Pedro II era "indispensable para a continuada paz e prosperidade do Brasil".[95]
O matrimonio entre Pedro II e Tareixa Cristina tivo un mal comezo. Coa madurez, paciencia e a chegada do seu primeiro fillo Afonso a súa relación mellorou.[96][97] Tareixa Cristina tivo outros tres fillos: Isabel en 1846, Leopoldina en 1847 e finalmente Pedro en 1848.[65][98][99] Os seus dous fillos varóns faleceron moi novos, algo que devastou o emperador.[65][100][101] Por mor disto, a súa visión do futuro do imperio cambiou por completo. Malia o afecto que lle tiña ás súas fillas, non cría que a princesa Isabel, a súa herdeira, tivese ningunha posibilidade de prosperar no trono, xa que consideraba que o seu sucesor debía ser varón para que a monarquía continuase sendo viable.[102] Consideraba cada vez máis que o sistema imperial estaba tan inextricablemente ligado a el mesmo que non o sobreviviría.[103] Isabel e a súa irmá recibiron unha educación excepcionalmente boa, mais non foron preparadas para gobernar a nación, e Pedro II excluíu a Isabel da participación nas cuestións e decisións gobernamentais.[104]
No ano 1850 Pedro II comezou a manter relacións discretas con outras mulleres.[105] A máis famosa e duradeira destas relacións foi con Luísa Margarida Portugal de Barros, condesa de Barral, coa que trabou unha amizade romántica e íntima, aínda que non adúltera, cando esta foi nomeada institutriz das fillas do emperador en novembro de 1856.[100][106][107] Durante toda a súa vida o emperador mantivo a esperanza de atopar a súa alma xemelga, algo que sentía que lle fora arrebatado por mor da necesidade do seu matrimonio de estado cunha muller pola que nunca sentiu paixón.[108] Segundo José Murilo de Carvalho, esta é unha das instancias que ilustran a súa identidade dual: unha que levaba a cabo asiduamente o seu deber como emperador que lle asignara o destino, e outra que consideraba o papel imperial como unha carga pouco frutífera e que era máis feliz nos mundos da literatura e das ciencias.[109]
Pedro era dilixente e seguía unha rutina esixente. Adoitaba erguerse ás 7 da mañá e non se deitaba ata as 2 da mañá, adicando o día enteiro ós asuntos de estado e con moi pouco tempo libre que adicaba á lectura e ó estudo.[110] Adoitaba vestir diariamente cun sinxelo frac negro, pantalóns e cravat. Para ocasións especiais vestía un traxe real, e só vestía de gala coa coroa, manto e cetro dúas veces ó ano, durante a apertura e peche da Asemblea Xeral.[111][112] Obrigaba os políticos e oficiais gobernamentais a que mantivesen as normas estritas que el mesmo exemplificaba,[83] adoptando unha estrita política para a selección de serventes civís baseada na moralidade e nos méritos.[113][114] Para definir o seu estándar propio vivía dunha forma sinxela, chegando a afirmar nunha ocasión: "Entendo que o gasto inútil é como roubarlle á Nación".[115][116][117] Os bailes de gala e as asembleas da Corte cesaron a partir do ano 1852.[109][118] Tamén rexeitou pedir ou permitir a súa asignación anual de 800 millóns de reais dende a súa declaración de maioría de idade ata que foi destronado cincuenta anos despois.[119][120][121]
No ano 1862 Pedro escribiu no seu diario privado: "Nacín para consagrarme ás letras e ás ciencias".[123][124] Demostrou sempre un grande entusiasmo pola aprendizaxe e nos libros atopou un refuxio das obrigas da súa posición.[125][126] Interesáballe un amplo rango de temáticas, incluíndo a antropoloxía, historia, xeografía, xeoloxía, medicina, dereito, teoloxía, filosofía, pintura, escultura, teatro, música, química, física, astronomía, poesía e tecnoloxía entre outras.[127][128] Cando rematou o seu reinado, había tres bibliotecas no pazo de São Cristóvão que contiñan máis de 60 000 libros en total.[129] A súa paixón pola lingüística levouno a estudar novas linguas durante toda a súa vida, aprendendo a falar e escribir non só en portugués senón tamén en latín, francés, alemán, inglés, italiano, castelán, grego, árabe, hebreo, sánscrito, chinés, occitano e tupí.[130][131][132][133][134] Foi o primeiro fotógrafo brasileiro ó adquirir un daguerrotipo en marzo de 1840,[135][136] instalou un laboratorio en São Cristóvão adicado á fotografía e outro adicado á química e á física, e tamén comisionou a construción dun observatorio astronómico.[137]
