Remove ads
É un animal mamífero pertencente á orde Carnivora e á familia dos mustélidos. From Wikipedia, the free encyclopedia
A lontra[1] ou londra[2] (Lutra lutra) é un animal mamífero pertencente á orde Carnivora e á familia dos mustélidos. Ten unha distribución principalmente eurasiática, incluíndo Galicia. É o membro da subfamilia das lontras (Lutrinae) de máis ampla distribución, e encóntrase en vías fluviais e costas de Europa, moitas partes de Asia e partes do norte de África. Come principalmente peixes e é fortemente territorial. Está en perigo en parte da súa área de distribución, pero está recuperándose noutras. Non se debe confundir coas lontras americanas do xénero Lontra, actualmente clasificadas separadas do xénero do Vello Mundo Lutra, ao que pertence esta especie.[3]
Lontra | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
Case ameazada | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
'Lutra lutra' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||||||
Distribución Lutra lutra | |||||||||||||||||||||||||
Distribución da especie |
Esta londra eurasiática é unha especie típica da súa subfamilia. É un animal longo e delgado de hábitos acuáticos, de cor marrón por arriba e crema por debaixo. Os seus ósos mostran osteosclerose, incrementando a súa densidade para reducir a flotabilidade.[4] Esta lontra difire da Lontra canadensis norteamericana polo seu pescozo máis curto, cara máis larga, maior espazo entre as orellas e cola máis longa.[5] Porén, a especie eurasiática é a única lontra que hai en gran parte da súa área, polo que raramente se pode confundir con outro animal. Normalmente, esta especie ten unha lonxitude de 57 a 95 cm, sen contar a cola, que mide outros 35 a 45 cm. A femia é menos longa que o macho.[6] O peso seu medio é de 7 a 12 kg, aínda que ocasionalmente un macho vello grande pode acadar os 17 kg.[7][8] O maior espécime rexistrado en fontes fiables pero non verificadas, pesaba uns 24 kg.[9] Ese animal posúe unha pelaxe con dúas capas, unha externa impermeable e outra interna usada para o illamento térmico. Deste xeito pode mergullarse frecuentemente e durante longo tempo para buscar alimento. O corpo é hidrodinámico, preparado para nadar a alta velocidade. De vista reducida, pecha os oídos e o nariz cando se mergulla, polo que confía moito no tacto dos seus bigotes para pescar, que lle permiten detectar pequenas vibracións da auga en condicións difíciles. Xeralmente a lontra ten hábitos nocturnos, durmindo de día na marxe do río e espertando de noite para buscar alimento. Os grupos sociais están formados polas femias e as súas crías. Os machos non viven en grupos e só se xuntan coas femias na época de procreación.
É a especie de lontra máis amplamente distribuída, a súa área esténdese a partes de Asia, toda Europa e parte do norte de África. Aínda que se cre que agora está extinta en Liechtenstein e Suíza, é moi común en Letonia, ao longo da costa de Noruega, e tamén se está facendo máis abondosa en Galicia, Portugal e Gran Bretaña, especialmente nas Shetland.[10] As lontras irlandesas están moi espalladas xeograficamente e considéranse a poboación máis estable de Europa.[11] En Italia, pode encontrarse en partes do sur da península. A poboación de Corea do Sur está en perigo. Na India a especie está distribuída nas faldras do Himalaia, o sur dos Ghats occidentais e na zona central do país.[12]
Nos últimos anos as súas poboacións están progresando en cifras xerais[13] en Europa, e en particular en Galicia.[14]
En xeral, as súas dietas son variables e adaptables e necesitan vivir en corpos de auga doce non contaminados, incluíndo lagos, regatos, ríos e lagoas, sempre que a fonte de alimento sexa axeitada. En Andalucía pode vivir mesmo en campos de golf.[15] Poden vivir tamén na costa, en auga salgada, pero cómprelles un acceso regular á auga doce para limpar a súa pel. Aínda que ás veces viven frecuentando o mar, non deben confundirse coas verdadeiras londras mariñas de América, moito máis adaptadas a ese tipo de vida.
A lontra de río xaponesa (Lutra lutra whiteleyi), xa extinguida, considérase xeralmente que era unha subespecie de L. lutra.
