From Wikipedia, the free encyclopedia
Julián Besteiro Fernández, nado en Madrid o 21 de setembro de 1870 e finado en Carmona (provincia de Sevilla) o 27 de setembro de 1940, foi un catedrático e político español, presidente das Cortes durante a Segunda República, así como do Partido Socialista Obrero Español e da Unión Xeral de Traballadores.
Alumno da Institución Libre de Enseñanza, estudou Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid e iniciouse na política no partido da Unión Republicana, pasando máis tarde a formar parte do Partido Republicano Radical. En 1912, ano no que tamén obtivo a súa cátedra na Universidade Central, ingresou no PSOE. Tivo un papel protagonista na folga xeral de 1917, polo que foi encarcerado en Cartaxena. Foi elixido deputado 1918 e liberado de prisión, comezando entón a súa actividade parlamentaria.
Sucesor de Pablo Iglesias como líder do PSOE e da UGT trala morte deste último, apoiou unha postura colaboracionista coa ditadura de Miguel Primo de Rivera. Trala proclamación da Segunda República, en 1931 converteuse no presidente das Cortes Constituíntes e en 1934 opúxose á deriva revolucionaria do seu partido durante a folga de outubro.
Tralo comezo da guerra civil opúxose á influencia comunista no goberno republicano e participou no golpe de estado contra o goberno de Juan Negrín levado a cabo polo coronel Segismundo Casado, formando parte do Consello de Defensa de Madrid en calidade de ministro de Exteriores. Foi o único membro deste consello que permaneceu en Madrid cando as forzas do bando sublevado entraron na cidade durante a ofensiva final da guerra o 28 de marzo de 1939. Sometido a un consello de guerra e acusado de promover un socialismo moderado, foi condenado a trinta anos de prisión. Faleceu en 1940 vítima dunha infección no cárcere de Carmona, nunhas condicións de presidio deficientes.
Nado en Madrid o 21 de setembro de 1870,[1][2] era fillo dun comerciante de ultramarinos de orixe galega.[3] Ingresou en 1879 na Institución Libre de Enseñanza,[4] creada tres anos antes por Francisco Giner de los Ríos, ó que Besteiro profesou unha grande admiración,[5] adicándolle numerosos eloxios na prensa en anos posteriores.[6] Entre 1887 e 1890 realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid,[7] tendo como docentes entre outros a Nicolás Salmerón —quen fora presidente da Primeira República Española— e Luis Simarro.[8]
No curso 1895-1896 trasladouse ata París para ampliar os seus estudos na Sorbona.[7] Á súa volta a España en 1897 gañou por oposición a cátedra de profesor de instituto en Ourense, trasladándose posteriormente a un instituto de Toledo onde exerceu a docencia desde 1899 ata 1908, ano no que obtivo licenza para estudar no estranxeiro, malia que o seu cesamento administrativo non se produciu ata o ano 1912.[9]
A primeira formación política na que militou foi a Unión Republicana,[10] fundada en 1903 por Nicolás Salmerón e Alejandro Lerroux. En novembro dese ano foi elixido concelleiro en Toledo.[11] Tras producirse en 1908 unha crise no seo da Unión Republicana, Lerroux fundou o Partido Republicano Radical no que Besteiro ingresou ese mesmo ano.[12]
En 1909 viaxou a Alemaña e visitou as universidades de Berlín, Múnic e Leipzig,[13] onde tomou contacto coas teses marxistas.[14] De volta en España e antes do seu ingreso no PSOE no ano 1912,[15] ingresou brevemente na Prisión Modelo en 1911 por mor dunha conferencia na Casa del Pueblo de Madrid,[16] na que se manifestou en contra da guerra en África.[17] Durante esta estancia en prisión confraternizou con Andrés Saborit e Daniel Anguiano.[17] En 1912 obtivo a cátedra de Lóxica da Universidade Central.[5][18]
En 1913 casou coa profesora de Ciencias Físicas Dolores Cebrián Fernández de Villegas, que impartía clases na Escola Normal de Mestres de Toledo.[19] Ese mesmo ano converteuse en conselleiro do concello de Madrid[18] polo distrito de Chamberí.[20] Posteriormente foi elixido concelleiro de novo nos anos 1917 e 1931.[18] Antes de chegar á vicepresidencia da Unión Xeral de Traballadores ocupou os cargos de vogal e vicesecretario do sindicato.[2]