O emperador consideraba a educación algo de importancia nacional e estaba considerado en si mesmo un exemplo concreto do valor da aprendizaxe.[138] Nunha ocasión afirmou: "Se non fose un emperador, gustaríame ser profesor. Non coñezo outra tarefa máis nobre que a de dirixir as mentes novas e preparar os homes do mañá".[139] Foi durante o seu reinado cando se creou o Instituto Histórico e Xeográfico Brasileiro para promover a investigación e a preservación nos campos da historia, xeografía, cultura e ciencias sociais.[140] Tamén se fundaron a Academia Imperial de Música e Ópera Nacional[141] e o Colégio Pedro II, este último servindo como modelo para as escolas de todo o país.[142] A Escola Nacional de Belas Artes, establecida polo seu pai, recibiu reforzo e apoio adicionais.[143] Usando a súa asignación monetaria, Pedro II outorgou bolsas de estudo a mozos brasileiros para que asistisen a universidades, escolas de arte e conservatorios de música en Europa.[144][145] Tamén financiou a creación do Instituto Pasteur, axudou a asegurar a construción do Bayreuth Festspielhaus de Wagner e contribuíu noutros proxectos semellantes.[146] Os seus esforzos nestes eidos foron recoñecidos tanto no seu país coma no estranxeiro. Charles Darwin dixo del: "O emperador fai tanto pola ciencia, que todo home científico está obrigado a amosarlle o máximo respecto."[100][147]
Pedro II converteuse en membro da Royal Society, da Academia Rusa das Ciencias, das Reais Academias para a Ciencia e as Artes de Bélxica e da American Geographical Society.[148][149][150] En 1875 foi elixido para ingresar na Academia Francesa das Ciencias, unha honra outorgada previamente a tan só outros dous xefes de estado: Pedro o Grande e Napoleón Bonaparte.[151][152] Mantivo un intercambio de correspondencia con científicos, filósofos, músicos e outros intelectuais, e trabou amizade con moitos deles, incluíndo Richard Wagner, Louis Pasteur, Louis Agassiz, John Greenleaf Whittier, Michel Eugène Chevreul, Alexander Graham Bell, Henry Wadsworth Longfellow, Arthur de Gobineau, Frédéric Mistral, Alessandro Manzoni, Alexandre Herculano, Camilo Castelo Branco e James Cooley Fletcher.[153][154][155][156] A súa erudición asombrou a Friedrich Nietzsche cando se coñeceron en persoa,[100][157][158] Victor Hugo díxolle ó emperador: "Señor, é vostede un gran cidadán, vostede é o neto de Marco Aurelio", e Alexandre Herculano chamouno un "príncipe ó que a opinión xeral considera como o máis importante da súa época grazas á súa mente dotada, e debido á súa constante aplicación dese don para as ciencias e a cultura".[159][151][123]
A finais do ano 1859 Pedro II partiu nunha viaxe polas provincias ó norte da capital, visitando os estados de Espírito Santo, Baía, Sergipe, Alagoas, Pernambuco e Paraíba. Volveu en febreiro de 1860, tras catro meses de viaxe. Tivo un grande éxito, recibindo unha cálida e alegre benvida en tódolos lugares que visitou.[160][161][162] A primeira metade dos anos 1860 foi de paz e prosperidade no Brasil. Mantivéronse as liberdades civís[163][164] e Pedro defendeu con forza a liberdade de expresión que existira dende a independencia da nación.[165][166] Consideraba os xornais da capital e das provincias un medio ideal para manterse ó tanto da opinión pública e da situación global do estado.[167] Tamén seguía o estado do imperio por medio do contacto directo cos seus súbditos, con audiencias públicas regulares os martes e sábados, onde calquera procedente de calquera clase social, incluíndo escravos, podía ser admitido e presentar as súas peticións e historias.[168][169][170]. Tamén era habitual que visitara escolas, institutos, prisións, exhibicións, fábricas, barracas e outros actos públicos, que lle servían de oportunidades adicionais para obter información de primeira man.[171]
Esta tranquilidade disipouse cando o cónsul británico en Río de Xaneiro, William Dougal Christie, estivo a piques de comezar unha guerra entre a súa nación e o Brasil. Christie enviou un ultimato cunha serie de peticións abusivas que xurdiu de dous incidentes menores que tiveron lugar a finais de 1861 e comezos de 1862. O primeiro foi o afundimento dunha barca comercial na costa de Río Grande do Sur tralo que os bens que transportaba foron saqueados polos habitantes locais. O outro incidente foi o arresto de varios oficiais británicos bébedos que provocaran disturbios nas rúas da cidade.[172][173][174]
O goberno brasileiro rexeitou ceder a estas demandas, e Christie deu orde ós barcos de guerra británicos de que capturasen mercantes brasileiros a modo de indemnización.[175][176] [177] O Brasil comezou a prepararse para o que semellaba un conflito inminente. Pedro II foi o principal responsable da resistencia do Brasil, rexeitando calquera tipo de suxestión de ceder perante as demandas británicas.[178][179] Esta resposta colleu por sorpresa a Christie, quen finalmente cambiou a súa actitude e propuxo un acordo pacífico por medio dunha arbitraxe internacional.[180][181][182] O goberno brasileiro presentou as súas demandas, e vendo que a postura británica estaba debilitada, cortou as relacións diplomáticas con Gran Bretaña en xuño de 1863.[182][183]
