actriz mexicana From Wikipedia, the free encyclopedia
María Guadalupe Villalobos Vélez, nada en San Luis Potosí o 18 de xullo de 1908 e finada en Glendale (California) o 14 de decembro de 1944, coñecida profesionalmente como Lupe Vélez, foi unha actriz, cómica, cantante, bailarina e vedette mexicana.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María Guadalupe Villalobos Vélez 18 de xullo de 1908 San Luis Potosí, México |
Morte | 13 de decembro de 1944 (36 anos) Beverly Hills, Estados Unidos de América |
Causa da morte | suicidio, sobredose de barbitúricos |
Lugar de sepultura | Panteón de Dolores (en) |
Outros nomes | Lupe Vélez |
Actividade | |
Ocupación | actriz de cinema, actriz de teatro, actriz de televisión |
Período de actividade | 1927 - 1944 |
Familia | |
Cónxuxe | Johnny Weissmüller (1933–1939) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Latinas in the United States: A Historical Encyclopedia (en) |
|
Vélez comezou a súa carreira como intérprete no vodevil mexicano a principios da década de 1920. Tras marchar aos Estados Unidos, debutou nunha curtametraxe de 1927. A finais da década, nos últimos anos do cinema mudo, chegou a facer papeis protagonistas en filmes como The Gaucho (1927), Lady of the Pavements (1928) e Wolf Song (1929). Foi unha das primeiras actrices latinoamericanas que triunfou en Hollywood. Durante a década de 1930, a súa explosiva personalidade na pantalla, foi explotada en numerosos filmes de éxito como Hot Pepper (1933), Strictly Dynamite (1934) e Hollywood Party (1934). Na década de 1940, a popularidade de Vélez acadou o seu cumio tras aparecer na serie de filmes Mexican Spitfire, creada para espremer a ben documentada personalidade fogosa de Vélez.
Alcumada The Mexican Spitfire ("A fera mexicana") polos medios de comunicación, a vida privada de Vélez foi tan colorida como as súas personaxes na pantalla. Tivo varios amoríos moi publicitados e un matrimonio tormentoso. En decembro de 1944, Vélez faleceu dunha sobredose intencionada de barbitúricos. A súa morte e as súas circunstancias foron tema de especulación e controversia.
Vélez naceu na cidade de San Luis Potosí en México, filla de Jacobo Villalobos Reyes, coronel das forzas armadas do ditador Porfirio Díaz, e da súa esposa Josefina Vélez, cantante de ópera segundo algunhas fontes ou de vodevil segundo outras.[1] Lupe tivo tres irmás: Mercedes, Reina e Josefina e un irmán, Emigdio.[2][3] Segundo un primo segundo de Vélez, a familia Villalobos tiña consideración en San Luis Potosí e moitos dos varóns estudaron na universidade. A famlia estaba acomodada financeiramente e vivía nunha gran casa.[1]
Aos trece anos, os seus pais enviárona a estudar a Our Lady of the Lake en San Antonio, Texas. Alí comezou a falar inglés e empezou a bailar. Máis tarde admitiu que lle gustaban as clases de danza, pero no resto era unha estudante cativa.[4] Tralo comezo da Revolución Mexicana, Jacobo uniuse á loita e Vélez deixou a escola e volveu á Cidade de México. Para axudar a manter a familia, comezou a traballar nunha tenda.[5]
Vélez comezou a súa carreira nas revistas mexicanas a principios da década de 1920. Inicialmente actuou co seu apelidos paterno de "Villalobos", mais despois de que o seu pai volvese a casa da guerra (non morreu en combate como din algunhas fontes), molestouse que a súa filla decidise dedicarse profesionalmente á interpretación, polo que escolleu o seu apelido materno, "Vélez", como nome artístico.[6] A nai de Vélez presentouna a ela e a súa irmá Josefina á popular vedette María Conesa, "La Gatita Blanca". Vélez debutou nun espectáculo liderado por Conesa, onde cantou "Oh Charley, My Boy" e bailou o shimmy.[7] En 1924, Aurelio Campos, un pianista novo amigo das irmás de Vélez, recomendouna aos produtores Carlos Ortega e Manuel Castro. Estes estaban a preparar unha revista no Teatro Regis e contratárona para a compañía en marzo de 1925. Máis adiante ese mesmo ano, Vélez protagonizou as revitas Mexican Rataplan e ¡No lo tapes! (ambas parodias dos espectáculos do Bataclan en París). O seu canto suxestivo e baile provocativo foi un éxito de público e estableceuna axiña como unha das principais estrelas do vodevil en México. Despois de ano e medio, deixou a revista despois de que o director rexeitase darlle un ascenso. Uniuse entón ao Teatro Principal, mais foi despedida tres meses despois debido á súa "actitude pelexadora". Vélez foi rapidamente contratada polo Teatro Lírico, onde o seu salario alcanzou os cen pesos ao día.[8]