O 8 de xuño de 1916 liderou o comité da UGT que visitou o Conde de Romanones, presidente do Consello de Ministros, para transmitirlle as demandas da clase obreira. A negativa por parte do executivo á hora de satisfacer estas demandas, entre as que se incluía o fin da guerra de Marrocos,[21] foi o preludio da folga de decembro dese ano.[21] Foi tamén un dos asinantes, xunto a Largo Caballero e Vicente Barrio, do acordo de colaboración coa CNT, representada por Salvador Seguí e Ángel Pestaña, en Zaragoza o 17 de xullo de 1916,[22][23] que facilitou a folga xeral do 18 de decembro.[21]
O 9 de agosto de 1917 a UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que non obtivo os resultados agardados, e Besteiro foi xulgado por un tribunal militar e sentenciado a cadea perpetua o 4 de outubro xunto a Anguiano, Largo Caballero e Saborit.[24] Foron trasladados ó cárcere de Cartaxena,[25][lower-alpha 1] mais non permaneceron alí moito tempo xa que nas eleccións de febreiro de 1918 foron elixidos deputados,[27] e liberados tras unha campaña no seu favor.[28]
A actividade parlamentaria de Besteiro entre 1918 e 1923 comezou cunha explicación e xustificación da folga de 1917.[29] Tamén lle prestou interese a temas como a sanidade e a educación, lamentándose nesta última cuestión do analfabetismo e o desfase entre a fin da educación primaria e a idade mínima para traballar.[30] En febreiro de 1919 asistiu á Conferencia de Berna en representación do PSOE.[31][32] Durante os últimos anos de vida de Pablo Iglesias, debilitado por unha enfermidade, Besteiro foi o líder de facto do PSOE desde a vicepresidencia do partido.[29][33] No congreso do PSOE de 1920 Besteiro mantivo, ó igual que Largo Caballero, unha posición ambivalente e contemporizadora fronte ós discursos terceiristas que buscaban a adhesión incondicional ó Comintern.[34][lower-alpha 2]
Trala instauración da ditadura de Primo de Rivera Besteiro adoptou, como gran parte do sindicato e do partido, unha postura de colaboración co novo réxime,[35] sendo frecuentes as súas declaracións favorables á nova situación institucional.[36] Argumentaba que a posta en funcionamento dun sistema democrático era responsabilidade da burguesía e que se trataba de algo no que non lle correspondía involucrarse de forma activa á clase traballadora.[35] Consecuentemente, e ata que a burguesía cumprise a súa misión histórica, a Unión Xeral de Traballadores debía aproveitar as oportunidades ofrecidas polo réxime para mellorar a posición da clase traballadora organizada ó redor do sindicato socialista.[37] Esta postura de colaboración tivo a oposición dentro do PSOE de Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos,[38] que propoñían un modelo de estado de sistema bicameral.[39][40][41]
En 1925 Besteiro sucedeu Pablo Iglesias á fronte do PSOE.[lower-alpha 3] Nos últimos tempos da ditadura a posición de Besteiro tivo un cariz segundo Preston "en certo modo pasivo".[43] Nunha reunión da UGT en agosto de 1929, a ruptura da á obreira de Largo Caballero coa vía colaboracionista co réxime e a distensión de Besteiro, que mantivo a súa postura de 1924, provocou unha liña de fractura no partido,[44] que volveu a reproducirse co rexeitamento de Besteiro á colaboración socialista coas forzas republicanas no chamado Pacto de San Sebastián.[45] En 1930 bloqueou a celebración da folga xeral prevista para o 15 de decembro dese ano.[46] Co triunfo das teses contrarias ás súas, na reunión do 22 de febreiro de 1931 dimitiu dos seus cargos tanto no PSOE coma na UGT, secundado por varios socialistas achegados como Saborit, Trifón Gómez e Lucio Martínez.[47][48][lower-alpha 4]
