From Wikipedia, the free encyclopedia
A acreción, en xeoloxía, é un proceso polo cal un material se engade a unha placa tectónica na zona de subdución, frecuentemente no bordo dunha masa continental existente. O material engadido poden ser sedimentos, ou elementos máis grandes como arcos volcánicos, montes submarinos, partes da codia oceánica ou outras estruturas ígneas ou "terreos" (terranes).[1][2][3]
A acreción implica a adición de material a unha placa tectónica como resultado da subdución, o proceso polo cal unha placa é forzada a meterse baixo outra durante o choque de dúas placas.[3] A placa que se mete por debaixo é a placa subducente, e a que queda arriba é a placa acabalgante. Os sedimentos do fondo oceánico da placa subducente son arrastrados xunto con ela e a miúdo son raspados a medida que a placa descende e acumúlanse na fosa. Este material acumulado chámase prisma de acreción (ou cuña de acreción), e é empurrado contra a placa non subducente e adhírese a ela.[3] Nas zonas de subdución baixo placas continentais o prisma ten un gran volume e a fosa é menos profunda; o contrario ocorre na subducción intraoceánica entre as codias oceánicas de dúas placas, polo que esas fosas son máis profundas. Ademais dos sedimentos oceánicos acumulados, os arcos de illas volcánicos ou montes submarinos que se encontran na placa subducente poden quedar amalgamados na codia continental existente, incrementando así a súa masa continental.[3]
A codia continental difire significativamente da codia oceánica. A codia oceánica está composta principalmente de rochas basálticas, que teñen unha maior densidade que as rochas que constitúen a maioría da codia continental.[4] Os arcos de illas e outras rochas volcánicas son tamén de menor densidade que as típicas da codia oceánica, e non é doado que subduzan xunto coa codia oceánica que as rodea. En vez diso, estes fragmentos menos densos da codia coliden coa codia continental existente da placa acabalgante unha vez que a codia oceánica que as separa subduciu completamente.[3] A maioría dos continentes están compostos de múltiples "terreos" (terranes) que foron acrecionados, os cales son cachos de codia de baixa densidade de diferentes orixes. Por exemplo, América do Norte está formada de múltiples terreos acrecionados que chocaron co protocontinente de Laurentia, como os terreos proterozoicos Yavapai, Mazatzal e a provincia de Grenville.[5] Os terreos acecionados xunto cos límites de placas da subdución moderna inclúen o complexo acrecionario de Nankai do Xapón (subdución da placa de Filipinas por debaixo da placa euroasiática), a crista de Barbados no Caribe (subdución da placa do Caribe por debaixo da placa norteamericana), e a dorsal do Mediterráneo (subdución da placa africana baixo a euroasiática). Todos estes exemplos de terreos acrecionados tamén presentan prismas de acreción.[6][7][8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.