Vélez, cunha personalidade inestable e animosa e inimizades con outros intérpretes que en ocasións foron recollidas pola prensa mexicana, tamén afiaron a súa habilidade para obter publicidade. As súas rivais máis duras incluían as vedettes Celia Padilla,[9] Celia Montalván,[10] e Delia Magaña.[11] Máis nova e famosa que as súas rivais, Vélez (que debido á súa mocidade era chamada La Niña Lupe) estableceuse como unha das principais estrelas de vodevil de México.[12] Entre os seus admiradores estaban poetas e escritores como José Gorostiza e Renato Leduc.[13]
En 1926, Frank A. Woodyard,[14] estadounidense que vira o traballo de Vélez, recomendouna ao director Richard Bennett (pai das actrices Joan e Constance Bennett). Bennett buscaba unha actriz para interpretar unha cantante mexicana de cantina na súa futura obra The Dove. Enviou a Vélez un telegrama invitándoa aos Ánxeles para aparecer na obra. Vélez estaba planeando ir a Cuba a actuar, mais axiña cambiou de plans e viaxou a California. Con todo, cando chegou, descubriu que fora substituída por outra actriz.[15]
Mentres estaba nos Ánxeles, coñeceu a cómica Fanny Brice. Brice foi cativada por Vélez, e máis tarde dixo que nunca coñecera unha personalidade máis fascinante. Promoveu a carreira de Vélez como bailarina e recomendouna a Flo Ziegfeld, que a contratou para actuar en Nova York. Mentres Vélez se preparaba para abandonar Os Ánxeles, recibiu unha chamada do produtor de Metro-Goldwyn-Mayer Harry Rapf, que lle ofreceu unha proba de pantalla. O produtor e director Hal Roach viu a proba e contratouna para un pequeno papel na curtametraxe cómica de Laurel e Hardy Sailors, Beware!.[16]
Despois de debutar na curtametraxe Sailors, Beware!, Vélez apareceu noutra curta para Hal Roach, What Women Did for Me, con Charley Chase. Máis tarde ese mesmo ano, fixo unha proba de pantalla para o filme de Douglas Fairbanks The Gaucho. Fairbanks estaba impresionado por Vélez e contratouna rapidamente para que aparecese no filme con el. Trala súa estrea en 1927, The Gaucho foi un éxito e os críticos ficaron impresionados coa habilidade de Vélez para actuar con Fairbanks, célebre pola súa interpreación e as impresionantes escenas de risco.[17]
Vélez particpou no seu segundo filme importante, Stand and Deliver (1928), dirixido por Cecil B. DeMille. Ese mesmo ano, foi nomeada unha das WAMPAS Baby Stars. En 1929, Vélez apareceu en Lady of the Pavements, dirixido por D. W. Griffith e Where East Is East, interpretando unha moza chinesa. Ademais apareceu con Gary Cooper no filme The Wolf Song, de Victor Fleming. Como interpretaba regularmente papeis de mulleres "exóticas" ou "étnicas" inestables e de temperamento quente,[18] as columnas de rumores referíanse a ela como "Mexican Hurricane", "The Mexican Wildcat", "The Mexican Madcap", "Whoopee Lupe" e "The Hot Tamale".[19]
En 1929, a industria cinematográfica estaba en transición do cinema mudo ao sonoro. Varias estrelas da época viron as súas carreira finalizadas abruptamente debido aos seus acentos ou polas súas voces que se gravaban pobremente debido á primitiva tecnoloxía de gravación. Os executivos predixeron que o acento de Vélez obstaculizarían a súa posibilidade de facer a transición. A idea foi desbotada despois de que aparecese no seu primeiro filme sonoro en 1929, a película de Rin Tin Tin Tiger Rose.[20] O filme foi un éxito e a carreira sonora de Vélez quedou establecida.[21]