Porén, Besteiro formou parte en representación do PSOE da candidatura por Madrid da Conjunción Republicano-Socialista para as eleccións municipais fixadas para o 12 de abril de 1931. O triunfo desta coalición fronte ós monárquicos foi considerable e Besteiro foi un dos trinta concelleiros desta conxunción que resultaron elixidos,[51] no seu caso polo distrito de La Latina.[52]
En 1931, trala instauración da Segunda República Española, Besteiro, que se presentou como candidato nas eleccións constituíntes[53] foi elixido case por unanimidade presidente das Cortes republicanas constituídas o 14 de xullo,[54][55] cargo que ocupou ata o 9 de outubro de 1933.[56] Porén, chegou a afirmar que os socialistas non debían colaborar coas forzas republicanas á hora de conformar gobernos burgueses para, nas súas palabras, "conservar a nosa (a do partido) independencia e a nosa autonomía".[53] Experimentou non obstante neste período unha "republicanización", cunhas formulacións previas ás eleccións constituíntes de 1931 que, segundo Emilio Lamo de Espinosa, podía subscribilos "calquera republicano burgués".[57]
En 1933 replicoulle a Amaro del Rosal que "facer un movemento para poñer en funcionamento o Socialismo mediante a ditadura do proletariado" considerábao "un absurdo imposible nas circunstancias actuais, e o anuncio destes propósitos, que non se realizarán e se se intentan realizar resultarán nun fracaso enorme, non servirá máis que para estimular a reacción".[58]
Besteiro, que experimentou durante este período unha deriva cara a posicións máis conservadoras,[59] viuse obrigado a dimitir en xaneiro de 1934 da presidencia da UGT que recuperara no congreso da mesma en outubro de 1932,[2][50] e mantívose á marxe da faceta revolucionaria do PSOE que deu lugar á Revolución de outubro, á que se opuxo.[60] Chegou a afirmar que o perigo fascista estaba mellor representando por Largo Caballero e os seus seguidores que pola CEDA,[61] e advertiu que "España non era Rusia" e que a insurrección requiriría aínda máis violencia e desembocaría probablemente nun fracaso.[62] O 28 de abril de 1935 ingresou como membro da Academia de Ciencias Morales y Políticas cun discurso titulado Marxismo y Antimarxismo,[63][64] interpretado coma un episodio máis do conflito coa liña "caballerista" do partido.[65]
Para as eleccións de febreiro de 1936 o PSOE integrouse na Fronte Popular. O partido achegaba sete candidatos á candidatura frontepopulista pola cidade de Madrid. Como en anteriores procesos electorais da etapa republicana, a Agrupación Socialista Madrileña elixiu ós seus candidatos mediante antevotacións. Nestas quedou rexistrado un predominio da facción revolucionaria caballerista, que superou amplamente á candidatura encabezada por Besteiro. Largo Caballero obtivo o 92 % dos votos. Besteiro foi elixido candidato nunha segunda volta.[66] O seu cada vez menor apoio nas filas socialistas contrastou cos resultados obtidos nas eleccións nas que foi elixido deputado, sendo o segundo candidato máis votado tras Manuel Azaña e o primeiro socialista con 224 540 votos.[67][68]
Tralo comezo da guerra civil volveu ó concello de Madrid como presidente do denominado Comité de Reforma, Reconstrución e Saneamento.[69][55] Besteiro, que se opuxo frontalmente ó conflito,[53] caracterizouse durante o mesmo polo seu anticomunismo[70] e pola súa aposta por unha paz negociada.[71] Desde moi cedo deu por perdida a guerra, mais rexeitou repetidamente abandonar a capital malia as presións dos seus achegados.[72] A comezos de 1937 rexeitou trasladarse ata Buenos Aires como embaixador malia atoparse enfermo. Durante anos controlara unha tuberculose latente, mais o traballo, a mala alimentación e o frío empeoraron a súa saúde.[73]
