From Wikipedia, the free encyclopedia
Liberdade de expresión é o dereito de calquera individuo a manifestar, libremente, opinións, ideas e pensamentos persoais sen medo de represión ou censura por parte do goberno ou doutros membros da sociedade.[1] [2] [3] [4] É un concepto fundamental nas democracias modernas nas cales a censura non ten apoio moral.[5] A liberdade de expresión é un dereito humano, protexido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos, de 1948, e polas constitucións de varios países democráticos.[6]
A maioría dos ideais políticos modernos como a xustiza, a liberdade e o goberno constitucional, xurdiron na Grecia antiga.[7] Foron os gregos os pioneiros en lanzar as sementes da idea democrática, e entre os valores da República Romana incluíanse a liberdade de expresión e a liberdade de relixión.[8]
O concepto de liberdade de expresión pode atoparse nos primeiros documentos dos dereitos humanos.[9] Na Declaración de Dereitos de 1689 de Inglaterra establécese legalmente o dereito á 'liberdade de expresión no Parlamento', que aínda se mantén.[10] A Declaración dos dereitos do home e do cidadán, adoptada durante a Revolución Francesa de 1789, afirmou especialmente a liberdade de expresión como un dereito inalienable.[9] A Declaración no seu Artigo 11, di que:
"A libre comunicación dos pensamentos e opinións é un dos máis valiosos dereitos do home. Todo ciudadán pode falar, escribir e publicar libremente, agás cando teña que responder do abuso desta liberdade nos casos determinados pola lei".[11]
O Artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, adoptada en 1948, di que:
"Todo ser humano ten dereito á liberdade de opinión e expresión; este dereito inclúe a liberdade de, sen interferencia, ter opinións e de procurar, reciber e transmitir informacións e ideas por calquera medio e independentemente de fronteiras".[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.