Coa chegada dos filmes sonoros, Vélez aparece nunha serie de filmes Pre-Código como Hell Harbor (dirixido por Henry King), The Storm (1930, dirixido por William Wyler), e o drama criminal East Is West con Edward G. Robinson (1930). En 1931, apareceu nun segundo filme de Cecil B. DeMille, Squaw Man, con Warner Baxter, e en Resurrection, de Edwin Carewe. En 1932, Vélez rodou The Cuban Love Song (1931), co popular cantante Lawrence Tibbett. Ese mesmo ano, tivo un papel secundario en Kongo (remake sonoro de West of Zanzibar), con Walter Huston. Tamén actuou en versións en castelán dalgúns filmes producidos por Universal Studios como Resurrección (1931, versión hispana de Resurrection), e Hombres de mi vida (1932, versión de The Cuban Love Song). Vélez axiña atopou o seu lugar na comedia, interpretando personaxes fermosas mais inestables.[22]
En febreiro de 1932, Vélez tomou un descanso da súa carreira no cinema e viaxou a Nova York, onde asinou un contrato co empresario de Broadway Florenz Ziegfeld, Jr. para asumir o papel de Conchita na revista musical Hot-Cha!.[23] O espectáculo estaba tamén protagonizado por Bert Lahr, Eleanor Powell e Buddy Rogers.
En 1933, Vélez apareceu nos filmes The Half-Naked Truth con Lee Tracy e Hot Pepper, con Victor McLaglen e Edmund Lowe. Ese mesmo ano volveu a Broadway, onde protagonizou con Jimmy Durante a revista musical Strike Me Pink. En 1934, rodou Palooka e Strictly Dynamite (ambos tamén con Durante). O mesmo ano, apareceu como "Slim Girl" en Laughing Boy con Ramón Novarro. O filme foi estreado tranquilamente e ignorado. As poucas críticas que recibiu foron malas para o filme, mais eloxiaban a interpretación de Vélez.[24] Logrou un éxito moito maior coa súa breve aparición no filme Hollywood Party, en que fixo unha rutina cómica con Laurel e Hardy. A pesar de ser unha actriz popular, RKO Pictures non anovou o seu contrato en 1934. Nos seguintes anos, Vélez traballou para diversos estudios como actriz por conta propia; tamén pasou dous anos en Inglaterra, onde filmou The Morals of Marcus e Gypsy Melody (ambos en 1936). Volveu aos Ánxeles o ano seguinte, aparecendo na parte final da comedia de Wheeler & Woolsey High Flyers (1937).
Vélez fixo a súa aparición final de Broadway no musical de 1938 You Never Know, de Cole Porter. O espectáculo tivo críticas pobres, mais recibiu unha gran personalidade debido á controversia entre Vélez e a súa compañeira Libby Holman. Holman estaba tamén irritada pola atención recibida por Vélez polo espectáculo coa súa encarnación de varias actrices incluídas Gloria Swanson, Katharine Hepburn e Shirley Temple.[25] A inimizada chegou ao máximo durante unha actuación en New Haven, Connecticut, despois de que Vélez pegase a Holman entre chamadas do pano e lle puxelle un ollo morado. A pelexa acabou co espectáculo.[26]
Trala súa volta á Cidade de México en 1938 para protagonizar o seu primeiro filme mexicano, Vélez foi recibida por dez mil fans. O filme era La Zandunga, dirixido por Fernando de Fuentes e protagonizado polo actor Arturo de Córdova. Foi un éxito de crítica e público e Vélez programou aparecer noutros catro filmes mexicanos, mais en lugar diso volveu aos Ánxeles e volveu traballar para RKO Pictures.[27]
En 1939, Vélez contratada con Leon Errol e Donald Woods na comedia de serie B The Girl from Mexico. A pesar de ser un filme de serie B, foi un éxito de público e a RKO volveu emparellala con Errol e Wood para unha secuela, Mexican Spitfire. O filme tivo tanto éxito que deu lugar a unha serie de oito filmes. Na serie, Vélez interpretaba a Carmelita Lindsey, temperamental mais amigable cantante mexicana casada con Dennis "Denny" Lindsay (Wood), elegante cabaleiro estadounidense.[27] Os filmes de Spitfire relanzaron a carreira de Vélez. Ademais, eran filmes en que unha latina era a cabeza de cartel, o cal era unha rareza.[28]