En maio de 1937 Manuel Azaña, presidente da República, designouno como representante do goberno republicano na coroación de Xurxo VI de Inglaterra coa misión de procurar unha intervención internacional no conflito. Para isto entrevistouse con Anthony Eden, ministro de Exteriores británico, nunha reunión organizada polo embaixador Pablo de Azcárate na que non obtivo ningún resultado concreto.[74] Entrevistouse tamén co primeiro ministro francés Léon Blum.[74] Dende entón Besteiro desenvolveu unha animadversión cara a Juan Negrín, novo xefe do goberno trala saída de Largo Caballero, xa que este non quixo escoitar o seu informe sobre estes encontros.[75][76]
A partir de 1938 mostrouse propicio a aceptar unha serie de responsabilidades políticas que axudaran a conseguir a fin da guerra. Chegou a manter reunións con membros da Falanxe clandestina e con axentes franquistas e quintacolumnistas,[77][78] que tentaron convencelo de que asumira a xefatura do goberno coa fin de facilitar o camiño cara a unhas negociacións de paz.[79] Ese mesmo ano viaxou ata Barcelona invitado por Azaña a unha reunión para configurar un novo goberno, cita que resultou infrutuosa.[80] Durante esta visita, un empeoramento da súa enfermidade obrigouno a gardar cama no hotel durante un tempo.[81] Pesimista con respecto á causa republicana —opinaba que de gañar a guerra a República converteríase nun estado comunista—,[82] Besteiro chegou a pensar, segundo Helen Graham, que unha ditadura liderada por Franco sería semellante á ditadura de Primo de Rivera e permitiría a colaboración socialista.[83][lower-alpha 5] A retórica de Besteiro, que chegou a acusar a Julio Álvarez del Vayo, a Luis Araquistáin e a Juan Negrín de "entregados" ós comunistas,[87] era a finais de 1938 segundo Paul Preston "indistinguible da proveniente do bando rebelde".[88]
En febreiro de 1939 produciuse a súa depuración como catedrático por parte do bando franquista xunto a outros docentes,[89] mediante a Orde Ministerial do 4 de febreiro de 1939 publicada no BOE o 17 de febreiro dese mesmo ano.[90]
Besteiro, que creu na boa vontade de Franco ata o final do conflito,[91] sumouse á controvertida iniciativa do coronel Segismundo Casado e formou parte do Consello Nacional de Defensa —do que, tras rexeitar o cargo de presidente por crer que debía ocupalo un militar,[92] foi nomeado ministro de Exteriores—[93] que o 5 de marzo de 1939 deu un golpe de estado contra a República representada polo doutor Juan Negrín. Esta conspiración perseguía a consecución dun armisticio con Franco que nunca se chegou a materializar.[94]
En 1939 presentou un proxecto de Plan Rexional de Madrid (titulado Esquema y Bases para el desarrollo del Plan Regional, tamén coñecido como "Plan Besteiro")[95] no que apuntaba a necesidade de incorporar ó termo municipal de Madrid os municipios limítrofes.[96] O prólogo do proxecto, escrito por Besteiro, introducía como principal referencia para a cidade a experiencia do Plan de Londres.[97]
O 27 de marzo de 1939 celebrouse a última reunión do Consello Nacional de Defensa. O 28 de marzo tódolos membros do consello agás Besteiro partiron en avión cara a Valencia.[98] Besteiro propuxo o nomeamento do anarquista Melchor Rodríguez García como alcalde de Madrid, cargo que este aceptou[99] e á súa vez rendeu ó bando franquista no mesmo día.[100]
O 29 de marzo Besteiro, enfermo, foi detido nos sotos da sede do ministerio de Facenda,[101] lugar no que tiña o seu despacho e vivía dende o 5 de marzo,[102] e desde onde se dirixía frecuentemente por radio ós madrileños, e foi enviado ó cárcere de Porlier.[103] Esta prisión era un antigo colexio salesiano reconvertido en cárcere nunhas condicións deplorables.[104] Segundo Aurora Alcojor, a súa detención incomodou ó goberno de Franco, que prefería non ter que sometelo a un xuízo.[105]
