equipo de fútbol galego da cidade de Santiago de Compostela From Wikipedia, the free encyclopedia
A Sociedade Deportiva Compostela é un equipo de fútbol galego da cidade de Santiago de Compostela. Foi fundado o 1 de xullo de 1928 por Ramón Castromil Casal e compite na Segunda Federación.
SD Compostela | |||
---|---|---|---|
Nome | Sociedade Deportiva Compostela | ||
Alcume(s) | Compos; Esedé; Picheleiros | ||
Fundación | 1 de xullo de 1928 | ||
Estadio | Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro | ||
Inauguración | 24 de xuño de 1993 | ||
Capacidade | 16.666 | ||
Presidente | Antonio Quinteiro | ||
Adestrador | Antón Permuy | ||
Liga | Segunda Federación - Grupo 1 | ||
2023/2024 | 7º | ||
Vestimenta | Adidas | ||
Na rede | |||
http://www.sdcompostela.com/ | |||
| |||
É considerado un dos equipos históricos de Galicia por historia e tradición,[1] sendo o cuarto equipo do país en debutar na Primeira División, máxima categoría da Liga, tras o Celta, o Deportivo e o Pontevedra, e situándose como o terceiro mellor equipo galego na Clasificación histórica de Primeira, na que ocupa o posto 39º, tras vigueses e coruñeses, pese a disputala tan só catro tempadas, desde a 1994/95 até a 1997/98.
Ao longo da súa historia, o Compostela viu como o nome do club variou por diversas circunstancias até a súa denominación actual de Sociedade Deportiva Compostela, nome histórico do club, vixente de novo desde 2011.
En 1928 varios estudantes de Santiago de Compostela decidiron fundar da man de Ramón Castromil Casal o Compostela Foot-ball Club, que militou na Serie B galega até o estalido da Guerra Civil, estando considerado daquela o mellor equipo da cidade. Xogaba os seus encontros no antigo campo da Choupana, sendo algúns dos xogadores máis destacados daquela época Pachuco, Jesús Porto Aldrey, os irmáns Pombo, o propio Ramón Castromil ou o futuro refundador da entidade, Elisardo García.
A comezos da década dos 40, Ramón Castromil volveu fundar o club con pouco éxito debido ás dificultades da posguerra, vendo entre outras cousas, como o antigo campo da Choupana desaparecera para construírse no seu lugar o Hospital Gil Casares. Nesa época, o decreto do Estado que impedía os estranxeirismos fixo mudar o nome do club a Compostela Club de Fútbol, sendo popularmente coñecido como Club Compostela. Finalmente, a importancia adquirida polo club anos atrás desaparece en 1946 cando se ve superado pola relevancia do Club Santiago, antigo Racing Club San Lorenzo, e remata por desaparecer en detrimento deste e do Club Arenal.
Coa desaparición do Club Santiago no ano 1962, e coa escasa relevancia do Club Arenal na cidade de Santiago, varios ex-socios do desaparecido Club Compostela decidiron fundar unha nova entidade nunha asemblea celebrada no Hostal dos Reis Católicos o 26 de xuño de 1962, comezando de novo nas divisións rexionais galegas, baixo o nome de Sociedade Recreativa Compostela. O 28 de outubro do mesmo ano, o Club Arenal fusionouse coa SR Compostela pasando o club a denominarse Sociedade Deportiva Compostela e pasando o Club Arenal a desempeñar as funcións de equipo filial. O primeiro adestrador do club foi o uruguaio Dagoberto Moll, co que o Compostela conseguiu o ascenso a Terceira división no seu primeiro ano de existencia, manténdose na categoría de bronce durante as seguintes sete tempadas.[2] Tras varios anos alternando a Serie A rexional e a Terceira división, logrou o ascenso á Segunda división B na tempada da creación da categoría, a 1977/78, con Carlos Torres no banco.[3]
Desde entón e durante os anos oitenta, a SD Compostela alternou a Segunda B coa Terceira até que a finais da década a historia do club mudaría para sempre coa chegada á presidencia do empresario santiagués do sector da electricidade José María Caneda en 1988, e a incorporación en 1989 do adestrador Fernando Castro Santos.[4] Na primeira tempada deste, a 1989/90, o equipo regresou á Segunda B, e ao ano seguinte, na tempada 1990/91, logrou ascender á Segunda división por primeira vez na súa historia logo de quedar terceiro na fase regular e de vencer no grupo de ascenso, superando no mesmo a Club Deportivo Alcoyano, CD Badajoz e Deportivo Alavés.
