intelectual, avogado, economista, catedrático de universidade e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xaime Isla Couto,[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10][11][12][13] tamén coñecido como Xaime Illa Couto,[14][15] nado en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 1915 e finado en Vigo o 25 de abril de 2012, foi un intelectual e economista galego.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de outubro de 1915 Santiago de Compostela, España |
Morte | 25 de abril de 2012 (96 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Pereiró |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, economista |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Cristina Nóvoa Pedreira |
Irmáns | Ramiro Isla Couto |
Premios | |
| |
Naceu na praza de San Miguel, fronte a San Martiño Pinario, fillo dunha familia humilde. O seu irmán Ramiro foi unha importante influencia dado que focalizou nel as súas propias inquedanzas intelectuais que el mesmo tivera que abandonar para axudar a soster a familia. De pequeno trasládase a Vigo onde realizará a maior parte da súa carreira. Participou no Seminario de Estudos Galegos, de onde lle vén a preocupación económica, xa que foi encargado por Xosé Filgueira Valverde para preparar sistematicamente o traballo do Departamento de estudos económicos, xurídicos e sociais do Seminario. Tamén participou na creación da Federación de Mocedades Galeguistas xunto a Francisco Fernández del Riego. Rematou os estudos de Maxisterio en 1936,[16] e logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi suspendido de emprego como alumno en prácticas. Foi reposto en abril de 1938.[17]
Xa no Franquismo foi un dos promotores da Editorial Galaxia en 1950, da que foi presidente do Consello de Administración. Tamén das revistas Grial e da Revista de Economía de Galicia. Durante o franquismo fundou unha editorial católica e galeguista: a SEPT. O 25 de xullo de 1969 foi detido á saída da Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval por berrar "Viva Galicia ceibe!".
Foi un dos fundadores do Partido Popular Galego, partido nacionalista de centro de inspiración democratacristiá que na transición política española procurou gañar as clases medias e a sectores intelectuais á causa do galeguismo e á construción dun Estado federal. Nas primeiras eleccións da democracia encabezou a candidatura ao Congreso dos Deputados da coalición Equipo Democracia Cristiá e Social Democracia Galega, pero non foi elixido.
O 31 de decembro de 1987 xunto con Cristina Nóvoa Pedreira, Manuel Isla Couto e Celso Isla Couto constituíron a Fundación Isla Couto en lembranza do seu irmán Ramiro Isla Couto.
Foi membro de número da Real Academia Galega[18]. Ingresou o 29 de xaneiro de 1999, máis dunha década despois de que fose proposto por Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Isidro Parga Pondal, coa lectura do discurso Economía, linguaxe e poder[19]. Foi galardoado coa medalla Castelao outorgada pola Xunta de Galicia en 1987, co Premio Trasalba en 1992 e co Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda no 2010.
Xaime Isla Couto representou senlleiramente un exemplo de home de ampla creatividade e emprendemento social e cultural, definido por Benxamín Casal coma a «a imaxinación creadora do galeguismo». Mestre frustrado pola depuración e a represión posterior á Guerra Civil, avogado, profesor universitario..., o seu carácter polifacético e autodidacta reflíctese na súa obra –espallada en artigos, comentos, editoriais, entrevistas en diferentes publicacións-, mais coa preocupación central verbo dos problemas económicos e sociais de Galicia, xunto co seu compromiso democrático e cristián.
Xaime Isla representa o «pulo ideativo» tanto inicial da Editorial Galaxia (1950), coma de iniciativas nadas ao abeiro do proxecto xeracional: a Revista de Economía de Galicia (1958), a editorial SEPT (1965), a Revista Galega de Estudios Agrarios (1979) ou o Instituto Galego de Estudos Comunitarios (1987).
Toda a súa vida estivo presidida polo mandato íntimo de «repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia». Fundador da Federación das Mocedades Galeguistas (1932), membro dos equipos de traballo do Seminario de Estudos Galegos (1935-1936), e secretario técnico do Partido Galeguista na clandestinidade na década de 1940, representa, o mesmo que Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, a continuidade co galeguismo da xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, así coma a cerna humana da tarefa da Xeración Galaxia de garantir e fornecer a transmisión xeracional da conciencia de Galicia.
Xunto co compromiso galeguista, a vida intelectual de Xaime Isla Couto caracterizouse pola súa inesgotable curiosidade intelectual. As súas inquedanzas estendéronse ao eido de tódalas Ciencias Humanas e Sociais. Malia que a reflexión económica ocupou un lugar sobranceiro entre os seus intereses, estes non se limitaron a esta tenza, senón que tentou traballar de xeito incansable pola mellora da sociedade, da economía, das ciencias sociais e da cultura galega. Este amplo abano de eidos de inquedanza vital plasmáronse nun pensamento aberto á novidade e aos avances intelectuais, nun senlleiro agarimo pola interdisciplinariedade e pola asunción da complexidade do real, e nun esforzo por arredarse das «etiquetas» e dos reducionismos ideoloxizantes.
