escultor, medallista e deseñador de moeda estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
John Gutzon de la Mothe Borglum, nado en Saint Charles, Idaho, o 25 de marzo de 1867 e finado en Chicago, Illinois, o 6 de marzo de 1941, foi un escultor, pintor, medallista e deseñador de moedas estadounidense, coñecido principalmente pola súa serie de estatuas de presidentes dos Estados Unidos no Monte Rushmore, en Dacota do Sur.
(1919) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de marzo de 1867 St. Charles (Estados Unidos de América) |
Morte | 6 de marzo de 1941 (73 anos) Chicago (Estados Unidos de América) |
Lugar de sepultura | Forest Lawn Memorial Park |
Outros nomes | John Gutzon de la Mothe Borglum |
Grupo étnico | Danish Americans (en) |
Educación | Academia Julian (pt) San Francisco Art Institute (en) Creighton Preparatory School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Lugar de traballo | San Francisco París Nova York |
Ocupación | escultor, pintor |
Período de actividade | 1890 - 1941 |
Membro de | |
Xénero artístico | Retrato, arte sacra e pintura de animais (pt) |
Alumnos | Malvina Hoffman (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Lincoln Borglum |
Irmáns | Solon Borglum |
Premios | |
Descrito pola fonte | 1922 Encyclopædia Britannica (en) |
Tamén é coñecido pola súa participación no proxecto escultórico de Stone Mountain en Xeorxia. Outras obras de arte públicas nos Estados Unidos representativas de Borglum son as estatuas do xeneral da Unión Philip Sheridan en Washington e en Chicago, así como un busto de Abraham Lincoln que se conserva na cripta do Capitolio dos Estados Unidos en Washington.
Fillo de inmigrantes dinamarqueses, John Gutzon de la Mothe Borglum naceu en 1867 en Saint Charles, no que daquela era o Territorio de Idaho.[1] Borglum era fillo de Jens Møller Haugaard Børglum (1839-1909), que chegara aos Estados Unidos en 1864 desde o noroeste de Dinamarca.[2] Como era costume nos mormóns, na súa época en Idaho o seu pai era polígamo e tiña dúas mulleres, a nai de Gutzon, Christina Mikkelsen Børglum (1847-1871) e a irmá desta, Ida, que era a primeira esposa.[3][4]
O seu pai abandonou a Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días e trasladouse primeiro a Omaha, Nebrasca, onde a poligamia era ilegal e tabú, e logo a San Luís, Missouri, onde ingresou no Colexio Médico Homeopático.[5] Nese momento os pais de Gutzom divorciáronse; a familia abandonou a confesión mormona e Ida, os seus fillos e os dous fillos de Christina, Gutzon e Solon —que tamén sería un recoñecido escultor—, ficaron en San Luís, onde o pai de familia acadou o título de médico. Logo de se graduar na Facultade de Medicina de Missouri en 1874, o Dr. Borglum trasladouse coa súa familia a Fremont, Nebrasca, onde estableceu unha consulta médica.[6][7]
Gutzon Borglum permaneceu en Fremont ata 1882, cando o seu pai o matriculou na escola relixiosa St. Mary's College, de Kansas.[8] Logo dunha curta estadía alí, trasladouse a Omaha, Nebrasca, onde traballou como aprendiz nun taller mecánico e logo graduouse na Creighton Preparatory School.[9]
Despois estudou en San Francisco, California,[2] e entre 1890 e 1893 instalouse en París, a onde viaxou para recibir formación artística na Académie Julian e na École nationale supérieure des beaux-arts, e alí recibiu a influencia artística de Auguste Rodin. Durante a súa estadía en Francia, as esculturas e as pinturas de Borglum gozaron de bo acollemento no Salón de París.[1] Entre 1896 e 1901, residiu e continuou coas súas creacións en Londres, onde pintou murais e retratos, e modelou bustos.[2][10]
De volta nos Estados Unidos, en 1901 abriu un estudio en Nova York, e ese mesmo ano esculpiu santos e apóstolos para a nova catedral de San Xoán o Divino.[1][10] En 1906, o Museo Metropolitano de Arte adquiriu unha escultura grupal de Borglum,[11][12] —a primeira escultura dun estadounidense vivo que adquiría o museo—, o que acrecentou notablemente a súa reputación,[13] que se viu reforzada coa consecución da medalla de ouro de escultura na Exposición Universal de 1904, en San Luís.[2]