O equipo permaneceu na Segunda división durante tres tempadas: na primeira, a 1991/92, quedou sexto, na segunda, a 1992/93, duodécimo, e finalmente na terceira, a 1993/94, o Compostela foi terceiro e xogou a promoción de ascenso á Primeira división fronte ao Rayo Vallecano de Madrid. Tras remataren ambos encontros en empate (1-1 no Campo de Fútbol de Vallecas e 0-0 en San Lázaro),[5] disputouse un terceiro xogo de desempate nun campo neutral, o Estadio Carlos Tartiere de Oviedo, que rematou coa vitoria compostelá por 3 a 1, con goles de Ohen (2) e José, e que supuxo o ascenso da Esedé á Primeira división. O equipo titular dese partido estivo formado por Iru, Modesto II, Tocornal, Modesto I, Bellido, Bodelón, Abadía, Fabiano, Pichi Lucas, Ohen e Suso Moure. Tamén xogaron Víctor e José.[6]
A SD Compostela xogou na Primeira división catro tempadas consecutivas, de 1994 1998. E tras acadar na primeira delas, a 1994/95, a salvación na derradeira xornada na casa ao vencer por 2-0 ao CD Tenerife, púxose punto e final a sete anos de exitosa traxectoria de Fernando Castro Santos á fronte do equipo. Para a tempada 1995/96 o equipo contratou como adestrador a un por aquel entón descoñecido no fútbol profesional Fernando Vázquez, sendo precisamente ese ano cando o equipo asinou a súa mellor tempada da historia, chegando a ser subcampión de inverno só por detrás do Atlético de Madrid ao termo da primeira volta, para rematar a liga nunha digna décima posición. Destacou naquela tempada unha histórica vitoria por 4-0 no derbi fronte ao Deportivo de Toshack en San Lázaro, con goles de Fabiano (2), José Ramón e Ohen.[7] O equipo xogou en Primeira división dúas tempadas máis, a 1996/97 e a 1997/98, rematando nesta última no posto décimo sétimo e descendendo á Segunda división tras perder a promoción contra o Vilarreal CF polo valor dobre dos goles fóra de casa (0-0 no Estadio do Madrigal e 1-1 en San Lázaro).
Equipo da SD Compostela na campaña 1995/96, con Fernando Vázquez de adestrador:[8]
|
|
O presidente da entidade tomou o descenso como unha tempada de transición, e tentou recuperar a máxima categoría. Para isto non escatimou en gastos, mantendo boa parte da formación anterior e fichando outros xogadores de renome, como os internacionais Nando e Dmitri Radchenko. Porén, o equipo rematou oitavo na clasificación, e os problemas económicos comezaron a facerse patentes. Así as cousas, na seguinte campaña, a 1999/00, o equipo estivo a piques de descender, e finalmente na tempada 2000/01 descendeu á Segunda B tras rematar a liga no posto décimo noveno da clasificación.
Nesa categoría volveuse cometer o erro de manter a formación da campaña anterior cos mesmos salarios, e as débedas levaron consigo atrasos e complicacións nos pagamentos. Aínda así, o equipo terminou terceiro na campaña 2001/02, e superou na liguiña de ascenso a Mérida Unión Deportiva, Valencia CF Mestalla e FC Barcelona B, volvendo á Segunda división tan só un ano despois do seu descenso.
A campaña 2002/03 foi até agora a última na elite profesional. No seu regreso á Segunda división, o equipo, dirixido por Luis Ángel Duque, terminou noveno malia estaren os xogadores toda a tempada sen cobrar. O impagamento das débedas a xogadores agravouse cando un xuíz, a falta de 2 días para concluír o prazo de inscrición, determinou que o club debía avalar 13 millóns de euros para continuar na Liga de Fútbol Profesional. Ao non poder presentar dito aval, o equipo foi descendido administrativamente á Segunda B, ocupando o seu lugar na Segunda división o Club Deportivo Leganés.