Comen principalmente peixe.[16] O peixe é a súa comida preferida na zona mediterránea e hábitats de auga doce temperados.[17] Porén, durante o inverno e en ambientes máis fríos, o consumo de peixes é significativamente menor, e utilizan outras fontes de comida, como anfibios,[18][19] crustáceos, insectos, aves e ás veces pequenos mamíferos, incluído crías de castor.[20]
Son animais moi territoriais, que viven en soidade a maior parte do tempo. O territorio dun individuo pode variar entre 1 e 40 km de longo, e o máis habitual é uns 18 km. A lonxitude do territorio depende da densidade de comida dispoñible e a anchura da auga axeitada para cazar (é máis curta nas costas, onde a anchura axeitada é moito maior, e máis longa en ríos estreitos). Usan as súas feces para marcar o seu terriotorio e priorizan o uso dos recursos ante outros membros do grupo.[21] Os territorios só se defenden contra outros individuos do mesmo sexo, polo que os territorios de machos e femias poden solaparse.[22] O apareamento ten lugar na auga. Non se reproducen estacionalmente (machos e femias reprodúcense en calquera momento do ano) e a súa tempada de apareamento é probablemente determinada simplemente pola madurez reprodutiva e estado fisiolóxico da lontra. As femias son sexualmente maduras entre os 18 e 24 meses de idade e a idade media do primeiro apareamento é de 2 anos e medio. A xestación dura de 60 a 64 días, e as crías pesan ao nacer un 10% da masa corporal da femia. Despois do período de xestación nacen dunha a catro crías, que serán dependentes da nai durante uns 13 meses.[23] O macho non intervén directamente nos coidados parentais, pero o territorio dunha femia coas súas crías está xeralmente completamente dentro do territorio do macho.[22] A caza do alimento ten lugar principalmente de noite, mentres que o día o animal o pasa na súa toqueira, que xeralmente é un burato escavado ou un tronco oco na ribeira do río, ao que ás veces se pode entrar só mergullándose por debaixo da auga. Aínda que durante moito tempo se pensaba que cazaba só valéndose da vista (que non é moi boa) e o tacto (teñen sensibles vibrisas), hai probas de que pode tamén cheirar baixo a auga, posiblemente de xeito similar ao do tálpido Condylura cristata.[24][25]
As poboacións desta lontra declinaron en case toda a súa área de distribución na segunda metade do século XX[26] principalmente debido á contaminación por pesticidas como os organoclorados e bifenilos policlorados. Outras ameazas son a perda de hábitat e a caza, tanto legal coma ilegal.[27] Agora as poboacións estanse a recuperar en moitas partes de Europa. Por exemplo, no Reino Unido, o número de lugares con presenza de lontras aumentou e as lontras regresaron a todos os condados de Inglaterra cando antes desapareceran de todos menos o West Country e partes do Norte de Inglaterra.[28] A súa recuperación débese en parte á prohibición dos pesticidas máis nocivos que se aplica en Europa desde 1979,[29] en parte pola mellora na calidade das augas co conseguinte aumento das poboacións de peixes, e en parte pola protección legal directa da Directriz de Hábitats da Unión Europea[30] e a lexislación nacional de varios países europeos.[31][32] En canto a Galicia, nos últimos anos as súas poboacións están progresando en cifras xerais, estendendo a súa área de distribución á costa (o 70% da costa galega ten poboacións de lontra)[14]. Entre 1981 e 2004, a lontra aumentou ata un 20% no territorio galego, particularmente nas provincias setentrionais[14]. De feito a existencia de lontras en Galicia vese reflectida na toponimia, así temos os exemplos da Cova da Lontra en Tirán, Moaña ou As Lontreiras, zona litoral rochosa que se atopa no faro da Illa de Sálvora.[33]
En Asia, está na lista de animais en perigo en Paquistán, India, Bangladesh, Myanmar e Tailandia, e está en perigo crítico en Mongolia.[34] En Hong Kong é unha especie protexida pola Ordenanza de Protección de Animais Silvestres Cap 170. Clasifícase como case ameazada na Lista Vermella da IUCN.[34]
A maioría das especies que son vítimas dun declive da súa poboación ou unha perda de hábitat adoitan acabar perdendo as súas dierenzas xenéticas debido á endogamia en pequenas poboacións. Un estudo realizado en 2001, examinou se as poboacións desta lontra sufrían ou non unha falta de variabilidade xenética. No estudo, examináronse os dentes e cranios conservados no Museo Zoolóxico de Copenhague e no Museo de Histoeia Natural de Aarhus. As mostras foran recollidas entre 1883 e 1963 en Dinamarca (Funen, Zelandia e Xutlandia). Estudáronse os tecidos dos dentes e dos cranios determinándose a súa variabilidade xenética facendo análises de ADN. En conclusión, descubriuse que malia o declive das poboacións actual, a especie non presentaba unha diminución da súa variabilidade xenética.[35]
O declive das poboacións de peixes e auga doce nativos, que son os preferidos destas lontras, nos ríos da Península Ibérica, xunto coa expansión de especies exóticas de peixes como os centrárquidos poderían potencialmente poñer esta lontra en risco de extinción.[36]
O naturalista escocés Gavin Maxwell escribiu un libro clásico sobre lontras, Ring of Bright Water, onde narra a convivencia de anos coa súa lontra Edal, ata que esta faleceu no incendio da casa de Maxwell.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.