Remove ads
emperatriz consorte do Brasil From Wikipedia, the free encyclopedia
Amelia de Leuchtenberg (portugués: Amélia Augusta Eugénia Napoleona de Leuchtenberg; francés: Amélie Auguste Eugénie Napoléonne de Leuchtenberg), nada o 31 de xullo de 1812 e finada o 26 de xaneiro de 1873, foi emperatriz consorte do Brasil trala súa voda con Pedro I do Brasil.
Nome orixinal | (pt) Amélia Augusta Eugênia de Leuchtenberg (fr) Amélie Auguste Eugénie de Leuchtenberg |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 31 de xullo de 1812 Milán, Italia |
Morte | 26 de xaneiro de 1873 (60 anos) Lisboa, Portugal |
Lugar de sepultura | Panteão dos Braganças (pt) (–1982) Monumento à Independência do Brasil (pt) |
Consorte do Brasil (pt) | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Altura | 1,6 m |
Outro | |
Título | Duquesa Imperatriz Consorte do Brasil (pt) Emperatriz Raíña de Portugal |
Familia | Casa de Beauharnais (pt) e Casa de Bragança |
Cónxuxe | Pedro I do Brasil (1829–valor descoñecido) |
Fillos | María Amelia de Braganza |
Pais | Eugène de Beauharnais e Augusta da Baviera |
Irmáns | Xosefina de Leuchtenberg Eugênia de Leuchtenberg Théodolinda von Urach Maximiliano de Beauharnais Augusto de Beauharnais Carolina Clotilde de Beauharnais |
Premios | |
Amelia foi a cuarta filla do xeneral Eugène de Beauharnais, e súa esposa, a princesa Augusta da Baviera. O seu pai era fillo de Xosefina de Beauharnais e o seu primeiro marido, o vizconde Alexandre de Beauharnais. Cando Xosefina casou con Napoleón Bonaparte, Eugène foi adoptado como fillo e feito vicerrei da Italia. A nai de Amalia era filla do rei Maximiliano I Xosé de Baviera e da súa primeira consorte, a princesa Augusta Guillermina de Hesse-Darmstadt.[1] Entre os irmáns de Amelia estaban Xosefina de Leuchtenberg, raíña consorte de Óscar I de Suecia, e Augusto de Beauharnais, príncipe consorte de María II de Portugal. Napoleón III foi seu primo-irmán.
Despois da caída de Napoleón en 1814, Eugène, asumiu o título de Duque de Leuchtenberg e fixou a súa residencia en Múnic. Trala súa morte a súa familia ficou en situación incerta, sen grandes perspectivas para o futuro. Aínda que fosen nobres, o seu parentesco con Napoleón non facilitaba o seu tránsito entre as cortes e o recoñecemento da súa nobreza. O xurdimento da posibilidade de casar a Amalia co Emperador do Brasil pareceulle a Augusta de Baviera, a mellor alternativa para garantir as pretensións da Casa de Leuchtenberg a un status rexio.[1]
Trala morte da súa primeira esposa, a arquiduquesa austríaca María Leopoldina, en decembro de 1826, Pedro I do Brasil encomendou ao marqués de Barbacena a misión de buscarlle en Europa unha segunda esposa. A tarefa non foi fácil xa que varios factores complicaron a busca. En primeiro lugar, Pedro estipulara catro condicións para aceptar unha nova consorte: ela debería ser de bo nacemento, bela, virtuosa e culta. Non eran moitas as princesas dispoñibles que satisfacían todos os requisitos. Amais diso, a imaxe do emperador en Europa non era boa, a súa relación coa Marquesa de Santos era notoria e dificilmente algunha muller deixaría as cortes europeas para casar con quen tiña fama de infiel. Para empeorar a situación, o antigo sogro de Pedro, o emperador austríaco Francisco I, non tiña o xenro en bo concepto e diverxía das súas ideas políticas, e aparentemente actuou para boicotear un novo casamento a fin de garantir que os seus netos herdasen o trono brasileiro, se sobrevivisen á infancia.[2]
Tras afrontar a rexeita de oito princesas, o que tornara o embaixador obxecto do escarnio nas cortes, Barbacena, en concordancia co emperador, baixou as expectativas e pasou a buscar unha noiva só "bela e virtuosa". Xurdiu en fin Amelia como unha boa posibilidade, mais seu encontro non se debeu a Barbacena, e si ao vizconde de Pedra Branca, ministro en París, a quen ela fora indicada.[3] Non tiña unha liñaxe particularmente distinguida por parte de nai, e seu pai, parente de Napoleón Bonaparte, en moitos lugares non tiña súa nobreza recoñecida xustamente polo odio que o ex-emperador francés suscitara en boa parte da Europa. Porén, era seu único "defecto". A princesa era moi bela, alta, ben proporcionada, cun rostro delicado e cabelos alourados. O Marqués de Resende, enviado para confirmar a fermosura da moza, escribiu ao emperador cubríndoa de eloxios e dicindo que ela tiña "un ar de corpo como o que o pintor Correggio deu nos seus cadros á raíña de Saba".[2] Era, tamén, moi culta e sensible. Unha noticia do London Times na época afirmou que ela era unha das princesas máis ben educadas e preparadas de Alemaña.[4]