O mesmo 29 de marzo comezou o proceso contra Besteiro instruído polo xuíz militar Carlos de Sabater.[106] O 12 de xuño foi trasladado á prisión Del Cisne a petición do seu avogado. Esta era un antigo convento reconvertido apresuradamente en establecemento penitenciario, mais as condicións hixiénicas eran mellores que en Porlier.[107] O 8 de xullo Besteiro foi sometido a un consello de guerra baixo a acusación de "delito de adhesión á rebelión militar". O fiscal foi Felipe Acedo Colunga, levando a acusación como un intento de "condena da revolución" personificada en Besteiro.[108] Acedo fora alumno del, e describiuno como un "home honesto e inocente de calquera delito de sangue", "persoa honrada" e "simpático á multitude e a nós mesmos desde o punto de vista persoal".[105] Porén, solicitou a pena de morte para el polo "crime de promover un socialismo aceptable mediante a moderación",[109] e por ter sido "nefasto, terriblemente nefasto, na política española".[105]
O seu avogado defensor foi o tradicionalista Ignacio Arenillas,[105] quen só aceptou o cargo cando Besteiro conseguiu convencelo de que nunca pertencera á masonaría.[110] Arenillas, ademais de resaltar as virtudes persoais de Besteiro, negou que existira causa para xulgalo e engadiu que non se lle estaba axuizando polos seus actos, senón polas súas ideas.[105] O xuízo oral durou case cinco horas,[110][111] e ó final do mesmo Besteiro empregou o seu dereito á último quenda de palabra para reafirmar as súas conviccións políticas, recalcando o seu tempo como militante e a súa participación na folga xeral de 1917. Estas palabras ían en contra da estratexia do seu avogado e prexudicaron a súa defensa.[112]
O tribunal, presidido polo xeneral Manuel Nieves Coso e integrado por sete xenerais e xefes,[113] condenouno a cadea perpetua por un delito de "rebelión militar",[114] pena que foi conmutada por unha condena de 30 anos de prisión,[115][116][117] quedando Besteiro incluído no sistema de revisións e indultos.[105]
Besteiro foi trasladado, previo paso pola prisión do paseo del Cisne de Madrid,[114] ó mosteiro trapista de San Isidro de Dueñas, na provincia de Palencia.[25] O mosteiro reconvertérase parcialmente en prisión destinada a un grupo de sacerdotes vascos e para o propio Besteiro.[118] Nas decenas de cartas que lle escribiu a súa esposa, nas que nunca manifestou rancor nin arrepentimento, explicaba que lle trataban ben e que "destináronme a unha habitación nunha parte nova, sinxela, limpa, chea de sol".[105] Porén, ó pouco tempo os propios monxes do mosteiro alegaron que non podían atender a súa estancia. As autoridades decidiron trasladalo e algúns madrileños puideron contemplar o último paso pola capital de Besteiro nun camión aberto cargado de sacerdotes que lle rodeaban.[105] Un dos seus acompañantes, o padre Ugarte, afirmou:
(...) don Julián, sentado estoicamente nun recuncho do vagón, agardaba meditando, sen dúbida, na homenaxe silenciosa de tantas xentes que, ó recoñecelo, non puideron reprimir un xesto de adhesión emocionada e de dor.(Tradución do orixinal)[105]
O 30 de agosto de 1939 Besteiro chegou ó cárcere de Carmona (Sevilla), dende onde continuou a súa relación cos sacerdotes nacionalistas vascos presos[119][lower-alpha 6] e seguiulle escribindo a súa muller. As xestións para conseguir o seu traslado ou liberación non tiveron éxito. Os seus achegados tentaron que se lle aplicara unha norma legal que permitía a excarceración de presos de setenta anos ou próximos a esa idade, mais a decisión tiña que tomala o ministro do Exército, o xeneral José Enrique Varela. Existen indicios de que este e outros xenerais asinaron unha petición dirixida a Franco, mais o ditador non aceptou a liberación de Besteiro.[121]
Os sacerdotes vascos foron liberados pouco a pouco ó longo do ano 1940, o que complicou a situación de Besteiro.[122] A súa alimentación empeorou e viuse obrigado a realizar labores de limpeza nas que antes lle axudaban os cregos.[123] O 19 de setembro comunicáronlle á súa muller que Besteiro padecía unha enterocolite, algo que xa sufrira no pasado. Porén, tanto os síntomas como o tratamento eran diferentes ós doutras ocasións, o que preocupou a Dolores Cebrián. A súa solicitude de trasladalo a un hospital foi rexeitada polo médico da prisión. Tamén rexeitou que fose atendido por outros tres médicos da localidade. Finalmente Dolores conseguiu por medio dunhas amizades que fose un especialista de oídos a atendelo, mais este pouco puido facer para salvarlle a vida a Besteiro.[122]
