futbolista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Alejandro "Álex" Bergantiños García, nado na Coruña o 7 de xuño de 1985, é un exfutbolista galego. Xogaba de mediocentro defensivo e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, club do que foi capitán e xogador histórico. É o oitavo futbolista con máis partidos na historia do club (336) e o único en ter defendido a súa camiseta en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira RFEF).
(2022) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 7 de xuño de 1985 (39 anos) A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 177 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 71 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2004 - 2023 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lingua | Lingua castelá e lingua galega | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Número deportivo | 4 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Formado futbolisticamente no Imperátor, entrou na canteira do Deportivo con 17 anos. Tras pasar polo equipo xuvenil militou durante catro anos no Fabril, disputando 152 encontros e exercendo como capitán. A continuación saíu cedido ao Xerez, logrando o ascenso a Primeira División e debutando na máxima categoría. Despois de dúas novas cesións ao Granada e ao Nàstic, debutou con 26 anos no primeiro equipo do Deportivo, adestrado por José Luis Oltra, e foi un habitual nas aliñacións do equipo na seguinte década, coa excepción da tempada 2017/18, na que foi cedido ao Sporting de Gijón. Viviu dous ascensos e tres descensos co club coruñés, ao que capitaneou nos momentos máis difíciles da súa historia.[1] Retirouse en 2023, despois de 21 anos ao servizo do Deportivo, no que continuou un ano máis como conselleiro.
Naceu o o 7 de xuño de 1985 no barrio coruñés da Sagrada Familia. Seus pais, Emilio Bergantiños e Fina García, naturais de Vilasantar, emigraran á Coruña para traballar, el como albanel e ela como empregada do fogar.[2] Comezou xogando ao fútbol no Imperátor e ao mesmo tempo ao fútbol sala no Breogán,[3] co que gañou dous campionatos nacionais en categoría cadete.[4][5] Posteriormente deixou o fútbol sala para centrarse no fútbol e tras outra tempada no Imperátor foi chamado polo do Deportivo da Coruña, a pesar de ter sufrido unha rotura de tibia e ter dúbidas sobre a súa recuperación.[2]
Xogou unha tempada no equipo xuvenil e na 2004/05 pasou ao Fabril, da Terceira División. no que xogou entre 2004 e 2008, e do que foi o capitán.[5] Titular indiscutible para Tito Ramallo, disputou de inicio case todos os partidos do filial durante os seguintes catro anos e en abril do 2005 Javier Irureta convocouno para un partido do primeiro equipo do Deportivo fronte ao Levante, aínda que non chegou a debutar.[6]
Foi o xogador con máis minutos do equipo na tempada 2006/07, na que o Fabril se proclamou campión de Terceira e ascendeu á Segunda B. Repetiu como xogador con máis minutos na histórica campaña 2007/08, na que o Fabril conseguiu o mellor resultado da súa existencia, ao acabar cuarto na categoría de bronce. Bergantiños foi titular nas 38 xornadas de liga e na posterior promoción de ascenso a Segunda que o filial coruñés perdeu ante o Écija. Cun total de 152 partidos, é o 11º xogador con máis encontros na centenaria historia do Fabril.[7]
As súas boas intervencións co filial abríronlle as portas para asinar un contrato profesional co Deportivo. Na tempada 2008–09 foi cedido ao Xerez CD de Segunda División, facendo unha boa campaña e logrando o ascenso a Primeira División. Ese ano xogou 32 partidos, a maioría deles como titular, no equipo que adestraba Esteban Vigo.
Na tempada 2009–10 foi cedido novamente ao Xerez, adestrado esta vez polo "Cuco" Ziganda. Debutou en Primeira División o 30 de agosto de 2009, xogando os derradeiros 30 minutos dun partido que enfrontaba ao Xerez co RCD Mallorca en Son Moix e que rematou con derrota (2–0). Despois dunha mala campaña, e de que pasase polo banco tamén o arxentino Néstor Gorosito, o Xerez descendeu a Segunda División, ao quedar na última posición da táboa.