O casamento foi rapidamente arranxado. A convención matrimonial foi asinada en Inglaterra o 30 de maio de 1829, ratificada o 30 de xuño, en Múnic, pola nai e titora da noiva, a duquesa de Leuchtenberg. O 30 de xullo daquel ano, foi confirmado, no Brasil, o tratado do casamento do emperador con Amalia. Ao confirmarse o casamento, Pedro rompeu definitivamente súa relación coa Marquesa de Santos e instituíu, como proba de boas intencións, a orde da Rosa, cuxo lema é "Amor e Fidelidade". A cerimonia do casamento, realizada por apoderado en Múnic, na capela do palacio de Leuchtenberg, o 2 de agosto daquel ano. Foi sinxela, contando con poucos convidados,[2] xa que Amelia insistiu en doar a un orfanato de Múnic a substancial dotación enviada por Pedro para unha celebración fastuosa. O noivo foi representado polo Marqués de Barbacena.[1] Amelia tiña só dezasete anos, e seu marido, trinta.[2]
A nai da noiva previu as dificultades polas cales a súa filla pasaría, e tratou de preparala. Amais dun bo dote e enxoval, aconsellouna, recomendando que demostrase seus sentimentos e deixase de lado a timidez para non desestimular ao seu marido, que fose amorosa cos enteados, e sobre todo que se mantivese fiel, como emperatriz, aos intereses brasileiros. Tamén, incumbiu ao científico Carl Friedrich von Martius para que a instruíse durante a viaxe sobre a nación que gobernaría, e a condesa de Itapagipe para que a introducira no coñecemento da personalidade do seu esposo, da lingua portuguesa e das costumes da corte brasileira.[2]
Amelia de Leuchtenberg chegou ao Río de Xaneiro o 15 de outubro de 1829, na fragata Imperatriz, chegando de Ostende, en Bélxica, antes da data prevista. Segundo a tradición, ao saber que o navío se aproximaba, Pedro embarcou nun rebocador para encontralo fóra do porto, e ao ver que a beleza da esposa correspondía ás súas altas expectativas, desfaleceu de emoción.[2] Acompañábana a bordo o marqués de Barbacena e a pequena María da Gloria, a futura María II de Portugal, en favor de quen o seu pai renunciara aos seus dereitos ao trono portugués en 1828. Barbacena, que na mesma viaxe recibira a misión de levar a María para os coidados de seu avó, o emperador Francisco I, no medio do traxecto soubo da usurpación do trono portugués por Miguel, irmán de Pedro, e decidiu en vez diso levala para a Inglaterra, que considerou un lugar máis seguro. Tras concluír os preparativos do enlace imperial, buscouna novamente, embarcándoa de volta para o Brasil xunto coa comitiva de Amelia, onde se encontraba tamén o irmán da noiva, Augusto de Beauharnais, 2.° duque de Leuchtenberg. Pouco despois do primeiro encontro da parella, os fillos do primeiro casamento de Pedro coñeceron súa madrasta aínda no navío que a trouxera, para xantaren todos xuntos.[1]
O día seguinte, polo medio-día, so unha forte choiva, Amelia desembarcou, sendo recibida cunha solemne procesión. Axiña dirixiuse, con seu esposo, á Capela Imperial para recibiren as bendicións nupciais. A beleza da emperatriz sorprendeu a todos, realzada por un longo vestido branco e un manto bordado en prata, segundo a moda francesa. Despois da cerimonia houben unha celebración pública con fogos de artificio, e a corte foi servida cun gran banquete de Estado.[1]
En xaneiro de 1830, ocorreu a presentación formal da nova emperatriz á corte, cun baile en que todas as damas se vestiron coa cor rosa, súa preferida. Soamente o día seguinte ao baile a parella iniciou súa lúa de mel, pasando seis semanas na facenda do padre Correa, na serra da Estrela, lugar onde se erguería a cidade de Petrópolis.
