Ofiolita
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha ofiolita[1] é unha sección da codia oceánica terrestre e de capas superiores do manto subxacentes que foron elevadas e quedaron expostas por riba do nivel do mar e xeralmente situadas sobre rochas da codia continental. Estes conxuntos de rochas e as súas secuencias denomínase tamén secuencias ofiolíticas ou complexos ofiolíticos. A palabra procede do grego ophio e lithos e significa 'rocha serpente', pola cor verde que teñen moitas ofiolitas, con debuxos ás veces parecidos aos da pel das serpes.
A grande importancia que teñen as ofiolitas en xeoloxía débese á súa aparición en cintos montañosos como os Alpes e os Himalaias, onde documentan a existencia de antigas cuncas oceánicas que se introduciron no manto por subdución ata desapareceren totalmente (obdución) durante os choques entre placas. As ofiolitas son fundamentais no estudo da tectónica de placas e a interpretación de antigos cintos montañosos. En Galicia, no complexo de Cabo Ortegal, considérase que hai unha secuencia ofiolítica, resultante de antigos choques continentais.