futbolista español From Wikipedia, the free encyclopedia
Pedro Mosquera Parada, nado na Coruña o 21 de abril de 1988, é un futbolista galego, que xoga de mediocentro no Rayo Majadahonda, da Segunda Federación. Formado na canteira do Real Madrid, é o cuarto futbolista con máis partidos disputados na historia do filial do club branco, o Real Madrid Castilla, do que foi capitán. Tras debutar na Primeira División co primeiro equipo do Real Madrid, xogou no Getafe e no Elche, antes de regresar á súa cidade natal como xogador do Deportivo da Coruña. Militou catro anos no club galego, un deles como capitán, e a continuación fichou polo Huesca, co que logrou o ascenso á Primeira División na súa primeira campaña. Despois de tres anos no equipo aragonés, fichou polo Alcorcón, no que xogou dous anos, antes de pasar ao Rayo Majadahonda.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 21 de abril de 1988 (36 anos) A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 184 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 77 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2006 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lingua | Lingua castelá | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Número deportivo | 5 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Nacido na Coruña, empezou xogando a hóckey a patíns no Colexio Santa María do Mar.[1] Alí tivo como adestrador a Antonio Cancela e como compañeiro de equipo e amigo ao fillo deste, Pablo Cancela.[2] Durante uns anos compaxinou o hóckey co fútbol, deporte este último que practicou no propio colexio e máis tarde no Galicia Gaiteira.[3]
Aos 12 anos recibiu unha chamada do Deportivo da Coruña, que estaba formando un equipo alevín para participar en varios torneos. Así, disputou con outros rapaces da provincia como Dani Rodríguez o torneo de Brunete, e no Nadal do ano 2000 destacou nun torneo internacional celebrado no estadio Heliodoro Rodríguez López de Santa Cruz de Tenerife, chamando a atención de varios clubs, entre eles o Real Madrid.[4][3] Aceptou entón a oferta do club branco e marchou a Madrid, deixando definitivamente o hóckey a patíns despois de gañar a medalla de bronce nun campionato de España.[2]
No Real Madrid pasou polas categorías infantil, cadete e xuvenil, gañando nesta última a Copa de Campións da tempada 2005/06.[5] Uns meses despois, na tempada 2006/07, debutou co Real Madrid Castilla na Segunda División, da man do adestrador Míchel, nunha derrota por 4-0 diante do Valladolid no José Zorrilla.[6] Disputou outros tres partidos co Castilla esa tempada, na que o equipo acabou descendendo. Militou durante as seguintes tres campañas no filial, do que chegou a ser o capitán e onde coincidiu con futbolistas como Marcos Alonso, Nacho ou Callejón.
Durante a tempada 2009/10 o técnico do primeiro equipo, Manuel Pellegrini, convocouno en varias ocasións, tanto en encontros de liga como de Liga de Campións. Estivo a piques de debutar nun partido contra o Deportivo da Coruña en Riazor, pero cando estaba preparado para saltar ao terreo de xogo o árbitro pitou o final.[7] Finalmente o 25 de marzo de 2010 chegou o seu debut oficial co Real Madrid, nun partido de Primeira División ante o Getafe. Tivo unha presenza testemuñal, substituíndo a Xabi Alonso no último minuto.[8] Converteuse deste xeito no futbolista que menos minutos disputou na historia do Real Madrid, entre todos aqueles que chegaron a xogar nalgún momento co equipo.[9]
En xullo de 2010 foi traspasado ao Getafe,[10] co que asinou por catro tempadas, reservando o Real Madrid unha opción de recompra. No club azulón volveu coincidir co adestrador Míchel e con varios dos seus compañeiros do Castilla, como Codina, Miguel Torres ou Parejo. Co equipo xetafense debutou na Europa League e disputou un total de 21 partidos na súa primeira campaña, aínda que só 9 deles como titular, xogando habitualmente por detrás de Miku.
