From Wikipedia, the free encyclopedia
O Parque Natural de Montesinho é un espazo natural portugués catalogado como parque natural que acolle ao macizo montañoso de Montesinho e da Coroa no norte do distrito de Bragança, en Trás-os-Montes e Alto Douro. Esta área de conservación ocupa 74.229 ha. do norte dos municipios de Vinhais e Bragança e limita coa Galiza e Zamora.[1][2][3]. No parque están presente especies ibéricas e europeas ameazadas, como os lobos europeos e cervos, ou endemismos como os das armerias.
Tipo | parque natural espazo natural protexido | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Rexión Norte, Portugal | |||
Localización | Distrito de Braganza | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie | 742,29375 km² 74.229.375 ha 74.229.375 ha | |||
Categoría V da UICN: paisaxe protexida/paisaxe mariña | ||||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 18946 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1979 | |||
Páxina web | montesinho.com | |||
Nas raias galega e zamorana están continuos a este parque as zonas especiais de conservación (ZEC) da Pena Maseira e da serra da Culebra.[4][5] De feito a Pena Maseira galega foi declarada como ZEC tamén coa finalidade de consolidar este parque portugués.[4]
O parque natural de Montesinho está na área setentrional dos concellos de Vinhais e Bragança, no distrito de Bragança da rexión norte portuguesa. Esta Terra Fría transmontana limita coas fronteiras do sur da comarca galega de Viana e coas comarcas zamoranas da Seabra, La Carballeda e Aliste. Na Bragança ocupa, na súa totalidade ou en parte, as freguesías de Aveleda, Babe, Baçal, Bragança, Carragosa, Castrelos, Castro de Avelãs, Deilão, Donai, Espinhosela, França, Gimonde, Gondesende, Meixedo, Parâmio, Quintanilha, Rabal, Rio de Onor e Sâo Julião de Palácios. En Vinhais ocupa as de Edral, Fresulfe, Mofreita, Moimenta, Montouto, Paçó, Pinheiro Novo, Quirás, Santa Cruz, Santalha, Sobreiró de Baixo, Soeira, Travanca, Tuízelo, Vila Verde, Vila de Lomba, Vilar de Ossos, Vilar Seco da Lomba, Vinhais.[3]
O parque atópase nos sistemas montañosos da serra de Montesinho e serra da Coroa. De oeste a leste, neste espazo ás elevacións de montaña sucédenlle vales encaixados e profundos. Así, as altitudes varían entre os 438 e os 1481 m.[3]
Os ríos que discorren polo espazo seguen un curso en dirección norte-sur e dan á bacía do río Douro, e son dos que máis auga aportan lle aportan a este.
En Vinhais están os ríos Mente, Rabaçal e Tuela. O río Mente e o Rabazal nacen en terras galegas e o Tuela en terras zamoranas. O Mente, que nace preto da Pena Veidosa, limita ao espazo natural polo leste e a el chegan tamén augas de Chaves. Os montes entre o río Mente e Rabazal e forman un perfil que se chama "terras de Lomba", por esa simetría ondulada entre os dous vales.
Na Bragança están os ríos Sabor, Maçãs e Baceiro. O río Sabor nace en Zamora e pasa preto da cidade de Bragança. O río Mazás nace en Zamora igualmente e limita en dous puntos o límite fronteirizo de Portugal e do espazo. O río Baceiro é un río menor e nace tamén en Zamora.
Presenta un clima mediterráneo, con fase de transición a rexión de montaña, e as temperaturas varían entre –12 °C e 40 °C.