Ademais da serie Spitfire protagonizou outras comedias e musicais para RKO, Universal Pictures e Columbia Pictures. Algúns destes filmes foron Six Lessons from Madame La Zonga (1941), Playmates (1941), con John Barrymore, e Redhead from Manhattan (1943). En 1943, estreouse o último filme da serie Spitfire, Mexican Spitfire's Blessed Event. Nesa época, a serie comezara a declinar.[27]
Vélez coprotagonizou con Eddie Albert a comedia romántica de 1943 Ladies' Day, sobre unha actriz e un xogador de béisbol. En 1944, volveu a México para protagonizar Nana, adaptación da novela de Émile Zola, que foi ben recibida e foi o seu último filme. Trala rodaxe, volveu aos Ánxeles e comezou a preparar outra personaxe teatral en Nova York.[27]
Durante a súa carreira, o papel de Vélez en pantalla como unha muller de carácter e salvaxe estivo ligado a súa personalidade fóra dela.[29] A prensa adoitaba referirse a ela por alcumes como "The Mexican Spitfire", "The Mexican It girl" e "The Mexican Kitten".[27] Vélez escolleu conscientemente promocionarse como "Whoopee Lupe", mais rexeitou a idea de que fose salvaxe. Nunha entrevista dixo:
A que atribúo o meu éxito? Penso, simplemente, que porque son diferente. Non son bonita, mais teño ollos bonitos e sei exactamente que facer con eles. Aínda que o público pensa que son unha moza salvaxe. Realmente non o son. Son só eu, Lupe Vélez, a simple e natural Lupe. Se son feliz, bailo e canto e actúo como unha nena. E se algo me irrita, choro e ximo. Algún chaman a iso "personalidade". A personalidade non é máis que comportarse cos outros como realmente es. Se intento parecer e actuar como Norma Talmadge, a grande actriz dramática, ou como Corinne Griffith, a aristócrata dos filmes, ou como Mary Pickford, a doce e xentil Mary, non sería máis ca unha imitación. Só quero ser eu mesma: Lupe Vélez.[30]
As proezas de Vélez fóra da pantalla tamén serviron para borrar a liña entre as súas personaxes e a súa personalidade real. Trala súa morte, o xornalista Bob Thomas dixo que Vélez era unha "parte viva da escena de Hollywood" que levaba roupa rechamante e facía todo o ruído que podía.[31] Asistía a combates de boxeo cada noite de venres no Hollywood Legion Stadium e permanecía de pé no seu asento e berraba aos boxeadores.[32] Outras historias que circulan apoian os aspectos luxuriosos e exhibicionistas da súa imaxe. Había informes de que Vélez frecuentemente subía a súa saia mentres bailaba nas festas e tamén asombraba a xente mostrando que non levaba roupa interior. Ruth Biery, reporteira de Photoplay, escribiu máis adiante que mentres visitaba a actriz na casa, foi testemuña de Vélez "desfilando ante un espello... mostrándose a ela mesma aberta e inconscientemente, como unha nena pequena se mostra en compañía".[33]
O temperamento ben documentado e os celos tamén serviron para perpetuar o "Mexican Spitfire". As súas tempestuosas relacións románticas convertéronse en obxecto dos tabloides e en ocasións eclipsaron a súa carreira. Vélez non parou esas historias e contactaba regularmente cos columnistas de rumores para darlles historias sobre as súas proezas románticas.[31] Adoitaba repetir historias que contaban o seu célebre temperamento, incluíndo a Vélez perseguindo o seu amante Gary Cooper cun coitelo durante unha discusión, e nunha ocasión, facéndolle un corte tan grave que precisou puntos.[34] Despois da súa ruptura, Vélez intentou disparar a Cooper mentres el subía a un tren.[35] Durante o seu matrimonio co actor Johnny Weissmuller, as historias das súas frecuentes pelexas físicas eran contadas regularmente á prensa. Como con Cooper, Vélez informaba de feridas, golpes e mordeduras a Weissmuller durante as súas pelexas e os "apaixonados momentos de amor".[36][37]
A ira e os celos de Vélez adoitaban ser contados por actrices compañeiras que consideraba rivais, profesionalmente ou noutros ámbitos, hábito que comezara no seu tempo nos vodevís e continuou nos filmes.
