Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A interleucina 8 (IL-8 ou IL8), tamén chamada CXCL8, é unha quimiocina producida polos macrófagos e outros tipos celulares como as células epiteliais, células do músculo liso das vías aéreas[1] e células endoteliais. As células endoteliais almacenan IL-8 nas súas vesículas de almacenamento chamadas corpos de Weibel-Palade.[2][3] Nos humanos, a proteína interleucina 8 está codificada no xene IL8 (ou CXCL8) do cromosoma 4.[4] A IL-8 é producida inicialmente como un péptido precursor de 99 aminoácidos, que posteriormente sofre unha clivaxe para dar lugar a varias isoformas activas de IL-8.[5] En cultivo, a principal forma segregada polos macrófagos é un péptido de 72 aminoácidos.[5]
PDB 1IL8 | |
Quimiocina (motivo C-X-C) ligando 8 | |
Identificadores | |
Símbolo | CXCL8 |
Símbolos alt. | GCP-1; GCP1; IL8; LECT; LUCT; LYNAP; MDNCF; MONAP; NAF; NAP-1; NAP1 |
Entrez | 3576 |
OMIM | |
RefSeq | NP_000575 |
UniProt | P10145 |
Outros datos | |
Locus | Cr. 4 :(74.61 – 74.61 Mb) |
Hai moitos receptores na superficie da membrana plasmática aos que se pode unir a IL-8; os tipos que se estudan máis frecuentemente son os receptores serpentina acoplados á proteína G CXCR1 e CXCR2. A expresión e afinidade pola IL-8 difire entre estes dous receptores (a de CXCR1 é maior ca a de CXCR2). Por medio dunha cadea de reaccións bioquímicas, a IL-8 é segregada e é un importante mediador da reacción inmune na resposta do sistema inmunitario innato.
A IL-8 ten dúas funcións. Induce a quimiotaxe en células diana, principalmente en neutrófilos e outros granulocitos (por iso tamén se lle chama factor quimiotáctico de neutrófilos), causando que estes migren cara ao sitio de infección. A IL-8 induce tamén a fagocitose unha vez que estas células chegaron ao seu destino. A IL-8 tamén é un potente promotor da anxioxénese. Nas células diana, a IL-8 induce unha serie de respostas fisiolóxicas necesarias para a migración e a fagocitose, como un incremento do Ca2 + intracelular, a exocitose (por exemplo, a liberación de histamina), e a explosión respiratoria.
A IL-8 pode ser segregada por calquera célula que teña receptores de tipo Toll, que están implicados na resposta innata inmunitaria. Usualmente, os macrófagos son os que detectan primeiro un antíxeno, polo que son as primeiras células que liberan IL-8 para recrutar outras células. Tanto as formas monómeras coma as homodímeras da IL-8 son potentes indutores dos receptores de quimocinas CXCR1 e CXCR2. O homodímero é máis potente, pero a metilación da Leu 25 pode bloquear a actividade dos homodímeros.
Crese que a IL-8 desempeña unha función na patoxénese da bronquiolite, que é unha doenza común do tracto respiratorio causada por infeccións virais.[6]
A IL-8 é un membro da familia de quimiocinas CXC. Os xenes que codifican este e outros membros da familia de quimiocinas CXC forman unha agrupación ou cluster nunha rexión mapada na rexión cromosómica 4q13.3.[4][7]
Aínda que os granulocitos neutrófilos son as principais células diana para a IL-8, hai tamén unha gama relativamente ampla de células (células endoteliais, macrófagos, mastocitos, e queratinocitos) que responden a esta quimiocina. A actividade quimioatractora da IL-8 en concentracións similares ás dos vertebrados está probada no protozoo Tetrahymena pyriformis, o cal suxire que esta quimiocina ten unha estrutura e función ben conservadas filoxeneticamente.[8]
A interleucina 8 está a miúdo asociada coa inflamación. Como exemplo, foi citada como mediador proinflamatorio na xinxivite[9] e na psoríase . A secreción de interleucina 8 increméntase polo estrés oxidativo, o cal causa o recrutamente de células inflamatorias e induce un maior incremento dos mediadores do estrés oxidativo, o que a fai un parámetro clave da inflamación localizada.[10] A IL-8 está asociada coa obesidade.[11]
A IL-8 tamén foi implicada no cancro colorrectal ao actuar como un factor de crecemento autócrino para as liñas celulares de carcinoma de colon[12] ou a promoción da división e posible migración na que están implicadas metaloproteinases e o EGF.[13]
Segundo algúns estudos, se unha muller preñada ten niveis altos de interleucina 8, aumenta o risco de esquizofrenia na súa descendencia.[14] Ter niveis altos de IL-8 reduce a probabilidade de ter respostas positivas á medicación antipsicótica na esquizofrenia.[15]
A IL-8 foi renomeada como CXCL8 polo Subcomité de Nomenclatura de Quimiocinas da Unión Internacional de Sociedades Inmunolóxicas,.[16] O seu símbolo xénico aprobado pola Organización do Xenoma Humano (HUGO) é CXCL8.
A expresión de IL-8 é regulada negativamente por medio de diversos mecanismos. O miARN-146a/b-5p reprime indirectamente a expresión de IL-8 ao silenciar a expresión de IRAK1.[17] Adicionalmente, o 3'UTR de IL-8 contén un elemento rico en AU, que o fai extremadamente inestable baixo certas condicións. A expresión de IL-8 está tamén regulada polo factor de transcrición NF-κB.[18] A regulación polo NF-κB representa unha terapia anti-IL-8 nova para o seu uso en doenzas inflamatorias como a fibrose quística.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.