Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Froila Arias de Traba foi un conde galego, señor das terras e o castelo de Traba, durante a segunda metade do século XI. Foi fillo de Arias Tedoniz, irmán do bispo Cresconio de Iria e pai de Urraca Froilaz, a primeira esposa de Pedro Froilaz, Conde de Galiza.
O pai do conde Froila foi o nobre Arias Tedoniz, este dato é testemuñado nunha carta de permuta, recollida na Historia Compostelá, mediante a cal o conde Fernán Pérez de Traba, neto de Froila, e Diego Xelmírez poñen fin a unha das recorrentes rifas entre os Traba e o bispado de Compostela. Nela, o conde Fernando refírese as propiedades permutadas indicando: "téñoas por herdanza da miña nai dona Urraca e do meu avó o conde don Froila Arias e do meu bisavó Arias Tedoniz"[5]. Esta liña xenealóxica entronca coa estirpe de Rosendo de Celanova e emparenta con parte da mais sobranceira nobreza do reino galego[3].
Froila Arias casou coa nobre Ardiu Diaz de Aranga ("Ardiu Didat")[2], filla de Diego Gutérrez, conde de Aranga e mordomo de Fernando I[6]. Deste matrimonio naceu Urraca Froilaz, que casou no ano 1088[7] con Pedro Froilaz, que sería no futuro o nobre galego mais importante do seu tempo. Mediante este casamento as propiedades territoriais dos Traba[8] uníronse ao patrimonio da Familia Froilaz conformando o chamado condado de Trastámara[9][10].
Entre as pertenzas de Urraca atopábanse o castelo de Traba, probabelmente localizado na freguesía de Santiago de Traba en Laxe[11] e que algúns investigadores sitúan no alto da Torre da Moa, elevación desde a que se domina a praia de Traba[4]. Outra das propiedades da herdanza foi o mosteiro familiar de San Xoán de Sabardes, fundado no 1072 polo conde Froila e Ardiu Diaz na parroquia do Freixo de Sabardes, na marxe norte da ría de Noia[12]. A mesma titulación nobiliaria de condes de Trastámara, cuxo primeiro portador coñecido foi Pedro Froilaz, tamén é froito desta unión matrimonial[13], toda vez que as terras tralo río Tambre (Trastámara = Tras do Támara/Tambre) eran patrimonio dos Traba e non dos Froilaz, orixinarios da Terra de Trasancos.[14]
O período de señorío de Froila Arias nas terras de Traba transcorre durante o reinado de Sancha I e o seu consorte Fernando I (1037-1065), e no do seu fillo García II (1065 - 1071). Descoñécese a data do seu nacemento, a súa primeira aparición na documentación medieval é do ano 1056, momento no que figura como confirmante nunha cesión de bens do rei Fernando ao mosteiro de Celanova[16].
O conde Froila posuía terras e facendas na terra de Santiago, entre os ríos Ulla e Tambre, dentro do couto da catedral de Santiago. Debido a elas mantivo unha disputa xurisdicional coa igrexa compostelá durante o bispado do seu irmán Cresconio. Após o pasamento de Cresconio no ano 1066, o rei García, seu afillado[17], nomeou como sucesor a Gudesteo, sobriño de Froila e Cresconio. No ano 1069, nun momento no que o rei se atopaba no sur do reino, en campaña militar contra o conde rebelde Nuno Mendes, Froila asasinou desapiadadamente ao bispo Gudesteo a resultas do conflito territorial[18][a]. A historia compostelá, fonte parcial e sempre favorábel á igrexa e os seus prelados, conta que o despezou durante a noite de Coresma[15][19]. Ignórase se este crime motivou algún tipo de castigo por parte do rei[20], mais cando no 1071, García foi deposto polos seus irmáns e tivo que fuxir cara ao exilio na Taifa de Sevilla, Froila semella ter mudado a súa vasalaxe pois en novembro dese mesmo ano aparece como confirmante nun documento de Afonso VI[21]. E no ano seguinte, unha vez morto Sancho de Castela diante das murallas de Zamora, acudiu á convocatoria feita por Afonso á nobreza dos tres reinos para ser formalmente recoñecido como rei[22].
Descoñécese a data exacta da morte de Froila Arias, sendo os seus derradeiros feitos documentados deste mesmo ano de 1072.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.