A imaxe de Vélez como unha salvaxe e altamente sexualizada muller que dicía o que pensaba e non era considerada unha "dama", contrastaba coa da actriz mexicana Dolores del Río, que proxectaba unha imaxe sensual, mais con clase, a miúdo con raíces aritocráticas.[29] Vélez odiaba a del Río, e chamouna "paxaron de mal agoiro". Del Río estaba aterrorizada por atopala en lugares públicos. Cando isto sucedía, Vélez era cáustica e agresiva. Vélez imitaba abertamente a del Río, ironicamente facendo burla da súa elegancia.[38] Tamén lle desgustaba Marlene Dietrich, da que sospeitaba que tivese unha relación con Gary Cooper mentres rodaban Morocco en 1930.[39] As súas rivalidades con Jetta Goudal, Lilyan Tashman e Libby Holman tamén están documentadas.[40] Como represalia, Vélez facía imitacións cáusticas das mulleres que non lle gustaban nas festas de Hollywood.[41] Foron célebres os seus arremedos de figuras como Greta Garbo, Marlene Dietrich, Dolores del Río, Fanny Brice, Gloria Swanson, Katharine Hepburn, Simone Simon e Shirley Temple.
Vélez tivo varias relacións con gran publicidade e a miúdo tormentosas durante a súa carreira. Tras chegar aos Ánxeles, estivo ligada aos actores Tom Mix, Charlie Chaplin e Clark Gable.[35] A súa primeira relación longa de alto perfil foi co actor Gary Cooper. Vélez coñeceu a Cooper mentres rodaba The Wolf Song en 1929 e comezou un romance de dous anos con el.[5] A relación con Cooper foi apaixonada, máis tamén tormentosa. Cando se anoxaba, Vélez informaba de que asaltaba fisicamente a Cooper. Cooper finalmente acabou a relación a mediados de 1931 segundo o desexo da súa nai Alice, que desaprobaba con forza a Vélez. Nesa época, a relación danara a Cooper, que perdera 45 libras e sufría esgotamento nervioso. Paramount Pictures ordenoulle tomar unhas vacacións para recuperarse. Mentres subía ao tren, Vélez apareceu na estación e disparou unha pistola contra el.[34]
Tras romper con Cooper, Vélez comezou unha breve relación co actor John Gilbert. Comezaron a saír a finais de 1931 cando Gilbert estaba separado da súa terceira esposa, Ina Claire.[42] Díxose que se comprometeran, mais Gilbert rematou a relación a principios de 1932, e intentou reconciliarse con Claire.[35][42][43]
Pouco despois, Vélez coñeceu o actor Johnny Weissmuller mentres os dous estaban en Nova York. Despois de volver aos Ánxeles, saíron e déixaron varias veces mentres Vélez saía tamén con Errol Flynn.[44] O 8 de outubro de 1933, Vélez e Weissmuller casaron en Las Vegas.[45] Esta relación tamén foi tormentosa, con informes de violencia doméstica e pelexas en público.[31] En xullo de 1934, despois de dez meses de matrimonio, Vélez pediu o divorcio por motivo de crueldade. Retirou a demanda unha semana despois tras reconciliarse con Weissmuller.[46] O 3 de xaneiro de 1935 solicitou de novo o divorcio e concedéuselle unha sentenza interlocutoria.[47] O fallo foi retirado cando a parella se reconciliou un mes máis tarde. En agosto de 1938, Vélez solicitou o divorcio por terceira veces, de novo acusando a Weissmuller de crueldade. O divorcio foi filme en agosto de 1939.[48]
Tralo divorcio, Vélez comezou a saír co actor Guinn "Big Boy" Williams a finais de 1940. Comprometéronse, mais nunca casaron.[49][50][51] A finais de 1941, relacionouse co escritor Erich Maria Remarque. A actriz Luise Rainer afirmou máis tarde que Remarque lle dixo "coa maior xúbilo" que atopaba a volubilidade de Vélez marabillosa. Contou a Rainier unha ocasión en que Vélez estaba tan alporizada con el que quitou un zapato e o golpeou con el.[52] Tras saír con Remarque, Vélez estivo ligada cos boxeadores Jack Johnson e Jack Dempsey.[35]
En 1943, Vélez comezou un romance co seu compañeiro de La Zandunga Arturo de Córdova. De Córdova acababa de mudarse a Hollywood tras asinar con Paramount Pictures. A pesar do feito de que de Córdova estaba casado coa actriz mexicana Enna Arana coa que tiña catro fillos, Vélez concedeulle unha entrevista á columnista Louella Parsons en setembro de 1943 e anunciou que os dous estaban comprometidos. Dixo a Parsons que planeaba retirarse logo do matrimonio con de Córdova para "cociñar (...) e manter a casa".[53] Vélez rompeu o compromiso a principios de 1944, segundo se dixo despois de que a esposa de Córdova se negase a darlle o divorcio.