Tras o descenso e a marcha da inmensa maioría dos xogadores que non percibiran as súas débedas, a formación compostelá afrontou a tempada con moi poucos efectivos e finalmente, tras unha pésima campaña na que os problemas económicos non desapareceron, a SD Compostela rematou a tempada 2003/2004 en penúltima posición do Grupo II de Segunda B consumando o seu descenso á Terceira división. Mais o impagamento das débedas contraídas con xogadores e empresas, estimadas en máis de mil millóns de pesetas, provocou ademais un novo descenso administrativo, desta vez á Preferente Autonómica galega, categoría á que o Compos volvía case trinta anos despois. Así as cousas, e co club ao bordo da desaparición,[9] nese mesmo ano 2004 o consello de administración aprobou iniciar o proceso de liquidación da entidade, pese á oposición dalgúns socios e do expresidente, José María Caneda. No verán de 2006 vendéronse mediante poxa todos os bens do equipo, incluídos os trofeos do club, a marca SD Compostela, os accesorios de lavandería, os coches do club, o material de oficina ou os sistemas de calefacción.[10] Nesa poxa o expresidente José Albarrán pagou 61.260 euros por todos os trofeos logrados polo equipo nos seus máis de 40 anos de historia para que estes non se perdesen.[11][12]
Ao mesmo tempo que se iniciaba o proceso de liquidación da sociedade anónima SD Compostela, creouse en 2004 en Santiago de Compostela outro club (SD Campus Stellae) que herdou a xestión e explotación dos dereitos deportivos do club compostelán baixo a fórmula de cesión ao mesmo tempo que asumiu a xestión dos equipos deportivos da sociedade anónima en liquidación. O expresidente José María Caneda adquiriu na poxa pública o nome SD Compostela, e posteriormente pasou a ocupar a presidencia da SD Campus Stellae. Esta operación permitiu refundar o equipo, xa que xuridicamente se trataba doutro club (SD Campus Stellae) que carecía de débedas e que xestionaba os equipos deportivos da entidade que estaba a ser liquidada, utilizando a marca deportiva SD Compostela.[13] Isto permitiulle competir en categorías nacionais con este nome, pese á oposición dos administradores concursais do equipo.[14]
Tras catro tempadas en Preferente Autonómica, desde 2004 a 2008, finalmente o club conseguiu o ascenso á Terceira división na tempada 2007/2008, e iniciou a tempada 2008/2009 co obxectivo de ascender á Segunda B, conseguíndoo ao final da campaña tras proclamarse campión e imporse na promoción de ascenso ao Atlético Monzón aragonés (3-0 e 2-1).[15]
A tempada 2009/10 non foi boa para a SD Compostela e de novo volveron repetirse os mesmos erros do pasado. Así, os impagamentos continuados, as ameazas de folga por parte dos xogadores, as débedas acumuladas e o mal inicio de liga, condenaron a SD Compostela ao descenso, que se fixo oficial a falta dunhas xornadas para o final da liga. A tempada foi moi mala pero tivo os seus bos momentos, como ser o primeiro equipo en puntuar en Ipurua, feudo da SD Eibar, tras ir perdendo 2-0, ou as vitorias a domicilio nos derbis xogados en Pasarón e na Malata ante o Pontevedra CF e o Racing de Ferrol.
Tras esa desastrosa tempada 2009/10, a tempada seguinte o Compos volveu á Preferente Autonómica, acumulando de novo ao descenso deportivo un descenso administrativo por impagamentos,[16] ao tempo que a Federación Galega de Fútbol instaba ao club a utilizar o nome de SD Campus Stellae e non o de SD Compostela que viña utilizando.[17] Ademais, ese mesmo ano producíase o arquivo definitivo do concurso da sociedade anónima deportiva.[18]
En febreiro de 2011, Antonio Quinteiro, un empresario de Lestedo que de mozo xogara nas categorías inferiores do club, comproulle o club a Caneda coa intención de sanealo e de levalo de novo a categoría profesional.[19] Así, unha directiva renovada, procedente da área empresarial e profesional e coñecedora do mundo futbolístico, fíxose cargo dun equipo que ía á deriva a comezos de 2011 tras adquirir todos os dereitos legais, facer fronte ás débedas acumuladas e lograr a recuperación do nome fundacional,[20] extremo confirmado pola FGF o 22 de xullo de 2011.[21] Desde entón a entidade volveu denominarse SD Compostela e tivo entre os seus retos inmediatos volver ás categorías de honra do fútbol español co apoio de toda a cidade e a comarca. Nesa primeira tempada do novo equipo directivo, a 2010/2011, o equipo logrou endereitar o rumbo na segunda volta, pero rematou a liga na oitava posición, lonxe dos postos de ascenso.