Coa ameaza vixente da guerra co Imperio Británico, o Brasil tivo que tornar a súa a atención cara ás súas fronteiras do sur, ao comezar unha nova guerra civil no Uruguai na que os seus partidos políticos se enfrontaban os uns ós outros.[184][185][186] Este conflito interno deu lugar ó asasinato de brasileiros e á pillaxe das súas propiedades no Uruguai.[187] O goberno brasileiro decidiu intervir no conflito, temoroso de dar unha impresión de debilidade fronte ó conflito cos británicos.[188] Un exército brasileiro invadiu o Uruguai en decembro de 1864, dando comezo á breve guerra do Uruguai, que finalizaría en febreiro de 1865.[189][190][191] Mentres tanto, o ditador de Paraguai, Francisco Solano López, aproveitouse da situación para establecer o seu país como unha potencia rexional. O exército paraguaio invadiu a provincia brasileira de Mato Grosso (na zona coñecida a partir de 1977 como o estado de Mato Groso do Sur), dando comezo á guerra de Paraguai. Catro meses despois as tropas paraguaias invadiron territorio arxentino en forma de preludio dun ataque a Río Grande do Sur.[189][192][193]
Decatándose da anarquía en Río Grande do Sur e da incapacidade e incompetencia dos seus xefes militares para presentar oposición perante ó exército paraguaio, Pedro II decidiu que iría el mesmo en persoa ata a fronte.[194] Tras recibir as obxeccións do gabinete de goberno, da Asemblea Xeral e do Consello de Estado, Pedro II pronunciouse: "Se poden impedirme que vaia como emperador, non poden impedir que abdique e vaia como Voluntario da Patria" —unha alusión ós brasileiros que se presentaron voluntarios para a guerra e pasaron a seren coñecidos en toda a nación como os "Voluntarios da Patria".[194][195][196][197] O propio monarca foi chamado popularmente o "Primeiro Voluntario".[100][198] Obtido o permiso para a súa marcha, Pedro II desembarcou en Río Grande do Sur en xullo e seguiu en dirección á fronte de guerra por terra.[199][200][201] Viaxou a cabalo e en carro, durmindo de noite nunha tenda de campaña.[202] En setembro Pedro II chegou a Uruguaiana, unha vila brasileira ocupada por un exército paraguaio asediado.[203][204]
O emperador cabalgou ata unha distancia de tiro con rifle de Uruguaiana, mais os paraguaios non o atacaron.[205] Para evitar un maior derramamento de sangue, ofreceulle uns termos de rendición ó comandante paraguaio, quen aceptou.[203][206][207] A coordinación das operacións militares por parte de Pedro II e o seu exemplo persoal xogaron un papel decisivo no rexeitamento da invasión paraguaia do territorio brasileiro.[208] Antes de volver a Río de Xaneiro, recibiu o enviado diplomático británico Edward Thornton, quen se desculpou en nome da raíña Vitoria e do goberno británico pola crise entre ámbolos dous imperios.[206][207] O emperador considerou que esta vitoria diplomática sobre a entón nación máis poderosa do mundo era suficiente, e renovou as relacións amistosas do Brasil co Imperio Británico.[207]
A guerra continuou durante cinco anos máis, e durante este tempo Pedro II adicou todo o seu tempo e enerxía ó esforzo de guerra.[211][212] Traballou sen descanso para recrutar e equipar tropas coas que reforzar as liñas da fronte e seguir adiante coa construción de novos navíos para a mariña.[197] As violacións de mulleres, a estendida violencia contra os civís, o saqueo e a destrución de propiedades que tiveran lugar durante a invasión paraguaia do territorio brasileiro deixaran unha forte impresión nel.[213] En novembro de 1866 advertiulle á condesa de Barral: "a guerra debe concluírse como demanda a honra, custe o que custe".[214] Segundo Barman, "as dificultades, contratempos e esgotamento de guerra non tiveron efecto na súa calada resolución", e o cada vez maior número de baixas non o desviou do avance no que consideraba unha causa xusta do Brasil, preparado para sacrificar persoalmente o seu propio trono para conseguir o que consideraba un resultado honorable.[214]
Ó mesmo tempo Pedro II traballou para previr que as disputas entre os partidos políticos nacionais prexudicasen a resposta militar.[215][216] O emperador prevaleceu sobre unha seria crise política en xullo de 1868 resultante dunha disputa entre o gabinete de goberno e Luís Alves de Lima e Silva, comandante en xefe das forzas brasileiras no Paraguai. Luís Alves era tamén un político, e era membro do partido político na oposición. O emperador aliñouse con el, provocando a dimisión do gabinete. Mentres Pedro II manobraba para conseguir un resultado de vitoria no conflito co Paraguai, apoiou os partidos políticos e faccións que semellaban ser máis útiles no esforzo de guerra, algo que provocou que a reputación da monarquía quedase danada e que a súa posición de confianza como mediador imparcial quedase gravemente deteriorada a longo prazo. Non lle importaba a súa posición persoal, e desbotando o posible impacto no sistema imperial, continuou coa súa determinación de poñer o interese nacional por riba de calquera dano potencial que lle puidese provocar o aproveitamento dese tipo de oportunidades.[217]
O seu rexeitamento a aceptar nada que non fose unha vitoria total foi unha das chaves do resultado final.[213][218] A súa tenacidade obtivo recompensa coa nova de que López falecera en combate o 1 de marzo de 1870, feito que supuxo a fin da guerra.[219][220] Pedro II rexeitou a suxestión da Asemblea Xeral de erixir unha estatua ecuestre na súa honra para conmemorar a vitoria, decidindo que os cartos asignados se destinasen no seu lugar á construción de escolas de primaria.[221][222][223][214]