Tras rematar a súa cesión no Xerez, o 14 de xullo de 2010 anunciouse unha nova cesión do xogador, esta vez ao Granada CF.[8] Aínda que comezou a tempada como titular, o técnico do equipo, o galego Fabri González, deixou de aliñalo despois da oitava xornada, polo que só disputou sete encontros co club granadino.[9]
O 10 de xaneiro de 2011 anunciouse que deixaba o Granada, que acabaría por ascender esa tempada, para saír nunha nova cesión ata o final da campaña ao Gimnàstic de Tarragona.[10] No equipo de Juan Carlos Oliva si tivo protagonismo, disputando como titular case todos os encontros restantes e marcando contra o Albacete o seu primeiro gol na categoría de prata.[11]
Na tempada 2011-2012 e tras o descenso do Deportivo á Liga Adelante, regresou ao club da súa cidade. Ese ano rendeu a un gran nivel, conseguiu xogar os 42 partidos de liga e ademais o equipo acabou campión con récord de puntos.[12][13] Disputou co Deportivo a tempada 2012-2013 en Primeira División, sendo titular en máis da metade dos partidos e xogando incluso de porteiro nun partido contra o Levante, tras a expulsión de Dani Aranzubía.[14] Ademais ese ano marcou o seu primeiro gol en Primeira División, na derrota do seu equipo contra o FC Barcelona por 4-5.[15] Con todo, o equipo volveu descender. Na seguinte tempada xogou case todos os partidos, colocándoo Fernando Vázquez na posición de central na primeira volta,[16] e o club volveu ascender á Primeira División.[17]
Xogou dende o inicio na maioría de partidos nas dúas seguintes tempadas do Deportivo en Primeira, pero perdeu a titularidade na tempada 2016-17, na que o adestrador Gaizka Garitano apenas contou con el.[18] Tras a destitución deste e a chegada de Pepe Mel en marzo, Bergantiños volveu á titularidade, estreándoa no partido contra o FC Barcelona, no que ademais marcou o gol da vitoria, o terceiro gol que lle facía ao Barça dos catro que levaba en total en Primeira.[19]
O 11 de xullo de 2017 o Deportivo anunciou a renovación de Bergantiños até 2019, así como a súa saída cedido por unha temporada ao Sporting de Gijón, en Segunda División.[20] No club asturiano foi un dos xogadores con máis minutos, disputando como titular 35 dos 42 partidos de liga.[21]
O 16 de xuño de 2018 o Deportivo da Coruña anunciou a reincorporación do xogador,[22] que se converteu ademais no capitán do equipo, sucedendo a Pedro Mosquera.[23][24] Foi o centrocampista con máis minutos disputados do equipo, que acabou clasificándose para as eliminatorias de ascenso. Tras marcar un gol nas semifinais fronte ao Málaga,[25] sufriu unha dura patada na cara por parte de Marc Pedraza no primeiro partido da final contra o Mallorca, sendo sometido logo a unha intervención cirúrxica e recibindo 70 puntos de sutura.[26][27] Por este motivo non puido xogar o partido de volta, no que o Deportivo caeu derrotado por 3 a 0 e non puido consumar o ascenso.[28]
Na tempada 2019/20, marcada polo inicio da pandemia de COVID-19, foi titular na maioría de encontros, tanto con Anquela no banco como cos seus dous sucesores, Luis César Sampedro e Fernando Vázquez, nunha campaña na que o Deportivo acabou descendendo á Segunda División B por segunda vez na súa historia. A tempada 2020/21 foi a segunda de Bergantiños na categoría de bronce, despois da que xogara co Fabril 13 anos antes. Xogou 21 dos 24 partidos e foi o terceiro xogador con máis minutos, só por detrás de Borja Granero e Mujaid. O equipo, dirixido ese ano por Vázquez primeiro, e por Rubén de la Barrera despois, quedou lonxe do ascenso.
En agosto de 2021 foi titular na primeira xornada da nova Primeira División RFEF, a vitoria por 5-0 sobre o Celta B, converténdose no único xogador da historia do Deportivo en defender a súa camiseta en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira RFEF). Disputou un total de 36 partidos, case todos como titular, nunha tempada na que o equipo adestrado por Borja Jiménez, rematou segundo por detrás do Racing de Santander, accedendo así á promoción de ascenso. Na semifinal contra o Linares, Bergantiños marcou o terceiro dos catro goles do seu equipo (4-0), grazas a un forte disparo dende fóra da área.[29] Así, converteuse no segundo futbolista na historia do Deportivo en marcar en tres categorías diferentes, varias décadas despois de que o fixese Cobas.[30]
A continuación capitaneou o equipo na final ante o Albacete en RIazor, disputando completos os 90 minutos regulamentarios e os 30 de prórroga, na que o Deportivo caeu eliminado tras unha histórica remontada do equipo albaceteño, dirixido por Rubén de la Barrera.[31]
Comezou a tempada 2022/23 como titular, pero acabou caendo das aliñacións iniciais de Óscar Cano co paso das xornadas. Volveu á titularidade trala destitución de Cano e o regreso de Rubén de la Barrera, co que o Deportivo disputou de novo sen éxito a promoción de ascenso a Segunda. O partido de volta das semifinais, no que o club galego caeu eliminado fronte ao Castellón en Nou Castàlia, foi o derradeiro encontro oficial de Bergantiños, pois dúas semanas despois anunciouse a súa retirada.[32] Colgou as botas con 38 anos e como o oitavo xogador con máis partidos na historia do club, despois de ter superado na súa última campaña a Jorge, Loureda, Vicente, Domínguez e Pancho García.