En Nova York, Borglum foi profesor na Art Sudents League durante o curso 1906-1907, e en 1912 participou na creación da Asociación de Pintores e Escultores dos Estados Unidos.[10]
O ano seguinte, 1913, participou no comité que organizou a exposición Armory Show,[10] que se considera o berce do modernismo na arte estadounidense.[15] No entanto, cando a exposición estaba a piques de se de inaugurar, Borglum dimitiu do comité por considerar que a énfase nas obras de vangarda desvirtuara a premisa orixinal da mostra e fixera que artistas tradicionais coma el parecesen provincianos. En 1914 trasladouse a unha casa de campo en Stamford, Connecticut,[16] onde residiu durante dez anos, e en 1917 acolleu na súa propiedade en Stamford a membros da Lexión Checoslovaca.[17]
En 1914, Borglum publicou na revista The World's Work: A History of Our Time un artigo titulado "Art That Is Real And American: Why We Should Create Our Own Art out Of Our Own National History Instead Of Imitating The Work That Properly Expressed The Triumphs Of Greece And Rome" ("Arte real e americana: por que debemos crear a nosa propia arte a partir da nosa propia historia nacional, no canto de imitar as obras que expresaron adecuadamente os triunfos de Grecia e Roma".[18]
Entre outras entidades artísticas internacionais, Borglum foi membro da Royal Society of British Artists, do Reino Unido, e da Societe Nationale des Beaux Arts, de Francia.[2]
Borglum foi membro da Antiga Orde dos Masóns Libres e Aceptados; concretamente ingresou na loxa Howard nº 35 de Nova York, o 10 de xuño de 1904 e converteuse no seu Venerable Mestre entre 1910 e 1911. En 1915 foi nomeado Gran Representante da Gran Loxa de Dinamarca ante a Gran Loxa de Nova York. Recibiu os seus graos do Rito Escocés no Consistorio de Nova York o 25 de outubro de 1907.[19] Foi amigo de Theodore Roosevelt durante moitos anos,[20][21] e durante as eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 1912 Borglum foi un organizador de campaña moi activo, e membro do Partido Progresista.[22][23][24]
Aínda que se afirmou que Borglum era membro do Ku Klux Klan,[26] un artigo publicado na revista Smithsonian Magazine, do Instituto Smithsoniano, pon en cuestión que haxa probas de que se unise formalmente a esa sociedade secreta.[27] Mais o feito é que Borglum "se implicou profundamente na política do Klan", asistindo ás súas reunións e formando parte dos seus comités.[28] Algúns autores sosteñen que a súa proximidade a esta sociedade lle custou en 1925 o seu despedimento do proxecto de Stone Mountain.[29] Máis tarde, declarou: "Non son membro do Kloncilium, nin cabaleiro do KKK", aínda que Howard Shaff e Audrey Karl Shaff afirman que "iso era para consumo público".[30] O museo do monte Rushmore exhibe unha carta dirixida a Borglum por D. C. Stephenson, o Gran Dragón do Klan que máis tarde foi condenado pola violación e o asasinato de Madge Oberholtzer, na que se xuntaba unha fotografía dedicada coa inscrición "Ao meu bo amigo Gutzon Borglum, co maior respecto". A correspondencia de Borglum a Stephenson durante a década de 1920 detallaba unha fonda convicción racista na superioridade moral nórdica e as estritas políticas de inmigración.[31]
En 1889, Borglum casou coa súa profesora de pintura, Elizabeth Jaynes Putnam, que era 18 anos maior ca el.[32][33] A parella divorciouse e Borglum casou en segundas nupcias o 20 de maio de 1909 con Mary Montgomery Williams, coa que tivo tres fillos.[3][34]
Borglum morreu en Chicago o 6 de marzo de 1941, aos 73 anos, dun ataque ao corazón. Está soterrado no cemiterio Forest Lawn Memorial Park de Glendale, California.[35]
A fascinación de Borglum polos tamaños xigantescos e os temas do nacionalismo heroico encaixaban coa súa personalidade extravertida. A súa cabeza de Abraham Lincoln, tallada nun bloque de mármore de seis toneladas, expúxose na Casa Branca en tempos de Theodore Roosevelt e logo trasladouse á cripta do Capitolio dos Estados Unidos en Washington. Como patriota que cría que "os monumentos que construímos non son nosos", procuraba crear arte "estadounidense, extraída de fontes estadounidenses, que conmemorase os logros estadounidenses", segundo un artigo escrito por el en 1914 na revista The World's Work.[18]