Nos anos 1870 o Brasil fixo progresos nas esferas políticas e sociais, con tódolos segmentos da sociedade beneficiándose das reformas promulgadas e compartindo a cada vez maior prosperidade.[224] A reputación internacional do Brasil de estabilidade política e potencial de investimento mellorou de forma considerable. O imperio era visto como unha nación moderna e progresista sen igual en América, coa excepción dos Estados Unidos de América.[225] A economía medrou rapidamente e floreceu a inmigración, e adoptáronse varios proxectos de modernización, incluíndo o ferrocarril e o transporte naval. Segundo Barman, coa "escravitude destinada á súa extinción e outras reformas proxectadas, as proxeccións de avances morais e materiais semellaban ser vastas".[226]
En 1870 había poucos brasileiros que se opuxesen á escravitude, e aínda menos que a condenasen abertamente. Pedro II, que non posuía escravos de seu, era unha das poucas figuras públicas que se opoñía á escravitude.[227][228][229] A abolición desta era un tema delicado, xa que o uso de escravos estaba moi estendido, tanto por parte dos ricos coma dos máis pobres.[230][231] Pedro II procurou darlle fin a esta práctica de forma gradual para aliviar o posible impacto que isto tería na economía nacional.[232][233][234] Sen autoridade constitucional para intervir de forma directa na abolición da escravitude, o emperador precisaría de tódalas súas habilidades para convencer, influenciar e conseguir apoios entre os políticos para o seu obxectivo.[235][236] O seu primeiro movemento neste ámbito xa tivera lugar en 1850, cando ameazara con abdicar se a Asemblea Xeral non declaraba ilegal o comercio de escravos polo Atlántico.[229][237]
Unha vez foi despachada a cuestión da entrada de escravos dende alén do mar, Pedro II centrou a súa atención a comezos dos anos 1860 na eliminación da fonte de escravos que quedaba: a condición de escravitude dos fillos dos propios escravos.[238][239] Naquel momento creárase un borrador de lei baixo a súa iniciativa, pero o conflito co Paraguai atrasou o debate desta proposta na Asemblea Xeral.[238][239][240] Pedro II avogou abertamente pola erradicación gradual da escravitude no discurso dende o trono de 1867.[241] Recibiu fortes críticas por esta declaración, algo que foi definido como un "suicidio nacional".[240][242][243] Os críticos argumentaron que "a abolición era o seu desexo persoal e non o da nación".[244] De forma consciente Pedro ignorou o dano político á súa imaxe e á monarquía provocado por este apoio á abolición.[217] Eventualmente promulgouse unha proposta por medio do primeiro ministro José Maria da Silva Paranhos, que se aprobou co título de Lei de Nacemento Libre o 28 de setembro de 1871, baixo a que tódolos fillos de mulleres escravas nados a partir desa data pasarían a considerarse persoas libres.[244][245][246]
O 25 de maio de 1871 Pedro II e a súa muller viaxaron a Europa.[247][248] Pedro levaba moito tempo desexando unhas vacacións no estranxeiro, e cando lle chegaron novas de que a súa filla máis nova Leopoldina falecera en Viena o 7 de febreiro ós 23 anos de idade por mor dunha febre tifoide, finalmente tivo unha razón de peso para saír do Imperio.[247][249][250] Nada máis chegar a Lisboa, en Portugal, foi ó Museu das Janelas Verdes, onde se reuniu coa súa nai adoptiva Amelia de Leuchtenberg. Había 40 anos que os dous non se vían, e a reunión foi emotiva. Pedro II destacou no seu diario: "Chorei de felicidade e tamén de dor por ver a miña nai tan afectuosa comigo, máis tamén por vela tan vella e enferma".[247][251][252]
O emperador continuou a súa viaxe por España, Gran Bretaña, Bélxica, Alemaña, Austria, Italia, Exipto, Grecia, Suíza e Francia, e en Coburgo visitou a tumba da súa filla.[252][253] Para Pedro, este foi "un tempo de liberación e liberdade", viaxando baixo o nome de "don Pedro de Alcântara" e insistindo en que se lle tratase informalmente, aloxándose só en hoteis.[247][254] Pasaba os días facendo turismo e conversando con científicos e outros intelectuais cos que compartía intereses.[247][252] A súa estadía en Europa foi un éxito para el, gañándose o respecto das nacións que visitou grazas ó seu comportamento e a súa curiosidade. O seu prestixio e o do Brasil aumentaron aínda máis durante a xira cando chegaron as novas da aprobación da Lei de Nacemento Libre que abolía a fonte de escravitude. O destacamento imperial retornou ó Brasil de forma triunfante o 31 de marzo de 1872.[226]