Vestiu por última vez a camiseta do Deportivo na 78ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte ao equipo sub-23 do Bragantino do Brasil. Entrou como titular e foi substituído no minuto 21, momento no que o partido se detivo para lle render homenaxe.[33]
Foi convocado pola selección galega para o partido contra Irán disputado no estadio de Riazor o 27 de decembro de 2008, que finalizou con vitoria para os irmandiños (3–2). Repetiu convocatoria para o partido contra Venezuela disputado tamén no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1), e onde exerceu como capitán.[34]
No comunicado do Deportivo da Coruña no que se anunciou a súa retirada, en xuño de 2023, confirmouse que continuaría vencellado ao club, como estaba previsto dende a súa última renovación.[7] Uns días despois converteuse nun dos catro membros do novo Consello de Administración do Deportivo, xunto a Carlos Ballesta, Michelle Clemente e Vicente Fernández, e con Álvaro García Diéguez como novo presidente.[35] Ocupou o cargo durante un ano, ata que en xuño de 2024 anunciouse a súa saída do Consello.[36]
Dende 2013[37] organiza todos os anos no concello de Vilasantar, de onde é nativa a súa familia, un campus de fútbol base para nenos.[38]
Coñeceu á súa parella sentimental, Lorena, cando ambos estudaban no IES Salvador de Madariaga. Con ela tivo dous fillos: Teo e Daniela.[39]
Club | Tempada | Categoría | Liga | Copa | Outros[N 1] | Total | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | |||
Fabril | 2004/05 | Terceira | 33 | 2 | - | - | - | - | 33 | 2 |
2005/06 | Terceira | 35 | 1 | - | - | 3 | 0 | 38 | 1 | |
2006/07 | Terceira | 37 | 6 | - | - | 4 | 0 | 41 | 6 | |
2007/08 | Segunda B | 38 | 3 | - | - | 2 | 0 | 40 | 3 | |
Total club | 143 | 12 | 0 | 0 | 9 | 0 | 152 | 12 | ||
Xerez | 2008/09 | Segunda | 31 | 0 | 1 | 0 | - | - | 32 | 0 |
2009/10 | Primeira | 26 | 0 | 2 | 1 | - | - | 28 | 1 | |
Total club | 57 | 0 | 3 | 1 | 0 | 0 | 60 | 1 | ||
Granada | 2010/11 | Segunda | 6 | 0 | 1 | 0 | - | - | 7 | 0 |
Nàstic | 2010/11 | Segunda | 22 | 1 | - | - | - | - | 22 | 1 |
Deportivo | 2011/12 | Segunda | 42 | 3 | 1 | 0 | - | - | 43 | 3 |
2012/13 | Primeira | 29 | 1 | 0 | 0 | - | - | 29 | 1 | |
2013/14 | Segunda | 37 | 0 | 1 | 0 | - | - | 38 | 0 | |
2014/15 | Primeira | 33 | 0 | 1 | 0 | - | - | 34 | 0 | |
2015/16 | Primeira | 22 | 2 | 2 | 0 | - | - | 24 | 2 | |
2016/17 | Primeira | 8 | 1 | 1 | 0 | - | - | 9 | 1 | |
Sporting de Gijón | 2017/18 | Segunda | 36 | 1 | 2 | 0 | 2 | 0 | 40 | 1 |
Deportivo | 2018/19 | Segunda | 35 | 1 | 0 | 0 | 3 | 1 | 38 | 2 |
2019/20 | Segunda | 38 | 1 | 1 | 0 | - | - | 39 | 1 | |
2020/21 | Segunda B | 21 | 0 | 2 | 0 | - | - | 23 | 0 | |
2021/22 | Primeira RFEF | 33 | 0 | 1 | 0 | 2 | 1 | 36 | 1 | |
2022/23 | Primeira RFEF | 20 | 0 | 1 | 0 | 2 | 0 | 23 | 0 | |
Total club | 318 | 11 | 11 | 0 | 4 | 1 | 336 | 11 | ||
Total carreira | 582 | 23 | 17 | 0 | 18 | 2 | 617 | 25 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.