From Wikipedia, the free encyclopedia
Laurentia ou cratón norteamericano é un gran cratón continental que forma o núcleo xeolóxico antigo do continente norteamericano. Moitas veces no seu pasado, Laurentia foi un continente separado, como o é agora na forma de Norteamérica, aínda que orixinalmente tamén incluía áreas cratónicas de Groenlandia e ademais a parte noroeste de Escocia, coñecida como o terreo das Hébridas. Noutras épocas Laurentia formou parte de continentes máis grandes e supercontinentes e constaba de moitos pequenos terreos ensamblados nunha rede de cintos oroxénicos do Proterozoico temperán. Pequenos microcontinentes e illas oceánicas chocaron e suturáronse con aquela Laurentia en constante crecemento, e xuntos formaron o cratón estable precámbrico que é hoxe.[1][2]
O cratón denomínase así polo escudo Laurentino, e á súa vez as montañas Laurentinas recibiron o seu nome polo río San Lourenzo, e este polo santo Lourenzo de Roma.[3]
Na Canadá central e oriental, gran parte do cratón estable está exposto na superficie formando o escudo Canadense; cando se considera tamén a extensión subsuperficial é máis comúnu tilizar o termo máis amplo escudo Laurentino, xa que grandes partes da estrutura se estenden fóra do Canadá. Nos estados Unidos, o basamento do cratón está cuberto de rochas sedimentarias na ampla plataforma interior das rexións do Mediooeste e as Grandes Chairas e está exposto só no norte de Minnesota, Wisconsin, os montes Adirondack de Nova York, e a Península Superior de Míchigan.[4] A secuencia de rochas varía desde un grosor de 1 000 m a uns 6 100 m. As rochas cratónicas son metamórficas ou ígneas con rochas sedimentarias enriba compostas principalmente por calcarias, arenitos e lousas.[5] Estas rochas sedimentarias foron principalmente depositadas desde hai 650 a 290 millóns de anos.[6]
As rochas metamórficas e ígneas do "complexo de basamento" de Laurentia formáronse hai de 1 500 a 1 000 millóns de anos nunha zona tectonicamente activa.[7] As rochas sedimentarias de idade posterior que se depositaron enriba deste complexo de basamento formáronse nun ambiente de augas de ríos e mariñas lentas. Durante gran parte do Mississippiano, o cratón funcionou como unha extensa plataforma de carbonatos mariña na cal se depositaban principalmente calcarias e algunhas dolomías e evaporitas. Esta plataforma estendíase desde os actuais montes Apalaches ou o val do Mississippi á actual Gran Cunca. O cratón estaba cuberto por un mar epicratónico ou epicontinental tropical de augas cálidas e pouco fondas, que tiña profundidades máximas de só uns 60 m no bordo da plataforma. Durante o Cretáceo, ese mar, chamado Vía marítima interior occidental, estendíase desde o golfo de México ao océano Ártico, dividindo Norteamérica en dúas masas de terra, orienta e occidental. Ás veces, elevábanse masas de terra ou cadeas montañosas nos bordos distantes do cratón e despois eran desmanteladas pola erosión, desprendéndose de area que se espallou pola paisaxe.[8][9] A subdución do continente cara ao noroeste durou aproximadanmente entre 1 400 e 1 200 millóns de anos.[10]
A porción suroeste de Laurentia consta de rochas de basamento precámbricas deformadas por colisións continentais (área violeta da imaxe de arriba). Esta área foi sometida a un considerable rifting como a Provincia de Basin and Range e estirouse ata un 100% da súa largura orixinal.[11] A área contén numerosos restos de grandes erupcións volcánicas.
Laurentia ocupaba no Ordovícico tardío (hai de 458 a 444 millóns de anos) unha posición no ecuador, o que foi determinado por rexistros de estratos cunchíferos.[12] O continente quedou mergullado durante o Ordovícico, o que proporcionou as augas pouco profundas cálidas necesarias para que prosperase a vida mariña e que aumentasen as cunchas carbonatadas de moluscos. Hoxe, estas capas están compostas por cunchas fosilizadas ou facies Thalassinoides en depósitos masivos e carecen de capas de cunchas de braquiópodos ou de cunchas non amalgamadas de braquiópodos.[12] Estes esratos cunchíferos implican a presenza dun cinto de clima ecuatorial libre de furacáns, que se situaba a 10° o ecuador entre os 22,1° S ± 13,5°.[12] Esta conclusión ecolóxica correspóndese ben cos descubrimentos paleomagnéticos previos que confirman a situación ecuatorial do cratón.[12]
Durante o Fanerozoico tiveron lugar varios eventos climáticos en Laurentia. Durante o Cámbrico tardío e ata o Ordovícico, o nivel do mar flutuou debido á fusión das capas de xeo. Houbo nove flutuacións a macroescala de "hiperquecemento global" ou condicións de efecto invernadoiro de alta intensidade.[13] Debido ás flutuacións no nivel do mar, estes intervalos orixinaron depósitos de lutitas en Laurentia, que serven como rexistros deses eventos.[13] O Ordovícico tardío foi un período de arrefriamento, pero o grao ao que chegou este arrefriamento aínda se debate.[14] Máis de 100 millóns de anos despois, no Permiano, predominou unha tendencia ao quecemento global.[15] Como indican os invertebrados fosilizados, a marxe oeste de Laurentia foi afectada por unha duradeira corrente fría procedente do sur. Esta corrente contrarrestouse co quecemento das augas na rexión de Texas.[15] Estes esfectos opostos suxiren que durante o período quente global do Permiano, o norte e noroeste de Panxea (oeste de Laurentia) permaneceu relativamente frío.[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.