Pouco despois do seu retorno ó Brasil Pedro II tivo que facer fronte a unha crise inesperada. O clero brasileiro levaba moito tempo falto de persoal, cunha baixa disciplina e educación, o que deu lugar a unha perda de respecto xeneralizado pola Igrexa católica.[255][256] O goberno imperial embarcárase nun programa de reformas para tratar de resolver estas deficiencias.[255] O catolicismo era a relixión do estado e o goberno exercía bastante control sobre os asuntos da Igrexa, pagando os salarios clericais, designando os cregos das parroquias, nomeando bispos, ratificando bulas papais e supervisando seminarios.[255][257] Na procura dunha reforma, o goberno seleccionou bispos que satisfacían os seus criterios para a educación e que estaban a favor destas novas reformas e adaptacións morais.[255][256] Porén, a medida que homes máis preparados comezaban a entrar nas filas clericais, o resentimento do control gobernamental sobre a Igrexa foi en aumento.[255][256]
Os bispos de Olinda e Belém (nas provincias de Pernambuco e Pará respectivamente) eran dous membros da nova xeración de ferventes cregos brasileiros cunha boa educación. Estaban influenciados polo ultramontanismo que se espallara entre os católicos durante este período, e no ano 1872 ordenaron a expulsión dos masóns das irmandades laicas.[258][259][260] Mentres que a masonaría europea adoitaba tender cara ó ateísmo e ó anticlericalismo, isto era diferente no Brasil, onde era máis común ser membro de ordes masónicas —aínda que o propio Pedro II non era un masón.[258] O goberno liderado por José Paranhos tentou en dúas ocasións persuadir os bispos para que derogasen a orde, pero estes rexeitárono. Isto provocou que fosen levados a xuízo e condenados pola Corte Superior de Xustiza do Brasil. En 1874 foron sentenciados a catro anos de traballos forzados, aínda que o emperador conmutou esta pena cunha de prisión soamente.[261][262][263]
Pedro II tivo un papel decisivo coa súa decisión de apoiar de forma inequívoca as accións do goberno.[264][259][265] Era un concienciudo adherente do catolicismo, ó que consideraba un factor para o avance de importantes valores civilizadores e cívicos. Malia que evitaba calquera cousa que se puidese considerar pouco ortodoxa, sentíase libre de pensar e actuar de forma independente.[266] O emperador aceptaba novas ideas, como a teoría da evolución de Darwin, da que afirmou: "As leis que [Darwin] descubriu glorifican o Creador".[267] Era moderado nas súas crenzas relixiosas, pero non aceptaba a falta de respecto á lei civil e á autoridade do goberno.[268][259][269] Nunha conversa co seu xenro díxolle: "[O goberno] ten que asegurarse de que a constitución sexa obedecida. Nestes procedementos non hai desexo de protexer a masonaría; máis ben o obxectivo de defender os dereitos do poder civil".[261] A crise quedou resolta en setembro de 1875 cando o emperador aceptou outorgarlles a plena amnistía ós bispos e a Santa Sé anulou os interditos.[270][263][271]
Unha vez máis o emperador viaxou ó estranxeiro, nesta ocasión ós Estados Unidos de América. Nesta nova viaxe acompañouno o seu servente Rafael, quen estivera con el dende a súa infancia.[272] Pedro II chegou á cidade de Nova York o 15 de abril de 1876 e dende alí continuou a viaxe, visitando as cidades de San Francisco no oeste, Nova Orleáns no sur, Washington, D.C. e Toronto no Canadá.[273][274][275] A viaxe foi un "triunfo xenuíno", na que Pedro II deixou unha grande impresión no pobo americano coa súa sinxeleza e amabilidade.[150][276][277] Posteriormente cruzou o Atlántico, visitando Dinamarca, Suecia, Finlandia, Rusia, o Imperio Otomán, Grecia, a Terra Santa, Exipto, Italia, Austria, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, os Países Baixos, Suíza e Portugal.[278][279] Volveu ó Brasil o 22 de setembro de 1877.[280]
As súas viaxes polo estranxeiro deixaron unha gran pegada psicolóxica en Pedro II. Cando viaxaba víase liberado en gran medida das restricións impostas pola súa posición.[281] Baixo o pseudónimo de "Pedro de Alcântara", gozaba viaxando como unha persoa ordinaria, e só nestas viaxes conseguía sacarse de enriba a existencia formal e esixencias da súa vida no Brasil.[281] Isto provocou que lle fose máis difícil aclimatarse de novo a súa rutina de xefe de estado.[282] Tralas mortes temperás dos seus fillos varóns, a súa fe no futuro da monarquía evaporouse, e as súas viaxes ó estranxeiro provocáronlle o resentimento polo destino que lle tocara cando aínda era un neno de cinco anos, perdendo o desexo por seguir no trono durante o que lle quedaba de vida.[283]
Durante a década de 1880 o Brasil continuou prosperando e a diversidade social incrementouse de forma notable, incluíndo o primeiro esforzo organizado pola loita polos dereitos da muller.[284] Por outra banda, as cartas escritas por Pedro II nesta época revelan un home cansado do mundo coa idade, e cunha actitude máis illada e pesimista.[285] Mantívose respectuoso co seu deber e seguía sendo meticuloso nas tarefas requiridas pola súa posición imperial, mais habitualmente sen ningún entusiasmo por elas.[286] Por mor da súa indiferenza polo destino do réxime imperial e da súa inacción á hora de apoiar o sistema imperial, os historiadores atribuíron a principal responsabilidade da disolución da monarquía ó propio emperador.[287][288]