En 1908, Borglum gañou un concurso para a creación dunha estatua ecuestre do xeneral da Guerra Civil Philip Sheridan, que se colocaría en Sheridan Circle, en Washington. En 1923 erixiuse unha segunda versión desta estatua en Chicago, Illinois. Gañar este concurso foi un triunfo persoal para el, xa que se impuxo ao escultor J. Q. A. Ward, un artista moito máis veterano e consolidado, co que Borglum se enfrontara anteriormente en relación coa Sociedade Nacional de Escultura. Na inauguración da estatua de Sheridan, o presidente Theodore Roosevelt declarou que era "de primeira categoría", e un crítico escribiu que "como escultor, Gutzon Borglum xa non era un rumor, senón un feito".[37]
O 3 de maio de 1934, o presidente Franklin D. Roosevelt pronunciou un discurso no acto de inauguración dunha estatua de William Jennings Bryan creada por Borglum en Washington.[38] Este monumento tivo que ser levantado por mor da construción dunha autoestrada e finalmente foi trasladada a Salem, Illinois, o lugar de nacemento de Bryan.[39]
En 1925, Gutzon Borglum trasladouse a Texas para traballar no monumento aos condutores de dilixencias polos sendeiros encargado pola Trail Drivers Association. Terminou a maqueta no propio 1925, mais por falta de fondos non puido fundirse ata 1940, cunha cuarta parte do tamaño previsto orixinalmente. Este monumento áchase fronte ao Texas Pioneer and Trail Drivers Memorial Hall, xunto ao Museo Witte de San Antonio.[40] Durante a súa estadía en Texas, Borglum viviu no histórico Hotel Menger, que na década de 1920 foi residencia de varios artistas, e interesouse polo embelecemento local, promovendo o cambio e a modernidade, aínda que foi reprendido polos críticos máis académicos.[41]
Gutzon Borglum creou arredor de 170 estatuas e monumentos ao longo da súa traxectoria creativa. A súa obra abrangue desde pezas inspiradas no Oeste americano ata obras de inspiración clásica, pasando polas que honran e glorifican os ideais e os heroes nacionais dos Estados Unidos.[1]
É moi salientable a participación de Borglum no conxunto escultórico de Stone Mountain. As posturas nativistas de Borglum fixeron que vise con atractiva a idea dun monumento esculpido aos heroes dos Estados Confederados de América, previsto nese lugar do estado de Xeorxia. En 1915, coincidindo co grande éxito da película The Birth of a Nation ("O nacemento dunha nación"), que glorificaba o Ku Klux Klan, a asociación Fillas Unidas da Confederación propúxolle un proxecto para esculpir un busto de 6 metros de altura do xeneral Robert E. Lee na parede rochosa de 240 metros da montaña. Borglum aceptou, aínda que lle dixo ao comité: "Señoras, unha cabeza de Lee de seis metros na aba desa montaña parecería un selo de correos na porta dun celeiro".[43]
As ideas de Borglum acabaron converténdose nun friso en altorrelevo de Lee, Jefferson Davis e Stonewall Jackson cabalgando pola montaña, seguidos por tropas de artillaría. Borglum accedeu a incluír un altar do Ku Klux Klan nos seus plans para o monumento en resposta a unha petición de Helen Plane en 1915, que lle escribiu: "creo que se lle debe ao KKK, por nos ter salvado da dominación dos negros e do dominio dos carpetbaggers, que sexa inmortalizado en Stone Mountain".[30]
Logo dun atraso causado pola primeira guerra Mundial, Borglum e a Asociación Monumental Confederada de Stone Mountain, constituída para o efecto, puxéronse a traballar no monumento, o meirande xamais proxectado no país. Houbo moitas dificultades que enlenteceron o progreso, algunhas debidas precisamente á magnitude do traballo. Despois de terminar o modelo detallado da escultura, Borglum foi incapaz de trazar as figuras sobre a enorme superficie na que estaba a traballar, ata que desenvolveu unha xigantesca lanterna máxica para proxectar a imaxe sobre a aba da montaña.
