From Wikipedia, the free encyclopedia
O siclo[1], tamén coas grafías xéquel[2], shekel e sheqel (acadio: šiqlu ou siqlu; hebreo: שקל, shekel; latín: siclus) foi unha antiga unidade de peso e, paralelamente, unha denominación monetaria de prata e de ouro utilizada por varios pobos do Oriente Próximo mediterráneo, entre eles os antigos hebreos.[3][4][5]
Na súa orixe relaciónase cunha unidade de medida equivalente a unha certa cantidade de cebada, que variou co tempo e cos lugares.[6][7]
Na época do Antigo Israel pesaba arredor dos 11 gramos, aínda que o seu valor foi moi flutuante, e é frecuente atopalos con pesos desde os 7 ata os 14 ou mesmo 17 gramos. Como moeda hebrea, equivalía a 1/60 de mina e a 1/3600 de talento.[8] En Mesopotamia durante o período paleobabilónico, estímase que o siclo tiña 8 gramos.[9][10][11]
No Código de Hammurabi menciónanse os siclos nalgunhas leis referentes ao labor dos cirurxiáns, por exemplo:[12]
“ | (...) 215: Se un médico tratou un home dunha doenza grave e o cura, ou abre unha inchazón cun coitelo e salva o ollo do paciente, recibirá dez siclos de ouro. 216: Se o paciente é un home libre, o pagamento será de cinco siclos. 217: Se é un escravo, o dono pagará dous siclos | ” |
En 1980, retomouse a denominación de siclo ou xéquel para a moeda que substituíu a libra como moeda de Israel.[13] Posteriormente, en 1985, o xéquel foi novamente substituído polo novo shekel, cunha equivalencia de mil dos antigos por un novo.[14]
Na Biblia menciónase varias veces esta moeda. Por exemplo, o prezo de venda da tumba de Sara e os patriarcas, que Abraham lle comprou a Efrón foi de 400 siclos e o prezo de venda de Xosé por parte dos seus irmáns á caravana de mercadores foi de 20 siclos de prata.[15][16] Pénsase que as "30 moedas de prata" asignadas a Xudas Iscariote a cambio da entrega de Xesús de Nazaret puideron ser siclos de Tiro.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.