adestrador galego de fútbol From Wikipedia, the free encyclopedia
Rubén de la Barrera Fernández, nado na Coruña o 18 de xaneiro de 1985, é un adestrador de fútbol galego. Dende decembro de 2023 adestra o Vizela, da Segunda Liga de Portugal.
Rubén de la Barrera | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rubén de la Barrera Fernández | ||
Nacemento | 18 de xaneiro de 1985 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Información de club | |||
Club actual | Vizela (ad.) | ||
Adestrador | |||
Anos | Equipos | ||
2010–2012 | Villaralbo | ||
2013–2014 | Guijuelo | ||
2014–2015 | Valladolid B | ||
2015–2016 | Guijuelo | ||
2016–2018 | Cultural Leonesa | ||
2018–2019 | Al-Ahli | ||
2019–2020 | Viitorul Constanța | ||
2021 | Deportivo da Coruña | ||
2021–2022 | Albacete | ||
2023 | Deportivo da Coruña | ||
2023 | O Salvador | ||
2023– | Vizela | ||
Na rede | |||
[ editar datos en Wikidata ] | |||
Tras xogar no Ural CF, o Orillamar e o Victoria CF, e de xogar un torneo de Brunete co Deportivo da Coruña,[1] colgou as botas aos 18 anos. Iniciou entón a súa carreira nos bancos, comezando no Ural, onde adestrou o equipo de benxamíns, colaborou co equipo xuvenil e dirixiu a escola de fútbol do club.[2] Adestrou logo os xuvenís do Arteixo e os do Montañeros, estes últimos na División de Honra.[2]
En 2010, con 25 anos, deu o salto á Terceira División, facéndose cargo do Villaralbo, da provincia de Zamora,[2] onde permaneceu dúas tempadas, clasificando o equipo para dúas promocións de ascenso.[3] A continuación foi contratado polo Guijuelo, de Segunda División B, co que rematou a tempada 2013/14 como cuarto na táboa, clasificando así o equipo para disputar a fase de ascenso a Segunda División por primeira e única vez na súa historia.[4] Alí caeu eliminado contra o Leganés, que finalmente sería un dos equipos ascendidos.[5]
Na tempada 2014/15 adestrou o Valladolid Promesas, filial do Real Valladolid que acababa de ascender á 2ª B, rematando a liga na novena posición.[4] Volveu a continuación ao Guijuelo, que se clasificou sexto ao remate da tempada.[6]
En maio de 2016 converteuse no novo técnico da Cultural Leonesa, tamén en Segunda B. Tras unha gran tempada regular na que só perdeu 4 partidos de 38, o equipo acabou como primeiro clasificado do grupo I. Xogou entón a promoción de ascenso, onde derrotou ao Barcelona B e ao Lorca FC, proclamándose así campión da Segunda B e ascendendo o equipo leonés á categoría de prata 43 anos despois.[7] Continuou no club o seguinte ano, pero non puido conseguir a permanencia, caendo de novo á 2ª B na derradeira xornada de liga.[8]
Comezou a tempada 2018/19 como segundo adestrador de Asier Garitano na Real Sociedad,[9] posto que ocupou só uns meses ata novembro, cando marchou rumbo a Qatar para adestrar o Al-Ahli de Doha, club da máxima categoría qatarí.[10] Rematou a tempada en quinta posición e continuou no club para unha segunda campaña. Con todo, foi cesado en decembro de 2019, ocupando o equipo a sétima posición da táboa.[11] En agosto de 2020 chegou á Liga I, a primeira división romanesa, fichando polo FC Viitorul Constanța, club propiedade de Gica Hagi.[12] O seu paso por Constanța durou só catro meses, deixando o equipo en novembro de 2020.[13]
O 12 de xaneiro de 2021 anunciouse a súa contratación polo Deportivo da Coruña, en Segunda División B, en substitución de Fernando Vázquez, destituído un día antes.[14][15] Colleu o equipo na segunda praza da táboa e rematou a primeira fase na cuarta posición, perdendo calquera posibilidade de ascenso a Segunda. Finalmente na segunda fase clasificou ao equipo para a nova Primeira RFEF. Ao remate da tempada, e cando parecía que o seu contrato ía ser renovado, o Deportivo rompeu a súa relación con el, argumentando que estaba a negociar o seu futuro coa UD Las Palmas.[16] O técnico defendeu posteriormente que, aínda que se reuniu co director deportivo Luis Helguera, non chegou a haber ningunha oferta do club canario.[17][18] Foi substituído por Borja Jiménez.[19]