Ao seu regreso, encontraron o clima na corte pesado, por conta de problemas causados polo notorio Chalaça, amigo íntimo do emperador. Barbacena aproveitou para librarse do antigo desafeito, recomendando que el partise para Europa, no que contou co apoio estreito da nova emperatriz, ansiosa para apagar todo que puidese lembrar o pasado aventureiro de seu esposo. Ela xa mostrara actitudes firmes anteriormente, rexeitándose desde o inicio a recibir na corte a duquesa de Goiás, filla de Pedro coa Marquesa de Santos, e esixindo que ela fose mandada para un colexio en Suíza.[3]
Ao instalarse no palacio de San Cristovo, entendendo a falta de protocolo que reinaba, Amelia impuxo á corte como lingua oficial o francés e o cerimonial dunha corte europea. Procurou actualizar a moda e a culinaria, decorou o palacio e renovou os servizos de mesa e pratarías, tentando refinar os costumes. En parte tivo logro, e a elegancia da emperatriz, sempre impecablemente vestida, se volveu famosa no estranxeiro.[5]
A relación con seus parentes foi, segundo os relatos, moi positivo. Tendo cativado inmediatamente o afecto do marido, súa bela aparencia, o seu bo senso e a súa xentileza no trato conseguiron o mesmo dos nenos. Dedicouse a asegurar que recibisen unha boa educación e tivesen un bo ambiente familiar. Un viaxeiro francés rexistrou pouco tras o casamento: "Parece que a emperatriz continúa a exercer súa influencia sobre os nenos de Pedro. Os felices resultados xa son aparentes, xa fixo considerábeis reformas no palacio, e a orde comeza a reinar; a educación das princesas é supervisada e dirixida pola emperatriz persoalmente", o mesmo coidado recibiu o herdeiro do trono, o pequeno Pedro de Alcántara. Próbao o feito de que o rapaz non tardou comezar a chamala "mamá". Amelia sempre manifestoulle o seu cariño, e ata a súa morte mantivo correspondencia con el, tentando instruílo e apoialo. Sobreviven case de seiscentas cartas que intercambiaron. Pedro II retribuíulle a súa xentileza solicitando a súa axuda para casar as súas propias fillas e visitándoa en Lisboa en 1871.[6][7]
Tamén foi importante súa presenza para rescatar a popularidade de seu marido e animalo nun momento difícil do novo imperio, mais o entusiasmo xerado polo casamento entre a poboación durou pouco.[2] José Bonifácio aconsellouna no sentido de que fixese o marido se reconciliar co pobo, mais nada adiantou.[4] A precariedade da situación económica e a turbulencia política precipitaron unha crise incontrolable, e o 7 de abril de 1831 Pedro abdicou, deixando o trono para o seu fillo Pedro de Alcántara.[2]
Amelia seguiu con Pedro, agora co título de duques de Braganza, de navío para a Europa. Encontrábase embarazada de tres meses e sufriu moito cos mareos. O primeiro porto a ser alcanzado foi do Faial, no arquipélago dos Azores. Tras se reabastecer, o navío seguiu viaxe rumbo a Cherburgo, en Francia, chegando alí en 10 de xuño de 1831. Foron recibidos con honras de monarcas reinantes, cunha salva de 21 tiros de canón e un destacamento de cinco mil soldados da Garda Nacional. A Prefectura da cidade ofreceulles un palacio para que se acomodasen, mais en 20 de xuño Pedro seguiu para Londres, deixando para tras Amelia, á cal se reuniu Maria da Gloria en 23 do mesmo mes.[8]
Axiña, Amelia estabeleceu residencia en París, con Maria da Gloria e Isabel María, duquesa de Goiás, que acabaría adoptando por filla.[9] O día 30 de novembro de 1831 a emperatriz deu á luz a princesa María Amelia de Braganza, seu único rebento. O pai expresou súa felicidade en carta ao pequeno Pedro II, nos seguintes termos: "A Divina Providencia quixen diminuír a tristeza que sente meu corazón paterno pola separación de V.M.I. [Vosa Maxestade Imperial] dándome máis unha filla e, á V.M.I., máis unha irmá e súdita".[10]
