Partido Popular Galego
partido político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
partido político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
O Partido Popular Galego (PPG) foi un partido galeguista de centro dos anos da transición.
Partido Popular Galego (PPG) | |
---|---|
Partido político de Galiza | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Xaime Illa Couto |
Historia | |
Fundación | 1976 |
Disolución | 1978 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Nacionalismo galego centro Democracia cristiá Federalismo |
Fundouse en xullo de 1976 ao se unir a Unión Democrática de Galicia, liderada por Xaime Illa Couto, e Esquerda Democrática Galega, liderada por Fernando García Agudín e ligada á Izquierda Democrática de Joaquín Ruiz-Giménez. No seo do partido establecéronse dúas posicións, os partidarios do mantemento do partido cuns claros sinais galeguistas e os partidarios da integración na UCD, este último grupo acabará marchando do PPG antes das eleccións de 1977.
Definíase como galeguista, federalista e de inspiración humanista e comunitaria. Buscaba conectar coas clases medias e sectores ilustrados do país co fin de que non se identificase nacionalismo con independentismo revolucionario. Pretendía ser a versión galega dos partidos europeos que integraban a Internacional democratacristiá; particularmente tiña como referencia a CDU alemá. Pretendía asumir a herdanza nacionalista do Partido Galeguista da II República.
Participou nas actividades do Equipo Democráta Cristiano del Estado Español, aínda que non se integrou nel. Acudiu como observador á constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas pero as diferenzas ideolóxicas coa UPG impediron a súa integración nel. Mantivo, porén conversas co Partido Socialista Galego, outro integrante do Consello, para concorrer xuntos ás eleccións, opción que non chegou a materializarse. Contou co apoio de notables e galeguistas históricos que dende moi cedo se viron tentados por ofertas das forzas políticas estatais de centro-dereita que pretendían galeguizar as súas mensaxes.
Finalmente, nas eleccións xerais de 1977 foi en coalición co Partido Galego Social Demócrata para o Congreso e coa Candidatura Democrática Galega para o Senado. Os malos resultados da coalición nas eleccións, 23.014 votos, fixo que unha parte dos militantes volvera ás teses da unión coa UCD, mentres que o grupo maioritario buscaba o espazo do galeguismo de centro procurando o apoio de galeguistas históricos como Manuel Beiras ou Ramón Martínez López. A sintonía entre persoeiros como Avelino Pousa Antelo e Xaime Illa, fixo frutificar a idea. Isto supuxo a desaparición do PPG ao refundar co PGSD o Partido Galeguista, integrándose o sector contrario na UCD.
O Partido Popular Galego foi un partido de cadros que tan só tiña 117 afiliados en 1977. Gonzalo Rey Lama foi o seu secretario executivo entre 1977 e 1978.
Entre os seus membros figuraron Carlos Baliñas Fernández e Xerardo Fernández Albor, captado por Manuel Fraga Iribarne para asumir á candidatura á Xunta de Galicia por Alianza Popular.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.