Trala marcha de Míchel, para a tempada 2011/12 chegou ao banco Luis García, quen non contou con Mosquera para as súas aliñacións. No mercado invernal, despois de non ter disputado ningún minuto na primeira metade da tempada, acordouse que o xogador saíse cedido, regresando ao Real Madrid Castilla e á Segunda División B.[11]
No filial branco recuperou protagonismo e foi titular indiscutible no que restaba de tempada, ás ordes de Toril. O equipo madrileño, que contaba con futbolistas como Carvajal, Nacho, Juanfran, Jesé, Morata ou os tamén galegos Lucas Vázquez e Joselu, proclamouse campión do Grupo 1 de Segunda B, clasificándose así para a promoción de ascenso. O equipo enfrontouse ao Cádiz e no partido de volta Mosquera marcou dous dos cinco goles do seu equipo (5-1), certificando así o ascenso á Segunda División.[12]
A súa cesión ampliouse tamén para a tempada 2012/13, xa na categoría de prata. Continuou como un fixo no mediocentro do equipo branco e ao longo da tempada tivo como compañeiros no dobre pivote a Aléx Fernández, José Rodríguez e Casemiro, sen que ningún deles lle arrebatase a titularidade.[13] Disputou 38 partidos na tempada, marcando 3 goles, e acadou os 156 partidos totais co Castilla, o cuarto rexistro máis alto da historia do filial, superado só por Casimiro Torres, Miguel Bernal e José Manuel Espinosa.[14]
Para a tempada 2013/14 regresou ao Getafe, onde coincidiu con outros tres futbolistas galegos: Borja Fernández, Diego Castro e Roberto Lago. O equipo realizou un bo inicio de campionato, chegando a ocupar postos europeos varias xornadas, pero co paso das xornadas caeu ata os postos de descenso, salvando a categoría nas últimas xornadas. Mosquera sumou 26 partidos, 17 deles como titular, no que foi o seu último ano en Xetafe.
En xullo de 2014 anunciouse a súa fichaxe polo Elche, tamén de Primeira.[15] Xogou de inicio nas 15 primeiras xornadas de liga, nas que conseguiu ante o Rayo Vallecano o seu primeiro gol na máxima categoría, ata que unha lesión nun partido de Copa do Rei diante do Valladolid o afastou durante tres meses dos terreos de xogo. Trala súa reaparición en marzo de 2015,[16] volveu aos onces titulares de Fran Escribá e o equipo rematou a liga na 13ª posición, pero foi descendido administrativamente por motivos económicos.[17]
O 27 de xullo de 2015 firmou por catro tempadas polo Deportivo da Coruña, logo de desvincularse do Elche.[18] No club da súa cidade converteuse nunha peza fundamental nos esquemas do adestrador Víctor Sánchez del Amo e foi un dos mellores xogadores da tempada,[19] na que disputou 40 dos 42 partidos do equipo, todos eles como titular. O 12 de febreiro de 2016 renovou o seu contrato co club coruñés até 2021.[20]
Comezou a tempada 2016/17 sendo un dos xogadores máis importantes para o adestrador Gaizka Garitano, pero unha baixada de rendemento levouno ao banco de suplentes. Trala chegada dun novo adestrador, Pepe Mel, volveu aos once iniciais e marcou dous goles, pero unha lesión muscular interrompeu o seu bo momento de xogo.[21]
En xullo de 2017 foi elixido novo capitán do equipo, trala marcha de Laure.[22] O seu rendemento durante a tempada 2017/18 foi máis baixo do esperado, do mesmo xeito que o do resto do equipo, que acabou descendendo a Segunda ao rematar 18º.[23] A súa situación non mellorou na seguinte tempada, a cuarta e última do centrocampista no Deportivo, na que disputou pouco máis de 1.000 minutos en liga.
O 2 de agosto de 2019 anunciouse a rescisión do seu contrato e un día máis tarde confirmouse a súa fichaxe polo Huesca, de Segunda División, por dúas temporadas.[24][25] Pechou o seu paso polo Deportivo cun total de 109 partidos oficiais e 3 goles.
Á súa chegada ao Huesca converteuse no cuarto futbolista galego no equipo, uníndose a David Ferreiro, Pablo Insua e Juan Carlos Real.[26] Foi titular en case todos os partidos da tempada, na que o equipo dirixido por Míchel Sánchez se proclamou campión da categoría, ascendendo así á Primeira División por segunda vez na súa historia. Na seguinte campaña sumou 27 partidos na máxima categoría, pero non puido lograr a permanencia, descendendo o equipo na derradeira xornada tras empatar sen goles co Valencia.[27] Xogou un terceiro ano en Huesca, acadando os 100 partidos co club aragonés.[28]
Para a tempada 2022/23 fichou polo Alcorcón, da Primeira División RFEF.[29] Titular indiscutible durante a súa primeira etapa na entidade amarela, foi o terceiro xogador con máis minutos do equipo (por detrás só de Babin e Javier Castro) e peza clave do ascenso á Segunda División.[30] Na seguinte campaña disputou un total de 33 encontros, 20 deles como titular, sen poder evitar o descenso do club de novo á Primeira Federación.
Tras rematar o seu contrato co Alcorcón, baixou á Segunda Federación para fichar polo Rayo Majadahonda.[31]
Foi internacional coas seleccións sub-16, sub-17 e sub-19 de España, nun total de 11 ocasións. En 2016 foi un dos elixidos por Míchel Salgado e Fran para formar parte da selección galega que se enfrontou a Venezuela no estadio de Riazor. Foi titular no centro do campo, a carón de Fran Rico, nun partido que finalizou con empate (1–1).[32]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.