A talla comezou oficialmente o 23 de xuño de 1923, cando Borglum realizou o primeiro corte. En Stone Mountain estableceu relacións de simpatía co Ku Klux Klan reorganizado, que foi un dos principais patrocinadores do monumento. A cabeza de Lee inaugurouse o día do seu aniversario, o 19 de xaneiro de 1924, ante unha gran multitude, pero pouco despois Borglum entrou en conflito cos dirixentes da organización. O seu carácter dominante, perfeccionista e autoritario provocou tensións ata tal punto que, en marzo de 1925, Borglum esnaquizou os seus modelos de arxila e xeso, e abandonou Xeorxia definitivamente, dando por terminada a súa relación coa organización. Non queda nada da súa obra, xa que foi destruída da aba da montaña polo traballo do substituto de Borglum, Henry Augustus Lukeman. No entanto, no seu frustrado intento, Borglum desenvolvera as técnicas necesarias para esculpir a escala xigantesca, o que fixo posible posteriormente a obra do Monte Rushmore.[45]
O seu proxecto da serie de esculturas de expresidentes do Monte Rushmore (1927-1941) foi idea do historiador do estado de Dacota do Sur Doane Robinson.[47] O seu primeiro intento co rostro de Thomas Jefferson tivo que refacerse cando se determinou que non había suficiente pedra para poder completalo.[48] Utilizouse dinamita para eliminar grandes zonas de rocha de debaixo da fronte de George Washington. Á parella inicial de presidentes, George Washington e Thomas Jefferson, uníronse axiña as cabezas de Abraham Lincoln e Theodore Roosevelt.[49]
O escultor Ivan Houser foi axudante de Gutzon Borglum nos primeiros anos da escultura; empezou a traballar con Borglum pouco despois do inicio do monumento e estivo con el durante sete anos. Cando Houser abandonou a Gutzon para dedicar o seu talento ao seu propio traballo, o fillo de Gutzon, Lincoln, asumiu o cargo de escultor asistente do seu pai.[50]
Borglum alternou a esgotadora supervisión in situ con xiras por todo o mundo, recadando diñeiro e aumentando a súa lenda persoal, o que aproveitou para esculpir un monumento a Thomas Paine para París e un monumento a Woodrow Wilson para Poznan, Polonia (1931).[51] Na súa ausencia, os traballos no Monte Rushmore foron supervisados por Bill Tallman,[52] e máis tarde polo seu fillo, Lincoln Borglum.[53] Durante a execución do proxecto, pai e fillo residían en Beeville, Texas. Logo do falecemento de Gutzon Borglum Chicago, o seu fillo completou outra tempada en Rushmore, aínda que deixou o monumento pendente de conclusión, nun estado moi similar ao que o quedara baixo a dirección do seu pai.[54]
En 1925, a Stone Mountain Confederate Monumental Association solicitou ao Goberno a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativo para axudar ao financiamento dos traballos de Stone Mountain. E cando recibiron o permiso gobernamental encargáronlle o seu deseño a quen naquel momento aínda dirixía os traballos escultóricos, Gutzon Borglum.[55][56][57]
Borglum escolleu como motivo para o anverso unha imaxe dos xenerais Robert E. Lee e Stonevall Jackson a cabalo, e para o reverso unha aguia pousada nun penedo, acompañada pola inscrición "Monumento ao valor do soldado do Sur".[55][56][57]
Aínda que esta foi a única moeda deseñada por el, Borglum tiña xa experiencia no deseño e gravado de medallas. Na Exposición Internacional de Medallas de Nova York, en marzo de 1910, expuxo a medalla concedida a Winthrop Ames polos directores do New Theatre, deseñada por el, así como un modelo en xeso da mesma medalla. Estas foron algunhas outras das súas creacións medallísticas posteriores: medalla de membrio da American Numismatic Society (1910); IX Conferencia Internacional da Cruz Vermella en Washington (1912); insignia da Gran Loxa Masónica de Nova York (1914); medalla de David Livingstone, polo centenario da American Geographical Society; medalla de premio do Día da Independencia en Nova York (1915).[58]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.