Isto non quere dicir que Xaime Isla non tivese definidas as súas posturas e influencias, mais sempre desde o respecto cordial pola opinión do outro, aínda que rexeitante do totalitarismo das ideoloxías e da imposición violenta. A súa «voracidade» intelectual e o seu autodidactismo levárono a non ficar de estar ao día das novidades culturais, sociais, políticas..., deica os últimos anos da súa vida intelectual activa, en que centrou as súas angueiras nas relacións Ciencia-Relixión e nas modernas formulacións do Desenvolvemento Comunitario-Local, entre outras.
A primeira orientación vital cara ao galeguismo militante de Xaime Isla recibiuna do seu irmán Ramiro Isla Couto, emigrado en Buenos Aires, e activista galeguista –fundador da revista Terra, membro da Sociedade Nacionalista Pondal, redactor do seu xornal A Fouce...- co cal mantivo unha temperán relación epistolar na cal Ramiro levou a cabo unha «pedagoxía epistolar» descubríndolle ao seu irmán a conciencia de Galicia e o galego como idioma.
A orientación vocacional de Xaime Isla Couto cara á economía naceu no seo dun movemento xuvenil chamado Ultreya. Estes grupos xuvenís foron fundados por Álvaro de las Casas - catedrático no Instituto de Noia, poeta e loitador- que, coa colaboración de universitarios e profesores mozos –coma Ramón Martínez López, Filgueira Valverde, Fernández del Riego...-, promoveron este movemento de «educación patriótica» semellante aos que tiñan grande actividade na Europa daquela e en España –coma o Palestra en Cataluña. O obxectivo era fornecer nos rapaces o seu ligamento coa terra e cos valores máis significativos da comunidade. Xaime Isla Couto atribuíu a súa descuberta de Galicia ás actividades deste grupo xuvenil: viaxes de estudo, viaxes a pé, esculcas e contactos coa xentes do campo, estadías e visitas na Misión Biolóxica de Galicia. Precisamente, nunha estadía na Misión Biolóxica de Galicia, na Granxa de Salcedo en Pontevedra, durante unha semana de marzo do 1932, despertou nel:
Unha nova vocación ao mostrarme o valor estrumental da economía e da técnica pra liberar o home, singularmente no meu caso, o home galego, primixenio, o da miña estirpe, o labrego.
Aquí detectamos dous aspectos que se van manter no futuro: as arelas emancipatorias e mais o valor instrumental da economía. O contacto coa Misión Biolóxica non se perdería ao longo dos anos, e de feito, vinte e cinco anos despois, na primavera do 1957, na Granxa de Salcedo, co seu director Cruz Gallástegui Unamuno e co seu adxunto, Xosé L. Blanco González, xunto cos «galaxiáns» García Sabell, Ramón Piñeiro, Paco del Riego, Río Barja e o mesmo Isla Couto, se proxectou a Revista de Economía de Galicia. De feito, Gallástegui e Blanco González foron membros do Consello Fundador e de Dirección da Revista de Economía de Galicia. Esta inclinación vocacional medrou coas conversas con Alexandre Bóveda no local do Partido Galeguista en Pontevedra.
Outro feito que marcou a vocación de Xaime Isla Couto foron as campañas de investigación colectiva do Seminario de Estudos Galegos -coma bolseiro da Sección de Estudos Xurídicos, Económicos e Sociáis. Estas campañas tiveron lugar no 1935 nas Terras do Deza –da man de Bibiano Fernández Osorio-Tafall-; e no 1936 –á beira de Ramón Otero Pedrayo- na comarca de Fisterra. O obxectivo desta formación era a preparación dunha Enquisa para o estudio social i económico da Parroquia galega e dun Manual de Institucións para o seu emprego por universitarios escolares de toda Galicia, proxectos frustrados polo comezo da Guerra Civil. Porén, a súa orientación vocacional cara á economía xorde grazas ao galeguismo, en concreto, do contacto cos membros da xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, a quen recoñece coma mestres e os cales mantiveron a súa ascendencia no futuro no seo da Editorial Galaxia. O compromiso galeguista e a toma de conciencia dos problemas sociais, económicos e políticos de Galicia fixéronlle descubrir a necesidade de elaborar e crear:
unha economía propia, un pensamento económico propio, axeitado a unha realidade distinta que esixe un estudo, un tratamento e unha política particular. Somentes a partir de aquí (dun pensamento económico propio que mirase os problemas dende dentro deles) poderíanse artellar solucións axeitadas ó futuro.
