curso fluvial galego From Wikipedia, the free encyclopedia
O río Tambre é un curso fluvial galego, pertencente á vertente atlántica. A súa parte media e alta (río Tambre) así como a súa desembocadura (esteiro de Tambre) foron declaradas zonas especiais de conservación.[4][5][6]
Nace na lagoa de Sobrado, que recolle as augas dos regos de Fontevirtude e de Rodelo e mailos seus afluentes, preto da aldea da Porcariza[1][2], en Sobrado, leva dirección xeral SO e desemboca na ría de Muros e Noia pola enseada de Langaño. Ten un percorrido de 125 km, e percorre os concellos de Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Mesía, Frades, Arzúa, O Pino, Oroso, Ordes, Trazo, Tordoia, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, A Baña, Brión, Negreira, Outes, Mazaricos, Noia e Lousame. A súa cunca abarca 1.531 km².
Os seus principais afluentes son o Dubra, o Barcala, o Maruzo, o Samo e o Lengüelle.
O nome do río é prerromano, dunha raíz celta indoeuropea *tam- "de cor escura", que aparece noutros hidrónimos galegos: Támega, Támoga, Tamuxe, e tamén noutros países europeos, baste lembrar o británico Támese, en inglés Thames[7].
Aparece xa documentado como Tamaris por Mela e coma Tamara por Ptolomeo.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
O río Tambre nace na lagoa de Sobrado, no concello de Sobrado a 510 m de altitude. A lagoa recolle a auga dos regos de Rodelo e Fontevirtude, que nacen na serra do Bocelo a uns 580 m de altitude.[1][2]
O curso alto abrangue dende o nacemento (Sobrado) ata a Ponte Alvar (Santiago de Compostela e Trazo) a 200 m de altitude, e ten unha pendente media do 1,27%.[1][2]
Tras nacer pasa por debaixo do Camiño Norte de Santiago percorre a zona meridional do concello de Sobrado. Despois serve de límite entre Sobrado e Vilasantar, Vilasantar e Boimorto, Boimorto e Mesía, Boimorto e Frades, Frades e Arzúa, Frades e o Pino, o Pino e Oroso, Oroso e Santiago de Compostela, e Santiago e Trazo.[1]
O curso medio abrangue dende a Ponte Alvar ata desembocadura do río Corzán (Negreira e Brión) a 80 m de altitude, e ten unha pendente media do 0,12%.[1][2] Discorre neste tramo polos Concellos de Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, Brión e Negreira. Nel atópanse pontes que o atravesan en Ponte Alvar, Portomouro, Ponte Vella e Ponte Nova de Pontemaceira e Ponte de Ons (entre Brión e Negreira), os encoros de Fecha e Barrié de la Maza e a Praia Fluvial de Tapia (Ames). Pouco despois do encoro de Fecha, á altura de Vilar do Rei, tamén se atopan os vestixios doutra antiga central eléctrica. Os restos da súa presa, arruinada na actualidade, forman un impresionante rápido coñecido popularmente como "Salto da Cabra".
No tramo final o Tambre discorre fortemente encaixado. Este tramo abrangue dende a xunta co Corzán, ao pé do Encoro de Barrié de la Maza, ata o Esteiro do Tambre preto da Ponte Nafonso, e ten unha pendente media do 1,71%.[1][2] Neste tramo atópase a Devesa de Nimo, de grande importancia ecolóxica e paisaxística, e onde aínda se poden observar antigas pesqueiras para a captura das lampreas, peixe moi abundante noutras épocas nas súas augas.
O río Tambre desemboca na ría de Muros e Noia formando un amplo esteiro, declarado Lugar de importancia comunitaria (LIC) no 2001 e que forma parte da Rede Natura 2000.[1] Considérase a Ponte Nafonso como a fin do río.[1]
O río Tambre conta cunha rica fauna nos seus arredores. Na zona de Portomouro (onde se xuntan o Tambre e o Dubra) pódense atopar numerosos animais de todo tipo en estado salvaxe (garzas, parrulos, curuxas, lontras etc.) Na auga abundan as troitas, os escalos e incluso anguías existindo coutos de pesca (Refuxio de Sigüeiro). Noutros tempos había lampreas e salmóns, existindo aínda as antigas pesqueiras onde eran capturadas entre Pontemaceira e a Central Hidroéléctrica do Tambre, preto da desembocadura. A construción do Encoro de Barrié de la Maza, entre os concellos de Brión e Negreira, levou á desaparición destes peixes e somerxeu boa parte das pesqueiras existentes naquel tramo do río. [Cómpre referencia]
O río ten tres encoros, na actualidade pertencentes a Gas Natural Fenosa: encoro de Mezondo (Vilasantar), encoro de Fecha (Santiago de Compostela), e encoro de Barrié de la Maza (Brión e Negreira) que abastece, augas abaixo, ás centrais Tambre I e II (Noia). A primeira delas foi construída na década de 1920, promovida pola Sociedad Gallega de Electricidad, cun edificio deseñado por Antonio Palacios. [Cómpre referencia]
O río Tambre dá nome ó condado de Trastámara (Trans Tameris) e ó grupo musical de Noia Los Tamara. [Cómpre referencia]
Afluentes do Río Tambre por orde, dende o nacemento ata a desembocadura:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.