As figuras políticas que chegaran ó poder durante os anos da década de 1830 vían o emperador como unha fonte fundamental de autoridade, esencial para o goberno e a supervivencia nacional.[45] Estes políticos de maior idade foron falecendo ou retirándose progresivamente, e nos anos da década de 1880 foran substituídos practicamente por completo por unha nova xeración de políticos que non experimentaran os primeiros anos de reinado de Pedro II, coñecendo só unha administración e prosperidade estable pola que non vían motivo para manter e defender o sistema imperial como forza unificadora en beneficio da nación.[289] Para estes novos políticos Pedro II era soamente un home vello e enfermo que erosionara progresivamente a súa posición asumindo un papel activo na política durante décadas, e cada unha das súas accións ou inaccións resultaba nun escrutinio meticuloso e nas críticas abertas. Moitos dos novos políticos sentían apatía cara ó réxime monárquico, e non fixeron nada por defendelo.[290]
A falta dun herdeiro que puidese dar unha nova dirección á nación tamén diminuíu as perspectivas a longo prazo para a monarquía brasileira. O emperador amaba a súa filla Isabel, pero consideraba a idea dunha sucesora feminina antitética ó papel necesario dun rexente brasileiro. Na súa visión, a morte dos seus dous fillos varóns era un sinal de que o Imperio estaba destinado a ser substituído por outro sistema.[291] As institucións políticas compartían esta resistencia a aceptar unha rexente feminina.[292] Aínda que a constitución permitía que unha muller herdase o trono, o Brasil era unha nación aínda moi tradicional, e considerábase que só un sucesor varón podería ser competente como xefe de estado.[103]
En xuño de 1887 a saúde do emperador estaba considerablemente empeorada, e os seus doutores persoais suxeríronlle que viaxase a Europa na procura de tratamento médico.[293] Durante a súa estancia en Milán pasou dúas semanas entre a vida e a morte, chegando a recibir a extremaunción.[294][295][296] Aínda encamado en período de recuperación, o 22 de maio de 1888 recibiu novas de que a escravitude fora abolida no Brasil.[297] Cunha voz débil e bágoas nos ollos exclamou: "Deamos grazas a Deus. Gran pobo! Gran pobo!"[297][298][299] Pedro II retornou ó Brasil desembarcando en Río de Xaneiro en agosto de 1888.[300][301] Segundo Heitor Lira: "O país enteiro recibiuno cun entusiasmo xamais visto. Da capital, das provincias, de tódolos lugares, chegaron probas de afecto e veneración".[302] Con estas demostracións á súa chegada dende Europa, a monarquía semellaba gozar dun apoio inquebrantable e estar no punto máis alto da súa popularidade.[303][300][304][305]
A nación gozou dun gran prestixio internacional durante os anos finais do Imperio, converténdose nunha potencia emerxente no ámbito internacional.[306][307] As predicións das perdas económicas e de traballo provocadas pola abolición da escravitude non chegaron a materializarse, e a colleita de café de 1888 tivo éxito.[308] A fin da escravitude deu lugar a un cambio explícito no apoio cara ó republicanismo por parte de ricos e poderosos produtores de café que mantiñan un gran poder político, económico e social no país.[309][310][311] O republicanismo era un credo elitista que nunca chegou a florecer no Brasil, con moi pouco apoio nas provincias.[312][313][314][315][316] A combinación de ideas republicanas e a diseminación do positivismo entre os rangos medios e máis baixos de oficiais do exército provocou a falta de disciplina entre os corpos de exército e converteuse nunha seria ameaza para a monarquía. Estes grupos desexaban unha república ditatorial, crendo que sería un sistema superior á monarquía.[317][318]
Malia que no Brasil non existía un desexo xeral entre a maioría da poboación de cambiar a forma de goberno, os civís republicanos comezaron a exercer presión sobre os oficiais do exército para que derrocasen a monarquía.[316][319] Estes lanzaron un golpe de estado, arrestando o primeiro ministro Afonso Celso e instituíron a república o 15 de novembro de 1889.[320][321][322][323] Os poucos que presenciaron os feitos non se decataron inicialmente de que era unha rebelión.[324][325] A historiadora Lídia Besouchet indicou que "raramente unha revolución fora tan minoritaria".[326] Segundo Barman, durante todo o proceso Pedro II non demostrou emoción ningunha, como se non lle preocupase o resultado,[327] e rexeitou tódalas suxestións de sufocar a rebelión que lle chegaron de parte dos políticos e militares.[328][329][330] Cando lle chegaron as novas da súa deposición, simplemente comentou: "Se así é, será o meu retiro. Traballei demasiado duro e estou cansado. Agora vou descansar".[331]