Vélez coñeceu e comezou a saír cun actor novo austríaco en apuros chamado Harald Maresch, coñecido polo nome artístico de Harald Ramond. En setembro de 1944, descubriu que estaba embarazada de Ramond. Anunciou o seu compromiso a finais de novembro de 1944.[54] O 10 de decembro, catro días antes da súa morte, Vélez anunciou que rompera o compromiso e botara a Ramond fóra da súa casa.[55]
Na tarde do 13 de decembro de 1944, Vélez ceou con dous amigos, a estrela do cinema mudo Estelle Taylor e Venita Oakie.[56] Nas primeiras horas da mañá do 14 de decembro, Vélez retirouse ao seu cuarto, onde tomou 70 pílulas de Seconal e un vaso de brandy.[57] A súa secretaria, Beulah Kinder, atopou o corpo da actriz na súa cama esa mesma mañá.[58] Atopouse canda ela unha nota de suicidio dirixida a Harald Ramond. Dicía:
A Harald, que Deus te perdoe e me perdoe tamén, mais eu prefiro levarme a miña vida e a do noso bebé antes que traelo con vergoña ou matándoo. – Lupe.[59]
Na parte de atrás da nota, Vélez escribiu:
Como puideches ti, Harald, falsear ese grande amor por min e o noso bebé cando todo o tempo, non nos querías? Non vexo outro xeito de marchar para min, así que adeus e boa sorte para ti, Amor Lupe.[60]
O día despois da morte de Vélez, Harald Ramond dixo á prensa que estaba "tan confundido" polo seu suicidio e declarou que mesmo aínda que os dous romperan, aceptara casar con ela. Admitiu que unha vez lle pedira a Vélez que asinase un acordo afirmando que só estaba casando con ela para "dar ao bebé un nome", mais indicou que só o fixo porque el e Vélez pelexaran e que el estaba dun "humor terrible". A actriz Estelle Taylor, que estivera con Vélez dende as nove da noite anterior ata as 3:30 da mañá, dixo á prensa que Vélez lle dixera que estaba embarazada, mais que preferiría matarse antes que ter un aborto (Vélez era devota católica).[58][61] Beulah Kinder, secretaria de Vélez, dixo máis adiante aos investigadores que despois de que Vélez rompese a relación con Ramond, planeou ir a México para ter o seu fillo. Kinder dixo que Vélez cambiou de idea tras concluír que Ramond "falseara" a relación e consideraba abortar.[62]
O día despois da morte, o forense do condado dos Ánxeles indicou que se abrira unha investigación sobre as circunstancias que arrodearon a morte.[62] O 16 de decembro o forense retirou a investigación tras determinar que Vélez escribira as notas e que intentara matarse.[54] O 22 de decembro tivo lugar un funeral en Forest Lawn Memorial Park nos Ánxeles.[63] Entre os portadores do cadaleito estaban o seu ex marido Johnny Weissmuller e o actor Gilbert Roland.[64] Tralo servizo, o corpo de Vélez foi enviado por tren á Cidade de México, onde se realizou un segundo servizo o 27 de decembro.[65] Foi enterrada no Panteón Civil do cemiterio de Dolores.[66]
A pesar de que o forense indicase que Vélez cometera suicidio para evitar a vergoña de ter un fillo ilexítimo, algúns autores teorizaron sobre que o informe oficial non era completamente verdadeiro.