Estas intuicións madurecidas atoparon a súa expresión máis sobranceira na publicación da Revista de Economía de Galicia, a partir do ano 1958 deica o 1968.
Xaime Isla Couto caracterizouse pola apertura do seu pensamento. De tódolos xeitos, entre o «manantío» de ideas que acolleu á hora de ir configurando o seu «estilo de vida» intelectual no eido económico, un bo feixe delas son recoñecidas por el mesmo como centrais á hora de tecer as guías desta urdime. Neste senso as principais achegas intelectuais ao pensamento e obra de Xaime Isla foron: a economía social de mercado, o pensamento económico alemán (Wilhelm Röpke), o Institucionalismo, o Personalismo comunitario (Emmanuel Mounier, Jacques Maritain)e mais o grupo de Economía e Humanismo (Luis Lebret).
Nos editoriais da Revista de Economía de Galicia, Xaime Isla plasmou o seu rexeitamento das concentracións monopolísticas; defendeu a liberdade na produción, consumo e traballo fronte ao dirixismo intervencionista extremo; e reivindicou unha política social e económica que minguase as desigualdades sociais.
Xaime Isla amosouse, ao igual que Wilhelm Röpke (1899-1966), partidario dun «terceiro camiño», un termo medio entre o capitalismo no seu funcionamento perfecto e o estatismo extremo, xa que ámbolos dous mirran o libre xogo das forzas sociais e económicas.
Xaime Isla Couto acolleu as formulacións institucionalistas no seu maxisterio coma Catedrático de Dereito e Economía da Empresa na Escola de Enxeñeiría Industrial de Vigo onde insistía na importancia das institucións económicas, sociais e políticas no desenvolvemento económico e na mellora do benestar das sociedades. Xaime Isla insistía na importancia dos condicionamentos institucionais que atrancaban o crecemento e impedían o desenvolvemento no país das capacidades empresariais dos galegos. É a falla de incentivos e institucións económicas axeitadas á realidade galega a que empece o desenvolvemento, e non tanto a «idiosincrasia galega». Emporiso, a súa chamada a emprender o estudo da realidade concreta para que, a partir do seu coñecemento, se puidesen propoñer e impulsar o deseño de novos incentivos e institucións que desenvolvesen o potencial endóxeno de Galicia.
A influencia do Personalismo comunitario en Xaime Isla reflíctese nos seus esquemas de interpretación e transformación da realidade así coma na súa personalidade vital. Tanto Emmanuel Mounier coma Jacques Maritain –co impacto que lle provocou na mocidade a lectura da obra Humanismo integral-, así como a revista Esprit e os seus colaboradores, foron determinantes na consolidación da cerna do seu pensar e vivir. El mesmo sintetizará os dous conceptos que integran o personalismo comunitario do seguinte xeito:
COMUNITARIA. Por unha socialización na liberdade, pola autonomía das colectividades naturais e voluntarias; e por unha sociedade máis xusta, máis fraterna, de onde se eliminen a un tempo a explotación do home polo home e o antagonismo de clases. PERSONALISTA. Como loita pola causa do home total, da súa plena realización e libre iniciativa creadora; o recoñecemento da súa enteira dignidades, e dos seus dereitos non soamente individuais –políticos, económicos e sociais- senón tamén colectivos e comunitarios.''
O grupo Economía e Humanismo foi fundado en Lión no ano 1940 polo relixioso, economista e sociólogo francés Luis Lebret (1897-1966). Este grupo, que respondía ás inquedanzas do seu fundador –que estudou os problemas do Terceiro Mundo e realizou numerosas enquisas económicas e sociais en países africanos e iberoamericanos-, centrouse no estudo e difusión dunha economía ao servizo do home. Asemade, Luis Lebret tentou fornecer a fe profunda coma soporte da acción temporal a prol da xustiza. Do maxisterio de Luis Lebret naceu en Xaime Isla a súa comparanza da situación do Terceiro Mundo –subdesenvolvemento, colonización, asoballamento social e político- coa de Galicia, e mais o fornecemento do seu compromiso na loita a prol da xustiza social e da restitución da economía ao servizo do home.
Xaime Isla Couto traballou arreo pero sen que o pensamento espelido que o caracterizaba madurase nunha obra de referencia. As páxinas da Revista de Economía de Galicia e dos Cadernos Grial acolleron as principais reflexións de Xaime Isla sobre o futuro da economía e sociedade galegas en chave galeguista.