Pedro II e a súa familia víronse obrigados a exiliarse a Europa o 17 de novembro de 1889.[332] Tareixa Cristina faleceu tres semanas despois da súa chegada ó continente, e a súa familia trasladouse a outro lugar mentres Pedro permaneceu primeiro en Cannes e posteriormente en París.[333][334] Pasou os últimos dous anos de vida de forma solitaria e melancólica, vivindo con poucos cartos en hoteis modestos e escribindo no seu diario sobre soños nos que se lle permitía volver ó Brasil.[335][336][337] Nunca apoiou unha restauración da monarquía, afirmando que non tiña desexos de "volver á posición que ocupei, especialmente non por medio dunha conspiración de calquera tipo".[338] A finais de 1891 sufriu unha infección que progresou rapidamente nunha pneumonía.[339][340] A súa saúde empeorou moi rápido e finalmente faleceu ás 00:35 do 5 de decembro de 1891, arrodeado da súa familia.[341][342][343] As súas últimas palabras foron "Deus me conceda estes últimos desexos —paz e prosperidade para o Brasil".[344] Na súa habitación atopouse un paquete selado xunto a unha mensaxe escrita polo propio emperador: "É terra do meu país; desexo que sexa colocada no meu cadaleito, se morro lonxe da miña patria".[342][345][346]
Isabel quería un funeral discreto e privado, pero eventualmente aceptou a petición do goberno francés de realizar un funeral de estado.[347][342][348][349] O 9 de decembro, varios miles de persoas asistiron á cerimonia na igrexa La Madeleine. A maiores da propia familia de Pedro, asistiron outras personalidades entre as que se atopaban Francisco II, antigo rei das Dúas Sicilias, Isabel II, antiga raíña de España, Filipe de Orleáns e outros membros da realeza europea.[350][351] Tamén estiveron presentes o xeneral Joseph Brugère, representando o presidente Sadi Carnot, os presidentes do Senado e da Cámara dos Deputados así como os seus membros, e outros representantes do goberno francés.[352][348] Case tódolos membros do Institut de France asistiron á cerimonia,[348][353] e outros gobernos estranxeiros enviaron representantes, como por exemplo o Imperio Otomán, a China, o Xapón e Persia.[352] Trala misa, o cadaleito levouse en procesión ata a estación de tren para que comezase a súa viaxe ata Portugal.[354][355] O seu destino foi a igrexa de São Vicente de Fora, preto de Lisboa, onde o seu corpo foi soterrado no Panteón Real da Casa de Braganza o 12 de decembro.[356][357]
O novo goberno republicano do Brasil, temendo represalias pola morte do emperador, prohibiu calquera tipo de reacción oficial.[358] Porén, os brasileiros non foron indiferentes á morte do emperador. Segundo Carvalho, "As repercusións no Brasil foron inmensas, malia os esforzos do goberno por suprimilas. Houbo manifestacións de tristeza por todo o país: negocios pechados, bandeiras a media hasta, cintas negras nos brazos da xente, toques de defuntos e cerimonias relixiosas".[356]
Trala súa caída os brasileiros mantiveron o seu afecto polo antigo emperador, que aínda era unha figura popular e ben considerada.[359][360] Esta visión era aínda máis pronunciada entre os descendentes de africanos, que relacionaban a monarquía coa liberade polo seu papel e o da súa filla Isabel na abolición da escravitude.[361] O historiador Ricardo Salles afirmou que o apoio continuado da deposta monarquía debeuse en gran medida á crenza xeral de que Pedro fora "realmente un rexedor sabio, benevolente, austero e honesto".[362] A visión positiva de Pedro II e a nostalxia polo seu reinado seguiu medrando cando a nación caeu rapidamente nunha serie de crises políticas e económicas, que moitos brasileiros achacaron ó derrocamento do emperador.[363]
Os propios republicanos comezaron a manifestar fortes sentimentos de culpabilidade, cada vez máis evidentes trala morte do emperador no exilio.[364] Estes loaron a Pedro II, visto como un modelo dos ideais republicanos, e loaron tamén a era imperial, da que pasaron a considerar un exemplo a seguir por parte da nova república.[365][366] Segundo Barman, as novas da morte do emperador no Brasil "incitaron un sentido de arrepentimento xenuíno entre aqueles que, sen simpatía por unha restauración, admitiron tanto os méritos coma os éxitos do emperador falecido".[367] Os seus restos e os da súa muller foron devoltos ó Brasil en 1921, a tempo para o centenario da independencia do Brasil. O goberno outorgoulle a Pedro II as dignidades dun xefe de estado.[368][369] Declarouse un festivo nacional e por todo o país celebrouse a volta do emperador como se fose un heroe nacional.[370] Miles de persoas asistiron á cerimonia principal en Río de Xaneiro, onde segundo o historiador Pedro Calmón, "a xente máis maior chorou. Moitos axeonlláronse. Todos aplaudiron. Non houbo distinción entre republicanos e monárquicos. Eran todos brasileiros".[371] Para Barman, esta homenaxe marcou a reconciliación do Brasil republicano co seu pasado monárquico.[369]