Na seguinte campaña, a primeira completa de Quinteiro á fronte da nave compostelanista, o equipo proclamouse campión da Preferente Autonómica de Galicia 2011/12 e ascendeu á Terceira división da man do adestrador Anxo Casalderrey, xusto no ano do seu 50 aniversario. Tamén ese mesmo ano foi inaugurada a sala cos trofeos da historia do club, chamada José Albarrán en homenaxe ao expresidente que os salvagardou mercándoos seis anos antes.[22][23][24] Tan só un ano máis tarde, e xa con Fredi Álvarez como adestrador, rematou a fase regular da Terceira ocupando o terceiro posto, o que lle outorgou o dereito a participar na fase de ascenso a Segunda B. O 30 de xuño de 2013 conseguiu o ansiado ascenso á categoría de bronce do fútbol español ao superar ao CD Cieza (2-0 e 0-2) na terceira eliminatoria do playoff, tras eliminar previamente ao CD Ebro (4-0 e 2-2) e á AD San Juan (3-0 e 1-1).
No seu regreso á Segunda B, o equipo dirixido por Fredi rematou a tempada 2013/14 en décimo terceira posición, logrando así a permanencia.
Para a nova tempada 2014/2015 o club contratou ao adestrador vasco Iñaki Alonso e fixo unha profunda renovación no equipo co obxectivo de loitar polo ascenso á Segunda división máis de dez anos despois. Tras unha tempada bastante regular o club consegue clasificarse para a Copa do Rei pero non para a fase de ascenso, ao rematar na sexta posición. O técnico vasco seguiu na tempada seguinte, ata que foi destituído en novembro debido aos malos resultados do equipo, que ocupaba a 19ª praza da táboa.[25] Manuel Estévez, adestrador dos xuvenís,[26] fíxose cargo do equipo ata a contratación en febreiro de Fredi Álvarez, que comezaba a súa segunda etapa á fronte do Compostela.[27][28] O novo adestrador non conseguiu que o equipo levantase o voo, consumándose un novo descenso á Terceira División.
Tras a dimisión de Fredi e do director deportivo, Pedro Quinteiro,[29] o Compostela iniciou unha nova etapa con Yago Iglesias como adestrador. e con 20 xogadores novos.[30] Despois dunha tempada de transición na que o equipo quedou en sétima posición, na tempada tempada 2017/18 e co ex capitán Manuel Castiñeiras como director deportivo deportivo,[31] conseguiron clasificarse para xogar a fase de ascenso, ao rematar como campións do seu grupo. Con todo, non conseguiron o ascenso nin ese ano nin o seguinte, no que tamén xogaron a fase de ascenso despois de rematar a liga en terceira posición.[32][33]
Na tempada 2019/20 o Compostela fixo de San Lázaro un fortín, logrando 13 vitorias consecutivas como local ata que perdeu contra a UD Ourense na xornada 27.[34] Despois deste partido a competición foi suspendida por mor da pandemia por coronavirus, e un mes despois a liga deuse por finalizada,[35] sendo proclamado campión o Compostela, que ocupaba a primeira posición da táboa.[36] Para determinar os ascensos creouse un sistema de eliminatorias máis reducido que o habitual, onde se enfrontarían entre eles os catro primeiros clasificados de cada grupo, ascendendo un equipo por grupo. No grupo galego os partidos xogáronse no Estadio de Balaídos, onde o Compostela eliminou en semifinais ao Barco por 3 a 1 con goles de Jimmy, Primo e Gabri Palmas.[37] Na final enfrontouse ao Ourense Club de Fútbol, que viña de eliminar ao Arousa. O Ourense adiantouse no minuto 12 cun gol de Adrián Castro e mantivo a vantaxe ata que no minuto 68 un penalti realizado sobre Brais Abelenda foi transformado por Pablo Antas. En caso de empate ascendía o Compostela por ser o campión do grupo, polo que co 1-1 final o club santiagués volveu á Segunda B catro anos despois.[38]
Equipo da SD Compostela na tempada 2022/23, con Fabiano Soares de adestrador:[39]
|
|
Máximos goleadores por tempada | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|
Tempada | Xogador | P.Xogados | P.Titular | Minutos | Goles | Cos mesmos goles |
1991/92 | Pichi Lucas | 35 | 31 | 2.839 | 7 | |
1992/93 | Pichi Lucas | 28 | 20 | 1.922 | 10 | |