No libro From Bananas to Buttocks: The Latina Body in Popular Film and Culture, Rosa-Linda Fregoso escribe que Vélez era coñecida polo seu desafío ás convencións morais contemporáneas, e que parece improbable que non puidese aceptar ter un fillo fóra do matrimonio. Fregoso cre que o ano final da súa vida, Vélez exhibiu sinais de manía extrema e depresión. Continúa especulando que a morte de Vélez puido ser o resultado dunha doenza mental non tratada como o desorde bipolar.[67]
Robert Slatzer (que logo declarou que estivera casado en segredo con Marilyn Monroe)[68] afirmou que unhas semanas antes da morte de Vélez, a entrevistara na súa casa e ela lle contara que estaba embarazada de Gary Cooper (nese tempo, Cooper estaba casado coa celebridade Veronica "Rocky" Balfe).[69][70] Segundo Slatzer, Vélez dixo que Cooper rexeitara recoñecer o neno, crendo que Harald Ramond era o pai. Logo da morte de Vélez, Slatzer dixo que lle preguntou a Cooper pola situación e Cooper confirmou que era posible que fose o pai. Slatzer logo declarou que tamén entrevistara a Clara Bow (que tamén saíu con Cooper nos anos vinte), que revelou que pouco antes da morte de Vélez, Cooper a chamou e berrou que ía matar a Harald Ramond por deixar embarazada a Vélez. Slatzer afirmou que Bow lle dixo que nunca creu que o bebé de Vélez fose fillo de Ramond, e que estaba convencida de que Vélez intentara casar con Ramond para protexer a reputación de Cooper. O biógrafo Michelle Vogel especulou que se Cooper era o pai, o seu rexeitamento de Vélez e o seu fillo encaixaba con que a idea de criar soa un neno podía enviar a Vélez ao límite.[69]
A morte de Vélez foi contada no libro de 1959 Hollywood Babylon de Kenneth Anger. Na historia de Anger, Vélez planeou construír unha bonita escena de suicidio na súa cama de satén, mais o Seconal que tomou non mesturaba ben coa "última cea mexi-picante" que comera antes. Como resultado, Anger dixo que se puxo violentamente enferma. En lugar de morrer na cama, como planeaba, afirma que se tambaleou ao baño a vomitar, esvarou no chan e caeu coa cabeza no inodoro, onde finalmente afogou. Anger declara que a moza de cámara Juanita atopara a súa xefa a mañá seguinte. A pesar de que a versión de Anger contradí os informes públicos, a súa historia converteuse nunha lenda urbana e adoita ser repetida como un feito: aparece no episodio piloto da serie de televisión Frasier, e é mencionada nun capítulo de The Simpsons. A biógrafa de Vélez, Michelle Vogel, sinala que sería "virtualmente imposible" andar cara ao baño ou mesmo saír da cama despois de consumir unha cantidade tan grande de Seconal, barbitúrico coñecido pola súa rápida actuación mesmo en doses pequenas, polo que a morte de Vélez probablemente fose instantánea. O seu certificado de defunción cita "envelenamento por Seconal" debido á "inxestión de Seconal" como a causa da morte, non o afogamento. Ademais, non hai evidencias que suxiran que Vélez vomitase.[71]
Pola súa contribución á industria do cinema, Lupe Vélez ten unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood no 6927 de Hollywood Boulevard.[72]
Lupe Vélez ten unha escultura na súa honra en San Luis Potosí, México. A escultura foi realizada polo artista Emilio Borjas en 2017 e está situada no xardín de San Sebastián, barrio no que naceu a actriz.[73]
Ano | Título | Papel | Director | Outros actores |
---|---|---|---|---|
1927 | What Women Did for Me | Bit Part | James Parrott | Charley Chase, Robert Gray |
1927 | Sailors, Beware! | Baroness Behr | Fred Guiol | Oliver Hardy, Stan Laurel |
1927 | The Gaucho | The Mountain Girl | F. Richard Jones | Douglas Fairbanks, Joan Barclay |
1928 | Stand and Deliver | Jania | Donald Crisp | Rod La Rocque, Warner Oland |