Besteiro, xa moi enfermo, expresou a súa última vontade nun momento de lucidez, recollida por Saborit:
Morro sendo socialista. Cando a liberdade en España volva a facer ós homes libres, quero que os meus restos sexan envoltos nunha bandeira vermella e soterrados ó carón da tumba do que foi o meu mestre: Pablo Iglesias.(Tradución do orixinal)[124]
Finou o 27 de setembro de 1940[1][2][117][125][105] nunhas condicións de presidio deficientes: "Espantosas" segundo o profesor Juan Marichal,[25] "angustiosas" para Eusebio Fernández García[117] e de "dramática agonía" segundo Enrique Sánchez Lubián,[126] quen tamén indicou que o persoal médico non fixo nada para curar a septicemia que padecía.[126] Jaume Claret Miranda cualificou esta prisión de "campo de concentración",[89] mentres que Antonio Jiménez-Landi sostivo que nin a personalidade nin as condicións físicas de Besteiro conmoveron ó alcaide de Carmona, que non permitiu que se lle fixera ningunha consideración.[125] As fontes son ambivalentes no que se refire á causa do seu falecemento, que unhas atribúen a unha infección,[125] que segundo Preston tería collido nas latrinas,[127] e outras á tuberculose.[105][128]
A súa morte pasou desapercibida naquel momento para os españois por mor do silencio da prensa do país. Si se tivo coñecemento no exilio. O xornal comunista España Democrática, editado en Montevideo, adicoulle o artigo titulado Ha muerto Besteiro, uno de los responsables del golpe de Casado, no que o acusaban de non ter participado na guerra "non por repulsión á violencia senón por ausencia de identificación desa gran epopea".[105] Serrano Súñer admitiu con posterioridade nas súas memorias publicadas en 1977 que a condena e morte en prisión de Besteiro "constituíu un acto torpe".[129]
Marxista revisionista,[130][53] Besteiro era admirador de Karl Kautsky[131] e era contrario á idea da ditadura do proletariado,[130] chegando a pensar que os intentos de instaurala demostrarían ser unha "inútil ilusión infantil".[132] Non obstante defendeu este concepto na Conferencia de Berna de febreiro de 1919 no caso ruso, posición aparentemente contraditoria que Besteiro xustificou posteriormente argumentando que en Rusia tratábase dun caso de elección entre "ditadura socialista ou anarquía".[133] Neste sentido, Juan Avilés Farré indicou que para Iglesias e Besteiro neses momentos primaba un intento por manter a unidade socialista.[134]
Durante a ditadura de Primo de Rivera propuxo a representación parlamentaria de intereses socioeconómicos sindicais mediante unha segunda cámara de carácter corporativo —o Senado— nun principio equiparable en poder ó Congreso, aínda que máis tarde indicou que debería ser de carácter simplemente consultivo.[41]
Vinculado á facción dereitista do PSOE,[135] Stanley G. Payne cualificouno como posiblemente o "único teórico marxista" de importancia no partido.[136] Malia o seu status no panorama socialista previo á guerra civil, Paul Preston afirmou que, lastrado por certa "rixidez moral", as contribucións efectivas de Besteiro ó pensamento marxista foron moi escasas.[137] Pola súa banda, Gerald H. Meaker describiuno como un "menxevique español".[138] Na configuración do seu pensamento confluíron influencias positivistas, neokantianas, marxistas e krausistas.[139]
Emilio Lamo de Espinosa sinalou a existencia nas posicións políticas de Besteiro de tres períodos marcados por unhas datas específicas: 1912, 1919 e 1924, sendo plenamente reformista a partir desta última.[125] Besteiro, que para Ricardo de la Cierva nunca foi un "verdadeiro marxista" senón "un doutrinario aberto ás evolucións da socialdemocracia europea",[140] acentuou o seu anticomunismo co transcurso da Guerra Civil.[141]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.