Describindo aos homes da xeración Galaxia e aos que fixeron posible a Revista de Economía de Galicia, Xaime Isla di que:
A angueira que alentaba nos homes entregados a este esforzo e aquela empresa –díxeno noutra ocasión-, viña de longa data e a súa ollada moi posta no futuro. Eran homes de onte, de véspera e tamén de pasado mañá: de raíz e de utopía. Pero cos pés ben chantados na terra, na súa terra.
Precisamente, a raíz e a utopía son os dous polos motivacionais que permitiron aos homes de Galaxia emprender o labor de concienciación social e cultural, nesa «paixón realizadora» que Francisco Fernández del Riego transformaba en consigna motivacional e mandato íntimo: «temos que queimar a nosa vida por Galicia». A raíz era Galicia, as súas terras e as súas xentes, a súa cultura e a súa lingua, pero tamén aqueles que acadaran nacer no mundo coa conciencia de Galicia como historia, cultura, idioma e pobo, sobranceiramente, os mestres da xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos. A utopía nada do seu repensar Galicia, proxectar Galicia e facer Galicia recóllese, con toda a forza da esperanza vital, no seguinte chamamento ao pobo galego a prol dun galeguismo democrático:
Homes e mulleres de Galicia, nacidos aquí ou asentados entre nós: temos que nos comprometer decisiva, limpa e abertamente pola defensa de Galicia e da súa autonomía, poñer todo o noso esforzo na edificación dun modelo de convivencia comunitaria, en solidariedade con todas as demais comunidades, e facer da nosa Terra un laboratorio fecundo daquela nova organización social, dunha nova civilización máis humana, máis xusta e máis universal.
Pero non podemos perder de vista que o alento da esperanza vital da utopía que nace do compromiso coa tradición galeguista, realízase no seo dun contexto de asoballamento completo de Galicia como sociedade, cultura e política diferenciadas. Emporiso, a súa «realización no fracaso» canalizouse no seo dunha cultura, política e economía de resistencia fronte ao poder negador da ditadura franquista. E a combinación de raíz e utopía, co estímulo dun contexto tan aveso coma o do Franquismo –tanto social, coma económica e politicamente-, permitíronlle, grazas á súa intuición e curiosidade inesgotable, subliñar os fundamentos da «visión territorial do desenvolvemento» a prol do proxecto dun desenvolvemento endóxeno, autocentrado e autodependente para Galicia.
No ano 1951, ao pouco de fundarse a editorial Galaxia, o grupo cultural galeguista que o conformaba decatouse da necesidade de editar unha revista cultural galega que permitise a tarefa de:
Denunciar e alentar o esforzo das máis xoves xeracións galegas, impulsado cara a un auténtico e sincero planteamente dos problemas vivos da existencia cultural da nosa Terra e orientado, ó mesmo tempo, na busca dunha resposta propia e construtiva ás universais inquedanzas do tempo presente.
Por mor de que a aparición de revistas novas estaba prohibida, idearon a publicación dunha serie de cadernos, de caste máis ou menos monográfica, con estrutura fixa e con regularidade cronolóxica. Estes cadernos foron bautizados co nome de Colección Grial. Ata que chegou a prohibición de seguir a publicar os cadernos, editáronse catro volumes: o primeiro significativamente titulado Presencia de Galicia –que pretendía ser unha presentación do verdadeiro propósito de Galaxia, ao presentar a imaxe peculiar da personalidade cultural galega-, o segundo Pintura actual en Galicia, o terceiro Presencia de Curros e Doña Emilia e o derradeiro Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. Neste derradeiro caderno, publicou Xaime Isla Couto un breve traballo titulado “Algúns caraiteres da economía galega actual”. Este artigo do Xaime Isla foi cualificado polo Ramón Piñeiro coma «un verdadeiro berro galeguista de denuncia» no medio do «máis absoluto deserto da literatura económica galega». Quen mellor sintetiza este artigo é o seu propio autor, Xaime Isla, que case corenta anos despois di que este Caderno contiña:
Un breve ensaio meu no que se caracterizaba o drama da situación económica de Galicia, reducida a protagonista pasiva dos grandes cambios que lle ían impondo o desenvolvemento industrial sen que o noso corpo social tivese órganos propios para tratar de adecuar ese proceso á realidade galega, e no que se encoraxaba ós e-conomistas (sic) e estudoso do país a virar as costas nun bo tempo á teoría económica vixente para poñer man desde o comezo na observación da nosa realidade inmediata.
Este artigo representou un texto programático –«índice esquemático», denomínao Xaime Isla- por mor de que nel aparecen contidos as notas que ían guiar o traballo «económico» de Xaime Isla:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.