Mentres tanto, Pedro I emprendía unha encarnizada loita contra o seu irmán, Miguel I, polo trono portugués, en nome de súa filla, María da Gloria. Coa noticia da vitoria do duque de Braganza en Lisboa, Amelia partiu con súa filla e a súa enteada para Portugal, chegando á capital en 22 de setembro de 1833.[11] Con Miguel derrotado e exiliado de Portugal, Pedro e a súa familia estabelecéronse inicialmente no Palacio do Ramalhão e, máis tarde, no Palacio Real de Queluz.[12]
A vida axitada de Pedro minara súa saúde, contraeu tuberculose e finou o 24 de setembro de 1834.[12] Amelia respectou as disposicións testamentarias do defunto, que desexaba que a súa filla ilexítima coa marquesa de Santos, María Isabel, fose ben educada en Europa, como o estaba sendo a súa outra filla, Isabel María, duquesa de Goiás, mais a pesar do convite feito para que lle enviase a meniña, a marquesa declinou. Pedro tamén estipulara dotes para outros de seus fillos adulterinos, que foron concedidos ás expensas da herdanza de Amelia e da súa propia filla, expresando seu respecto polo amor que Pedro dedicara a toda a súa prole, lexítima ou non.[13]
Amelia non volveu a se casar; mudouse para o Palacio das Xanelas Verdes e dedicouse a obras de caridade e á educación da filla, que demostrou posuír grande intelixencia para a música, ocasionalmente visitando a Baviera con súa meniña. A pesar de estabelecidas en territorio luso, elas non eran consideradas parte da familia real portuguesa. Amelia solicitou entón ao goberno brasileiro o recoñecemento dela e da súa filla como membros da familia imperial brasileira, con dereito a unha pensión, mais Pedro II aínda era menor de idade e o Brasil estaba gobernado por unha rexencia, que temía unha posible influencia da emperatriz-viúva nos negocios de Estado e, mesmo, súa adhesión a faccións políticas que puidesen vir a prexudicar o goberno. Así, rexeitouse o recoñecemento de María Amelia como unha princesa brasileira e prohibiuse a ela e súa nai de colocaren os pés no país. Non obstante, coa maioridade de Pedro II, que mantiña boas relacións con elas, a situación mudou, e o 5 de xullo de 1841 nai e filla foron recoñecidas como membros da familia imperial brasileira.[14]
Por infelicidade, logo de ennoivar co arquiduque Maximiliano da Austria no inicio de 1852, a princesa María Amelia pasou a mostrar os síntomas da tuberculose. A doenza fixo que ela e súa nai mudasen para o Funchal, en Madeira, en busca de aires máis salubres, chegando alí o 31 de agosto. Porén, a princesa non resistiu e faleceu, aos vinte e dous anos de idade, o 4 de febreiro de 1853.[2][15] A súa morte repercutiu profundamente sobre a nai, que visitou o túmulo da filla todos os anos o día 4 de febreiro até ela mesma falecer, financiou a construción dun hospital no Funchal chamado "Princesa Dona Maria Amélia", aínda existente, e legou súas propiedades na Baviera ao arquiduque Maximiliano, "a quen [ela] ficaría feliz en ter como xenro, se Deus conservase súa amada filla Maria Amelia".[16]
Trala morte da súa filla, Amelia regresou a Lisboa, onde morreu o 26 de xaneiro de 1873, aos sesenta anos [17]. De acordo co estabelecido no seu testamento, a súa irmá, a raíña de Suecia, foi súa principal herdeira, mais legou para o Brasil moitos documentos pertencentes a Pedro, hoxe preservados no Arquivo Histórico do Museo Imperial en Petrópolis.[2] Os seus restos mortais reposan na cripta do Monumento á Independencia do Brasil, en São Paulo, trasladados para o Brasil en 1982.[18] Até entón o corpo de María Amelia repousou ao lado do corpo do irmán de D. Pedro I, Miguel, no Panteón dos Braganza en Lisboa.
Con D. Pedro I do Brasil e IV de Portugal:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.