Os historiadores en xeral expresaron boas opinións sobre Pedro II e o seu reinado. A literatura erudita sobre Pedro é vasta, e coa excepción do período inmediatamente posterior ó seu exilio, maioritariamente positiva e incluso laudatoria.[372] Varios historiadores brasileiros considerárono o "máis grande dos brasileiros".[373][374] De forma semellante ós métodos usados polos propios republicanos, os historiadores resaltaron as virtudes do emperador como un exemplo a seguir, aínda que ningún chegou a avogar pola restauración da monarquía. O historiador Richard Graham indicou que "ademais, a maioría dos historiadores do século XX botaron a vista atrás ó período [do reinado de Pedro II] de forma nostálxica, usando as súas descricións do Imperio para criticar —en ocasións sutilmente, en ocasións non— os subsecuentes réximes republicanos ou ditatoriais do Brasil".[375]
Pedro recibiu os seguintes tratamentos oficiais ó longo da súa vida:
Como emperador do Brasil, o seu tratamento e título completo foi "A súa maxestade imperial don Pedro II, emperador constitucional e defensor perpetuo do Brasil".[376]
Como emperador Pedro II foi Gran Mestre no Brasil da Orde de Cristo, da Orde de San Bieito de Aviz, da Orde de San Xaime da Espada, da Orde da Cruz do Sur, da Orde de Pedro I e da Orde da Rosa.[377] Recibiu tamén as distincións e honras estranxeiras da Gran Cruz da Orde de Santo Estevo de Hungría, o Gran Cordón da Orde de Leopoldo de Bélxica, a Gran Cruz da Orde da Estrela de Romanía, o título de Cabaleiro da Orde do Elefante de Dinamarca, a Gran Cruz da Orde de San Xenaro das Dúas Sicilias, a Gran Cruz da Orde de San Fernando e do Mérito das Dúas Sicilias, a Gran Cruz da Lexión de Honra francesa, a Gran Cruz da Orde do Salvador de Grecia, a Gran Cruz da Orde do León Neerlandés, o título de Cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro de España, o título de Cabaleiro Estranxeiro da Orde da Xarreteira británica, a Gran Cruz da Orde de Malta, a Gran Cruz da Orde do Santo Sepulcro, a Gran Cruz da Sagrada Orde Militar Constantiniana de San Xurxo, a Gran Cruz da Orde da Inmaculada Concepción de Vila Viçosa de Portugal, a Gran Cruz da Orde da Torre e da Espada portuguesa, a Gran Cruz da Orde da Aguia Negra de Prusia, a Gran Cruz de tódalas ordes rusas de cabalaría, o título de Cabaleiro da Suprema Orde da Santísima Anunciación italiana, a Gran Cruz da Real Orde do Serafín de Suecia, a Gran Cruz da Orde da Estrela Polar de Suecia e a Gran Cruz de Primeira Clase da Orde de Medjidie turca.[378]
A ascendencia do emperador Pedro II foi a seguinte:[379]
16. Xoán V de Portugal | ||||||||||||||||
8. Pedro III de Portugal | ||||||||||||||||
17. María Ana de Austria | ||||||||||||||||
4. Xoán VI de Portugal | ||||||||||||||||
18. Xosé I de Portugal | ||||||||||||||||
9. María I de Portugal | ||||||||||||||||
19. Mariana Vitoria de España | ||||||||||||||||
2. Pedro I do Brasil | ||||||||||||||||
20. Carlos III de España | ||||||||||||||||
10. Carlos IV de España | ||||||||||||||||
21. María Amalia de Saxonia | ||||||||||||||||
5. Carlota Xoaquina de Borbón | ||||||||||||||||
22. Filipe I de Parma | ||||||||||||||||
11. Maria Luísa de Parma | ||||||||||||||||
23. Luisa Isabel de Francia | ||||||||||||||||
1. Pedro II do Brasil | ||||||||||||||||
24. Francisco I, Sacro Emperador Romano-Xermánico | ||||||||||||||||
12. Leopoldo II de Habsburgo | ||||||||||||||||
25. María Tareixa I de Austria | ||||||||||||||||
6. Francisco II do Sacro Imperio Romano Xermánico | ||||||||||||||||
26. Carlos III de España (= 20) | ||||||||||||||||
13. María Luisa de Borbón | ||||||||||||||||
27. María Amalia de Saxonia (= 21) | ||||||||||||||||
3. María Leopoldina de Austria | ||||||||||||||||
28. Carlos III de España (= 20) | ||||||||||||||||
14. Fernando I das Dúas Sicilias | ||||||||||||||||
29. María Amalia de Saxonia (= 21) | ||||||||||||||||
7. María Tareixa das Dúas Sicilias | ||||||||||||||||
30. Francisco I, Sacro Emperador Romano-Xermánico (= 24) | ||||||||||||||||
15. María Carolina de Austria | ||||||||||||||||
31. María Tareixa I de Austria (= 25) | ||||||||||||||||
Nome | Retrato | Período de vida | Notas |
---|---|---|---|
Con Tareixa Cristina de Borbón-Dúas Sicilias (14 de marzo de 1822 – 28 de decembro de 1889; casados por poderes o 30 de maio de 1843) | |||
Afonso, príncipe imperial do Brasil | 23 de febreiro de 1845 – 11 de xuño de 1847 |
Príncipe imperial do Brasil dende o seu nacemento ata a súa morte. | |
Isabel, princesa imperial do Brasil | 29 de xullo de 1846 – 14 de novembro de 1921 |
Princesa imperial do Brasil e condesa de Eu por matrimonio con Gastón de Orleáns. Tivo catro fillos deste matrimonio. Actuou como rexente do Imperio mentres o seu pai estaba de viaxe no estranxeiro. | |
Princesa Leopoldina do Brasil | 13 de xullo de 1847 – 7 de febreiro de 1871 |
Casada con Luis Augusto de Saxonia-Coburgo-Gotha. Tivo catro fillos deste matrimonio. | |
Pedro Afonso, príncipe imperial do Brasil | 19 de xullo de 1848 – 9 de xaneiro de 1850 |
Príncipe imperial do Brasil dende o seu nacemento ata a súa morte. |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.