1929 | Lady of the Pavements | Nanón del Rayón | D. W. Griffith | Jetta Goudal, Albert Conty |
1929 | Wolf Song | Lola Salazar | Victor Fleming | Gary Cooper, Louis Wolheim |
1929 | Where East Is East | Toyo Haines | Tod Browning | Lon Chaney, Lloyd Hughes |
1929 | Tiger Rose | Rose | George Fitzmaurice | Monte Blue, H. B. Warner, Rin Tin Tin |
Ano | Título | Papel | Director | Outros actores |
---|---|---|---|---|
1930 | Hell Harbor | Anita Morgan | Henry King | Jean Hersholt, John Holland |
1930 | The Storm | Manette Fachard | William Wyler | Paul Cavanagh, William Boyd |
1930 | East Is West | Ming Toy | Monta Bell | Edward G. Robinson, Lew Ayres |
1931 | Resurrection | Katyusha Maslova | Edwin Carewe | John Boles, William Keighley |
1931 | Resurrección | Katyusha Maslova | Eduardo Arozamena | Gilbert Roland, Blanca de Castejón |
1931 | The Squaw Man | Naturich | Cecil B. DeMille | Warner Baxter, Eleanor Boardman |
1931 | The Cuban Love Song | Nenita López | W. S. Van Dyke | Lawrence Tibbett, Jimmy Durante |
1932 | Hombres de mi vida | Julia Clark | Eduardo Arozamena | Gilbert Roland, Ramón Pereda |
1932 | The Broken Wing | Lolita | Lloyd Corrigan | Melvyn Douglas, Leo Carrillo |
1932 | Kongo | Tula | William J. Cowen | Walter Huston, Virginia Bruce |
1932 | The Half-Naked Truth | Teresita "Princess Exotica" | Gregory La Cava | Lee Tracy, Eugenio Pallett |
1933 | Hot Pepper | Pepper | John G. Blystone | Victor McLaglen, Edmund Lowe |
1934 | Palooka | Nina Madero | Benjamin Stoloff | Jimmy Durante, Stuart Erwin |
1934 | Strictly Dynamite | Vera Mendez | Elliott Nugent | Jimmy Durante, Norman Foster |
1934 | Laughing Boy | Slim Girl | Oliver La Farge | Ramon Novarro, William B. Davidson |
1934 | Hollywood Party | The Jaguar Woman | Oliver Hardy | Stan Laurel, Jimmy Durante, Mickey Mouse |
1935 | The Morals of Marcus | Carlotta | Miles Mander | Ian Hunter, Adrianne Allen |
1936 | Gypsy Melody | Mila | Edmond T. Gréville | Alfred Rode, Jerry Verno |
1937 | High Flyers | Maria Juanita Rosita Anita Moreno del Valle | Edward F. Cline | Bert Wheeler, Robert Woolsey |
1937 | Stardust | Carla de Huelva | Melville W. Brown | Ben Lyon, Wallace Ford |
1938 | La Zandunga | Lupe | Fernando de Fuentes | Arturo de Córdova, Joaquín Pardavé |
Ano | Título | Papel | Director | Outros actores |
---|---|---|---|---|
1939 | The Girl from Mexico | Carmelita Fuentes | Leslie Goodwins | Leon Errol, Donald Woods |
1940 | Mexican Spitfire | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Donald Woods |
1940 | Mexican Spitfire Out West | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Donald Woods |
1941 | Six Lessons from Madame La Zonga | Madame La Zonga | John Rawlings | Leon Errol, Helen Parrish |
1941 | The Mexican Spitfire's Baby | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Charles "Buddy" Rogers, ZaSu Pitts |
1941 | Honolulu Lu | Consuelo Córdova | Charles Barton | Bruce Bennett, Leo Carrillo |
1941 | Playmates | Carmen Del Toro | David Butler | John Barrymore, Ginny Simms |
1942 | Mexican Spitfire at Sea | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, ZaSu Pitts, Charles "Buddy" Rogers |
1942 | Mexican Spitfire Sees a Ghost | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Charles "Buddy" Rogers |
1942 | Mexican Spitfire's Elephant | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Walter Reed |
1943 | Ladies' Day | Pepita Zorita | Leslie Goodwins | Eddie Albert, Patsy Kelly |
1943 | Redhead from Manhattan | Rita Manners/Elaine Manners | Lew Landers | Michael Duane, Tim Ryan |
1943 | Mexican Spitfire's Blessed Event | Carmelita Lindsay | Leslie Goodwins | Leon Errol, Walter Reed |
1944 | Nana | Nana | Roberto Gavaldón, Celestino Gorostiza | Miguel Ángel Ferríz, Chela Castro, Lilia Michel |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.