En xuño de 2021 asinou como novo adestrador do Albacete, da Primeira División RFEF.[20] Mantívose case toda a tempada entre os tres primeiros clasificados, ocupando o liderado durante varias xornadas, e rematou finalmente na terceira posición.[21] Clasificouse así para a promoción de ascenso, na que eliminou nas semifinais en Balaídos ao Rayo Majadahonda por 2-1, meténdose deste xeito nunha final na que se enfrontou ao seu anterior equipo, o Deportivo da Coruña.[22] Nun Riazor con máis de 27 000 espectadores o Albacete repúxose tralo tanto inicial de Mario Soriano e empatou o partido por medio de Alberto, forzando a prórroga. Ao equipo coruñés bastáballe co empate no templo suplementario, pero un gol de Jordi Sánchez no minuto 113 deulle o ascenso ao conxunto de Rubén de la Barrera, o segundo ascenso á categoría de prata para o técnico galego.[23] Só catro días despois de subir o Albacete a Segunda, o club anunciou que chegara a un acordo co adestrador para rescindir o ano de contrato que lle restaba.[24]
Tras case un ano afastado dos bancos, en maio de 2023 regresou ao Deportivo da Coruña, sendo o adestrador elixido pola directiva do club tralo cesamento de Óscar Cano, con quen o equipo viña de perder as súas opcións de ascenso directo.[25] Dirixiu o equipo nos dous últimos partidos da liga regular, unha vitoria por 4-0 sobre o Algeciras na casa e un empate a un gol contra o Pontevedra en Pasarón, antes de encarar a promoción de ascenso. No partido de ida das semifinais ante o Castellón, diante dos 28.828 espectadores de Riazor (cifra récord para a categoría), o Deportivo conseguiu unha vitoria pola mínima. Con todo, na volta en Castàlia, o Deportivo volveu quedar eliminado por segundo ano consecutivo, despois dun intenso partido con sete goles e unha prórroga que o club coruñés disputou con dez xogadores, trala expulsión do porteiro Ian Mackay, que sufriu o encontro máis desafortunado da súa carreira.[26][27]
O novo fracaso deportivo provocou a dimisión do Consello de Administración do club e a destitución do adestrador, a pesar de que este dirixiu o equipo en só catro partidos e contaba cun grande apoio entre a afección.[28][29] O 29 de xuño milleiros de seareiros do Deportivo levaron a cabo unha histórica manifestación contra as últimas decisións de Abanca, entidade propietaria do club, entre elas o despedimento do técnico.[30]
En setembro do mesmo ano foi anunciado como novo seleccionador nacional do Salvador, equipo que levaba máis dun ano sen gañar un partido.[31] Debutou á fronte do equipo centroamericano o 14 de outubro de 2023, caendo derrotado ante Martinica na Liga das Nacións da CONCACAF, derrota que certificou o seu descenso á Liga B.[32] Dirixiu o combinado centroamericano en tres partidos máis, un contra Martinica de novo e dous máis fronte a Curaçao, obtendo tres empates. O 19 de decembro, 89 días despois da súa chegada, anunciou a súa marcha da selección salvadoreña para aceptar a oferta do Vizela, da Primeira Liga de Portugal.[33]
No momento da súa chegada ao banco do Vizela, o club do distrito de Braga ocupaba a penúltima posición da táboa, con só 2 vitorias en 14 xornadas. O adestrador galego non conseguiu endereitar o rumbo do equipo e ao remate da tempada consumouse o seu descenso á Segunda Liga.[34]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.