O parque está asentado nun dominio onde dominan os xistos, inda que hai posicións con base de granitos, rochas ultrabásicas ou puntos menores con calcarias.[3]
No norte do parque, que son as maiores altitudes, domina a rocha granítica. Na rexión central, entre Matas e Matos, dominan os xistos, que están asociados unha zona de complexos para-autóctonos. Nesta rexión dominan os grandes declives e os vales encaixados. Máis ao sur, entre Matos e Pinhais, este vales supoñen máis superficie. Na na rexión sur do parque, en Vinhais, o substrato é de rochas básicas e ultrabásicas dun complexo xeolóxico alóctono. Esta última área xeolóxica é a de maior extensión do parque.[3]
Entre a diversidade de flora do Montesinho destaca a vexetación serpentinícola e as súas carballeiras.[6]
Unha extensión importante é a que ocupan as queirogas e as xestas, ou matogueiras, nas zonas máis elevadas ou solos onde se deixou de cultivar. Nas zonas máis altas dominan as queiroas de Erica australis ssp. aragonensis e nas máis baixas a Cistus ladanifer ou Lavandula stoechas ssp. sampaiana. En áreas con solos de maior profundidade aparecen as xestas Cytisus scoparius e C. striatus e C. multiflorus. Nas xesteiras dominan Erica tetralix e Genista anglica ou Echinospartum ibericum, que só aparecen nas rexións máis altas do parque e en mosaicos. Nestas áreas están presentes endemismos como Ranunculus abnormis, Doronicum pubescens, Viola bubanii, Gentiana pneumonanthe ou Caltha palustris.[6][3]
Outra son os lameiros, ou zonas de pastoreo de montaña, e que adoitan estar preto das zonas de ribeiras. Nestas áreas de alta diversidade dominan especies de gramíneas e trevos, pero aparecen outras máis infrecuentes como as orquídeas, p.ex. Serapias lingua, ou outras como Dactilorrhyza maculata ou Paradisea lusitanica.[6][3]
En canto á masa arbórea, nestas serras están presentes os soutos de castiñeiros (Castanea sativa), polo xeral explotados para o seu aproveitamento, as aciñeiras, en zonas máis baixas ou en abas e veigas, e carballeiras. As carballeiras danse nun continuo que chega ata o sur do parque, ata a serra de Nogueira. Estas carballeiras nas zonas máis baixas e de costas son de Quercus rotundifolia e nas maiores altitudes de Quercus pyrenaica.[6][3]
Nos solos ultrabásicos deste parque aparecen endemismos como Armeria eriophylla, Anthyllis sampaiana, Avenula pratensis ssp. lusitanica, Linaria aeruginea, Notholaena marantae ssp. marantae e a Santolina semidentata.[6][3]
Este parque alberga unha importante diversidade animal. Chegáronse a contabilizar ata as 250 especies de vertebrados e alberga un alto número de endemismos e especies ameazadas.[3]
Destaca por ser a área portuguesa con máis poboación do lobo (Canis lupus), e das máis significativas da península, xunto con Zamora, para a súa conservación.[6][7] No parque están presentes poboacións de veados (Cervus elaphus), corzos (Capreolus capreolus) e gatos bravos (Felis silvestris). Do mesmo xeito, é un parque cunha alta riqueza de fauna acuática e de ribeira, como as dos ríos Sabor e Tua. Están presentes especies como a rata de auga (Arvicola terrestris), o auganeiro (Galemys pyrenaicus), as londras (Lutra lutra) ou os morcegos grandes de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum).[3] Nos ríos pódense atopar as troitas de río Salmo trutta, Rutilus arcasii, Chondrostoma arcasii, Chondrostoma duriense, Cobitis calderoni e as ameixas perlíferas de río (Margaritifera margaritifera).[3]
Tamén habitan o parque as víboras Vipera latastei, o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e o tritón marmorado (Triturus marmoratus).[3]
Entre os endemismos de insectos están as bolboretas Lycaena virgaureae, Brenthis daphne, Boloria dia e Aphantopus hyperanthu.
O parque natural é tamén unha ZEPA grazas a súa diversidade de avifauna, que chega ata as 170 especies. Esas aves son en gran parte nidificantes e típicas de zonas de montaña.[7][3] Están presentes aves infrecuentes como a aguia real (Aquila chysaetos), a cegoña negra (Ciconia nigra), a gatafornela (Circus cyaneus), o picanzo vermello (Lanius collurio), o melro rubio (Monticola saxatilis) ou a pica alpina (Anthus spinoletta).[3]
Na serra da Coroa e de Donai existen monumentos megalíticos e mámoas. Existen diferentes poboados castrexos.
O proceso de romanización, que levou ao abandono dos castros e intensificación da agricultura e minaría, levou á integración do territorio na Civitas Zoelarun romana. A vía XVII do itinerario Antonino foi un trazado norte que pasou pola Citivas dos Zoelas, que hoxe en día semella ser Castro de Avelãs, Bragança.[3]
Entre a arquitectura popular cabe destacar os pombais, os muíños, as forxas ou as pontes romanas.[3]
No Nadal na zona da Lombada celébrase a "festa dos rapaces".[3] Na música tradicional do parque destacan as gaitas de foles.[3]
O parque natural de Montesinho declarouse como parque en 1979 e reclasificouse en 1997.[1][2] A área do parque, con modificacións na súa extensión e denominándoo como "Montesinho / Nogueira", foi proposto en 1997 e confirmado como lugar de importancia comunitaria (LIC) en 2007 e foi declarado como zona de especial protección para as aves (ZEPA) en 1988, ambas figuras dentro da Rede Natura 2000.[6][7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.