1993/94 | Ohen | 34 | 33 | 2.738 | 13 | |
1994/95 | Ohen | 31 | 28 | 2.299 | 14 | |
1995/96 | Bent Christensen | 38 | 27 | 2.316 | 12 | |
1996/97 | Ohen | 33 | 25 | 2.226 | 17 | |
1997/98 | Luboslav Penev | 34 | 34 | 3.017 | 16 | |
1998/99 | Fabiano | 34 | 34 | 2.992 | 11 | |
1999/00 | Changui | 38 | 34 | 2.978 | 15 | |
2000/01 | Vladimir Gudelj | 25 | 11 | 1.199 | 9 | |
2001/02 | Maikel | 13 | 11 | 991 | 9 | |
2002/03 | Maikel | 36 | 36 | 2.957 | 19 | |
2003/04 | Curiel | 18 | 18 | 1.604 | 11 | |
2004/05 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2005/06 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2006/07 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2007/08 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2008/09 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2009/10 | Iván | 38 | 35 | 3.193 | 12 | |
2010/11 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2011/12 | - - - | - - - | - - - | - - - | - - - | |
2012/13 | Joselu Gómez | - - - | - - - | - - - | 26 | |
2013/14 | Joselu Gómez | 35 | 35 | 3.129 | 30 |
Presidentes que tivo a entidade ao longo da súa historia[40]:
|
|
|
O escudo da SD Compostela segue a ser o mesmo desde a fundación do club e os únicos cambios producidos, en 1980, 1994 e 2012 constituíron simples actualizacións do deseño orixinal. Ten forma de triángulo isóscele invertido, cos laterais a describir unha leve curva e, desde 1980, por riba da base do triángulo aparece, dentro dun rectángulo, a palabra COMPOSTELA. No interior, separados por unha liña diagonal que vai da esquina superior esquerda á metade do lateral dereito do escudo, aparecen as dúas cores do club: a azul (á dereita da diagonal) e a branca (á esquerda), situándose sobre elas a Cruz de Santiago. Finalmente, na parte azul do escudo, aparecen, por riba da cruz, as letras S e D en cor branca. Os bordos do escudo, así como a palabra Compostela, son de cor dourada.[41][42]
Actualmente o club disputa os seus encontros como local no Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, un estadio multiúsos, inaugurado o 24 de xuño de 1993 e que é propiedade do Concello de Santiago. Foi obra do arquitecto galego Andrés Fernández-Albalat Lois e conta cunha capacidade de 16 666 espectadores. É de herba natural e posúe unhas dimensións de 105 x 68 metros. Atópase situado na Avenida de Fernando Casas Novoa, ao noroeste da cidade, no barrio de San Lázaro. O terreo de xogo atópase rodeado por unha pista de atletismo, mentres que nos arredores do estadio, o club dispón dun campo de fútbol anexo para os adestramentos, cunhas dimensións de 105 x 68 metros. Conta ademais cun aparcadoiro ao redor do recinto con capacidade para 2.000 vehículos.
Até a inauguración do novo estadio, o equipo xogou en distintos campos da cidade, sendo o máis lembrado o Campo Municipal de Santa Isabel, en Vista Alegre, ao que accedeu tras xogar previamente en campos como o Estadio da residencia universitaria ou o antigo campo da Choupana.
|
|
|
|
Fundado en 1948, o club compostelán Vista Alegre SD converteuse no equipo filial da SD Compostela en 1990, e tras integrarse na estrutura do club en 1996 e mudar o seu nome para o de SD Compostela "B" en 1997, foi durante varios anos un dos equipos punteiros da Terceira División galega, chegando a gañala até en tres ocasións, mais sen éxito nas tres fases de ascenso a Segunda División B disputadas. Desapareceu no verán de 2004 tras un meritorio sétimo posto acadado na súa derradeira campaña na Terceira, a 2003/04, debido á precaria situación económica que atravesaba o equipo matriz, que nese mesmo verán acumulou ao descenso deportivo de Segunda División B a Terceira, outro administrativo por impagamentos de Terceira a Preferente Autonómica.[43][44]
Desde a tempada 2014/2015 o CF Ponte-Camporrapado, de Camporrapado, no concello de Boqueixón, é o novo filial da SD Compostela.
Principal palmarés:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.